JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000


Horário do Ferry (de 8 a 13 de Maio)


O Concello da Guarda informa das alternativas viables para o traslado do 'mercadillo'

Os representantes municipais baseáronse nos informes elaborados pola Policía Local.

Esta mañá, membros do equipo de goberno municipal e representantes das asociacións de comerciantes da Guarda participaron nunha sesión extraordinaria da Mesa Local de Comercio na que se informou sobre as alternativas á actual localización do mercado popular que se celebra os sábados.

Asistiron á reunión o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba; os concelleiros Montserrat Magallanes, Paulino Rodrígez e Mª Elena Baz; A representante da Asociación A Guarda Centro Comercial Aberto (CCA), Carmen Mª García; o representante de Mercaguarda, Nicolás Andura ; o presidenta de AGUDE, Carmen Mª Álvarez; e Delia Brandón, en representación da asociación Mercado do Reló.

Os representantes municipais trasladaron aos comerciantes as conclusións dos informes técnicos elaborados pola Policía Local sobre as tres alternativas propostas, tendo en conta a extensión necesaria para a celebración do 'mercadillo', que na actualidade dispón de preto de 500 metros lineais.

A edil de Comercio, Montserrat Magallanes, informou aos asistentes da inviabilidade de dúas das tres propostas presentadas previamente polos comerciantes, toda vez que as rúas Joaquín Alonso e Vicente Sobrino carecen do espazo necesario para a instalación dos postos de venda e a rúa Manuel Álvarez conta con 11 entradas de garaxe e 163 prazas de aparcamento que dificultarían o normal desenvolvemento do mercado.

Segundo o informe, a derradeira alternativa para o traslado -á contorna da Alameda- sería a única coas características necesarias para acoller a feira, que podería celebrarse nas rúas Rosalía de Castro e Transversal Troncoso, na rúa Rosalía de Castro e a parte baixa la Alameda ou ben na rúa Galicia. Con todo, o equipo de goberno comprometeuse a analizar a viabilidade do traslado á esta última, atendendo especialmente ao tráfico. A asociación A Guarda CCA propuxo en última instancia o traslado do mercado ao recinto do antigo Estadio do Tecla.

A Mesa Local de Comercio celebrouse pasadas ás 10:00 da mañá no salón de plenos do Concello da Guarda con tres puntos na orde do día: información sobre o proxecto de dinamización comercial de A Guarda CCA, a nova localización do mercadiño e información sobre a normativa de terrazas no Porto.

Municipio de A Guarda


A Guarda celebrará a súa XI Feira do Libro o domingo 20 de maio

A undécima edición da Feira do Libro da Guarda celebrarase o vindeiro domingo 20 de maio na Praza do Reló. Alí, entre as 11:00 e as 20:00 horas, librarías guardesas e da comarca ofrecerán o seu material cun desconto do 20% sobre o seu prezo orixinal.

A xornada completarase cunha variada programación cultural e de ocio para todos os públicos. Así, os cativos e cativas poderán participar nos obradoiros infantís que se celebrarán na praza entre as 11:30 e as 13:30 horas. Os e as participantes no curso de monitor/a de tempo libre organizado polo Concello da Guarda serán os encargados de amenizar a mañá aos máis pequenos, con xogos e diferentes actividades lúdicas.

Chegadas ás 12:30 horas, as persoas adultas poderán sumarse á festa na sesión vermú a cargo do grupo de hot jazz Low Bay Hot Band. Xa pola tarde, entre as 16:30 e as 18:30 h, as familias poderán compartir un espazo de diversión da man da empresa Brazolinda, que traerá ata A Guarda os seus orixinais xogos de mesa en galego, aptos para crianzas dende 1 ano.

O grupo de música infantil e familiar Mamá Cabra será o encargado de pór o broche de ouro a esta xornada de exaltación da cultura, cunha actuación que dará comezo ás 18: 30 horas. Ao remate do concerto, os membros do grupo asinarán discos a todas e todos aqueles que se acheguen cos seus exemplares. Tras a actuación de Mamá Cabra, ademais, todas as persoas presentes poderán participar nun sorteo con lotes de libros, camisetas, obras de María Victoria Moreno e outros agasallos de Mamá cabra e David Regueiro, de Low Bay Hot Band.

As librarías participantes nesta nova edición da Feira do Libro guardesa serán Atlántica, Ler e Cervantes (A Guarda), Ideas (O Rosal) e Libraida (Gondomar). En caso de choiva, as actividades trasladaranse á Casa dos Alonso.

Municipio de A Guarda


A V edición da ruta gastronómica "Tapearte" comezará a vindeira fin de semana

Preto dunha vintena de establecementos hostaleiros participarán na ruta, na que se ofertarán variadas tapas a un prezo único de 2€.

A Guarda acollerá a quinta edición da ruta gastronómica "Tapearte" a partir do venres 18 de abril. Durante tres fins de semanas consecutivas, veciñanza e visitantes poderán degustar preto dunha vintena de diferentes tapas nos establecementos guardeses participantes, que ofrecerán as súas creación a un prezo unitario de 2€.

A ruta gastronómica, organizada polo Concello da Guarda, terá lugar os venres sábados e domingos durante tres fins de semana consecutivas, dende o 18 de maio ata o 3 de xuño. O seu obxectivo é impulsar a gastronomía local e promocionar as populares alfombras florais do Santísimo que se realizarán no casco antigo da vila na noite do sábado 2 de xuño.

Nesta nova edición, "Tapearte" contará cun total de 19 bares e restaurantes guardeses adheridos: Alameda, Art Café, Bitadorna, Boc & Pix, Camping Santa Tecla, Celtic, El Paseo, Enxebre, Kanella's, La Botica, La Casilla, La Pizzicata, Marbella, Novo Funil, O Cangrexal, Pool Chaos, Xantar, Xeio e Y la luna?.

Os "ruteiros" e as "ruteiras" contarán cun pasaporte no que, ademais da información necesaria para a realización do seu propio itinerario gastronómico, poderán selar aquelas tapas que xa teñan degustado e participar en sorteos de produtos. Para isto, será preciso depositar os pasaportes cun mínimo de 6 selos nas urnas que estarán dispoñibles en cada un dos establecementos participantes e na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Ademais, aquelas persoas que reúnan un mínimo de 10 selos, recibirán un agasallo directo.

Os participantes na ruta como comensais poderán, ademais, valorar a calidade das tapas consumidas. Froito desta valoración, a organización anunciará aos gañadores do Concurso da Mellor Tapa "Tapearte" 2018, con premios en dúas categorías: a tapa mellor valorada e a preparación máis consumida.

Municipio de A Guarda


Aberto o prazo de inscrición no curso preparatorio para o graduado en ESO

O Concello da Guarda promove un novo curso preparatorio para as probas de obtención do graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) que se celebrarán no mes de setembro en modalidade libre. O curso diríxese ao alumnado que non conseguiu o graduado ou a aquelas persoas que, debido a súa idade, atópanse fora do ámbito escolar.

O curso impartirase entre xuño e setembro de 2018 no antigo colexio Sinde, en horario de mañá e o prazo de inscrición estará aberto ata o 1 de xuño. As persoas interesadas poderán inscribirse e obter máis información na Oficina de Información á Xuventude (OMIX) do Concello da Guarda, chamando ao 986 614 546, ou ben na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local (AEDL), chamando ao 986 610 000 ou no correo electrónico emprego@aguarda.es.

Municipio de A Guarda


O alumnado do IES A Sangriña impulsa o galego con rap, skate e graffiti

Preto dun centenar de rapaces e rapazas participaron esta mañá nas actividades para fomentar o uso do galego entre á xuventude.

O alumnado do Instituto de Educación Secundaria (IES) A Sangriña participou esta mañá na primeira edición das actividades de arte urbana "A cultura na rúa", organizada polo Equipo de Normalización Lingüística do instituto público e o Concello da Guarda.

As actividades desenvolvéronse durante toda a mañá con distintos cursos nos que as rapaces e rapazas puideron experimentar e a aprender variadas formas de expresión artística urbana na contorna do Centro Cultural. Así, uns 100 mozos e mozas guardeses cambiaron o seu habitual material didáctico por monopatíns e aerosois, aínda que si tomaron apuntes no curso de rap dirixido por García MC, membro do popular grupo galego Dios ke te crew. O rapeiro introduciu aos participantes -preto de 40 alumnos e alumnas de 3º da ESO- na cultura hip hop, amosando as distintas ramas que compoñen este movemento artístico e cultural.

Pola súa parte, o alumnado de 2º da ESO participou nun curso de monopatinaxe no que contaron coa axuda de Hugo, Muriel e Javi, tamén alumnos do instituto e hábiles skaters guardeses. En pouco menos de dúas horas, os e as participantes noveis adquiriron os coñecementos básicos para facer uso do monopatín, namentres aqueles máis destros puideron experimentar nunha rampla ou perfeccionar as súas acrobacias.

Dende primeira hora da mañá, un grupo de rapazas de distintos cursos fixeron uso dos aerosois para embelecer os muros das escaleiras que dan acceso ao aparcadoiro da Alameda, axudados polo graffiteiro Pow Catro horas bastaron ás noveis artistas para decorar as paredes con imaxes de mulleres e mensaxes feministas como "Non é non".

Cultura, galego e xuventude

"A cultura na rúa" forma parte das actividades de normalización e dinamización lingüística promovidas polo Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña e a Concellería de Cultura e Xuventude do Concello da Guarda. O seu obxecto é fomentar o emprego do galego entre a xuventude e ampliar os seus ámbitos de uso.

Con este mesmo fin, ámbalas dúas institucións están a colaborar na campaña "O galego, produto estrela", coa que o alumnado pretende normalizar o uso da lingua nos carteis e outros elementos informativos e publicitarios dos establecementos comerciais e hostaleiros da vila.

Amais destas, o instituto público guardés e o Concello da Guarda colaboraron en diferentes iniciativas culturais durante o actual curso académico, coma tal a obra teatral "O nome de todos os nomes". Esta foi unha actividade organizada polo Concello da Guarda, o departamento de Portugués do IES A Sangriña e o Instituto de Cooperãçao e da Lingua Camões, co gaio da conmemoración da Revolución dos Caraveis (25 de abril de 1974).

Noutra orde de cousas, a Concellería de Educación impulsou durante este curso un obradoiro de prevención do acoso escolar ao que acudiu o alumnado de 1º da ESO do centro de ensino público guardés. Un psicólogo guiou esta sesión participativa celebrada o pasado 6 de abril, na que as rapaces e rapazas tomaron conciencia sobre a problemática, traballando a empatía e identificando as características do acoso. Esta actividade levouse a cabo en colaboración co departamento de Xuventude e Educación Familiar do IES A Sangriña.

Municipio de A Guarda


"Contos contados" retorna o sábado cunha nova sesión dedicada á diversidade

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda retomará o vindeiro sábado 12 de maio a actividade "Contos contados" cunha sesión de animación á lectura infantil centrada na obra "Monstruo rosa".

Nesta ocasión, as cativas e cativos que acudan ao espazo de lectura municipal poderán participar nunha sesión dinámica na que se traballará o entendemento e respecto á diversidade. Así, as pequenas, pequenos e as súas familias mergullaranse nunha actividade participativa a través do conto da autora e ilustradora Olga de Dios, no que se combinan as letras cos pictogramas, os debuxos e a música.

A bibliotecaria Carla Muñoz e a psicóloga infantil Loreto Pertíñez, do espazo de lectura nigranés "Donde viven los cuentos", serán as encargadas de dirixir a sesión, que comezará ás 11:30 horas.

Municipio de A Guarda


As praias do Muíño e Area Grande renovan o seu distintivo de bandeira azul

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) deron onte a coñecer a listaxe de praias españolas recoñecidas con bandeira azul para este verán, entre as que se atopan os areais guardeses de Area Grande e O Muíño.

Ámbalas dúas praias renovan o distintivo acadado por primeira vez en 2009 (Area Grande) e 2010 (O Muíño) e co que se salienta a súa calidade medioambiental e de servizos. Así, os areais volverán contar este verán cos criterios esixidos polo distintivo de bandeira azul: paneis informativos, actividades de educación ambiental, análise da calidade das augas, servizo de limpeza e recollida de residuos, servizo de salvamento e socorrismo, e instalación como duchas e aseos.

Amais do recoñecemento ás praias, A Guarda conta coa Senda Litoral recoñecida como Sendeiro Azul. O vieiro, que renova o distintivo dende o ano 2013, comunica as praias do

Municipio de A Guarda


O Concello felicita ás futbolista da Unión Guardesa, campioas da Liga F-7

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e o concelleiro de Deportes, Javier Crespo, recibiron o pasado venres ás futbolistas do CDU Unión Guardesa, que veñen de acadar o título de campioas da Liga Feminina 2017/2018 de Fútbol 7.

Os representantes municipais recoñeceron a valía das deportistas dirixidas por Ana González Reyes, que retomaron a actividade do club esta tempada logo de 3 anos sen equipo, permanecendo invictas a falta dun último partido. Nesta liña, o rexedor local salientou o rápido e meritorio éxito das novas xogadoras, con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, e desexou a continuidade dun proxecto "que dá impulso ao deporte feminino na Guarda e moitas alegrías".

As xogadoras Marcela Vicente Portela, Ángeles Pérez Lomba, Andrea Estévez Alonso, Carla Barros Blanco, María Guisantes Alonso, Alba Gonzalez Quintía, Lidia Lorenzo Martínez, Carla, Lorenzo Martínez, Noa Alonso-Macías Iglesias, Lucía Ameal Pereira, Sara Álvarez Álvarez, Loreto Alonso Fernández, Cristina Juan Cunha, Carla Vizoso Morales e a adestradora recibiron dos representantes locais unha medalla conmemorativa.

Municipio de A Guarda


O 6 de xuño abriu o derradeiro prazo de petición de citas para a renovación do DNI en 2018

As persoas que precisen renovar o seu Documento Nacional de Identidade (DNI) entre setembro e decembro deste ano, poderán solicitar a súa cita a partir do vindeiro 6 de xuño.

De acordo co calendario da unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo, as renovacións poderán realizarse na Casa dos Alonso os días 11 de setembro de 2018 (con recollida do documento o día 14 do mesmo mes), 9 de outubro (con recollida o día 16) e 13 de novembro (con recollida o día 16).

O horario de atención ao público para a petición de citas será de 9:00 a 14:00 horas. O día 6 de xuño as solicitudes só poderán realizarse de xeito presencial. Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Secretaría do Concello chamando ao teléfono 986 610 000, extensión 4.

Municipio de A Guarda


Adíca 2 minutos para decidir se salvas unha vida

Amosamos historias de persoas que doan sangue e de doentes que sairon adiante grazas a solidariedade doutros

Geni e Chus https://www.youtube.com/watch?v=qFwvcZtaxoA

Ana e Carlos https://www.youtube.com/watch?v=cWxb-BIJeK0

Ana e Ignacio https://www.youtube.com/watch?v=PqykGmEgQ1E

María e Juan https://www.youtube.com/watch?v=Kw8FCInDx3Y

Cris e Andrés https://www.youtube.com/watch?v=vuJDfpahrKw

O sangue non se pode fabricar e so é posible obtelo grazas á doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a saúde.

Todos os días o precisan moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos...

Desde 1985, a doazón de sangue por lei é un acto voluntario, altruísta, anónimo, universal e gratuíto.

Cada día, os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para atender unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.

#súmatedoasangue

Máis información
Teléfono: 900 100 828 e 881546900
http://ados.sergas.es
Twitter: @doadoressangue
Facebook: https://www.facebook.com/doadoressangue
Canal Youtube https://www.youtube.com/channel/UCL2vp0q1nmFBV9zsQacs4oQ

Municipio de A Guarda


Aberto o prazo de prematriculación no Conservatorio de Música da Guarda

O Conservatorio de Música da Guarda vén de abrir o prazo de prematriculación para o curso 2018/2019 nas súas distintas especialidades.

As persoas interesadas en aprender a tocar a frauta traveseira, o clarinete, o saxofón, a guitarra eléctrica ou clásica, a gaita, o piano, a trompeta, a trompa, o trombón, a tuba, o violín ou a viola poderán preinscribise ata o vindeiro 31 de maio no conservatorio municipal.

Para máis información, poderán dirixirse ao centro situado na rúa Vigo (15:00 a 20:00 h), chamando ao teléfono 986 613 002 ou ben a través do correo electrónico cmus.elemental.aguarda@edu.xunta.es.

Municipio de A Guarda


Un estudo salienta coma fortalezas do comercio tomiñés un produto de calidade, a proximidade dos establecementos e unha atención personalizada

Conseguir unha marca identificativa, potenciar os produtos estrela, crear unha Web e App do comercio e hostalaría local, e utilizar máis as redes sociais para captar novos clientes, entre as principais recomendacións

Nos últimos anos Tomiño converteuse en centro de referencia facilmente identificable na zona de influencia, coa Praza de Abastos e a Praza do Seixo, coma epicentros do concello.

Este contexto máis atractivo axuda a atraer máis clientela, non só a Praza de Abastos senón que a todo o municipio, favorecendo o comercio e a hostalería local.

A estas conclusións, entre outras, chega o Estudo da Dinamización do Mercado Comercial Aberto de Tomiño, levado a cabo por una consultora, grazas ao apoio económico do Concello de Tomiño. O obxectivo prioritario deste traballo, realizado ao longo de 7 meses, era incentivar aos tomiñeses a consumir no pequeno comercio do pobo e atraer ás visitas doutras localidades. Tamén se pretendía comunicar a acción aos cidadáns e xerar empatía cos comercios da zona, aproveitando os soportes municipais e, algo moi importante, detectar e solucionar as necesidades formativas dos comerciantes e hostaleiros.

Entre as fortalezas atopamos un produto de moi boa calidade e a proximidade dos establecementos; unha atención personalizada e directa, amplo coñecemento do produto; predisposición dos comerciantes para formarse en áreas nas que teñen carencias, e iniciativas para crear unha imaxe corporativa da Marca Tomiño que identifique o comercio local aberto. Tamén son consideradas de forma positiva situacións coma que na actualidade o foco dinamizador é o Mercado Municipal; a colaboración a través de vendas cruzadas e unha maior conciencia de grupo, a raíz da formación e das campañas.

En canto ás principais debilidades do comercio tomiñés, figuran a escaseza de produtos e servicios e a pouca variedade dos mesmos; a "falta de iniciativas para captar un rango de poboación máis nova, e tamén de publicidade, promocións e campañas, e de accións para frear a inercia actual da caída de demandas".

