JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Horário do Ferry (de 4 a 9 de Setembro)

O BNG levará ao Parlamento Galego a protección do castro do monte Trega

"Para o BNG o Concello en colaboración con outras entidades debe realizar un programa de actividades para concienciar sobre a importancia da conservación do castro do monte Trega"

O BNG vai levar ao Parlamento galego a preocupación sobre o estado de conservación do castro do monte Trega, sobre todo a raíz das imaxes aparecidas nos medios de comunicación de persoas situadas no conxunto arqueolóxico a xantar durante as pasadas Festas do Monte.

"É preocupante a utilización de estacas para suxeitar toldos aos muros das construcións castrexas. Debemos ter conciencia de que se trata do noso patrimonio, así como un dos principais atractivos que temos tanto na Guarda como na comarca", comentou Anxo Baz, portavoz municipal do BNG.

Para o BNG queda demostrado a ineficacia das medidas tomadas até agora, como a colocación de cintas. Hai que ir a medidas máis profundas e continuadas no tempo que axuden a concienciar a aquelas persoas que queiran gozar dunha das paraxes únicas sen ter que deteriorar a súa contorna.

A protección do castro ao Parlamento galego

O BNG vai presentar unha iniciativa no Parlamento galego, por medio da deputada Montse Prado, para que se dean explicacións sobre cales son as medidas que se están a tomar para evitar o deterioro do conxunto arqueolóxico do monte Trega.

"A Consellería de Cultura ten competencias no mantemento e conservación dun dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes do país. Ten que existir unha colaboración entre institucións para evitar o deterioro deste castro, pero hai que tomar medidas que afonden na súa protección e compatibilizar o goce da contorna sen ter que danar unha das nosas xoias arqueolóxicas", sinalou Montse Prado.

BNG de A Guarda


O Festival do Rei Sol volve á Costa dos Castros de Oia do 14 ao 16 de setembro

No seu terceiro ano, a cita cultural inclúe unha variada programación de actividades en diversos puntos do municipio

O Festival do Rei Sol volve por terceiro ano consecutivo á Costa dos Castros de Oia co obxectivo de revalorizar o patrimonio cultural deste territorio, especialmente o seu rico legado inmaterial. A cita cultural se celebrará entre o 14 e o 16 de setembro e incluirá actividades gratuítas pensadas para o desfrute de todos os públicos.

Visitas guiadas, obradoiros infantís, relatorios e espectáculos das artes escénicas compoñen a programación deste ano, que achegará as súas propostas a diversos puntos do municipio.

Así, a programación do Festival do Rei Sol 2018 abrirase o venres 14 de setembro cunha dobre actividade dedicada ao oficio tradicional da telleira. Ese día desenvolverase un obradoiro infantil de traballos manuais para confeccionar as tellas do Rei Sol e, a continuación, terá lugar unha charla sobre a telleira en Oia a cargo de Pepe "Buraco". A xornada inaugural rematará cunha función de teatro.

Actos no Cano dos Mouros

Os actos principais do festival desenvolveranse ao longo da tarde do sábado 15 de setembro no castro do Cano dos Mouros (Viladesuso), onde haberá unha visita guiada e o grupo veciñal O Mellor de Cada Casa representará unha obra de teatro ambientada no mundo galaico.

A continuación se desenvolverá o espectáculo de narración oral titulado O eco das pedras, a cargo da artista Raquel Queizás, e unha contemplación do solpor amenizada polo grupo de música tradicional A Fiada de Viladesuso porá o broche final á xornada festiva.

Ademais, o sábado e domingo pola mañá haberá visitas guiadas especiais ao Arrabal (entorno do Mosteiro de Oia). A través destes itinerarios, que estarán guiados por unha personaxe do século XVIII, descubriremos este barrio histórico a través das súas historias e lendas. As visitas comezarán ás 12.30h. e o punto de encontro será a Oficina de Turismo de Oia.

Patrimonio inmaterial

O Festival do Rei Sol leva o nome do protagonista dunha lenda local asociada ao castro do Cano dos Mouros. Aproveitando esta circunstancia, con esta cita cultural preténdese revalorizar o patrimonio local -especialmente o inmaterial--, concienciar sobre a necesidade de preservalo para as futuras xeracións e festexar a convivencia entre veciñanza e persoas que visitan o municipio.

A actividade, organizada pola Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia, desenvólvese coa colaboración da Deputación de Pontevedra (Ano da Lingua), e de diversos colectivos locais, como son a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común e a Asociación de Veciños de Viladesuso.

PROGRAMA:

VENRES 14 DE SETEMBRO

ACTOS NA CASA CULTURAL DE PEDORNES:
-17.00h. Obradoiro infantil "Pequenos Cabaqueiros. As tellas do Rei Sol" (traballos manuais con pasta de modelar)
Recomendado para peques entre os 5 e os 10 anos. Prazas limitadas.
Información e inscricións no teléfono. 689 35 57 13
-19.00h. Charla de Pepe "Buraco" sobre a telleira en Oia

ACTOS NA CASA CULTURAL DE MOUGÁS:
-20.30h. Teatro. Fulano, Mengano e Citano: O que hai que ver (Cultura no Camiño)

SÁBADO 15 DE SETEMBRO
-12.30 h. Visita guiada especial: Historias e lendas do Arrabal
(Saída da Oficina de Turismo de Oia)

FESTA NO CANO DOS MOUROS (VILADESUSO)*
*(En caso de chuvia os actos trasladaranse á Cultural de Viladesuso)
-18.00h. Visita guiada polo castro de Cano dos Mouros
-18.30h. Teatro veciñal a cargo do grupo O Mellor de Cada Casa (Viladesuso)
-19.30h. Espectáculo familiar de narración oral "O eco das pedras", de Raquel Queizás
-Contemplación do solpor amenizada pola Fiada de Viladesuso

DOMINGO 16 DE SETEMBRO
-12.30 h. Visita guiada especial: Historias e lendas do Arrabal
(Saída da Oficina de Turismo de Oia)
-Exposición de fotografías sobre a telleira na Oficina de Turismo de Oia

Oia (Pontevedra)


A Guarda ratifica o seu rexeitamento ao emprego de herbicidas químicos e glifosato

O Pleno da Guarda aprobou, con 10 votos a favor e 7 en contra na sesión do 1 de abril do ano 2016, unha moción contra o uso non agrario de herbicidas, tendo en conta que o glifosato é un axente "probablemente canceroxénico para os seres humanos" segundo a Axencia de Investigación do Cancro (IACR).

Ante a constancia de que, no mes de xuño do presente ano, as brigadas de mantemento de estradas desprazadas ata o Concello da Guarda, empregaron este tipo de substancias tóxicas, lembramos novamente ás administracións encargadas da limpezas destes viarios públicos, que dita práctica está prohibida polo Concello da Guarda a través da citada moción.

Nesta moción, considerase que a aplicación de herbicidas químicos para os usos non agrarios nos espazos de uso público, estradas ou redes de servizo na totalidade do termo municipal queda prohibida e deben ser substituídos por métodos non químicos, unha decisión que está avalada pola lexislación europea, a través da Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo para un "Uso Sustentable dos Pesticidas", que no seu capítulo IV contempla a prohibición de herbicidas nestes espazos, e do Real Decreto 1311/2012 do 14 de setembro, que en harmonía coa Directiva do Parlamento Europeo establece no capítulo I, a capacidade da administración competente.

En España o Real Decreto 1311/2012, de 14 de setembro, establece que a actuación para o uso sostible dos produtos fitosanitarios no territorio español, sinala que: "a administración competente en cada caso pode aplicar o principio de cautela limitando ou prohibindo o uso de produtos fitosanitarios en zonas ou circunstancias especificas" e que ademais "os órganos competentes establecerán para os seus ámbitos territoriais medidas para informar e sensibilizar en especial referencia aos riscos resultantes do seu uso e posibles efectos agudos e crónicos para a saúde da poboación, os organismos no obxectivo ...así como sobre a utilización de alternativas non químicas..."

Desde xeito dende o Concello da Guarda recórdase a existencia de alternativas viables ós herbicidas químicos para o control de vexetación non desexada mediante métodos mecánicos ou térmicos.

Municipio de A Guarda


A Guarda acolle esta fin de semana actividades medioambientais nas praias

Esta fin de semana A Guarda acolle actividades medioambientais destinadas ao fomento de boas prácticas nas praias do municipio.

Para este fin, e en coordinación coa concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda, o sábado 8 de setembro a Praia marítima da Area Grande acollerá a primeira destas actividades en horario de 16:00h a 17:00h para concienciar aos bañistas cal é a duración real dos residuos que se verten nas nosas praias.

A segunda actividade realizarase na xornada do domingo día 9 de setembro na Praia do Muíño en horario de 16:00h a 17:00h.

Unha "palliña" das que se empregan para os refrescos pode tardar ata 200 anos en descompoñerse, por iso é preciso facer que a xente saiba os tempos que tardan en desaparecer estes residuos do noso medio ambiente, para concienciar sobre outros usos, reciclaxe, emprego de papeleiras e contedores, entre outros.

¡Actividade aberta a todo o público e de balde!

Municipio de A Guarda


Aberto o prazo de inscrición para o proxecto de turismo sustentable "Protura"

A Guarda acolle este mes de setembro un curso sobre turismo sustentable adicado aos profesionais do sector turístico, con formación mixta, a distancia e presencial. O prazo de inscricións está aberto, a formación a distancia realizarase do 17 de setembro ao 28 de outubro e a formación presencial terá lugar o 1 e 2 de outubro.

Información e inscricións no 886 210 725 ou protura@depo.gal

Obxectivos

O obxectivo xeral do proxecto é mellorar o coñecemento entre os profesionais do sector turístico (empresariado e persoal) do que significa turismo sustentable, achegando estratexias e ferramentas para mellorar a sustentabilidade dun destino ou empresa turística, analizando as diferentes acreditacións dispoñibles e dando exemplos de boas prácticas.

Resumo do proxecto

O proxecto está destinado a aquelas empresarias e empresarios turísticos do contorno da Rede Natura interesados en mellorar o seu desempeño en sustentabilidade e en acceder a este interesante nicho de mercado. Resultará de utilidade para o persoal que oriente o seu traballo cara a este segmento da industria turística.

O proxecto pretende informar, formar e asesorar sobre os principios do turismo sustentable para que poidan traducirse en prácticas de xestión. Estes principios teñen como propósito minimizar os impactos negativos e maximizar os beneficios da actividade turística no ámbito sociocultural, ambiental e empresarial. O proxecto consta de cursos de formación a distancia e mixta, e dun asesoramento mixto.

Impartiranse 8 tipos de accións, presenciais e en liña, cos seguintes contidos:

Turismo rural sustentable

Capacitar as empresarias e empresarios e o persoal do sector turístico en relación ás técnicas de xestión nas que se basean os principios do turismo sustentable. Das 6 accións formativas recollidas neste punto, 2 correspóndense coa modalidade a distancia a través dunha plataforma de teleformación e as 4 restantes con formación mixta, combinando a teleformación coa modalidade presencial.

Temática:
1.Concepto de sustentabilidade
2.Impactos do turismo. Turismo e medio ambiente
3.A sustentabilidade no sector turístico
4.A xestión de empresas turísticas. Claves e características do turismo sustentable
5.Axudas e subvencións. Acreditacións. Aspectos legais
6.Características socioeconómicas das zonas obxectivo (formación a distancia)
7.Potencial endóxeno dos recursos das zonas obxectivo e identificación dos produtos máis relevantes desas zonas (formación a distancia)
8.Exemplos de boas prácticas de sustentabilidade

Asesorías de turismo sustentable
Son accións específicas de apoio ao persoal encamiñadas a mellorar a súa situación no mercado de traballo en temas ambientais. Os asesoramentos compóñense de 2 tipos de accións e lévanse a cabo de forma individual e personalizada, cunha parte presencial e outra a distancia (xa sexa vía telefónica ou vía correo-e), nas que a cada persoa asesorada se lle abre un expediente onde figuran os seus datos persoais, o problema ou cuestión exposta e un plan de actuación que recolle a solución achegada.
Contido das asesorías:
1.Características socioeconómicas da zona
2.Valorización do potencial endóxeno dos recursos da zona
3.Identificación dos produtos máis relevantes da zona
4.Lexislación actual vixente, axudas e subvencións dispoñibles
5.Xestión das empresas turísticas

Municipio de A Guarda


As obras de Concepción Arenal arrancan este luns na Guarda

O vindeiro luns día 10 de setembro iniciaranse na Guarda as obras da Rúa Concepción Arenal no tramo comprendido entre a Rúa Galicia(Altamar) e a Rúa Pacífico Rodríguez. Por este motivo dende o Concello da Guarda realizáronse diversas reunións e encontros cos colectivos empresariais e veciñais para informar de como se vai realizar esta obra tan necesaria para o noso pobo que consistirá na humanización integral desta céntrica rúa.

Dende o Concello da Guarda agárdase que as molestias e incomodidades deste tipo de intervencións sexan as mínimas posibles, estando en contacto permanente coa empresa adxudicataria destas obras e informando aos veciños de que se teñen algunha dúbida contacten no 986 61 0000. Dende o Concello da Guarda remitirase nos vindeiros días unha carta informativa a máis de 800 veciños da contorna desta rúa.

Durante o transcurso desta primeira fase a baixada ao Porto da Guarda realizarase pola Rúa Pacífico Rodríguez e a subida pola Rúa Enrique María Sexto e agardase que se conclúa antes de fin de ano.

A seguinte tramo de obras será o comprendido entre as rúas Pacífico Rodríguez e o Porto da Guarda, neste caso, para poder acceder ao porto, habilitarase a circulación de vehículos lixeiros pola vía de servizo do paseo marítimo, accedéndose a esta dende a zona da Atalaia e tamén habilitarase a dobre circulación con semáforos de obra pola saída sur do porto, na zona da depuradora.

En calquera caso a circulación libre de vehículos non se abrirá definitivamente ata o remate da obra. Durante as obras poderán circular residentes, usuarios de garaxes e servizos polas zonas habilitadas pola empresa cando sexa posible.

Durante toda a obra estarán sinalizados os desvíos de tráfico rodado e habilitaranse zonas para a circulación peonil. A circulación de persoas estará habilitada para tódolos locais e vivendas durante toda a obra.

Durante toda a duración da obra habilitarase o dobre sentido de circulación na rúa Ourense e na totalidade da rúa Coruña para enlazar a rúa Manuel Álvarez coa entrada ou saída da Guarda.

A parada dos autobuses de ATSA estará situada no comezo da rúa Rosalía de Castro na zona da Alameda e parada de taxis estará situada na rúa Domínguez Fontela, igual que na actualidade.

Para compensar os estacionamentos de Concepción Arenal e Avelino Vicente habilitouse a ampliación de estacionamentos en Manuel Álvarez, unha nova zona de estacionamento na rúa Coruña e adecentáronse os estacionamentos da finca de Fínola e a Eléctrica.

Municipio de A Guarda


O novo deseño que lucirá o espigón do Porto vai collendo forma

Baixo o concepto de "A Guarda escrita nas estrelas" o novo deseño do pintado do espigón norte do Porto da Guarda vai colendo forma grazas ao traballo dos artistas Alberto Brandon e Nuria Villa, así coma o de máis de medio cento de voluntarios que xa colaboraron nestas tarefas dende mediados de agosto.

Segundo explicaron Alberto e Nuria o día da presentación deste proxecto, "sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día." Os artistas decidiron centrar este proxecto en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da nosa vila nun presente que non se esqueza.

Para o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba "con este proxecto se pretende que o espigón continúe a ser un símbolo para a vila da Guarda, traballando nun concepto que represente á xente da Guarda e que sexa tamén unha atracción turística máis, contando para a súa confección coa participación da xente da vila".

Elena Baz, Concelleira de Cultura, clarexa que "A Guarda está viva, A Guarda é moi bonita e abrimos con este proxecto un espazo para que a xente que así o desexe poda participar na súa confección, traballando tamén cos colexios e os nenos e nenas do municipio", todos os interesados poden participar chamando aos teléfonos 646202874 e 627 582 551.

A primeira tarefa foi como concretar e unir, nun lenzo tan apaisado como é o espigón, toda esa posible iconografía e que teña un sentido único, para elo se tomou coma referencia o horizonte, onde o espigón elévase sobre o nivel do mar, decidindo crear un universo, un ceo estrelado onde a historia da vila da Guarda se amose en xeito de constelacións e planetas, empregando unha gama cromática extraída do propio entorno portuario.

A intención inicial dos artistas é a de dividir o espigón en tres espazos, dando cabida ás tres parroquias de A Guarda, Camposancos e Salcidos representando deste xeito o "universo guardés", e onde a parte literaria estará representada cun fragmento do libro "De mar a mar" do poeta Feliciano Rolán.

As diferentes escalas da iconografía non buscan que se vexan perfectamente dende as beiras do paseo ou dende o alto do Monte Santa Trega, senón que a xente teña curiosidade e se achegue ata o espigón para descubrir o que alí se vai plasmando, xerando inquietude, movemento e tamén difusión deste proxecto artístico.

O resultado final, fará que o espigón do Porto da Guarda sexa un museo visual no que os veciños e visitantes da Guarda vexan, recorden e interactúen con boa parte da historia da nosa vila.

Dende mediados de agosto o proxecto "A Guarda escrita nas estrelas" vai collendo forma e son moitos os veciños e visitantes que se achegan ata o Porto para ver estes traballos e interesarse polos diferentes debuxos e figuras que día a día van enchendo de cor e protagonismo ao espigón do Porto da Guarda.

Sobre os artistas Nuvi & éxfico

Ela, a artista Nuria Villa "aka NUVI" ilustra e él, o deseñador gráfico Alberto Brandon "aka éxfico" debuxa tipografías, creando traballos que os teletransportan a unha existencia plena. Despois dunha viaxe reveladora a Xapón en 2014 e como hobby aos seus trabalos de fotografía e deseño para "Petit de la Crème", comparten as súas afeccións nun novo proxecto de forma totalmente manual, crean: A Guarda Souvenir Collection, como pura necesidade de crear souvenirs con paixón que representen o pobo onde viven. Ademais da súa marca de roupa éxfico clothing, comenzan a xurdir todo tipo de traballos para murais, eventos, identidades corporativas... nos que plasman a súa propia personalidade, debuxos cun aire divertido, cun toque naif e perfeccionista, ilustracións combinadas con lettering, onde a mensaxe e os detalles son moi importantes

Municipio de A Guarda


A Guarda abre os prazos de inscricións dun Curso de Pilates e das Escolas Deportivas de Patinaxe e Baloncesto

A partires da vindeira semana ábrense os prazos de inscricións para as próximas actividades deportivas que se levarán a cabo no Concello da Guarda.

Por unha banda o mércores 12 de setembro se abre o prazo de inscricións para o Curso de Pilates, unha actividade deportiva que se levará a cabo os martes e xoves de 19:00h a 20:00h e que terá un custo mensual de 28,50€.

Do 10 ao 28 de setembro estará aberto o prazo de inscricións para as Escolas Deportivas de Patinaxe e Baloncesto que se imparten na Guarda a través da Deputación de Pontevedra. O horario previsto para as Escolas de patinaxe é os luns de 17:00h a 19:00h, unha hora por grupo. O horario previsto para as Escolas de baloncesto é os venres de 16:00h a 18:00 h tamén unha hora por grupo.

Toda a información e inscricións sobre estas actividades facilitarase na OMIX da Guarda, no teléfono 986 61 0000 ext.1015 ou no enderezo electrónico: informacion@aguarda.es

Municipio de A Guarda


A Omix da Guarda organiza un Curso de cociña sobre Panadería

A Omix da Guarda abre o prazo para inscribirse no curso de panadería e masas que terá lugar os venres de 18:00 a 21:00 horas a partir do vindeiro 5 de outubro e que se prolongará ata o 16 de novembro.

No curso os asistentes aprenderán a elaborar masas con diferentes fariñas, masas doces, salgadas, masa madre, entre outros conceptos indispensables para a elaboración de pan.

O curso ten un custe de 40€, no que se inclúe todo o material preciso polos participantes.

Para inscribirse e ampliar información, todas as persoas interesadas poden achegarse ou chamar a OMIX da Guarda no 986610000 ext.1015 ou escribir un mail a informacion@aguarda.es

Municipio de A Guarda


O vindeiro luns ábrese o prazo de inscricións para un obradoiro de Mindfullness e Risoterapia na Guarda

O Concello da Guarda abre o vindeiro luns día 10 de setembro o prazo de inscricións para un obradoiro adicado ás familias, que terá lugar na Guarda todos os xoves entre o 18 de outubro e o 29 de novembro en horario de 18:00h a 20:00h.

Este obradoiro de Mindfullness e risoterapia está pensado para toda a familia, pais e nais, fillos e fillas, avós e avoas, entre 6 e 99 anos, os menores de 12 anos deberán acudir sempre acompañados dunha persoa adulta, e que preferentemente pertenzan a mesma familia, ainda que non é obrigatorio.

En total este obradoiro terá unha duración de 16 horas e realizarase no Centro Cultural da Guarda, sito na Rúa Rosalía de Castro.

As inscricións e informacións para este obradoiro, que forma parte do programa Tecendo Lazos da Deputación de Pontevedra, xestionaranse a través da OMIX do Concello da Guarda, chamando ao 966 61 0000 ext.1015

Municipio de A Guarda


Música, visitas guiadas e exposicións na programación desta fin de semana na Guarda

Programación por días

Venres 7 de setembro:

A Sala de exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle ata o 13 de setembro a Exposición de fotografía "Raíces Celtas en la Amazonía venezolana", da autoría de Oscar Noya-Alarcón e que se pode visitar nas instalacións do Centro Cultural da Guarda, en horario de Luns a Venres de 9:00h a 14:00h .

A Praza do Reló da Guarda acolle a terceira e derradeira cita de Música nas Prazas 2018 coa actuación de "Pepe Vaamonde Trío" ás 22:00h. Pepe Vaamonde Trío é un formato reducido de Pepe Vaamonde Grupo, mais nace tamén cunha clara idea musical cun repertorio musical que se nutre dos catro traballos discográficos da banda, inda que facendo unha escolla de temas fundamentalmente encamiñados ao baile tradicional. Trátase de música pensada orixinalmente para ser bailadas nun claro entorno foliadeiro e festivo. Este grupo está composto por Miryam González ao acordeón, Pipo Alvariño á guitarra e voz e Pepe Vaamonde na gaita, frauta e voz.

Sábado 8 de setembro:

Durante a xornada deste sábado realizaranse 3 visitas guiadas ao Monte Santa Trega, ás 11:30h con saída do Castro e ás 12:30h e 17:00h con saída dende o Museo Arqueolóxico de Santa Trega(MASAT).

A Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle a mostra "Raíces celtas en la Amazonía venezolana" da autoría de Oscar Noya-Alarcón. Se pode visitar na mañá deste sábado en horario de 10:00h a 13:00h.

Domingo 9 de setembro:

Durante a xornada deste domingo realizaranse 3 visitas guiadas ao Monte Santa Trega, ás 11:30h con saída do Castro e ás 12:30h e 17:00h con saída dende o Museo Arqueolóxico de Santa Trega(MASAT).

Municipio de A Guarda


As oficinas de Turismo da Guarda atenderon a máis de 2000 persoas nos meses de xullo e agosto

A oficina de turismo do concello da Guarda ampliou os seus servizos durante a época estival, abrindo unha oficina adicional de información turística no Porto da Guarda, ademais da xa existente na Praza do Reló. A finalidade deste reforzo foi o de garantir unha maior e mellor atención dos visitantes na localidade, que nestes meses aumentan notablemente a súa afluencia, rexistrándose un total de 2136 persoas atendidas e 802 consultas varias na oficina turística do Porto da Guarda.

Neste ano 2018 a oficina de información turística do porto estivo en funcionamento dende o 7 de xullo, e a atención a visitantes manterase ata o vindeiro 10 de setembro, cun horario de apertura de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas, de luns a domingo ininterrompidamente.

De xeito xeral, as tarefas desenvoltas na oficina de información turística baseáronse na atención directa do visitante; proporcionando información turística, tanto sobre os recursos e eventos de interese da localidade, como sobre os existentes na comarca e localidades próximas.

Destacou nesta tempada estival a gran afluencia de bañistas, dato que non quedou rexistrado nas oficinas de turismo, pero que si se comprobou a pé de praia, rexistrando unha ocupación moi alta, sobre todo no mes de agosto, grazas a boa climatoloxía e a calidade dos areais fluviais e marítimos da Guarda, contando con dous distintivos de Bandeira Azul nas Praias de Area Grande e O Muíño e un distintivo de "EcoPlayas" na Praia do Muíño.

Outro dato a resaltar foi a ampla participación nos eventos culturais que ao longo desta tempada estival se sucederon en diferentes espazos públicos do municipio, cunha axenda cultural moi extensa e para todas as idades nas que os eventos musicais, exposicións e festas gastronómicas tiveron un forte protagonismo.

As visitas guiadas ao Monte Santa Trega tamén congregaron nos meses de xullo e agosto a unha boa parte dos visitantes do municipio, que cada fin de semana participaron nas visitas á Citania de Santa Trega, ao Via Crucis ou ao Museo Arqueolóxico de Santa Trega, reunindo a máis de 1400 participantes de diferentes nacionalidades.

No apartado deportivo, a Travesía a nado, o Torneo de Balonmán Praia, o Torneo de Basket ou o DepoDesafío tamén contaron cunha afluencia significativa, destacando non só ao número de participantes, senón tamén ao público asistente a estes eventos.

Recentemente o Concello da Guarda firmou o Convenio de Adhesión á Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, coa finalidade de contar con persoal formado e profesional para unha atención turística de calidade e cun horario ampliado.

Municipio de A Guarda


A Guarda mellora a accesibilidade na Praia do Muíño en Camposancos

O pasado luns día 3 de setembro iniciáronse os traballos de retirada da senda peonil de madeira existente na Costa dos Soldados ou baixada a Praia do Muíño en Camposancos.

Debido ao paso do tempo esta senda estaba xa moi deteriorada polo que se decidiu a súa substitución, así como a prolongación da mesma ata a zona do novo aparcamento, conectando estes dous espazos.

A nova pasarela estará construída en madeira contando cun ancho de 1.60 metros e unha lonxitude de 96 metros, unindo o aparcamento e a Praia do Muíño, o areal de maior afluencia na Guarda.

Estas obras de mellora realízanse grazas a unha subvención da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que se reparte en dúas anualidades 2018 e 2019 cun investimento total de 24,161,10€ IVE incluido.

Municipio de A Guarda


A Guarda inicia o 10 de setembro as obras de urbanización da Subida a San Amaro en Camposancos

O vindeiro luns día 10 de setembro iniciaranse as obras de urbanización e mellora de servizos da Subida a San Amaro en Camposancos, a execución destas obras realizarase, na medida do posible, en convivencia co uso desta rúa por parte dos veciños, ao tratarse dunha rúa moi transitada.

Esta rúa que conecta a estrada de Circunvalación ao seu paso por Camposancos coa Igrexa da Visitación, contará con dobre sentido de circulación, delimitación dos espazos peonís, zonas de aparcamento, xardíns e a previsión para instalación dos contedores de residuos. O proxecto contempla a renovación da rede de abastecemento de augas, así coma a dotación de bocas de incendios e substitución da rede de saneamento, separando as augas pluviais e fecais.

A rúa contará cunhas beirarrúas de enlousado de granito, unha pavimentación de lastros de granito rexuntados con morteiro e unha lousa de granito central acabado abuxardado

Estímase que o prazo de execución das obras, que contan cunha inversión total de 160.216,68 € IVE incluído con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, non se demore máis de 60 días dende o inicio das obras.

Municipio de A Guarda


Persoeiros do atletismo galego tentan contaxiar o gusto por este deporte nos nenos e nenas de Tomiño

As pistas do Mosteiro, a carón do colexio Pedro Caselles, foron as instalacións onde os/as participantes recibiron clases e visitas de coñecidos atletas

A semana pasada máis de 40 nenos e nenas remataron o 1º Campus de Atletismo do Concello de Tomiño, recibindo clases diarias e visitas de atletas consagrados no panorama galego.

A realización deste campus de atletismo foi posible grazas á existencia do Club Sociedade Atlética Trega de Tomiño, de recente creación, que levan adiante Javier Sierpes e Patricia Pereira, tamén monitores deste campus.

Entre as visitas concertadas, estivo a do responsable de Marcha da Federación Galega de Atletismo, Carlos Morales, celebrada o día 27, e a da campioa de España de Xavelina (de Atlética Barbanza), Lidia Parada, o día 30.

Ademais, o día 28 , os participantes recibiron a visita de figuras do ámbito deportivo da comarca, coma o adestrador do Mecalia Guardés de balonmán, JOSÉ IGNACIO PRADES, acompañado das xogadoras África Sempere e a capitana Estela Doiro.

Explica o monitor e presidente do Club Sociedade Atlética Trega de Tomiño, Javier Sierpes, que as visitas se organizaron pensando en amosar aos nenos e nenas as disciplinas menos coñecidas do atletismo, para que as coñezan e tomen contacto directo con elas.

As pistas do Mosteiro, situadas a carón do colexio Pedro Caselles, foron as instalacións onde os/as participantes recibiron as clases e visitas de atletas; unhas pistas con catro calles e 200 metros de lonxitude, e un espazo interior con céspede natural, para campo de fútbol e outros deportes.

O concelleiro de Deportes, Ismael Torrón, expresou a súa satisfacción polos niveis de participación acadados neste campus e nos demais celebrados durante o verán, coma o de fútbol, tenis, padel e balonmán. polas que pasaron case 400 persoas de diferentes idades, aínda que a maioría foron nenos/as e mozos/as.

Concello de Tomiño


Arranca o programa transfronteirizo Desporto para Tod@s, promovido por Tomiño e Cerveira

As persoas interesadas poden efectuar a inscrición online a través do participacerveiratomino.eu

Coa entrada do mes de setembro, a Amizade Cerveira-Tomiño deu inicio ás actividades do Programa Desporto para Tod@s 2018/2019. A primeira acción da "Piscina en Familia" (ofrece sesións de natación e iniciación no medio acuático para nenos de 3 a 10 anos, acompañadas de familiares) celebrouse o sábado pasado, e as sesións para "Maiores de 55 anos" comezaron este martes. Aínda así, as inscricións mantéñense abertas até completar as prazas dispoñibles. que. Estas actividades lévanse a cabo na Piscina Municipal de Vila Nova de Cerveira e celebraranse todos os primeiros sábados de cada mes ás 18h00 (PT), con excepción dos meses de decembro e agosto.

No caso do programa Actividades Deportivas (clases de pilates, gimnasia, zumba, fitness, etc.) para maiores de 55 anos, o primeiro adestramento aconteceu este martes ás 09h00 (PT) no Pavillón Municipal de Deporte de Vila Nova de Cerveira, sendo replicado o xoves ás 10h00 (GAL) en Tomiño, manténdose así semanalmente.

As persoas interesadas poden efectuar a inscrición online a través do participacerveiratomino.eu, descargando o formulario específico nas páxinas web de ambos os municipios, ou do proxecto Amizade Cerveira-Tomiño (amizade-cerveira-tomino.eu).

Asemade é posible anotarse nas Xuntas de Freguesía ou na Piscina Municipal.

O programa "Desporto para Todos" integra o proxecto COOP-ACT - Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, proxecto cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través INTERREG V-A POCTEP 2014-2020.

Creado en 2016, co obxectivo de promover un plan de actividade deportiva saudable en torno á convivencia, benestar psicolóxico e físico, e intercambio cultural entre as dúas comunidades veciñas de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, o Programa Desporto para Tod@s 2018/2019, ten alcanzado unha excelente adhesión por parte da poboación.

Neste sentido, para 2018/2019, os dous gobernos volverán a presentar un programa gratuíto de actividades deportivas.

Concello de Tomiño


Unha unidade móbil de inspección técnica de ciclomotores desprazarase a Tomiño os días 12 de setembro e 16 de outubro

Unha unidade móbil de inspección técnica de ciclomotores desprazarase a Tomiño os días 12 de setembro e 16 de autubro de 2018, en horario de atención ao público de 9.00 a 13.30 e de 15.15 a 18.00 horas. Será no barrio de A Rocha, na explanada da Policía Local de Tomiño.

A cita deberá concertarse a través da páxina web www.sycitv.com, ou chamando por teléfono ao número 902 30 90 00. Aos vehículos que se presenten sin cita previa, asignaraselles cita directamente na estación móbil, segundo a dispoñibilidade do servizo.

Concello de Tomiño


acuBam resalta a importancia da comunicación dixital nas empresas, organizando unhas xornadas abertas

A actividade terá lugar o xoves 13 de setembro pola tarde, no salón de plenos municipal

As xornadas contan coa colaboración de Abanca, VEMARGALICIA, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño

A Asociación de Cultivos Baixo Miño (acuBam), organiza unha xornada formativa aberta ao público, o vindeiro xoves 13 de setembro, sobre "A importancia da comunicación dixital nas estratexias comerciais das empresas". A actividade, que conta coa colaboración de Abanca, VEMARGALICIA, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño, celebrarase no salón de plenos do Concello de Tomiño, a partir das 18.30 horas. Durante as xornadas, a asociación aproveitará para facer pública a nova páxina web de acuBam.

"Nun esforzo por mostrar ao exterior as fortalezas, capacidades e oportunidades do sector agro na comarca do Baixo Miño, organízase un foro sobre comunicación dixital, cuxo obxectivo é reforzar a mensaxe da importancia da comunicación como ferramenta estratéxica de competitividade e que contará con expertos na área de comunicación que nos darán as claves para alcanzar os obxectivos comerciais que nos propomos desde as políticas de comunicación empresariais", explican os organizadores. "Dende acuBam enténdese a importancia que ten hoxe en día unha boa comunicación intersectorial e extra-sectorial, como factor de diferenciación, posicionamento e competitividade empresarial. Non podemos esquecer que estamos na era dixital, a cal nos ofrece diferentes ferramentas que podemos adaptar aos nosos contextos, para traballar máis efectivamente a comunicación nas nosas empresas", indican dende a asociación de cultivos.

O evento pecharase cun viño no mercado de Tomiño, no que poderase establecer contactos e identificar sinerxias entre os asistentes.

Concello de Tomiño


Tomiño dedica o acto cívico do Alivio deste ano á profesora "Tinita" Ozores

Licenciada en Filosofía e Letras, profesora de inglés xubilada e viaxeira empedernida, esta veciña de Goián é tamén unha activa colaboradora social e cultural

O Concello de Tomiño dedica este ano o Acto Cívico do Alivio a unha distinguida veciña de Goián, Clementina "Tinita" Ozores, licenciada en Filosofía e Letras, profesora de inglés de secundaria xubilada e viaxeira empedernida, que percorreu os cinco continentes e segue activa na actualidade, colaborando en diferentes iniciativas de interese cultural e social da súa parroquia e Concello.

Tinita Ozores (16 de decembro de 1929) veu ao mundo na casa familiar da Praza de Goián. Filla de Juan Ozores e Ermesinda Ozores, foi a penúltima de cinco irmáns que a súa nai criou ao tempo que rexentaba o negocio familiar, mentres seu pai facía as américas no Brasil.

A guerra complicou as cousas, a posguerra fixo dos rexistros e das aprehensións, unha constante. Mais naquel Goián que ollaba para o río, o Miño foi permeable a un novo xeito de vivir: o contrabando. O pisco, como lle chaman no lugar, abriu unha época dourada ás economías asfixiadas pola autarquía da ditadura franquista.

Tinita comezou a vida universitaria en Farmacia como fixeran as súas irmás Maruja e Angelina. Mais decatouse de que a súa paixón era a arte. Así que deixou Farmacia e matriculouse en Filosofía e Letras onde se licenciou no ano 1953. Continuou en Santiago para seguir os cursos de doutoramento e presentou a súa tese de licenciatura sobre o coro da catedral de Tui. Un traballo punteiro na época e que pese os seus anos segue a espertar interese no mundo da arte.

Mentres inicia a súa tese de doutoramento, imparte clases no instituto de Tui; labores que interrompe para viaxar a Inglaterra, establecéndose nun primeiro momento, en Londres e despois en Oxford. No ano 1967 regresa para retomar a docencia, agora como profesora de inglés en varios institutos até a súa xubilación, no ano 1996, no IES Alexandre Bóveda (Vigo).

Tinita fixo a súa primeira grande viaxe en 1970. Nunca o esquece porque foi cos seus primeiros aforros. O destino: Xapón. Ao outro lado do mundo que coñecía, un lugar exótico e de cultura diferente para unha occidental. Fixo a viaxe soa. Dende entón ten percorrido os cinco continentes.

Na actualidade, Tinita Ozores é membro da Asociación Antonio Fernández e continúa colaborando activamente en diferentes iniciativas e proxectos de interese social e cultural.

Concello de Tomiño


O Concello de Tui dotará de detectores de fume aos maiores de 65 anos do municipio

Os destinatarios serán preferiblemente persoas que vivan soas

O Concello de Tui a través da Concellería de Seguridade que dirixe Antonio Casto Negro, pon a disposición das persoas residentes no municipio maiores de 65 anos e que preferiblemente vivan soas un detector de fume para a súa vivenda.

Este aparello ten un mantemento mínimo e de moi fácil colocación así as persoas maiores poderán dispor no seu fogar dun aparato que detecta o fume e que ven acompañado dunha guía e consellos onde se explica de xeito moi fácil como hai que colocalos. Tamén o mantemento do detector e as precaucións que debemos ter en conta.

As persoas interesas en obter este aparato de detección de fume deberán dirixirse as oficinas municipais de luns a venres en horario de 9.00h a 14.00h para facer a súa petición.

A entrega destes detectores é froito dun convenio coa Axencia Galega de Emerxencias.

Concello de Tui


Visitas guiadas á xudería medieval e aos sambenitos nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía

O sábado ofrecerá un concerto de música sefardía Ana Alcaide

Mañá proseguiu en Tui a programación das Xornadas Europeas da Cultura Xudía en Tui que se van celebrar até o sábado 8 pondo en valor o importante patrimonio xudeu que, ao longo das últimas xornada se ten centrado nas redes sociais municipais coas historias do filósofo Francisco Sánchez, a prisión de Antonia Saravia; e as viaxes de Baltasar de Araujo.

A 7 de setembro, saiu a visita guiada pola xudería medieval. Mentres o domingo, 9 de setembro, ás 13h, tamén dende a praza da Inmaculada, partirá a visita aos Sambenitos gardados no Museo Diocesano. Trátase de pezas únicas en Europa que testemuñan a actividade da Inquisición a comezos do século XVII. Estes lenzos, que foron atopados na Catedral, sinalaban aos herexes reconciliados polo Santo Oficio, quedando marcados durante xeracións. As dúas visitas, para as que non é preciso inscrición previa, serán conducidas polo historiador tudense Suso Vila.

Mentres sábado, 8 de setembro, será a quenda da música co concerto previsto na igrexa de San Domingo a cargo Ana Alcaide. Natural de Toledo especializouse na interpretación de música antiga. Os seus diferentes traballos discográficos teñen recibido os parabéns da crítica especializada, formando parte da'WorldMusic Charts', a lista de referencia internacional das músicas del mundo), sendo considerado por un dos mellores discos de 2012 pola crítica especializada. Ten actuado en toda España, Francia, Italia, Alemaña, Marrocos, Canadá, Bulgaria, Indonesia, Corea del Sur, Uzbekistán, Argentina e Uruguay.

Concello de Tui


Os petróglifos do Rachadón e as mámoas de Chan do Tetón centran a terceira visita do programa "Tralas pegadas do tempo"

Será este sábado 8 de setembro, previamente realizarase unha actividade de graffitis prehistóricos

Este sábado, 8 de setembro, terá lugar a terceira visita do programa "Tralas pegadas do tempo" organizado pola Concellería de Cultura e Patrimonio do Concello de Tui. En concreto será aos "Petróglifos de Rachadón e mámoas de Chan do Tetón". O punto de encontro será o adro da igrexa de Malvas ás 20.30h. Previa a visita aos petróglifos realizarase unha actividade de graffitis prehistóricos.

Trátase de petróglifos naviformes e as mámoas onde se enterraba aos nosos antepasados hai 6 mil ou 7 mil anos, cuxa importancia radica en que foi a primeira vez que o ser humano cambia a paisaxe de forma permanente, trátase das primeiras construcións monumentais do ser humano en Galicia. A duración estimada da visita é de dúas horas e media.

A derradeira visita terá lugar o sábado, 15 de setembro, cunha visita ás "Mámoas de Chan Longa e ao recinto amurallado do Monte Aloia". O punto de encontro será ás 20.30h o aparcamento próximo á capela de San Xiao no Aloia.

As visitas terán un cupo de 50 persoas e será preciso inscribirse a través do whatsapp 610 70 34 88. En caso de inclemencias meteorolóxicas ou alto risco de incendios serán adiadas.

Concello de Tui


O concello de Tui amosa o seu malestar pola tardanza na declaración de Paramos coma Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil

Non se entende como tres meses despois aínda non se pronunciou o goberno central, e noutros casos, coma Llutxent afectado polos incendios de agosto, hai compromiso público de levalo mañá venres ao Consello de Ministros

O concello de Tui, a través do seu alcalde , Carlos Vázquez Padín, amosa o seu malestar pola tardanza do goberno central en tomar a decisión de declarar o barrio da Torre en Paramos coma Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil, tras a explosión de material pirotécnico nun almacén ilegal o pasado 23 de maio.

No concello amósanse sorprendidos pola rapidez coa que o Consello de Ministros tomará esa decisión con respecto aos municipios afectados polo incendio sucedido en Llutxent, Valencia, o pasado mes de agosto. Comprendendo a necesidade destes municipios tras os feitos rexistrados o mes pasado, non entende coma máis de tres meses despois da catástrofe en Tui, na que faleceron dúas persoas, 37 resultaron feridas, 31 casas quedaron completamente destruídas e máis de 300 danadas, con preto de 800 afectados, se segue sen tomar esta decisión.

Segundo informacións aparecidas nun medio de comunicación o ministro de Fomento, José Luís Ábalos, asegura que a decisión de Valencia se vai tomar este mesmo venres, sen facer ningún tipo de referencia ao caso de Tui. O que representaría unha aldraxe e un agravio comparativo que os cidadáns de Tui non merecen.

Concello de Tui


O alcalde de Tui ordena a inspección da pirotecnia La Gallega co fin de cumprir a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e suspender a súa actividade

A Policía Local precintará completamente as instalacións e o perímetro da finca

O alcalde de Tui, Carlos Padín, ven de ditar unha providencia para garantir a suspensión da actividade da empresa pirotécnica La Gallega SL ordenada por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alcalde ordena neste documento realizar unha visita de inspección urbanística a instalación de pirotecnia situada no barrio da Igrexa en Baldráns coa intención de adoptar as medida precisas que garantan o cesamento e suspensión total da actividade que alí se puidera realizar.

Se procederá a inspección os días 10 e 11 a partir das 9.00h. Esta decisión se comunicará aos propietarios da instalación, a Garda Civil, a Subdelegación de goberno e aos técnicos municipais: secretaria, arquitecto municipal, técnico de administración xeral do departamento de urbanismo, enxeñeiro técnico coordinador do departamento de obras.

O mesmo tempo, o alcalde, ordena comunicar ao arquitecto redactor do proxecto de demolición, Rodrigo García Barros, as deficiencias detectadas nese proxecto para a súa modificación recollidas nun informe emitido polo arquitecto municipal. Do mesmo xeito, ordena tamén a Policía Local, que efectúe o precintado completo das edificacións, instalacións e perímetro exterior da finca da pirotecnia.

Concello de Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais