Horário do Ferry (de 27 de Março a 1 de Abril)
Ante a pasividade da Xunta, a Gándara contará en breve cunha marquesiña instalada polo concello
O alcalde da Guarda pide o apoio dos veciños da Gándara para reclamar á Xunta de Galicia o custo da nova marquesiña que o concello instalará na PO-552
O pasado mércores 28 de marzo celebrouse, no concello da Guarda, unha xuntanza entre os veciños da Gándara que reclaman unha marquesiña na PO-552, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o concelleiro de servizos e veciño da Gándara, Paulino Rodríguez.
O motivo da reunión era o de informar, por parte do concello, das xestións feitas para reclamar, diante da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, a mencionada marquesiña e dar unha solución a problemática que sofren os gandarenses.
Os responsables municipais comunicaron aos veciños de que a responsabilidade de repoñer a marquesiña na Gándara é da Xunta de Galicia dado que ten as competencias sobre o trasporte de viaxeiros e as infraestruturas relacionadas con este servizo, e ademais neste caso, a competencia da estrada PO-552 tamén é da Xunta, dado que pertence a Rede Autonómica de Estradas de Galicia.
Dado que as xestións que se levan facendo dende o concello dende fai máis dun ano para que Mobilidade repoña a marquesiña non deron froito. Vendo, polas últimas comunicacións recibidas no concello, que non existe compromiso firme da Dirección Xeral de Mobilidade, de resolver o problema nun prazo breve. Considerando que os veciños da Gándara están sendo prexudicados pola inacción da administración autonómica ao non asumir as súas responsabilidades, o alcalde da Guarda comprometeuse a que o concello instalará, nun prazo breve, unha nova marquesiña. A súa vez pediu á representación de veciños e veciñas que acudiron a reunión o seu apoio para reclamar da Xunta de Galicia o custo da marquesiña, que polos orzamentos que se manexan dende o concello pode superar os 4000 €.
Municipio de A Guarda
O BNG presenta unha moción sobre o aparcamento do hospital Álvaro Cunqueiro
"O BNG demanda unha solución gratuíta que inclúa ao conxunto da poboación da área sanitaria de Vigo"
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción para ser debatida en pleno na que se demanda á Xunta de Galiza unha zona de libre aparcadoiro no hospital Álvaro Cunqueiro para usuarios e usuarias da área sanitaria de Vigo.
Dende o BNG manifesta que a área sanitaria de Vigo sofre unha dupla dirección no hospital Álvaro Cunqueiro: por un lado, a empresa concesionaria e, pola outra, a parte sanitaria. Ambas as partes teñen que convivir e isto xera problemas de competencias. Alén diso, hai un problema moi claro: unha parte dos servizos non sanitarios pero esenciais para garantir a calidade da asistencia prestada contrátase con criterios de rendemento económico.
"O aparcadoiro privado é a imaxe do negocio previsto. Os guardeses e guardesas como usuarios e usuarias da área sanitaria de Vigo vémonos na obriga de estacionar si ou si nel, cunhas tarifas abusivas, sen posibilidade de alternativa de zona de aparcamento libre", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Solución gratuíta sen localismos
Para o BNG resulta preocupante a situación que se está a xerar coa falta de aparcamento gratuíto para as persoas que teñen que facer uso do hospital, na que es está xerando un enfrontamento entre institucións públicas.
Dende o BNG consideran que, a Xunta de Galiza, é a que ten que afrontar este problema e que as solucións que se están a poñer enriba da mesa por parte de outras entidades locais, non dan solución ao conxunto da poboación usuaria de dito hospital que supera a propia cidade de Vigo.
"A Xunta creou este problema, a Xunta debe solucionalo, evitando así enfrontamentos inútiles que soamente prexudican ás persoas que teñen que utilizar as instalacións do hospital Álvaro Cunqueiro", sinalou Ángel Baz.
BNG de A Guarda
Os traxes rexionais desfilaron polas rúas da Guarda
A 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC), que este ano se celebra na Guarda, celebrou esta mañá a súa inauguración oficial cun desfile de traxes rexionais polas rúas guardesas.
O desfile comezou pouco despois das 11.00 da Alameda e continuou por Concepción Arenal para dirixirse á Praza do Reló baixo a ameaza de choiva que case respectou o percorrido xa que fixo aparición xusto ao chegar á Casa dos Alonso.
Nenos da Guarda abriron o desfile coa bandeira da Federación Española de Clubs Campistas xunto co Grupo Trebón dos Xidos que aportaron o son tradicional galego e que sorprendeu a moitos campistas. No desfile participaron máis de 100 campistas cos seus traxes rexionais, caracterizado pola variedade de cores e elementos propios da vestimenta tradicional de cada unhas das Comunidades Autónomas participantes.
Durante o desfile, veciñas, veciños e visitantes puideron gozar dunha viva mostra da riqueza patrimonial das distintas rexións españolas: desde os característicos lunares e volantes andaluces ata os zocos de madeira asturianos e cántabros, pasando polos chulapos e chulapas madrileñas e as falleras típicamente valencianas.
Xa no interior da Casa dos Alonso e ateigado de campistas e veciños da Guarda deuse comezo ao acto de inauguración da Acampada. O presidente del Camping Caravaning Club de Galicia, D. Juan Cividanes, organizador desta acampada foi quen de comezar o acto de inauguración emocionado e agradecendo a confianza depositada no seu Club para a organización desta acampada sen esquecerse aos compañeiros que colaboraron para o bo funcionamento desta acampada.
Dona Montserrat Magallanes, deputada provincial, agradeceu o bo facer do club organizador e convidou a todos os campistas a coñecer en profundidade o noso patrimonio e gastronomía, ¨porque Pontevedra é pedra e auga, pedra do noso importante patrimonio cultural e auga dos nosos ríos e do mar e tamén da choiva que permite esta paisaxe".
Na intervención do alcalde da Guarda, D. Antonio Lomba, indicou que os campistas gozan dun espazo excepcional no Esteiro do Miño e convidou aos centos de campistas a coñecer en detalle a nosa vila e as nosas xentes ¨contamos con dous BIC o Monte Santa Trega e o seu xacemento arqueolóxico e o Castelo de Santa Cruz, lugares de grande interese¨ e rematou desexando que este encontro sexa un éxito para todos.
Esta acampada é a nivel nacional pero tamén foron convidados clubs portugueses e o presidente da Federación Internacional de Clubs Campistas, D Joao Alves, felicitou a organización e a vila da Guarda pola boa acollida que tiveron. Pechando o acto interviu o Presidente da Federación Española de Clubs Campistas, D. José Vicente Clemente, quen eloxiou a bo traballo realizado polo CCC Galicia - Vigo como organizadores desta acampada.
Despois das intervencións das autoridades e do intercambio correspondente de agasallos procedeuse á inauguración oficial desta 60ª Acampada Nacional onde todos os asistentes uniron as súas mans cantando o seu himno sendo unha mostra máis do compañeirismo e cariño amosaron os campistas durante a xornada.
Aproveitando a súa estadía na Guarda, a FECC celebrará a súa Asemblea Xeral mañá, 30 de marzo, no Centro Cultural, contando coa presenza de representantes de un dos clubs adheridos.
Os preto de 690 campistas participantes nesta nova edición da Acampada Nacional da FECC comezarán a despedirse da nosa vila a partir do domingo, tras máis dunha semana gozando dos atractivos culturais e turísticos da Guarda.
Municipio de A Guarda
A deputada provincial Montserrat Magallanes inaugura a mostra "Nado en pedra"
A institución provincial estivo tamén representada pola directora do centro e o seu director técnico.
A colección de esculturas permanecerá no Castelo de Santa Cruz ata o 2 de maio.
Representantes da Escola de Cantería de Pontevedra e do Concello da Guarda acudiron ao Castelo de Santa Cruz na mañá do pasado sábado, 24 de marzo, para inaugurar a exposición escultórica "Nado en pedra", elaborada por alumnos do centro.
Ao acto de inauguración asistiron a concelleira guardesa e deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes, que desculpou a ausencia de Carmela Silva por cuestións de axenda; a directora da Escola de Cantería, Concepción López Paz; o director técnico e mestre escultor da mesma, Enrique Velasco; o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e outros membros da Corporación municipal.
Segundo destacou a deputada provincial, a exposición itinerante busca realzar o valor da formación que se imparte no centro, dependente da Deputación de Pontevedra, así como por en valor o tradicional oficio da cantería, "un labor que no século XXI tamén ten moito futuro", asegurou.
Enrique Velasco describiu máis polo miúdo o traballo que se desenvolve na Escola, e froito do cal nace esta exposición. Nela, 18 pezas de gran tamaño amosan algúns dos oficios tradicionais máis senlleiros da nosa terra, coa o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá dunha época marcada pola emigración.
O rexedor local, pola súa parte, aproveitou a ocasión para loar o traballo dos escultores e o "magnífico entorno" que ofrece o Castelo de Santa Cruz para gozar do seu traballo. Facendo referencia a isto último, Antonio Lomba propuxo a fortaleza como destino último das esculturas unha vez rematada o seu percorrido polos concellos pontevedreses.
A exposición permanecerá nos xardíns do Castelo de Santa Cruz ata o 2 de maio. Poderá visitarse entre as 10:00 e as 20:00 horas de luns a domingo.
Escola de Cantería de Pontevedra
A Escola de Cantería de Pontevedra comezou a súa actividade en 1979 e, dende 1982, depende da Deputación de Pontevedra. O centro desenvolve as súas actividades como un taller de traballo artesanal en pedra, no que se combinan ensinanzas teóricas e prácticas. Entre os seus obxectivos atópanse os de estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector e conservar e promover o patrimonio da arquitectura tradicional da escultura popular.
Os traballos do alumando e os profesores teñen deixado por todo o mundo pegada do patrimonio arquitectónico popular de Galicia (dende cidades coma Nova Iorque e Bos Aires ata Alemaña), así como a realización de hórreos e outras obras que locen en varios puntos de España e o estranxeiro.
Municipio de A Guarda
A OMIX impulsa un curso de inglés para adultos
a partir do 10 de abril
A Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) do Concello da Guarda organiza un curso de inglés para adultos que dará comezo o vindeiro 10 de abril.
O curso terá unha duración total de 20 horas. O custe será de 25€ (pago único) e poderán inscribirse todas as persoas que desexen por en práctica o idioma, adquirindo ferramentas para manter conversas cotiás. O horario das clases será de 20:00 a 22:00 horas os martes e xoves.
As persoas que estén interesadas en participar, poderán obter máis información e inscribirse na OMIX, a través do teléfono 986 614 546, no correo electrónico información@aguarda.es, ou ben na páxina de Facebook de OMIX A Guarda.
Municipio de A Guarda
Máis de 600 campistas de toda España e Portugal visitan
á Guarda durante esta Semana Santa
Os visitantes realizarán visitas guiadas pola desembocadura do Miño, o Monte Santa Trega e o casco urbano da vila.
Un total de 649 persoas procedentes de tódalas Comunidades Autónomas españolas e Portugal están estes días a gozar das súas vacacións de Semana Santa no Camping Santa Tecla da Guarda, no marco da 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC).
O encontro, organizado polo Camping Caravaning Club de Galicia-Vigo, permite aos visitantes coñecer os atractivos turísticos e culturais da nosa vila. Así, onte pola mañá, algúns dos campistas xa tiveron oportunidade de percorrer a desembocadura do río Miño nunha ruta de sendeirismo acompañados por un guía turístico. Estas visitas guiadas, ofrecidas polo Concello da Guarda, continuarán ata o mércores con percorridos polo Monte Santa Trega e o casco urbano, incluíndo o Castelo de Santa Cruz e o Porto pesqueiro.
Tras estes primeiros días de actividade turística, o xoves chegará a quenda da verdadeira convivencia no entorno do Camping, onde todos e todas as campistas gozarán dun amplo programa de xogos, festas infantís e degustación de produtos típicos.
Entre as actividades programadas, destaca a celebración do desfile de traxes rexionais deste xoves. A partir das 11:00 horas, os participantes nesta 60ª edición do encontro campista nacional percorrerán as rúas guardesas (dende a Alameda) amosando a vestimenta típica de cada unhas das Comunidades Autónomas (infórmase de que en caso de choiva, a mostra de traxes e a inauguración da acampada realizaranse na Casa dos Alonso). O desfile rematará no Auditorio de San Bieito, coa inauguración oficial da acampada e a recepción dos campistas na Guarda.
Municipio de A Guarda
Convocatoria dun proceso selectivo para a contratación dun guía turístico para o Monte Santa Trega
O Padroado Municipal do Monte Santa Trega ven de convocar un proceso selectivo para a contratación laboral temporal dun/unha guía turístico para o Monte Santa Trega. A contratación terá unha duración de 6 meses, prorrogables ata un máximo de 8 meses.
As bases da convocatoria, así como os formularios de solicitude de participación no proceso, atópanse a disposición das persoas interesadas no Rexistro Xeral e na sede electrónica do Concello da Guarda. O prazo para a presentación das solicitudes é de 10 días naturais a contar dende o día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO Nº60, 26/03/2018).
Municipio de A Guarda
O Concello da Guarda e Viaxes Eroski organizan unha saída ao Courel
Este ano organizase de novo unha fin de semana no Courel despois da boa experiencia do pasado ano. Polo que o Concello da Guarda e Viaxes Eroski organizan unha nova edición na que se volverá a desfrutar da gran riqueza natural e paisaxística desta Serra luguesa.
As datas escollidas son os días 12 e 13 de maio e realizaranse dous percorridos pola Serra do Courel. A actividade inclúe desprazamento de ida e volta en autocar e pensión completa en aloxamento rural por un prezo estimado de 89 € por persoa.
A saída será o sábado 12 ás 8.00 horas e o regreso o domingo día 13 a partir das 20 horas.
Esta actividade conta con prazas limitadas e os interesados teñen que inscribirse do 2 ao 6 de abril. Tanto para realizar estas inscricións como para consultar máis información poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.
Municipio de A Guarda
Este domingo comeza a traballar a nova empresa adxudicataria do Servizo de Limpeza Viaria
Este domingo, 1 de abril, comezará a prestar o seu servizo a nova empresa adxudicataria do Servizo de Limpeza Viaria no Concello de Tui. Tras o proceso de licitación resultou adxudicataria do servizo General de Asfaltos y Servicios, S.L. (GEASER) por un importe de 210 mil €/ano. O período do contrato será de 4 anos. Deste xeito regularízase a situación deste servizo e se amplía a cobertura do mesmo á práctica totalidade do casco urbano, segundo explica o concelleiro de Limpeza Antonio Castro. O edil sinala que a principal novidade en canto ao servizo que se viña prestando até o de agora, amais da ampliación do ámbito- está na mecanización de parte dos labores co emprego de maquinaria tanto para o barrido coma para o baldeo das rúas.
En concreto o contrato recolle a limpeza de calzadas, beirarrúas, contedores, parterres, zonas peonís, así coma o baleirado e limpeza de papeleiras, a limpeza de herbas, a limpeza de pintadas e a retirada de carteis colocados en lugares non autorizados, ou de entullos vertidos de forma incontrolada. Tamén contempla limpezas de emerxencia de restos por exemplo deixados por choivas cuantiosas, ou limpezas especiais ante a previsión de celebración de eventos.
Municipio de Tui
A música e o baile será a protagonista no primeiro domingo das festas de San Telmo
Nove grupos tudenses participarán no Festival Folclórico ás 18h no Teatro Municipal
A música e o baile serán os protagonistas no primeiro domingos das festas de San Telmo, este domingo 1 de abril. A Charanga "Cantos Somos" actuará polas rúas de Tui entre ás 12h e ás 14h animando así a segunda xornada festiva.
Pola tarde ás 18h comezará no Teatro Municipal o Festival Folclórico Festas de San Telmo con entrada libre ata completar a capacidade do patio de butacas. Participarán os grupos Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, baile e gaitas da Asociación do Traxe Tradicional de Tui, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns que ofrecerán unha boa mostra do alto nivel que teñen estas agrupacións.
A orquestra Miramar actuará no Paseo da Corredoira ás 18h e ás 20.30h, e a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá un concerto no mesmo paseo ás 19.30h, aínda que en caso de choiva esta última actuación cancelarase.
Programación Festas de San Telmo - Domingo 1 de abril
" 12.00-14.00 h Actuación polas rúas de Tui da Charanga "Cantos Somos".
" 18.00-21.00 h No Teatro Municipal, Festival Folclórico Festas de San Telmo coa participación do grupos Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, baile e gaitas da Asociación do Traxe Tradicional de Tui, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns. *Entrada libre ata completar capacidade.
" 18:00-19:30 h No Paseo da Corredoira verbena coa Orquestra Miramar.
" 19.30-20.30 h No Paseo da Corredoira concerto da Banda de Música Popular de Tui. *En caso de choiva cancelarase.
" 20:30-22:00 h No Paseo da Corredoira verbena coa Orquestra Miramar.
Municipio de Tui
O pregón de Antón Corral abre este sábado as festas na honra a San Telmo 2018
O acto celebrarase no Teatro Municipal ante a previsión de choiva. Actuará a banda de gaitas Xarabal
A lectura do pregón das festas de San Telmo a cargo do mestre Antón Corral abrirá este sábado oficialmente as festas na honra a San Telmo 2018. O acto celebrarase ás 19.30h no Teatro Municipal de Tui, aínda que estaba previsto que se celebrase na praza de San Fernando, as previsión de choiva fixeron que se tivera que cambiar o emprazamento. Amais do pregón intervirá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o actuará a Banda de Gaitas Xarabal, fundada por Antón Corral. A entrada para o acto será libre até completar a capacidade do teatro.
A continuación terá lugar o acendido do alumeado das festas 20.30 h e se o tempo o permite desfilarán polas rúas de Tui os Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro.
O mestre Antón Corral
Antón Corral foi designado polo Concello de Tui - acordo plenario do 22 de marzo de 2018 - coma pregoeiro das Festas de San Telmo 2018. É unha figura clave na recuperación e pulo da música tradicional e dos instrumentos tradicionais en Galicia. Dende 2008 reside en Tui onde xunto ao seu neto, Ramón Corral, creou o obradoiro Antón Corral.
Antón Corral naceu na Coruña o 11 de xullo de 1936. A súa infancia e adolescencia transcorreu na cidade de Lugo, onde tivo os primeiros contactos coa música. Foi membro da Banda de Infantería na Escola Militar de Infantería en Santiago de Compostela. Foi membro de Os Modernos, Os Montes,... creou o seu primeiro obradoiro, coa colaboración da súa dona Isaura Fernández, no baixo da súa casa na cidade de Lugo. En 1975 converteuse en artesán da Escola taller da Deputación de Lugo, e a comezos do ano 1979 trasladase a Ortigueira onde continua traballando en avances que xa iniciara nos instrumentos e crea o seu primeiro grupo de zanfonas, pitos e requintas. Máis tarde crea o obradoiro didáctico "Soutelo de Montes", e nos oitenta sumouse á Universidade Popular de Vigo. Na cidade olívica levou a cabo un labor investigador que o levou a construír o primeiro organistro en Galicia para ser tanxido, a imaxe do esculpido en pedra no Pórtico da Gloria. Creou o grupo didáctico musical coa intención de divulgar os instrumentos populares galegos, entre eles o organistro, e organizou unha banda de gaitas en 1984 co nome de Xarabal, que dirixiu ata despois da súa xubilación no ano 2001.
Dende 2008 reside en Tui onde en San Bartolomeu formou ao seu neto Ramón Corral como artesán e creou o Obradoiro Antón Corral de Tui, e formou un novo grupo didáctico.
No seu haber conta con numerosos premios e recoñecementos entre eles a "Gaita de Ouro" do Ateneo de Ferrol (Ferrol,1996), o Premio Opinión de 2009, outorgado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, ou o Premio Honorífico Martín Códax da Música (Pontevedra 2016). En 2016 a editorial Canela publicou o biografía Antón Corral. A Alborada dun Soño da autoría de Fina Fernández.
O venres 26 de xaneiro de 2018 celebrouse no Teatro Municipal de Tui a Gala Homenaxe ao mestre Antón Corral na que participaron Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, Anxo Pintos, Pancho Álvarez, a banda de gaitas Xarabal, o grupo Santa Columba de Ribadelouro, e as bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e Arume de Malvas.
Programación Festas de San Telmo - Sábado 31 de marzo
" 19.30 h No Teatro Municipal de Tui lectura do Pregón das Festas a cargo de D. Antón Corral. Actuación de Banda de Gaitas de Xarabal. Capacidade limitada.
" Acendido do alumeado das festas
" 20.30 h Dende a Praza de San Fernando, pasando pola Praza da Inmaculada e ata a Área Panorámica, desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro.
Municipio de Tui
A 28 de marzo ábrese o prazo de presentación de solicitudes ás axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación do conxunto histórico de Tui
Os interesados teñen un prazo de 2 meses para realizar a tramitación
A 28 de marzo, ábrese o prazo de presentación de solicitudes ás axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación do conxunto histórico de Tui. O BOP recolle hoxe a publicación dun extracto das "Bases reguladoras e convocatoria pública para solicitar axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na área de rehabilitación con Conxunto Histórico de Tui" aprobadas o 5 de marzo do 2018 da Xunta de Goberno Local.
Poderán solicitar estas axudas propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades, os consorcios e os entes asociativos de xestión. O importe máximo da subvención é do 45% do custo subvencionable das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas que se realicen, e unha contía máxima por vivenda obxecto de rehabilitación de 15.000 euros (excluídos impostos, taxas e tributos).
As vivendas con axudas á rehabilitación deberán destinarse a domicilio habitual e permanente do/a seu/súa propietario/a, ou ao arrendamento polo menos durante 3 anos trala finalización das obras de rehabilitación.
Tres barrios son os que se inclúen no ámbito delimitado pola Área de Rehabilitación do Conxunto Histórico Artístico de Tui a Cidade Medieval, San Domingos e San Bartolomeu.
O prazo de presentación de solicitudes destas axudas é de dous meses. Pódese ampliar esta información na oficina da ARI os martes e xoves na casa do concello de Tui de 9 a 14h ou enviar un correo a ari@concellotui.org.
Municipio de Tui
A Carreira Popular de San Telmo celebrarase o sábado 7 de abril
Con carácter popular e solidario, espera reunir a máis de 800 participantes, dende os 3 anos
Até o próximo mércores, 4 de abril, está abertas as inscricións para a Carreira Popular de San Telmo que, neste ano 2018, se celebrará o sábado 7 de abril. A proba disputarase a partir das 11.00 horas, dende o Paseo da Corredoira organizada polo Club Atletismo Tui-Thermalia e o Concello de Tui.
A proba contará con participantes de todas as categorías, dende pitufos, nados en 2013, 2014 e 2015, ata veteranos, a partir dos nacidos en 1972, esperando un número aproximado de 800 corredores.
As inscrición poden realizarse cumprimentando o formulario, a través da páxina web https://clubatletismotui.wordpress.com/carreira-san-telmo/ ata o mércores 4 de abril, sendo a carreira gratuíta, aínda que cada participante deberá doar un quilo de alimento non perecedoiro para entregar a Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño.
Municipio de Tui
Tui prepárase para celebrar dez días de festa na honra a San Telmo
Do 31 de marzo ao 9 de abril a cidade acollerá actividades infantís, culturais, musicais, gastronómicas, deportivas...
Nunha semana, o sábado 31 de marzo, comezan oficialmente as festas na honra a San Pedro González Telmo que se van celebrar en Tui até o luns 9 de abril. O programa de festexos foi presentado esta mañá polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, xunto a todo o equipo de goberno, Antonio Castro, Estrella Carmen Muradas, Yovana Velázquez, Mila González, Andrés Urseira e Mª Jesús Silva.
As festas, segundo explicou o alcalde, Carlos Vázquez Padín, terán un carácter máis rueiro buscando aproveitar os lugares que ten a cidade para acoller distintos actos. Coma exemplo citou que a lectura do pregón, que marca o inicio oficial das festas, terá lugar este ano na praza de San Fernando, onde o mestre Antón Corral será o pregoeiro, e actuará a Banda de Gaitas Xarabal, que creou e dirixiu. Os xigantes e cabezudos desfilarán na primeira xornada festiva xunto ao grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro, e será acendido o alumeado das festas.
Salientou tamén Carlos Vázquez Padín, que as festas - que terán un orzamento superior aos 100 mil euros, pero inferior o das festas de 2017 - serán equilibradas e terán un toque diferenciador coa Festa do Meixón que se celebra en 5 restaurantes ata o 9 de abril.
O domingo 31 a charanga Cantos Somos, a Banda de Música Popular e a orquestra Miramar porán a nota musical, mentres que os grupos Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, baile e gaitas da da Asociación do Traxe Tradicional de Tui, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns, serán os protagonistas do Festival Folclórico que se celebrará no Teatro Municipal dende as 18h.
Actividades infantís
Do luns 2 ao venres 6 os nenos e nenas terán actividades específicas para eles, coas que se busca ofrecerlles unha alternativa de lecer durante as vacacións e escolares e contribuír á conciliación familiar. Así polas mañá de 11 a 13h na Área Panorámica haberá actividades infantís da man de Chirlomirlo, e pola tarde na Sala Félix Rodríguez ás 16h proxectarase unha película de cinema. En ambos casos non é preciso inscribirse previamente, son actividades con entrada libre até completar a capacidade do local.
X Semana de Teatro Afeccionado e música coral
A Semana de Teatro Afeccionado celebrará a súa décima edición do luns 2 ao sábado 7 no Teatro Municipal de Tui onde os grupos Mesturanzas de Areas, Santiago de Malvas, Aloia de Pazos de Reis, San Fins de Rebordáns, e Atalaia do Centro Sociomomunitario de Tui presentarán as súas últimas montaxes, en moitos casos en estrea. Amaias as tres corais de Tui do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo no centro Amoralia e nas Residencias San Telmo e Paz y Bien.
O deporte tamén será protagonista nas festas
O mércores 4 será o día do deporte con actividades de bádminton, judo, tenis de mesa e xadrez no Paseo da Corredoira de 11 a 14h, e con tenis de mesa ás 16 e patinaxe ás 18h amais de estar prevista unha exhibición de kaiak polo e de slalom na piscina municipal dende ás 16h e a partir das 20.30h haberá partidos exhibición de pádel nas pistas do Liceo Casino.
Amais coma novidade no ámbito deportivo a Carreira Popular de San Telmo celebrarase este ano o sábado 7 dende ás 11h no Paseo da Corredoira baixo a organización do Club Atletismo Tui, previamente ás 10h sairá tamén da Corredoira a Andaina Festas de San Telmo organizada polo club AndaTui. Se incorpora amais no programa a Epic Race de BTT que percorrerá o paseo fluvial dende ás 7 da madrugada do sábado ás 9 da mañá do domingo. A Copa San Telmo na que se enfrontará o Tyde F.C. e o S.C. Valenciano, e a III Clásica Manuel Alfaro de coches clásico son outras das actividades previstas para o sábado. Mentres está pendente de confirmarse se finalmente o luns de San Telmo haberá partido de fútbol entre o R.C. Celta e un equipo de primeira división de Portugal, xa que polo momento non hai rival para o equipo vigués.
Broken Peach, la Edad del Oro del Pop Español, Kubo e Panorama
Son dous os concertos previstos este ano nas festas. Por unha banda o venres 6 ás 23.30h actuará no Paseo da Corredoira o grupo Broken Pech, unha banda de soul e rock formada en 2009 que presenta uns directos cunha coidada estética e un amplo repertorio. Previamente actuará dj Gramola.
O domingo 8 ás 22.30h chegará á rúa Compostela o concerto "La Edad del Oro del Pop Español" no que o público poderá disfrutar cos grandes clásicos do pop nacional da man de Pablo Perea (La Trampa), Alberto Comesaña (Amistades Peligrosas), Joaquín Padilla (Iguana Tango), e Chus Herranz.
A orquestra Kubo presentará en Tui o maior escenario de Europa de máis de 27 metros nunha actuación prevista na noite do sábado 7 na rúa Compostela. Neste mesmo lugar actuará o luns 9 a orquestra Panorama. O cartel das verbenas o completan Miramar, Solara, e Pontevedra. No eido musical se celebrará tamén o festival de Karaoke o venres dende as 19h no Paseo da Corredoira.
Food Trucks e Festa do Meixón na oferta gastronómica
Amais da Festa do Meixón que hoxe comeza en 5 restaurantes o venres 6 está previsto un mercado de Food Truck no Paseo da Corredoira no que o público que se achegue poderá degustar distintas variedades gastronómicas.
O luns 9 - Día de San Telmo
As festas na honra a San Telmo pecharanse o luns 9 de abril, xornada na que dende primeira hora se celebrará a Feira Cabalar en San Bartolomé, onde amais da compra venda de gando tamén haberá distintas exhibicións previstas.
A charanga Cantos Somos e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, serán as encargadas da música na última xornada de festa, onde tamén estará presente a Banda de Guerra da Brilat. Os actos relixiosos comezarán xa pola mañá coa misa na honra a San Telmo e a procesión pola Coronilla, e pecharanse ás 21h coa solemne procesión que percorrerá as principais rúas da cidade. A tirada de fogos de artificio marcará o peche das festas.
Municipio de Tui
|