Outro punto débil, segundo o estudo, é que os locais, na súa maioría non resultan suficientemente atractivos para a xuventude e a existencia de certo desorde que impide visualizar ben os produtos. Tampouco a implicación dos comerciantes parece ser a correcta para conseguir unha marca que os identifique, nin a potenciación dos produtos estrela.

Coma ameazas principais, cítase a "existencia de localidades próximas cunha ampla variedade de produtos e servizos, áreas comerciais e tendas especializadas". Tamén o crecemento do comercio online e o descenso poboacional na comarca. Outro factor que xoga en contra do comercio local é a falta de transporte público que achegue aos clientes de distintas parroquias a Goián e Tomiño, núcleos urbanos máis importantes do municipio.

Por último, no capítulo de oportunidades, salientan a boa predisposición por parte do Concello para impulsar a Marca Tomiño co fin de emprender accións conxuntas, e o poder de involucrar na dinamización comercial as Administracións Públicas, locais e autonómicas. Outras recomendacións moi importantes para mellorar son a creación dunha Web e App do comercio e hostalaría de Tomiño; sinais indicativas dos sectores ou establecementos nas estradas de acceso a Tomiño; encontros de empresarios (networking) e utilización das redes sociais para captar novos clientes.

Por todas estas razóns, os asesores recomendan seguir potenciando os puntos clave (atención ao cliente, produto, proximidade e horarios), ter en conta o "hándicap para atraer un público máis novo; implantar estratexias conxuntas e solucionar as carencias formativas en informática, márketing dixital, comercio electrónico, redes sociais, visual merchandising, preparación de escaparates e paquetería, xestión de pemes e idiomas.

Logo da fase de diagnóstico, realizáronse varios cursos dirixidos a axudar a paliar as carencias detectadas.

O Concello e a Asociación de Comerciantes (ADETO) tentarán en breve, segundo explica o concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, seguir coa organización de accións orientadas a mellorar o Mercado Comercial Aberto e facer del, un sector competitivo na comarca e arredores.

Concello de Tomiño


Curta elaborada polo CIA de Tomiño sobre a desigualdade de xénero

O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño remata a curta sobre a desigualdade de xénero, que presentará o traballo no 5º Encontro de Concellos, que se celebrará en Oviedo a finais do mes de maio.

Trátase dun traballo audiovisual, duns 5 minutos de duración, sobre o trato desigual que reciben nenos e nenas no eido da educación e da sociedade en xeral. Estrela é a protagonista da cinta; unha moza que vai reflexionando sobre a forma que lle tratan ou as tarefas que lle asignan na súa casa, no instituto, na rúa; o que se agarda dela, as maneiras nas que lle falan os demais…e decide adoptar unha actitude distinta na súa vida.

Concello de Tomiño


Este sábado, 12 de maio, nova BARFERENCIA no Mercado de Tomiño, sobre a diversificación do aproveitamento do monte coa comunidade de montes de Couso

Tras a interesante BARFERENCIA do pasado sábado sobre os riscos da minaría para os nosos montes e sobre a "LEI DE DEPREDACIÓN DE GALICIA", o grupo de voluntariado do Concello de Tomiño, continúa coas súas charlas de carácter informal no mercado municipal.

Este sábado 12 de maio falaremos da diversificación do aproveitamento do monte, coa comunidade de montes de Couso, que ten varios proxectos financiados a través do GDR (Grupos de Desenvolvemento Rural) e que está a ter bos resultados na produción de cogumelos en árbores microrrizadas. No primeiro andar do mercado, de 12 a 13 horas.

RELACIÓN DE BARFERENCIAS CONCELLO DE TOMIÑO

Concello de Tomiño


A DIRECTORA DE TURISMO E A ALCALDESA DE TOMIÑO AMADRIÑAN A BOTADURA DA PRIMEIRA RUTA DE NAVEGACIÓN NO EMBARCADOIRO INCLUSIVO DO ESPAZO NATURAL DO MIÑO

O Club Deportivo Sen Amarras é o promotor deste proxecto de roteiros fluviais que pretenden ter continuidade con ata 12 saídas no verán

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amadriñaron este mediodía en Goián (Tomiño), a botadura das dúas embarcacións que inauguraban a primeira ruta turística no embarcadoiro inclusivo do Espazo Natural do Río Miño, unha infraestrutura que se realizou ao abeiro dun convenio de colaboración asinado o pasado ano entre este concello pontevedrés e Turismo de Galicia e que garante a accesibilidade de embarque e desembarque das persoas con diversidade funcional nesta parte do Miño.

O acto da botadura contou coa presencia, ademais, dos representantes da Asociación de Desenvolvemento EU Rural (fondos Leader) e de La Caixa, ambos os dous patrocinadores das embarcación, cun achegamento do 90 e 10%, respectivamente.

Nas súas intervencións, tanto a alcaldesa, coma a directora da axencia de Turismo, salientaron o pracer e o orgullo de ser madriñas de dúas embarcacións inclusivas, que a partir de agora permitirán disfrutar do río tamén as persoas con mobilidade reducida.

Seguidamente, foron bautizados con viño da zona os barcos "Sen Amarras 1" e "Sen Amarras 2", por Sandra González e Nava Castro, respectivamente. O acto rematou coa botadura das embarcacións e un paseo polo río.

Os barcos, cun orzamento de máis de 60.000 euros entre os dous, teñen 5,30m de eslora e 2,15 de manga, dispoñendo dunha proa abatible con acceso para cadeiras de rodas, desde onde as persoas con diversidade funcional, poden tripular a embarcación, se o desexan.

O Club Deportivo Sen Amarras, impulsa estes novos roteiros fluviais coa previsión da posta en marcha de até 12 saídas turísticas polo Miño, entre os meses de xuño e setembro, tomando como punto de inicio este novo embarcadoiro inclusivo.

Pola súa banda, o embarcadoiro inclusivo do Miño -que contou cun investimento de 150.000€- e foi inaugurado a pasada semana, permite pór en valor as numerosas alternativas turísticas do río ao seu paso por Tomiño.

Concello de Tomiño


O mercado municipal acolle até o día 21 a exposición sobre o concurso da ponte peonil entre Tomiño e Cerveira

A exposición, de carácter itinerante, que visitará proximamente a Câmara de Vilanova de Cerveira, espertou xa grande interese entre o público

A exposición sobre os traballos presentados ao Concurso Internacional de Ideas para a Construción da Nova Ponte Peonil entre os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, vén de chegar a Tomiño, procedente de Pontevedra.

Até o vindeiro día 21 de maio, poderanse contemplar no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño, os 24 proxectos admitidos ao certame, entre os que destacan as tres propostas finalistas: 'Raia', de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; 'Caminho do rio,' de Javier Zubia e Paula Teles; e 'Una línea sobre el Miño', das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e concelleiro tomiñés, Uxío Benítez, salienta "o alto nivel e a diversidade de países que participaron neste concurso internacional, polo que pensamos que era necesario difundir os tres proxectos gañadores, pero tamén todos os que foron admitidos a concurso".

A exposición, de carácter itinerante, que visitará proximamente a Câmara de Vilanova de Cerveira, espertou xa grande interese entre o público, e institucións coma o Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia, xa solicitaron poder contar con ela.

O concurso internacional de ideas foi posible grazas a estar incluído dentro do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza "Visit Rio Minho", cofinanciado polo Interreg, e que ten coma obxectivo a posta en valor dos recursos endóxenos do río. Segundo Benítez, a idea é crear un parque transfronteirizo, un espazo urbano de xestión común entre os dous concellos, unha idea innovadora, que está sendo moi ben valorada por todos os estamentos.

Agora comeza a segunda fase, consistente nun procedemento negociado para a contratación dun proxecto básico, "que se agarda que se resolva á altura do verán", de xeito que o proxecto final poida estar listo este mesmo ano. Benítez indicou que ao logo de 2019 "será necesario obter as autorizacións e informes sectoriais precisas e así concluirá o proceso incluído dentro do proxecto", advertindo que será un proceso complexo "porque afecta a unha zona moi sensible e a dous países, e polo mesmo, serán moitas as institucións que teñan que emitir informes".

Concello de Tomiño


As bibliotecas móbiles de Tui baseadas no proxecto de Aldea del Talento son as primeiras en estar rematadas en España

A arquitecta Helena del Río salienta que a realización deste proxecto é "un soño feito realidade"

A arquitecta Helena del Río desprazouse hoxe dende Cantabria ata Tui para coñecer in situ as bibliotecas móbiles elaboradas polos alumnos do curso de "Montaxe de mobles e elementos de carpintería", impartido no Municipal Centro de Formación, baseándose nos seus deseños.

Na casa do concello mantivo un encontro co alcalde, Carlos Vázquez Padín, coa concelleira de Formación e emprego, Mila González, e co monitor do curso Aitor Martínez. Alí explicoulles cómo xurdiu este proxecto por parte de Aldea del Talento, coa proposta realizada por Rosa Poo aos escolares para que deseñaran as súas bibliotecas. Posteriormente nunha charla no colexio de arquitectos a responsable de Aldea del Talento propuxo a este profesionais que elaborasen os planos das ideas propostas polos cativos. Helena del Río aceptou o reto, e durante mes e medio sacou tempo para confeccionar os planos. En Cantabria a realización das súas bibliotecas móbiles están na fase final, pero aínda non hai ningunha rematada, así que as de Tui son as primeiras que xa están listas. O monitor do curso Aitor Martínez coñeceu o deseño e contactou con Aldea del Talento, onde atopou todo facilidades e tras remitirlles os planos de Helena del Río púxose mans á obra cos alumnos do curso que se implicaron dende o primeiro momento neste proxecto.

Helena del Río sinalaba que ver o seu proxecto feito realidade por triplicado "foi marabilloso" valorando a implicación dos alumnos que "cumpriron as expectativas por todo o alto". Concluía dicindo que "ten sido un soño feito realidade".

Agora todos agardan que sexa o xoves 17 de maio xa que na XXI Feira do Libro Galego exporase unha destas bibliotecas no Paseo da Corredoira. Dende o Concello, a concelleira de Formación e Emprego, Mila González, avanza que o obxectivo é que durante o verán esta biblioteca móbil poida estar a disposición do público como espazo de lectura para os máis pequenos, pensando incluso nun lugar como punto de intercambio de libros. Precisamente dende Aldea del Talento enviarán a Tui unha caixa libros para estrear esta biblioteca. As outras dúas bibliotecas irán destinadas aos centros educativos tudenses, e en próximos cursos de formación agardan construír seis unidades máis para que os nove colexios tudense poidan contar cunha unidade.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez, agradeceu a Helena del Río a súa colaboración cedendo altruistamente os planos para realizar este proxecto, ao tempo que a felicitou polo deseño. Facía tamén o rexedor tudense un chamamento para o coidado da biblioteca que se situara na Corredoira, facendo fincapé en que "é de todos e todos debemos coidala".

Municipio de Tui


Tui celebrará o Día das Letras Galegas coa XXI Feira do Libro Galego

As librarías Espazo Lector Nobel e Iris montarán quince postos nos que ofrecerán un 10%. Esta previsto un amplo programa de actividades

O Paseo da Corredoira acollerá o próximo xoves, 17 de maio, a XXI Feira do Libro Galego organizada polo Concello de Tui coa colaboración das librarías Espazo Lector Nobel e Iris.

Programa previsto
" De 11 a 13h emisión especial en directo da Radio Municipal de Tui
" Ás 11.00 h Acto de apertura a cargo da escritora tudense Conchi Regueiro
" Ás 11.10 h Actuación do grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas
" Ás 11.30 h Actuación da Coral Ponte das Febres
" Ás 12.00 h Contacontos con Saleta Fernández con "Pan e chocolate"
" Ás 13.00 h Actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
" De 16 a 19 h Obradoiro de Marcapáxinas. Inicio cun contacontos do libro falado e en lingua de signos do libro "A festa no faiado" de Mª Victoria Moreno
" Ás 17.30 h Actuación do grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
" Ás 18.30 h Circo de rúa con Pajarito con "A vida tola"
" Ás 19.30 h Teatro de rúa con Ghazafelhos con "O vendedor de fume"
" Ás 20.30 h Actuación da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui

15 postos das librarías Iris e Espazo Lector Nobel (10% de desconto) no Paseo da Corredoira

Estarán expostos maios e paneis informativos sobre a figura de Mª Victoria Moreno realizados polos centros escolares e asociación culturais de Tui, e unha das bibliotecas móbiles realizadas polo Concello de Tui.

Municipio de Tui


O alcalde e membros do COAG abordan coa xefa provincial de Costas a convocatoria do concurso de ideas sobre o fronte fluvial do Miño

Cristina Paz-Curbera confirma que non é preciso un informe previo do seu departamento e pon a dispor a cartografía coa que contan

Co obxectivo de avanzar na convocatoria dun concurso internacional de ideas para reordenar o fronte fluvial do río Miño entre a vella Ponte Internacional e a alameda de San Domingos o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, reuniuse hoxe coa xefa do servizo provincial de Costas, Cristina Paz-Curbera, e co presidente da delegación do COAG, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en Vigo, Antonio Davila, e o vogal da Xunta de Goberno do COAG, Simón Pereiro.

No encontro de hoxe a xefa provincial de Costas, Cristina Paz-Curbera, amosou a disposición do seu departamento de facilitar ao COAG a cartografía da que dispoñen, escala 1/1000. Ao tempo confirmo ao alcalde que Costas con carácter previo á convocatoria do concurso non ten que emitir ningún tipo de informe.

Tal e coma avanzou hai uns días o rexedor tudense dende o concello plantéxase esta convocatoria tendo en conta que o río é un dos grandes activos que ten Tui, entendendo que "hai un gran potencial na mellora da interrelación dese espazo coa cidade e xerar máis valía urbana e en calidade de vida para os tudense, e converter o río en fonte de riqueza e benestar". Ao tempo sinalou Carlos Vázquez Padín que se trata de "aproveitar moito mellor o potencial que nos da o río Miño" polo que esta convocatoria suporá unha gran oportunidade para Tui xa que posibilitará que arquitectos e enxeñeiros acheguen as súas propostas para este espazo entre a vella ponte internacional e a alameda de San Domingos.

Municipio de Tui


A realización de bibliotecas móbiles proxecto destacado do curso de "Montaxe de mobles e elementos de carpintería" impartido nos últimos catro meses

Os alumnos comezan hoxe as prácticas en empresas da contorna

A realización de tres biblioteca móbiles destinadas aos centros escolares tudenses, baseadas no proxecto inicial de Aldea del Talento, foi o proxecto destacado realizado polos 15 alumnos do curso de "Montaxe de mobles e elementos de carpintería" impartido polo Concello de Tui no Centro Municipal de Formación.

Esta actividade formativa constou de 538 horas de formación teórico-practica nas que o monitor do curso Aitor Martínez apostou por facer un proxecto diferente no que ilusionar e involucrar ao alumando. Deste xeito, tras coñecer o deseño de bibliotecas móbiles de Aldea del Talento, púxose en contacto coa súa fundadora, Rosa Poo, que cedeu os planos realizados pola arquitecta Elena del Río a raíz das propostas feitas polos nenos.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e a concelleira de Formación e Emprego, Mila González, achegáronse hoxe até o taller de carpintería no Centro Municipal de Formación para felicitar aos alumnos e ao monitor polo traballo realizado. O alcalde destacou que estes espazos de lectura infantil servirán para incentivar este hábito, amosando a súa satisfacción polo resultado obtido.

Mentres a concelleira de Formación e Emprego, Mila González, amosou a súa satisfacción co curso tanto polo que supón para o alumnado esta formación, abrindo portas a súa inserción laboral, como polo resultado do proxecto realizado, que agardan poder continuar en próximos cursos para que cada centro educativo de Tui conte cunha destas bibliotecas móbiles. Tamén quixo amosar o seu agradecemento a Aldea del Talento pola súa colaboración.

Municipio de Tui


Máis de 200 persoas participarán este sábado na XV Andaina Tudense

Serán 26 quilómetros de percorrido ao longo da xornada subindo até o cumio do Aloia e pasando polos ríos Deique, Tripes, a pedra do Acougo ou o conxunto histórico

Máis de 200 persoas participarán este sábado na XV Andaina Tudense organizada polo club AndaTui RegodaPedra coa colaboración do Concello de Tui.

Na presentación desta actividade celebrada onte á tarde na casa do concello de Tui estiveron presentes o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Deportes, Andrés Urseira, e os responsables do Club AndaTui, José Martínez Tato, Xosé Manuel Novoa, e Lourdes Vázquez.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, deu os parabéns aos responsables do club AndaTui pola importante traxectoria de quince anos organizando esta andaina con tres vertentes xa que por unha banda favorecen a práctica de exercicio, por outra o coñecemento do territorio e do patrimonio e por último polo seu carácter solidario.

O concelleiro de Deportes, Andrés Urseira, sinalou que a andaina tudense sorprende cada ano cun percorrido novo, polo que felicitaba ao club AndaTui pola organización deste evento así coma das andainas que dentro do programa deportivo da Eurocidade se celebran en Tui.

O presidente do Club Anda Tui, José Martínez Tato, explicou que a Andaina Tudense é a andaina máis antiga que se celebra na provincia de Pontevedra. Partiu co obxectivo de ensinar o Parque Natural do Monte Aloia a aqueles que participan na mesma, e de feito nestes quince anos ten sempre subido ao cumio do monte por un traxecto diferente. Este sábado partirán ás 10.30h dende o Centro Interfederado para realizar ao longo da xornada 26 quilómetros, e tras xantar no cumio do monte regresar ao punto de partida. No percorrido pasarán polo río Deique, a Pedra do Acougo, o mirador de Cabeciñas, o Rego da Pedra, os muíños do Tripes, o conxunto histórico, a senda da Pedra Santa, entre outros lugares. No remate, sobre ás 18h, de novo na rúa Olímpicos Tudenses, celebrarase unha carreira de aros, unha proba que Martínez Tato destacaba que seguramente sexa única a nivel nacional.

A inscrición, cun prezo de 12 €, pecha hoxe na web www.andatui.es. O sábado na recollida do dorsal débese entregar un quilo de alimentos que será doado a SOS Tomiño Baixo Miño. Nos quince anos de Andaina Tudense teñen participado máis de 5 mil persoas.

Municipio de Tui

Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais