|
Bota a andar o Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño, o primeiro xestionado por un Grupo de Desenvolvemento Rural
Os 13 concellos do GDR14 xunto con Soutomaior asinaron este mércores o convenio de colaboración para a xestión compartida do turismo no territorio
O Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño dá os seus primeiros pasos. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, os 13 concellos do territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui) e o concello de Soutomaior asinaron este mércores 17 de outubro un convenio de colaboración para a posta en marcha, xestión e e dinamización desde xeodestino turístico, o primeiro de toda Galicia en ser xestionado por un Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Con esta iniciativa búscase aglutinar esforzos e xerar un maior fluxo turístico nos 14 municipios que abrangue o xeodestino e dar resposta a unha actividade económica complexa de carácter transversal cun mercado tremendamente esixente, dinámico e influenciable.
A través deste convenio fixaranse as principais liñas de colaboración, coordinación, xestión, financiamento, organización e funcionamento deste novo xeodestino, que conlevará a realización de actuacións en todos os concellos que o integran. Esta parte complementarase co convenio de colaboración que asinarán GDR14 e Turismo de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, para a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo neste territorio, así como para a sensibilización tanto aos visitantes como á propia veciñanza sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura de todos estes concellos.
Respaldo da Xunta de Galicia
Ao acto de sinatura do convenio asistiu a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural (entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio GDR14) e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o nomeado representante institucional do xeodestino e alcalde de Baiona, Ángel Rodal. "Dende o GDR14 buscamos novos puntos para o desenvolvemento sostible do territorio e detectamos que o turismo era un polo fundamental. Poñemos en marcha este xeodestino coa firme intención de ser prácticos e levar adiante proxectos que repercutan nestes 14 concelllos, elaborando un plan estratéxico que abarque todo o territorio e creando o primeiro produto turístico conxunto, xa que calquera iniciativa turística de calado non pode facerse concello a concello", comentou González, quen quixo destacar a "predisposición e a axilidade de Turismo de Galicia para sacar este xeodestino adiante". Para González con esta iniciativa "non sumamos, senón que multiplicamos as nosas forzas e non desperdiciamos recursos".
Pola súa banda, Ángel Rodal recordou que con este novo xeodestino "buscamos desestacionalizar o turismo en 14 municipios cun potencial tremendo. Loitaremos unindo as nosas forzas paa crear unha marca turística que xere fidelidade, achegando o encando particular de cada municipio pero dende un enfoque xenérico".
Estiveron acompañados por representantes de todos os municipios que integran o novo xeodestino: Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan Antonio González, rexidor de Nigrán; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Teresa Paris, concelleira delegada de Cultura e Turismo de Redondela; María del Carmen Alonso, alcaldesa de O Rosal; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; e Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui.
A Xunta de Galicia tamén quixo amosar o seu respaldo a esta iniciativa coa presenza de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; e de Ignacio López-Chaves, Delegado da Xunta en Vigo. "Cremos que xuntos imos máis lonxe e agora, con esta sinatura, sentamos as bases dun proxecto de futuro", salientou o conselleiro, para quen falar de xeodestino significa falar de "unión, cooperación, coordinación, confianza e planificación". "Poñemos o interese xeral por riba dos intereses persoais para o beneficio colectivo do territorio, potenciando recursos que cada un ten individualmente e que sumados nun paquete turístico terán unha maior capacidade de promoción. Os xeodestinos permiten superar os localismos para xestionar de forma conxunta unha actividade económica tan importante como o turismo", destacou.
O obxectivo deste convenio é impulsar un proxecto que se presenta como unha excelente oportunidade para darlle pulo ao turismo no territorio optimizando recursos estruturados e organizados, ofrecendo produtos turísticos diferenciados, competitivos e recoñecibles polo mercado; creando unha infraestrutura turística coordinada con capacidade para atender debidamente ao visitante; traballando baixo unha imaxe de marca recoñecible que permita diferenciar este xeodestino fronte ao resto de opcións coas que compite; xerando un proxecto común coa implicación de todos os concellos participantes guiado por un plan estratéxico que marque o camiño a seguir; e artellando unha estrutura organizativa e de xestión que permita desenvolver as estratexias e coordinar as accións definidas dun xeito profesional, áxil e permanente.
Que son os xeodestinos?
Os xeodestinos son recoñecidos pola Xunta de Galicia como os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais e que conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Trátase de establecer mecanismos de cooperación, estruturar a actividade mediante o aproveitamento racional dos recursos e impulsar o turismo dun modo eficiente con produtos e servizos competitivos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.
Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural
Horário do Ferry (de 19 a 21 de Outubro)
O BNG insta ao Alcalde á incorporar a Guardaao Plan Revitaliza de Compostaxe
"O BNG, un ano máis, insta ao grupo de goberno á incorporacióna este plan da Deputación que aposta pola compostaxe e que significaría un aforro da factura de SOGAMA"
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO insta, por medio dun escrito, ao Alcalde da Guarda e ao grupo de goberno do PSOE á incorporar á Guarda ao Plan Revitaliza que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra, con grande éxito internacional, en diferentes concellos da provincia.
Para o BNG é incomprensíbel que, votando favorabelmente a tenente-alcaldesa Montse Magallanes na Deputación, sega a negarlle a oportunidade aos guardeses e guardesas de formar parte do Plan Revitaliza que significa un cambio no modelo de xestión do lixo tendo como base a compostaxe.
"Como grupo municipal, o BNG, non entendemos a teima e a miopía política no PSOE non adheríndose ao Plan Revitaliza. Este plan pretende ser unha ferramenta que axude a aforrar na custosísima factura que temos que pagar cada ano a SOGAMA, e que, como se viu nos últimos orzamentos, non diminúe. Nós estamos por outro modelo de xestión lo lixo", comentou Anxo Baz portavoz municipal do BNG.
O Plan Revitaliza nas diferentes liñas de apoio, sufragaría as asistencias técnicas para a redacción dun Plan municipal de recollida e tratamento dos residuos domiciliarios, a adquisición de vehículos, minitrituradoras, ...
O BNG pula por un modelo de xestión do lixo diferente ao que se está a desenvolver na Guarda, cunha decidida aposta pola compostaxe, por un tratamento máis respectuoso do medio ambiente, lembrando que ademais do aforro da factura que temos que pagar a SOGAMA, significaría a creación de postos de traballo.
BNG de A Guarda
"Tecnoimaxín" traerá á Guarda interesantes charlas e conferencias sobre emprego e formación
A Guarda acolle do 25 ao 27 de outubro as xornadas de formación, empregabilidade e tecnoloxía "Tecnoimaxín", que este ano contará con charlas e conferencias de especialistas do sector, que falarán sobre todas as novidades e as súas experiencias no mundo empresarial, amosando a todos os asistentes informacións relevantes para a posta en marcha de proxectos empresariais.
O programa da Feira do Emprego e Formación "Tecnoimaxín" terá inicio na xornada do xoves 25 ás 10:00h, cun acto inaugural no que se contará coa asistencia do Delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes e demais convidados.
Na tarde do xoves día 25 contarase cunha interesante charla sobre os proxectos que actualmente se realizan dende o Consorcio da Zona Franca de Vigo, contando con Débora Ramonde, Directora de Zona Franca e Explotación Inmobiliaria de Vigo, que a partires das 18:30h falará sobre os programas de apoio ao emprendemento "ViaGalicia" e tamén dos programas de apoio á internacionalización das Pymes "ViaExterior". Proxectos que contan cunha gran acollida e que teñen xa axudado a moitos emprendedores na creación de empresas e no seu salto ao mercado internacional.
A continuación, dende ás 19:00h, Jaume Gurt, Director de Organización e Desenvolvemento de persoas Schibsted Spain, pechará esta primeira xornada cunha ponencia sobre "A felicidade nas novas organizacións". Jaume Gurt falará sobre como sobrevivir nos retos da era dixital, transformando a súa cultura, o seu estilo de liderazgo, a súa forma de organizarse, os seus procesos e ás propias persoas. Empoderandoas para poder ser as súas mellores versións individuais, dentro de equipos unidos e compenetrados que logran resultados excelentes.
Na tarde do venres día 26 ás 16:00h a Escola Superor Gallaecia será a encargada da realización dunha charla sobre "Tecnologia vs Arte - Vídeo360º", a cargo de Emília Simão e Samuel Barbosa - Professores de Multimédia e Artes da Escola Superior Gallaecia e Ensino Universitário. A Escola Superior Gallaecia é recoñecida pola esixencia, calidade e rigor na formación dos seus diplomados e pola investigación, neste caso misturando a tecnoloxía e a arte, cun proxecto que engloba a gravación de imaxes en 360º, unha técnica de vídeo novidosa para amosar a arte dun xeito diferenciador.
Para rematar esta segunda xornada da Feira do Emprego e Formación "Tecnoimaxín", ás 17:30h, Brais X. Currás Doutor en Arqueoloxía e Mar Cortegoso Licenciada en Historia, falarán sobre "Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico". Veñen de rematar recentemente a primeira parte do Proxecto "A Guarda, Mar de Sal", onde grazas aos seus traballos descubríuse que as Salinas do Seixal forman parte do maior complexo de explotación do sal mariño ata agora documentado de todo o Imperio Romano. O proxecto "A Guarda, Mar de Sal" fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.
O sábado pola mañá o grupo Randstad, empresa líder en traballo temporal e recursos humanos, realizará unha recollida de CV´s para as súas bases de datos para posibles vacantes nos diferentes postos que ofertan na actualidade.
A Feira do Emprego e Formación "Tecnoimaxín" chega un ano máis á Guarda para desenvolver unha ampla programación de actividades ao longo de 3 días, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño.
O proxecto conta cunha páxina web (www.imaxinaguarda.com) na que se irá ampliando informacións de interese sobre este Feira do Emprego e Formación, que aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.
PROGRAMA TECNOIMAXÍN - CONCELLO DA GUARDA
XOVES 25 OUTUBRO
MAÑÁ
Acto inaugural - 10:00 horas
David Regades Delegado da Zona Franca de Vigo
OBRADOIRO 10:15 - 13:00 horas
Competencias emocionais para afrontar un futuro laboral dixitalizado
Gema Sánchez- Cabezudo
Coach, formadora e Psicopedagoga
TARDE
18:30 - Proxectos da Zona Franca de Vigo
Débora Ramonde - Directora de Zona Franca e Explotación Inmobiliaria de Vigo
19:00 a 20:30 A felicidade nas novas organizacións
Jaume Gurt , Director de Organización e Desenvolvemento de persoas Schibsted Spain (formada polas marcas InfoJobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios
Autor Blog Un Ceo sin corbata
VENRES 26 OUTUBRO
FEIRA MAKER ( feira de tecnoloxía, robótica, ...)
Conferencia/exhibición 10:00/12:00 Robótica de competición e formación por OPRobots
Manuel Rodríguez (técnico de hardware de OPRobots) e Alejandro Santos (técnico de Software de OPRobots) Contarán con robots durante todo o día no seu stand
12:30 / 13:30
Óscar Rodríguez Coordinador xeral de Ledisson Ait, programación robótica,
A DISRUPCIÓN LABORAL: UNHA VERDADE INCÓMODA
Novos perfiles, actitudes, aptitudes nos novos entornos laborais
TARDE
16:00-17:30 ESCOLA SUPERIOR GALLAECIA
Emília Simão & Samuel Barbosa - Professores de Multimédia e Artes da Escola Superior Gallaecia | Ensino Universitário
Tecnologia vs Arte - Vídeo360º
17:30-18:00 Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico
Brais X. Currás Doutor en Arqueoloxía e Mar Cortegoso Licenciada en Historia
SÁBADO 27 DE OUTUBRO
DURANTE TODA A MAÑÁ 10:00 / 14 horas
Feira de empresas
11:00/12:00 Nova perspectiva nos Recursos humanos, unha mirada sensible na era tecnolóxica
María Caeiro, Conselleira Delegada Grupo Caeiro
Vicepresidenta de M.Caeiro S.A.
Presentacións das empresas: empresas da comarca cun rasgo innovador
Conduce Susana Rodríguez
Coach e psicóloga social
Municipio de A Guarda
A Guarda acolleu unha homenaxe aos asasinados no Campo de Concentración de Camposancos durante a guerra civil
O xoves 18 de outubro, seguindo a tradición de todos os anos, o sindicato das Comisións Obreiras, xunto co Concello da Guarda, realizou unha homenaxe aos asasinados no campo de concentración de Camposancos durante a guerra civil.
O acto de homenaxe, no que participaron preto dun centenar de persoas, tivo lugar na fosa común do cemiterio de Sestás, onde despois de ler unhas verbas por parte do Alcalde da Guarda e de representantes do sindicato das Comisións Obreiras se fixo unha ofrenda floral contando coa participación de grupos políticos con representación municipal así como as asociacións culturais e sociais do Concello de A Guarda.
Posteriormente, ás 19:00h, realizouse unha charla-coloquio no Centro Cultural onde D. José Antonio Uris Guisantes e Carlos Ucha disertaron sobre a historia do campo de concentración de Camposancos e, por extensión, da represión da ditadura franquista, engadindo aspectos desta época e tamén establecendo paralelismos e reflexións sobre o contexto da situación actual.
Municipio de A Guarda
A Guarda forma parte do novo Xeodestino turístico Ría de Vigo-Baixo Miño
O pasado mércores día 17 de outubro de 2018 o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, participou na Casa do Concello de Baiona na sinatura do convenio de creación do novo xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, que engloba a 14 concellos "Baiona, Fornelo de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Soutomaior, O Rosal, Tomiño e Tui" e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR14). Ao acto de sinatura tamén asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Ignacio López-Chaves.
Debido ao crecente potencial turístico desta zona e segundo os datos recollidos ata agosto, a Ría de Vigo e Baixo Miño recibiu máis de 450.000 turistas, o que supón un 3% máis con respecto a 2017. A ocupación hoteleira destes visitantes tamén experimentou unha mellora en máis dun punto e, no que se refire á súa procedencia, os turistas internacionais subiron un 14,3% ata superar os 135.000.
O obxectivo final deste xeodestino é lograr que os beneficios sociais, económicos e culturais do turismo cheguen a máis galegos, especialmente en zonas rurais, acadando os obxectivos de competitividade, conservación, diversificación e desestacionalización de viaxeiros incluídos na Estratexia, contando para elo, entre outras accións, con subvencións ás entidades locais para actuacións de mellora nas infraestruturas, mellorar a accesibilidade e a sinalización dos recursos. O proxecto tamén contempla a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo neste territorio, así como para a sensibilización tanto aos visitantes como á propia veciñanza sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura de todos estes concellos.
Os xeodestinos son recoñecidos pola Xunta de Galicia como os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais e que conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Trátase de establecer mecanismos de cooperación, estruturar a actividade mediante o aproveitamento racional dos recursos e impulsar o turismo dun modo eficiente con produtos e servizos competitivos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.
Municipio de A Guarda
A mecánica, blogueira e youtuber "Chola a it girl" chega á Guarda o 26 de outubro
O Centro Cultural da Guarda acolle o vindeiro venres día 26 de outubro ás 21:00h da noite a representación do espectáculo teatral "Chola it a girl" da compañía de teatro ArtesaCía co elenco de Laura Villaverde.
Chola, mecánica de coches, blogueira e youtuber galega é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ó máis puro estilo de show escénico youtuber. A través da presenza no escenario do súa moto transmitirá, con exemplos prácticos e didácticos, estratexias para poder descubrir quen somos, qué nos gusta, que nos divirte... e sobre todo, saber recoñecer de onde vimos. Para todo isto, axudarase de videos exclusivos, proxectados con técnica de videomapping, desafíos en vivo, consellos automobilísticos e dunha gran dose de música. Cando parece que o show envolve a escena, pero unha chamada telefónica durante o espectáculo desencadeará un gran conflito.
A través dun diálogo, Chola deixa entrever ó público un outro traballo non tan glamuroso. E é a partir de aquí onde Chola revela a súa connotación de It girl con inxenio, humor e personalidade reflexando a súa realidade imperfecta, que está fora dos canons da imaxe actual da felicidade e do que debería ter éxito virtual. Manifestando a importancia da sabedoría popular e do uso das novas tecnoloxías a través das diversas situacións nas que se pode ver unha muller adiantada respecto o tempo e a sociedade rural na que vive, polo seu inconformismo, talento, forza, e personalidade, pero tamén, pola súa busca incansable de posibilidades para cultivarse e aprender, e pola súa teima e constancia por fuxir dos canons actuais do que debería ser unha muller tendencia.
Dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nesta representación teatral, recordando que é preciso retirar as entradas con antelación a partir do sábado 20 de outubro no Centro Cultural da Guarda.
Municipio de A Guarda
As Salinas da Guarda forman parte do maior complexo de explotación do sal documentado do Imperio Romano
O grupo de traballo do proxecto "A Guarda, Mar de Sal", encabezado por Brais Currás, (investigador da Universidade de Coimbra e do grupo de investigación EST-AP do CSIC) e Mar Cortegoso, directora das escavacións, ven de avanzar nas investigacións sobre as Salinas do Seixal e Camposancos, dando pé a unha importante novidade; estas salinas forman parte do maior complexo de explotación do sal mariño ata agora documentado de todo o Imperio Romano, e que estaría formado por máis zonas salineiras da fachada atlántica do noroeste peninsular, emprazadas en Vigo, Cangas, Oia, Viana do Castelo e Matosinhos.
Estes avances, a piques de pechar xa a primeira parte deste proxecto, poñen de manifesto a importancia e relevancia desta zona para a produción de sal en época romana. Os investigadores que coordinan o proxecto consideran que este sal estaría destinado á produción de salgadura de peixe, unha industria que xa no tempo de Roma parece ter unha gran importancia nas costas do noroeste da Península Ibérica.
As evidencias identificadas de produción do sal dentro do proxecto "Mar de Sal" teñen unha enorme transcendencia dado que a penas existen probas arqueolóxicas claras de salinas mariñas en todo o Imperio Romano. As estruturas documentadas na Guarda forman parte dun complexo maior que se estende polas costas da antiga Gallaecia e que supón unha mostra excepcional da produción de sal no mundo antigo, cun enorme valor científico e potencial patrimonial.
Durante o transcurso destas escavacións, e tal e como avanzou Mar Cortegoso, apareceron estruturas iguais ás documentadas nas Salinas de Vigo, moi características da época Romana, e que non deixan dúbidas sobre a súa cronoloxía. Os materiais documentados na salina son semellantes aos que aparecen no castro do monte Trega da Guarda, o que confirma a relación entre estes dous espazos e a súa ocupación parcialmente sincrónica no tempo.
Aínda quedan moitas dúbidas por despexar. Gracias ás investigacións levadas a cabo sábese que as salinas son romanas pero hai que afinar a súa cronoloxía con datacións mediante carbono 14 e coa datación dos pavimentos por termoluminiscencia; probas técnicas que confirmarán, máis polo miúdo, o que xa se pon de manifesto tralas escavacións: a importancia destas Salinas para o Imperio Romano e que estas forman parte dun complexo moito maior.
Ademais, este proxecto tamén permitiu coñecer as variacións existentes no nivel do mar entre a época romana e a actual. As salinas está parcialmente desmontadas polo mar, o que mostra que no tempo dos romanos o nivel da liña de costa era máis baixo.
Durante o período final das escavacións contouse coa participación de alumnos das Universidades de Coímbra, Vigo e Santiago de Compostela. Un traballo conxunto entre profesionais da arqueoloxía e alumnos en prácticas de formación fundamental para que os futuros arqueólogos se formen no traballo de campo.
"A Guarda, Mar de Sal" é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.
O proxecto "Mar de Sal" fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.
O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.
Municipio de A Guarda
O alumnado dos centros educativos da Guarda participa en obradoiros contra a Violencia de Xénero
A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda, promoven dende o mes de outubro e ata o próximo mes de decembro o "Proxecto Empatía", cunha serie de obradoiros destinados ao público infantil e xuvenil dentro da campaña do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.
Este proxecto inclúe obradoiros de habilidades e relacións sociais destinados á aprendizaxe de relacións respectuosas entre o alumnado. Así, por exemplo, as cativas e cativos poderán aprender a amosar os seus sentimentos, a resolver conflitos de forma pacífica e a valorar a igualdade entre mulleres e homes como eixo central do desenvolvemento humano.
Con esta actuación, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, búscase informar, sensibilizar e concienciar sobre a magnitude do problema que supón a violencia de xénero, especialmente entre a mocidade, identificando a forma específica que adopta esta violencia nas súas relacións interpersoais e promovendo posturas de rexeitamento e denuncia activa ante ela, incidindo especialmente no uso axeitado que debe facerse das novas tecnoloxías.
Municipio de A Guarda
Cinema infantil coa proxección de "La Bella y La Bestia" este sábado 20 de outubro
O vindeiro sábado día 20 de outubro o Centro Cultural da Guarda acolle unha nova sesión de Cinema Infantil coa proxección da película "La Bella y La Bestia".
A proxección terá lugar ás 17:30h no Salón de actos do Centro Cultural, non é preciso retirar tickets con antelación e a entrada é de balde.
O Ciclo de "Cinema de Outono" continuará o vindeiro venres día 2 de novembro coa proxección de "Animales fantásticos", ás 21:00h no Centro Cultural.
Dende a Concellería de Cultura convídase a todos os que desexen asistir, a que participen nestas proxeccións de cinema.
Municipio de A Guarda
Rematan os traballos de escavación das Salinas romanas da Guarda
O Concello da Guarda informa que hoxe remataron os traballos previstos no proxecto "A Guarda, Mar de Sal" de escavación das Salinas do Seixal e, seguindo indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio, procedeuse á cubrición do xacemento con fibra xeotéxtil para evitar o seu deterioro. Próximamente, unha vez que arqueológos e restauradores valoren e decidan o xeito máis axeitado de intervención, procederase á súa restauración e consolidación definitiva.
O proxecto Mar de Sal ten un carácter bianual polo que no 2019 se levarán adiante outras iniciativas como a musealización do xacemento e se publicarán os resultados das investigacións iniciadas.
Dende o Concello da Guarda queremos agradecer a dedicación e entusiasmo mostrado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas de diversas universidades de Coimbra, Vigo e Santiago que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poda coñecer un pouco mellor o seu pasado romano.
"A Guarda, Mar de Sal" é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.
O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.
O proxecto "Mar de Sal" fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.
O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.
Municipio de A Guarda
Destacados cociñeiros galegos ensinan na Guarda a elaborar pratos económicos, sans e solidarios
As escolas de Buxán acollen unha serie de sesións formativas sobre gastronomía dirixidas ás familias beneficiarias dos Servizos Sociais e do programa de Educación Familiar do Concello da Guarda e do colectivo Conrazones, nas que participan diversos e recoñecidos cociñeiros de toda a xeografía galega, amosando o seu bo facer nos fogóns e empregando moitos trucos e recomendacións de interese.
Tratase de varias clases nas que os cociñeiros axudan a estas familias a sacarlle o máximo partido aos alimentos, tendo en conta o aporte enerxético e calórico para confeccionar pratos saudables e ademais empregando alimentos das hortas solidarias de Conrazones, cultivados moitas veces por eles mesmos na Guarda.
Estas accións están encamiñadas a que estas familias acaden unha dieta saudable e que a mesma sexa o máis económica e co menor número de recursos.
Municipio de A Guarda
A mostra -GalizAmérica- chega á Guarda o 25 de outubro
Compila materiais que dan conta do florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme 'A cicatriz branca' de Margarita Ledo e con conferencias sobre o exilio.
É unha mostra itinerante que visitará os concellos de O Grove, Gondomar, A Guarda, Redondela e Poio.
A inauguración terá lugar o xoves día 25 de outubro ás 20:00h na Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda e manterase ata o 10 de novembro.
A mostra, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión. "Sempre se dixo que Galiza foi submisa co franquismo e iso non é certo, o exilio é unha consecuencia da represión e por tanto unha forma de loita" indicou a comisaria. A este apartado corresponden paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. O segundo apartado corresponde ao que Carmen Carreiro denominou "a xenerosidade de América" e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Sobre esta parte da exposición, a comisaria fixo unha reflexión relacionada cos tempos actuais indicando que "nun momento como o actual no que a sombra da xenofobia percorre Europa temos que ter presente a que nos podemos ver abocadas as persoas en situacións extremas, e é importante ter o corazón e a cabeza solidarios". A terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia "nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensables aquí". Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.
Como actividades complementarias, na Guarda terán lugar microconferencias a cargo de Mónica Rebolo e Phillip Duncan, que falarán sobre "Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Plata" e "Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elias no Exilio (1936-1958)".
Tamén se proxectará o 9 de novembro ás 20:30h o filme 'A cicatriz branca' de Margarita Ledo. A propia Margarita Ledo explicaba que "é un filme de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega". O filme foi escollido precisamente para abordar a dimensión feminina e darlle voz ás mulleres da emigración. "Hai moito sobre a emigración contado en masculino pero moi poucas veces se lles dá voz ás mulleres, que en moitos casos emigraron soas, e que sufriron acoso sexual ou tiñan que emigrar vítimas de estigmas sociais como ser filla dun cura" asegurou Margarita Ledo. A cineasta tamén será a encargada da conferencia que complementará a mostra ao seu paso por Poio e que leva por título 'Recuperar a fala, recuperar a alma" e na que utilizará como fío condutor o seu documentario 'Apuntamentos para un filme'. Este documentario nacera como un traballo previo e de documentación para a posterior realización de 'A cicatriz branca' e recolle as conversas coas mulleres da diáspora que compartiron a súa experiencia coa cineasta e que a quixeron relatar para deixar constancia.
A Guarda. Sala de exposicións do Centro Cultural. Do 25 de outubro ao 10 de novembro
Xoves 25 de outubro. Inauguración de microconferencias:
- Mónica Rebolo : "Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Plata"
- Phillip Duncan: "Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elias no Exilio (1936-1958")
Venres 9 de novembro: proxección do filme 'A cicatriz branca' ás 20:30h no Centro Cultural
Municipio de A Guarda
Penúltima entrega de 20 carros de compra na Campaña de Mobilidade "A Guarda, todo moi preto"
O mércores día 17 de outubro a Praza do Reló da Guarda foi o escenario elixido para a entrega dos 20 carros de compra correspondentes ao penúltimo sorteo realizado entre os clientes do Mercado da Praza de Abastos da Guarda enmarcado na Campaña de Mobilidade "A Guarda, todo moi preto".
Os 20 premiados neste sorteo recolleron o seu carro na Praza do Reló da man do Alcalde, Antonio Lomba e da Concelleira de Comercio Montserrat Magallanes, xunto cun plano "Metrominuto", no que se especifican os tempos e distancias entre os principais puntos do casco urbano coma a Praza do Reló, a Alameda, os aparcamentos, as zonas de servizos, entre outros.
Aínda queda un sorteo final de 20 carros de compra, que terá lugar o vindeiro luns día 22 de outubro, os que desexen participar neste derradeira oportunidade tan só terán que facer as súas compras na Praza de Abastos ata este sábado e encher as papeletas e depositalas nas furnas da Praza de Abastos.
Destaca a presenza entre os premiados, dos 4 sorteos que se levan feito ate o de agora, de persoas de Caminha en Portugal, ou localidades limítrofes coma Tomiño, O Rosal Gondomar ou Oia, o que demostra o potencial do Mercado de Abastos da Guarda e o seu ámbito de cobertura, con clientes que se desprazan dende outras localidades en busca de produtos frescos e de primeira calidade.
A Guarda promove a mobilidade, o comercio e a dinamización do mercado municipal da Praza de Abastos con sorteos semanais de 20 de carros da compra para que os veciños e veciñas da comarca os empreguen para mercar no casco urbano. Os que desexen participar nos seguintes dous sorteos restantes só teñen que facer as súas compras nos establecementos do mercado municipal da Praza de Abastos e depositar nas furnas habilitadas para este sorteo as papeletas que se entregan con cada compra.
A Campaña "A Guarda, todo moi preto" abrangue diferentes accións e actividades nos espazos públicos orientadas á concienciación do uso da rúa para a xente, facilitando o movemento a pé polo casco urbano da vila, co emprego das prazas de aparcamento disuaorio postas en marcha nos últimos meses. O obxectivo é ir retirando de xeito paulatino os vehículos da rúa e darlle prioridade aos peóns no centro da vila, cunha filosofía de uso racional dos vehículos, coma o caso da Praza do Reló, tendo coma referencia o proxecto de Francesco Tonucci da Rede Española de Cidades das nenas e dos nenos, da que A Guarda forma parte.
Municipio de A Guarda
Tomiño recibe unha subvención do Estado de 170.000 euros para a mellora de eficiencia enerxética do edificio de Benestar e Policía Local
- As obras incluirán a instalación de sistemas de illamento térmico en paredes, tellado e carpintería, ademais da rehabilitación enerxética do edificio con led
- O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) estuda nestes intres tres proxectos máis, presentados polo Concello
O Concello de Tomiño vén de recibir unha subvención de 174.163 euros por parte do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía); entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Transición Ecológica, para levar a cabo parte dun proxecto de mellora da calidade e sostenibilidade do edificio do antigo centro de saúde, hoxe adicado á atención ao público das áreas de Benestar Social, Cultura, Turismo, Mocidade, Deporte, Protección Civil e Policía Local.
O proxecto, cuxo orzamento total ascende a máis de 237.000 euros, comprende a instalación dun sistema de illamento térmico en paredes exteriores; cambio de tellado e carpintería exterior de aluminio con triplo cristal, así coma a instalación dun sistema novo de iluminación de aforro enerxético con led; un recuperador de calor e colocación de arborado que protexa da chuvia a fachada oeste.
Aínda que o Estado concede 30 meses para a execución das obras, o Concello xa comezou o procedementos dos trámites necesarios para poder realizar as melloras previstas no inmoble do antigo centro de saúde; agora dependencias municipais.
A axuda, publicada o día 20 de setembro pasado, foi solicitada no mes de xullo de 2017, para a realización de proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa FEDER plurirrexional de España 2014-2020. O Concello fixo, asemade, outras tres propostas de rehabilitación enerxética (parte da Escola Obradoiro de Goián, parte do Concello e espazos públicos no núcleo urbano de Goián), que aínda non foron resoltas. Cabe salientar que a esta convocatoria presentáronse, até o momento, máis de 1250 solicitudes de entidades locais de toda España.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta que este novo proxecto se encadra no compromiso do goberno local coa eficiencia enerxética nos equipamentos e servizos públicos; labor que se vén levando a cabo dende hai varios anos, e que con esta nova axuda, recibirá un pulo moi importante. "Investir en aforro enerxético supón un aforro para o futuro, reducindo os gastos correntes do Concello, dando máis calidade e confort aos usuarios e traballadores e traballadoras do mesmo", explica a rexedora local.
O inmoble do antigo centro de saúde foi cedido pola comunidade de Montes de Tomiño, para que a veciñanza poida ter un edificio en condicións para as áreas de Benestar, Policía Local e Protección Civil. "Unha vez máis o goberno agradece á comunidade de montes a súa xenerosidade con todos os veciños e veciñas de Tomiño, que agora poderán desfrutar de mellores instalacións, unha vez rematadas as obras", salienta a alcaldesa.
DUASCENTAS PERSOAS PARTICIPAN NAS ACTIVIDADES NÁUTICAS PARA PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA, ORGANIZADAS ESTE VERÁN ENTRE TOMIÑO E CERVEIRA
O proxecto continúa no outono coa divulgación da práctica do remo entre escolares
O pantalán adaptado instalado hai uns meses na praia de Goián, xunto ao Espazo Fortaleza, foi o punto de partida das xornadas náuticas compartidas por Cerveira e Tomiño nos meses de xullo e setembro. Un total de 12 saídas nas que 197 persoas practicaron en embarcacións adaptadas, dúas modalidades de navegación fluvial: o turismo e a orientación inclusiva.
Promovida conxuntamente pola Asociación de persoas con discapacidade Vontade, de Tomiño, e a Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira, esta iniciativa foi unha das vencedoras na edición 2018 do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT).
Desde a Asociación Vontade, destacan a participación nos percorridos fluviais de 176 persoas con discapacidade, un 58,38% con discapacidade física e un 30,96% con discapacidade intelectual. "Démoslles ás persoas con mobilidade reducida, unha das poucas oportunidades de deporte e lecer na que a eliminación de barreiras arquitectónicas fíxose realidade", explican. As xornadas de navegación serviron, ademais, para coñecer o patrimonio cultural e fluvial do río Miño e probar a capacidade de coordinación e traballo en equipo das persoas participantes.
A segunda fase do proxecto "Náutica para todas as persoas" prevé a divulgación da práctica do remo en cinco centros de educación primaria e no Instituto Antón Alonso Ríos de Tomiño, nos meses de outubro e novembro.
Doutro lado da raia, a Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira será a encargada de promover a práctica do remo entre os estudantes da Eurocidade, recentemente constituída, mediante a presentación dos ergómetros e a aprendizaxe do seu uso, nos centros de ensino de primaria e secundaria.
En breve, organizarase unha competición transfronteiriza entre os tres mellores clasificados dentro de cada categoría, tanto feminina, coma masculina.
O OPT forma parte da Axenda Estratéxica de Cooperación Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.
Os colexios Pedro Caselles e de Tebra contan neste curso con novas infraestruturas, grazas ás melloras practicadas polo Concello
- No comedor do CEP Pedro Caselles realizáronse varias melloras de illamento e insonorización
- No CEIP de Tebra ampliouse a pista deportiva e arranxouse a súa contorna
O Concello de Tomiño vén de realizar importantes melloras en varios colexios públicos do municipio. Pola súa envergadura destacan as obras levadas a cabo na parroquia de Tebra e en Santa María de Tomiño. A petición da veciñanza e da ANPA do centro de educación infantil e primaria de Tebra, levouse a cabo a ampliación da pista deportiva existente, co fin de poder dispoñer de máis ámbitos de xogo e de que os equipamentos necesarios para a práctica de distintos deportes, non interfiran entre eles.
Asemade, detectouse a necesidade de sanear e mellorar o acceso rodado do pavillón xa que en épocas de chuvia, se anega.
"Executouse unha nova pista deportiva de formigón pulido sobre a existente, ampliándoa para poder albergar una pista de fútbol sala, dúas de baloncesto e dúas de voleibol. Co mesmo tratamento, pavimentouse a entrada para vehículos cara o recinto, e acondicionáronse as escaleiras de acceso dende o colexio. En todo o perímetro instalouse un drenaxe perimetral que recolla as augas da chuvia", explica o concelleiro responsable das actuacións, Lois Vázquez.
Por outra banda, e para dar resposta ás demandas plantexadas pola dirección e da ANPA do CEP Pedro Caselles, no sentido de reducir o elevado ruído que se produce nos comedores do centro durante as horas de xantar, o Concello fixo medicións acústicas que deron valores moi por encima do tempo de reverberación idóneo para estes espazos.
Para solucionar o problema, colocouse un falso teito con placas e velo branco na cara visible. Este material ten un elevado coeficiente de absorción acústica que permite reducir notablemente o son ambiente, impedindo que rebote e se mesture co resto, provocando o molesto ruído. Ademais aproveitouse para renovar a iluminación existente, instalando novas luminarias de LED co fin de aforrar no consumo eléctrico.
"Realizáronse medicións finais e o resultado foi que se reduciu notablemente o tempo de reverberación, alcanzándose case os valores recomendados para estes espazos, sobre todo, no rango de frecuencias da voz humana. Desta maneira mellorouse o conforto das persoas usuarias que agora poden falar sen ter que levantar a voz", explica o concelleiro.
Comerciantes e emprendedores apúntanse ao programa de formación e crecemento impartido por Adeto e o Concello
A primeira reunión para coñecer as persoas interesadas celebrouse o pasado xoves no salón de plenos
Dentro do protocolo de colaboración asinado entre o Concello de Tomiño e ADETO (Asociación de Autónomos de Comercio, Hostalería e Industria de Tomiño), co fin de mellorar a formación dos profesionais do comercio local, o pasado xoves, presentouse no salón de plenos do Concello o programa formativo e de asesoramento individualizado "Máis Posible", destinado a todo tipo de negocio ou PYME local, sexan ou non socios de ADETO.
A primeira reunión do programa, para coñecer as persoas interesadas en participar, levouse a cabo o pasado xoves no salón de plenos do Concello.
"Somos conscientes de que a situación actual do comercio local e as pequenas empresas non é moi boa; crise económica anterior, as multinacionais, as novas tecnoloxías e a globalización están creando unha situación insostible para moitos dos nosos negocios.
A pesar desta situación, outras empresas e empresas din que van facturar máis que nunca. Non se entende", explicaba José Fonterosa, un dos profesionais encargados de impartir a formación.
"Aqueles que temos empresas ou negocios debemos parar e pensar o que está pasando, e que medidas tomar para reverter a situación", indicaba Susana Rodríguez, experta en proxectos de crecemento social e persoal.
Tal e coma acordaron no protocolo de colaboración comerciantes e Concello, a partir de agora e durante varias semanas, desenvolveranse coas persoas interesadas, sesións de consultoría, acompañamento persoal e grupal mediante coaching; formación sobre marketing, técnicas de venda, promoción e publicidade; asesoramento no uso das novas tecnoloxías e impulso motivacional, entre outras iniciativas.
As persoas interesadas en participar que non puideron asistir ao acto de presentación, poden contactar con ADETO ou escribir un correo a info@adeto.org
O anteproxecto de reordenación da traseira da Área Panorámica contempla unha zona verde zonificada en catro áreas
A súa execución suporá un investimento de 500 mil euros e está condicionada á construción previa dun aparcamento soterrado
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, xunto aos arquitectos Leando Nogueira e Ángel Matilla de Nam Arquitectos, presentaron este mediodía o anteproxecto de reordenación urbana do espazo da traseira da Área Panorámica como zona verde. Tamén estiveron presentes os concelleiros do equipo de goberno Antonio Castro, Estrella Muradás, Mila González e Eduardo Freiría.
Proponse actuar sobre unha superficie de 6 mil metros na traseira da Área Panorámica e 1.194 metros no lateral do edificio que quedarán libres coa apertura da rúa Ourense. A realización do proxecto terá un orzamento de medio millón de euros e un prazo de execución de entre 3 e 6 meses, vinculado sempre á execución dun aparcamento soterrado na traseira da Área Panorámica, e tendo en conta amais a próxima apertura da rúa Ourense.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, sinalou esta mañá que esta actuación suporá "unha mellora na calidade urbana nunha zona moi representativa da cidade". Apuntaba amais que con esta actuación se lanza tamén a mensaxe de que "Tui despois de moitos anos de estancamento no seu urbanismo ten que volver a camiñar e a xerar movemento económico e demográfico". Iso sí apuntaba que esta reurbanización está vinculada á construción dun aparcamento soterrado, o que en conxunto que conlevará unha mellora urbana dunha zona moi importante. Tamén indicaba Carlos Vázquez Padín que o deseño presentado hoxe é un anteproxecto sobre o que a cidadanía poderá opinar e que é modificable.
Os arquitectos Leandro Nogueira e Ángel Matilla de NAM Arquitectos foron os responsables de explicar os detalles técnicos do anteproxecto, no que tiveron en conta os múltiples condicionamentos do lugar como a apertura da rúa Ourense, as rúas lindeiras, a construción do aparcamento soterrado, e circulación da propia cidade, os equipamentos existentes no entorno…. A súa proposta é unha gran zona verde "cruzada por dúas vías principais que xerará catro zonas verdes que no seu interior crearán unha zona máis pavimentada, máis urbana". Unha das catro zonas estará destinada ao público xuvenil con parque infantil con zona de sombra. Haberá dous espazos con protección solar con múltiples usos que poderán albergar exposicións, reunións, ou diversas actividades, e unha cuarta zona que acollerá un pequeno palco para pequenas actuacións.
Coma diciamos a execución deste anteproxecto queda condicionada a realización dun aparcamento soterrado na traseira da Área Panorámica.
Segundo hoxe explicaba o alcalde contan xa coa redacción dun anteproxecto para a execución deste aparcamento soterrado dunha planta con 298 prazas que agardan levar a pleno antes de finais de ano para a súa aprobación. De saír aprobado continuaría a tramitación administrativa e podería ser realidade en 2020, polo que a urbanización da superficie podería realizarse en 2021. Previamente o próximo ano o alcalde conta que estea rematada a obra de apertura da rúa Ourense que está xa adxudicada.
O goberno municipal leva ao vindeiro pleno a partida para a realización dunha auditoría e elaboración de procedementos do Departamento de Urbanismo
Na sesión plenaria tratarase o expediente de crédito extraordinario por importe de 16.698€ para o seu financiamento.
O Concello de Tui elaborará un "Catálogo de procedementos administrativos e un proceso de mellora na Área de Urbanismo". O obxectivo é mellorar na organización dos medios necesarios, para reducir os prazos na tramitación administrativa e minimizar as incidencias derivadas do servizo de urbanismo.
A elaboración deste catálogo ten un custo de 16.698€, para os que non existe actualmente consignación orzamentaria, polo que será levado ao pleno ordinario deste mes de outubro para o financiamento deste traballo.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín considera moi importante que se poida auditar o departamento de Urbanismo e que do diagnóstico desa auditoría partan as actuacións necesarias para lograr un departamento de Urbanismo que tramite con axilidade todos os asuntos que lle competen. Gran parte da actividade económica do concello pasa por urbanismo, o seu mal funcionamento afecta moi negativamente á economía local e cómpre pórlle remedio, pero para iso precisase un diagnóstico obxectivo e profesional que determine a situación e propoña remedios.
O Concello de Tui asume os desprazamentos dos escolares ao Teatro Municipal neste curso
A concellería de Educación do Concello de Tui asume neste curso o desprazamento dos escolares dos distintos centros educativos de Tui cara ao Teatro Municipal de Tui para asistir as distintas funcións programadas nos próximos meses para o alumnado de Infantil e Primaria. Deste xeito búscase garantir a igualdade de oportunidades de todos os escolares para asistir a esta programación cultural que se realiza en horario escolar, proporcionando o desprazamento necesario aos centros educativos, segundo explicaba a concelleira de Educación, Mila González.
Hoxe mesmo máis de 600 escolares de Caldelas, Guillarei, Randufe, Rebordáns, Pazos de Reis, CEIP nº2 e Colexio Maristas asistiron á representación de "O cego dos monifates. Romance de cans" da man de Viravolta títeres Seisdedos. Trátase dun romance de cego baseado no conto "Can branco, can negro", de Mª Victoria Moreno.
A primeira función, ás 11h na que participaron 419 escolares, foi financiada pola Deputación de Pontevedra dentro do programa "María Victoria Moreno, a escena!" da Deputación de Pontevedra no Ano da Lingua. A segunda función, ás 12.45h correu a cargo do Concello de Tui brindando a oportunidade a 366 escolares máis de disfrutar desta obra.
A próxima semana retómase a atención psicolóxica aos afectados de Paramos e Guillarei no centro de saúde de Tui
En primeiro lugar avaliaranse os novos casos que solicitaron atención, e atenderase a aqueles pacientes que non se poden desprazar a Vigo. Servizos Sociais coordinará as citas.
A próxima semana retomaranse as avaliacións das persoas afectadas pola catástrofe de Paramos que solicitaron asistencia psicolóxica. No mes de agosto e na primeira semana de setembro psiquiatras do SERGAS avaliaron xa as 72 solicitudes, algunha de unidades familiares, que se presentaran ata aquel momento, e agora citarán aos entre 15 e 20 casos novos que veñen de demandar este servizo.
Para seguir coordinando a atención psicolóxica aos afectados de Paramos e Guillarei este mediodía reuníronse na casa do concello o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o xefe do servizo de psiquiatría do CHUVI, José Manuel Olivares, o presidente da Asociación de Afectados, Salvador García, e a traballadora social do Concello, Carmen González.
O servizo de psiquiatría asumirán a atención en Tui semanalmente, tanto para a avaliación dos novos casos, como para a atención daqueles afectados que non se poidan desprazar até o centro de referencia en Vigo, o tempo que sexa preciso. Os pacientes infanto xuvenís terán que desprazarse ata o Hospital Álvaro Cunqueiro, xa que alí está a unidade específica de atención para estas idades.
A área de Servizos Sociais será quen coordine as citas de atención psicolóxica aos afectados dende o Centro de Afectados en Guillarei a área de Servizos Sociais.
|