JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000


Horário do Ferry


O PP e Portos de Galicia esquivan as demandas do BNG para o novo acceso ao porto da Guarda

"É inaudito que o acceso sur non estivese na axenda da reunión entre o Alcalde da Guarda e o Director de Portos de Galiza"

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO considera unha oportunidade perdida a reunión que mantiveron o Alcalde da Guarda do PSOE e o Director de Portos de Galiza do PP hai uns días na Guarda. O BNG lembra que xa van catro visitas no que vai de ano e ningunha mención seria sobre o novo acceso ao porto da Guarda.

Para o BNG queda claro que tanto para o PP como para o PSOE non é prioritario o novo acceso ao porto guardés, dado que non transcendeu absolutamente nada nos medios sobre esta infraestrutura fundamental para o futuro desenvolvemento do concello da Guarda. Un acceso digno, acondicionado para desenvolver o porto como motor económico da Guarda.

O BNG quere lembrar que existe un acordo plenario, trala moción presentada polos nacionalistas, para a posta en marcha dun proxecto para a realización dun acceso ao porto da Guarda distinto ao que temos actualmente, dado que a rúa Concepción Arenal perdeu tal condición de acceso portuario para ser unha das rúas máis transitadas do concello.

"O PP e o PSOE xogaron co acceso ao porto durante décadas e seguen a xogar. Non entendemos porque outros portos melloraron os seus accesos e o da Guarda non. A caso non ten dereito o noso sector pesqueiro a estas melloras para poder seguir traballando?", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda.

A proposta do BNG que desvincula o aceso sur do PXOU tendo a Xunta as competencias para a súa construción. Agora é o momento de que o PP salde a débeda histórica que ten coa Guarda e poña os cartos para realizar esta obra.

O BNG seguirá reclamando tanto ao Concello da Guarda como ao goberno da Xunta un compromiso firme para a realización do novo aceso ao porto da Guarda, como infraestrutura fundamental para o desenvolvemento do futuro do concello.

BNG A Guarda


EMPRENDER A TRAVÉS DAS NOVAS TECNOLOXÍAS FORMACIÓN PRESENCIAL PARA A XUVENTUDE EMPRENDEDORA

A Asociación Érguete Baixo Miño convoca un curso para Emprender a través das Novas Tecnoloxías baixo a colaboración da Concellería de Política Social - Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado- dentro do Programa Iniciativa Xove.

Trátase dun proxecto encamiñado a crear un espazo de comunicación para a mocidade sobre as potencialidades de uso das novas tecnoloxías ao mesmo tempo que se fomenta a idea de empregabilidade a través da rede.

Esta actividade está dirixida a mozos e mozas desempregados/as preferentemente de entre 16 a 35 anos. O horario é de 16:00 a 21:00 h. os luns, mércores e venres.

Iniciaremos estes talleres o 25 de setembro e finalizaremos o 13 de outubro, cubrindo un total de 50 h. e onde emitiremos un certificado de participación.

O taller completo é gratuíto e temos como emprazamento a Aula de Informática de San Benito (Praza San Benito, 2-3 -36780 de A Guarda). É imprescindible realizar a inscrición a través do formulario que atoparás na web www.erguete.org

Os módulos temáticos son os seguintes:
- Talller "MARKETING DIXITAL" - 10 h.
a. Que queres facer?
b. Como o queres facer?
c. Cando o vas a realizar?
d. Onde o vas a facer?
- Taller "REDES SOCIAIS" - 20 h.
a. Cal será a máis acertada para a túa idea?
b. Utilización da rede
- Taller "APPS" - 15 h.
- Proxecto individual - 5 h.

Érguete Baixo Miño


Que facer a fin de semana: catro concertos, catro exposicións e a última visita teatralizada

Dende esta tardiña e ata o domingo, A Guarda acollerá diversas actividades culturais para gozar ao aire libre en diferentes puntos da vila. Ademais, contamos cunha variedade de exposicións -pintura, fotografía ou filatelia- que permanecerán abertas durante a fin de semana.

Os veciños, veciñas e visitantes que non desfrutaron aínda das visitas teatralizadas polo casco histórico da nosa localidade, teñen esta tarde a súa última oportunidade. Da man dos actores da compañía Os Quinquilláns, A Guarda realizará por última vez unha viaxe a 1930, na a señorita Rosario e o señor Mariñas guiarán aos participantes polos monumentos e lugares emblemáticos do centro da vila, partindo da praza da Igrexa ás 21 h. Ao final do percorrido, xa no porto guardés, poderemos gozar da actuación de Paco Nogueiras.

A oferta musical desta noite complétase con concertos da Festa do Comercio, organizada pola Comisión de Festas da Guía. A praza de Avelino Vicente acollerá as actuacións da Aretha Franklim Tribute Band, cos mellores temas da lexendaria raíña do soul, e o grupo de música tradicional Abóbriga. Ademais, haberá unha exhibición deportiva de Dani Comesaña.

As Festas na honra da Virxe da Guía continuarán mañá no barrio de Ribadavila coa Misa Solemne ás 11:30 horas, cantada polo Coro Parroquial. Deseguido, celebrarase a procesión, que contará coas actuacións dos grupo A Boalheira e Terceira Idade.

A fin de semana rematará cunha nova entrega de "Música nas prazas". Nesta ocasión, a praza de San Marcos será o escenario do concerto que o grupo de pop-rock guardés Perseide ofrecerá a partir das 20 h. En caso de chuvia, a actuación trasladarase ás instalacións do Centro Cultural. Lembrade que a programación de "Música nas prazas" rematará o próximo venres 15 de setembro coa actuación de Argonat Band, na praza da Gándara ás 21 h.

Cinco exposicións para visitar

Ata este sábado poderedes visitar no Centro Cultural a exposición fotográfica "De Pontevedra a Río 2016", unha homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos dos Xogos de Río celebrados o pasado ano.

Pola súa parte, a exposición "20 anos a Fondo coa solidariedade" estará ata o domingo na Praza do Reló, ofrecendo un repaso das accións emprendidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade durante os seus 20 anos de actividade. Tamén ata o domingo, permanecerá na Casa dos Alonso a XXI Exposición Filatélica "Exfimiño 2017". Organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, a mostra permanecerá aberta de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

Máis tempo teremos para visitar a exposición de pintura ao óleo "Catro médicos polo Baixo Miño", que estará ata o 24 de setembro no Centro Cultural cunha colección de creacións artísticas elaboradas por médicos da comarca apaixonados da pintura.

Lembramos que o horario do Centro Cultural ata o 15 de setembro será de 9 a 14 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábados. A partir do 16 de setembro, comezará o horario de inverno: de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábado.

Municipio de A Guarda


Curso de "PLANTAS MEDICINAIS"

O luns día 2 de outubro, a Asociación Érguete Baixo Miño a través do Programa "Depo en Marcha" da Deputación de Pontevedra, comeza un novo Curso de "Prantas Medicinais".

Este curso está encamiñado a mellorar a calidade de vida das persoas, preferentemete persoas maiores de 50 anos, optimizando as oportunidades de saúde e de participación. Como obxectivos do curso destacamos :

- Promover un espazo de encontro e de intercambio de experiencias.
- Mellorar as relacións sociais, a participación e a cooperación.
- Coñecer e diferenciar os tipos de prantas con capacidades terapeúticas.
- Coñecer as ferramentas básicas para o desenvolvemento da actividade e as orixes destas técnicas e procesos.
- Coñecer e aplicar as técnicas de semente, coidado, recolección e tratamento das prantas medicinais.

A duración do curso é de 30 horas, que se impartirán todos os luns dende o 2 de outubro ata o 18 de decembro, en horario de 18:30 a 21:00 h.

O custe do curso é de 6 € e o prazo de inscrición remata o 20 de setembro.

Érguete Baixo Miño


O Concello da Guarda recomenda medidas de racionalización da auga

Por mor da ausencia de precipitacións durante os últimos meses, estase a notar unha diminución do caudal nos mananciais que provén de auga A Guarda. Igualmente, o abastecemento de auga procedente de Tui está a sufrir restricións pola limitación da capacidade de depuración respecto da demanda dos concellos aos que subministra.

Co ánimo de evitar males maiores, dende o Concello da Guarda e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, aconsellamos a todos os veciños e veciñas da localidade que fagan un uso razoable da auga, en previsión de que esta situación de escaseza de precipitacións continúe.

Neste sentido, informamos de que vaise a restrinxir o abastecemento da auga nas duchas e lavapés das praias, así como nas fontes públicas. Consideramos que estas medidas son perfectamente asumibles polos usuarios das praias e pedímoslle comprensión pola incomodidade que poida causar.

Municipio de A Guarda


A Policía Local da Guarda vixiará e regulará o aparcamento na rúa do Porto

O Concello da Guarda leva anos reclamando un acordo co ente público Portos de Galicia co fin de facultar á Policía Local para que esta poda actuar na zona portuaria non restrinxida, impedindo o estacionamento irregular.

Fai un ano, o único que se conseguiu foi unha proposta de convenio por parte de Portos de Galicia que supoñía a asunción dunhas condicións dificilmente asumibles polo Concello xa que, entre outras cousas, propoñía que a Policía Local da Guarda remitise as denuncias á entidade autonómica para que esta se fixera cargo da súa tramitación. Isto, de feito, implicaba que a Policía Local estivera traballando para Portos de Galicia.

Vista unha sentencia contra a autoridade portuaria na que se recoñecía á Policía Local como competente para actuar nas vías de acceso libre aínda cando estas sexan competencia de Portos de Galicia, dende o Concello solicitouse o estudo do caso particular da Guarda.

As conclusións de base legal indican que o Concello e a súa Policía Local teñen autoridade para regular, ordenar, vixiar, sancionar e denunciar nos temas relativos ao tráfico e á seguridade viaria nas vías urbanas competencia da entidade pública. É por isto que informamos de que a partir de agora a Policía Local realizará labores de vixilancia e información para evitar as infraccións de tráfico, regulará o aparcamento e mellorará a seguridade viaria no porto da Guarda.

Municipio de A Guarda


A exposición conmemorativa dos 20 anos do Fondo Galego de Cooperación chega á Guarda

A mostra, composta por paneis informativos sobre os proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos e as actividades de concienciación, permanecerá na Praza do Reló do 1 ao 10 de setembro para dar a coñecer a entidade, da que o Concello guardés é socio.

A mostra "20 anos a Fondo coa solidariedade", coa que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora o seu vixésimo aniversario, amosarase na Guarda entre os días 1 e 10 de setembro. Os paneis da exposición permanecerán instalados na Praza do Reló para divulgar o labor realizado por esta rede de administracións locais comprometidas coa solidariedade internacional, e recoñecida como axencia municipal da cooperación galega.

O obxectivo da exposición, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro, é dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento. Para isto, os paneis que compoñen a mostra dan un repaso pola orixe do Fondo Galego e os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos, así como as actividades de sensibilización acometidas en Galicia, entre outros contidos.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Municipio de A Guarda


A Pro-Monte apraza novamente a votación sobre a disolución e pedirá un informe xurídico á Xunta

A Xunta Directiva da Sociedade Pro-Monte Santa Trega continuou na tarde deste luns coa Xunta Extraordinaria comezada o pasado xoves 10 de agosto convocada polo presidente en funcións, Antonio Martínez, co obxectivo de decidir sobre o destino da institución e o seu patrimonio.

Amais do presidente, asistiron á reunión na Casa Parroquial o tesoureiro Manuel Martín Goyás, o vicesecretario Miguel Sobrino e os vogais Florentina Andrés Álvarez e Jesús García Villadóniga.

Nova cancelación da votación

Ao comezo da sesión e tras facer entrega aos membros da Directiva dos documentos da institución, tal e como se tiña acordado na sesión do pasado luns 21 de agosto, Antonio Martínez expresou a súa clara vontade de realizar nesta terceira convocatoria a votación sobre a disolución, en cumprimento do obxectivo para o que se tiñan convocado.

Para o mantemento da súa postura, o presidente en funcións basease, segundo explicou, no informe xurídico elaborado pola Deputación de Pontevedra, segundo o cal ante a ausencia de socios en activo corresponde á Xunta Directiva decidir sobre o futuro da sociedade.

Engadiu, como fundamentos legais que "amparan" a súa posición, un novo informe xurídico elaborado polo avogado do Concello da Guarda no que, en interpretación do establecido no Código Civil e a Disposición Transitoria Primeira da Lei Orgánica 1/2002, a ausencia de pagos das cotas dos socios durante máis de tres décadas implicaría unha xustificación legal suficiente para a disolución da institución, por inactividade da mesma e/ou por terse alcanzado os fins para os que foi creada.

A pesar dos informes xurídicos presentados, Miguel Sobrino propuxo solicitar un novo informe á "entidade da Xunta que vela por estas cuestións", segundo afirmou o vicesecretario.

Dadas as discrepancias entre os membros da Directiva, a votación sobre a disolución da Sociedade Pro-Monte Santa Trega quedou novamente suspendida nesta terceira convocatoria, quedando pendente o establecemento dunha nova data de reunión unha vez se obteña o devandito informe da Xunta de Galicia.

Municipio de A Guarda


Abre o prazo de inscrición nas actividades deportivas anuais para adultos

A partir de 5 de setembro, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) abriu o prazo de inscrición nas actividades anuais de aerobic, pilates e multiximnasia, dirixidas principalmente á poboación adulta. Os horarios previstos das actividades son:
" Aerobic: martes e xoves de 20:30 a 21:30 horas
" Pilates: martes e xoves de 19:00 a 20:00 horas
" Multiximnasia: luns e mércores de 11:00 a 12:00 horas

Os prezos mensuais son de 20 euros para aerobic, 22 euros para multiximnasia e para pilates, 28,50 euros.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán dirixirse á OMIX do Concello da Guarda no seu horario de apertura ao público de 8:00 a 15:00 horas, chamando ao teléfono 986 614 546, ou ben a través de correo electrónico, dirixindo a súa solicitude a información@aguarda.es.

Municipio de A Guarda


A Xunta comprométese a cofinanciar a construción dunha nova escola infantil na Guarda

Dende comezos da lexislatura no ano 2015, véñense mantendo xuntanzas entre o Concello da Guarda, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e a Consellería de Política Social nas que o alcalde da localidade, Antonio Lomba, reclama á inclusión da escola infantil municipal na rede de escolas infantís Galiña Azul xestionadas polo Consorcio, así como o aumento de prazas para nenas e nenos de entre 0 e 3 anos.

Dende o Concello, a instancia do Conselleiro, estudáronse dúas opcións para a ampliación das prazas dispoñibles na nosa localidade: a ampliación da escola infantil xa existente ou ben a construción dunha nova escola, habilitando o edificio das antigas vivendas do colexio Manuel Rodríguez Sinde. Tanto dende o punto de vista técnico como económico, o goberno local considera como mellor proposta a construción dunha nova escola, o que permitirá, ademais, a recuperación dun edificio emblemático da Guarda.

Na reunión mantida o pasado mércores en Santiago de Compostela, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente, trataron os temas relativos os centros intantís arriba mencionados. Nesta liña, o conselleiro adquiriu o compromiso de cofinanciar a construción dunha escola intantil na Guarda.

Con todo, o Concello encargará nos próximos días o proxecto de execución do novo centro, que contará co asesoramento dos técnicos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, co obxectivo de dar a coñecer nun breve prazo o custo total da obra á Consellería de Política Social e, deste xeito, poder ser tidos en conta nos orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo ano, no caso de que o Goberno autonómico o estime oportuno.

Municipio de A Guarda


Portos atrasa inxustificadamente a colocación dunhas xardineiras na rúa peonil do Porto

O Concello da Guarda ven reclamando a Portos de Galicia dende fai un ano a colocación duns bolardos retráctiles para restrinxir o acceso de coches á zona peonil da rúa do Porto, co obxecto de mellorar a seguridade viaria e evitar o estacionamento irregular. Dado que non se acadou o compromiso da entidade pública para acometer a instalacións destes elementos, o goberno local tomou a decisión de construír, facendo uso de fondos propios, unhas xardineiras móbiles que cumpran o mesmo fin.

Para poder proceder á colocación, solicitouse o permiso de instalación das devanditas macetas á entidade dependente da Xunta de Galicia en agosto do pasado ano e, ao non obter resposta, reiterouse a solicitude en outubro de 2016.

A resposta de Portos informou da necesidade de asinar un convenio entre as partes no que se establezan os termos de xestión e mantemento da instalación solicitada. Así as cousas, o convenio proposto pola entidade pública, xa en febreiro deste ano, incluía toda unha serie de condicións abusivas polas que o Concello, para proceder á instalación das xardineiras, debería facerse cargo do mantemento da rede de abastecemento de auga, as redes de saneamento e de alumeado público, o mantemento dos distintos firmes, pavimentos e sinais de circulación e o custe do consumo eléctrico do alumeado público, entre outras obrigas.

En vista das desmedidas condicións esixidas por Portos de Galicia, o Concello da Guarda propuxo unha modificación das bases, toda vez que as tarefas de mantementos non son competencia do Concello e non se axustan ás características da actuación que se pretende, isto é, a simple colocacións de dúas xardineiras para regular o tráfico nunha rúa competencia da entidade pública.

Unha vez negociado o convenio, coas modificacións suxeridas polo goberno local, este asinouse o pasado mes de xullo. Non obstante, dende Portos indicouse que as xardineiras non poderían ser colocadas ata que un técnico da entidade se desprazase ata A Guarda para asinar unha acta de replantexo. A día de hoxe, a punto de finalizar o verán e despois de reiterados contactos por parte do Concello -e a pesar de ter xa o convenio asinado-, Portos de Galicia aínda non deu a autorización definitiva cumprindo co trámite de asinar a acta de replantexo.

Con todo, resulta difícil de xustificar as dificultades que Portos de Galicia pon para esta actuación tan importante e tan sinxela, que nin sequera se pode considerar unha obra, senón unha mera instalación de mobiliario como é a colocación dunhas xardineiras que mellorarán a seguridade na

Municipio de A Guarda


Gastronomía, xustas medievais, actividades no río Miño e moito máis é o que chega esta fin de semana da man de Arraianos

O Festival Arraianos foi presentado esta mañá na sala de plenos do Concello de Tui

Esta mañá tivo lugar na sala de plenos do Concello de Tui a presentación da segunda edición do Festival Arraianos, que se vai celebrar esta fin de semana na cidade.

A presentación correu a cargo do teniente de alcalde do Concello de Tui, Miguel Ángel Capón, da concelleira de Ensino e Cultura, Mª José González, de Andrea Costa e Víctor Pérez Bugarín, da organización do Festival da Cultura Arraiana, e de dous representantes de Hípica Celta, Sergio Pérez e WaskarYoet Álvarez.

O venres ás 21h dará comezo o festival cos apertura do Mercado Arraianos e ás 23h terá lugar o espectáculo inaugural na praza de San Fernando. As actividades sucederanse durante as xornadas do sábado e do domingo, cando terminará o festival co acto de clausura ás 21.30h na praza de San Fernando e o peche definitivo do Mercado Arraianos ás 23h.

As propostas inclúen novidades como o Torneo Medieval ou a carreira "Á conquista do Miño", mentres menten a súa aposta por actividades como o Survival Zombie Medieval ou o banquete na noite do sábado.

Programa

VENRES 8 — 21.00h - Comeza o Mercado Arraianos con animacións, artesanía e gastronomía (terá un parón dende as 16:00h ata as 19:00h sábado e domingo) — 23.00h - Espectáculo inaugural na praza de San Fernando

SÁBADO 9 — Ás 12.00h - Apertura do Mercado Arraianos — Ás 12.30h - Carreira medieval en Kaiak "Á Conquista do Miño" con saída dende a praia da Mariña — Ás 16.00h - Comezo do "Campamento Medieval" — Ás 19.00h - Desfile Musical Cultural en Colaboración con Lembranzas da Terra de Guillarei. Paseo da Corredoira e Praza de San Fernando — Ás 20.30h - "Torneo Medieval" na Mariña — De 21.45h a 00.30h - "Banquete da Noite de Curuxas". Banquete medieval con animación — De 23.00h a 7.00h "Survival Zombie Medieval" da WRG. — 01.00h - Espectáculo da "Noite de Curuxas" na praza de San Fernando

DOMINGO 10 — 12.00h - Mercado Arraianos — 12.00h - "Campamento Medieval" — 12.00h - Conferencia do século XVII sobre o patrimonio e historia da cidade de Tui no cárcere vello. Entrada libre — 16.00h - Visitas Teatralizadas — 19.30h - "Torneo Medieval" na Mariña — 21.30h - Clausura de Arraianos na praza de San Fernando — 23.00h - Peche do Mercado Arraianos

Concello de Tui



Tui conta cunha nova senda sinalizada de dez quilómetros de lonxitude

A capela da Virxe do Camiño, a Ponte das Febres e os pontillóns sobre o Louro e o Lagartón son algúns dos puntos por onde pasa a senda da Pedra Santa

A senda da Pedra Santa, cunha lonxitude de 9.995 metros, súmase á rede de sendeiros cos que conta o concello de Tui debidamente sinalizados e identificados. O Concello de Tui vén de colocar nos últimos días os carteis explicativos do percorrido e de limpar un pequeno tramo do mesmo logo de que o club AndaTui levase a cabo a súa sinalización en branco e verde, por tratarse dunha senda local de menos de 10 quilómetros de acordo as marcas federativas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto aos concelleiros de Medio Ambiente, José Martínez Tato e de Seguridade e Emprego, José Ramón Magán, percorreron este sendeiro comprobando o seu trazado. Trátase dunha senda circular que ten o seu principal acceso xunto á ponte sobre o río Louro na Veiga, en pleno Camiño de Santiago. Parte do seu traxecto coincide co do propio camiño portugués, pasando por lugares coma a capela da Virxe do Camiño ou a Ponte das Febres. Pero tamén transcorre polo pontillón do Louro e o Lagartón, enlazando coa senda que foi tamén habilitada este verán.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que este novo sendeiro súmase as sendas xa existentes dentro do proxecto integral das sendas do Miño e dos seus afluentes polo que se ten apostado dende o goberno local. Bríndanse así, en palabras de Enrique Cabaleiro, novos espazos a percorrer tanto para os propios tudenses coma para os que nos visitan. Pola súa parte o concelleiro de Medio Ambiente, José Martínez Tato, explicou que a senda toma o seu nome do seu paso pola Pedra Santa, un penedo do que a lenda dí que saíu a imaxe da Virxe do Camiño. Precisamente nos carteis colocados recóllese esa lenda en galego, castelán e inglés.

Concello de Tui



A colocación de carteis, anuncios e outros elementos fóra dos lugares establecidos será sancionada con multas de entre 200 e 800€

Así o recolle a ordenanza municipal de Ornato e Limpeza Viaria

A colocación de carteis, bandeirolas, rótulos, adhesivos ou outros elementos publicitarios en mobiliario urbano, nos parabrisas ou outros puntos de coches e en calquera outro punto fóra dos lugares establecidos está prohibido tal e coma recolle a Ordenanza Reguladora de Ornato e Limpeza Viaria. A colocación de carteis fóra dos lugares permitidos está considerado coma infracción leve, e o pegado de elementos publicitarios no mobiliario urbano coma infracción moi grave, polo que estes feitos poderán ser sancionados con multas que oscilan entre os 200€ e os 800€ coma sinala a ordenanza municipal.

A sanción recaerá sobre a empresa ou particular que se publicite ou apareza no citado anuncio. Dende o Concello de Tui realizase este recordatorio ante a aparición nos últimos días de gran número de carteis en mobiliario urbano, algo que está prohibido e poderá ser sanciando de acordo a esta ordenanza. Coa mesma búscase manter Tui limpo e en condicións de ornato, algo para o que é imprescindible a colaboración cidadá.

Concello de Tui



Tui impartirá tres cursos de Formación Ocupacional nos próximos meses

A Consellería de Economía e Industria concedeu ao concello unha achega de 116 mil euros para estas actividades

O Concello de Tui vai impartir nos próximos meses tres cursos de Formación Ocupacional, para os que recibiu unha achega de 116.466€ por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os cursos a impartir serán Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas, con 298 horas lectivas, Operacións de fontanería e calefacción climatización doméstica, con 558 horas, e Montaxe de mobles e elementos de carpintería, de 538 horas. As persoas interesadas en realizar algún dos cursos deben dirixirse á Oficina do Servizo Público de Emprego. Para os cursos de Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas e Operacións de fontanería e calefacción climatización doméstica non é preciso ter ningún requiso previo en canto á formación, mentres que para o de Montaxe de mobles e elementos de carpintería é preciso estar en posesión do título da ESO ou similar.

Concello de Tui



A mellora de infraestruturas, o embelecemento da cidade, e a recuperación do patrimonio centran os proxectos que se están a executar ao abeiro do Plan Concellos 2017

O Concello recibe un millón de euros da Deputación de Pontevedra neste plan provincial

A mellora de infraestruturas coma instalacións municipais e viais, o embelecemento da cidade, e a recuperación do patrimonio centran os proxectos que o concello de Tui está a executar con cargo ao Plan Concellos 2017, do que recibe un millón de euros da Deputación de Pontevedra.

Dos proxectos aprobados que están en fase de contratación, polo que comezarán en breve a executarse, destaca por ser o de maior investimento o acondicionamento dos Xardíns de Troncoso cun investimento de 85.444,20€ dos que 79.999,40 € corresponden a execución material do proxecto e 5.445€ aos honorarios de redacción de proxecto. Plantexase dotar a estes céntricos xardíns que comunican o Paseo da Corredoira coa zona de San Domingos dun novo deseño co que potenciar a súa condición de lugar tranquilo, rodeado de natureza, ao tempo que crear un espazo sensitivo e emocionando de cor e olor co uso de plantas aromáticas.

Por outra parte, tamén está en fase de contratación a reordenación da rotonda e entorno de Guillarei nunha actuación que persegue o embelecemento dunha das entradas ao casco urbano. A proposta está valorada en 67.412,37€ dos que 64.992,37€ corresponden á execución material e 2.420 € aos honorarios de redacción de proxecto. Mediante a utilización de distintos materiais reprodúcese parte da silueta de Tui. Cunha estrutura de aceiro corten evócase parte da muralla tudense, dúas columnas vexetais representan as columnas da Catedral, e con cantos rodados e lousas imítase o mesmo pavimento da zona monumental.

Outros dos proxectos presentados polo Concello de Tui teñen coma obxectivo a mellora de instalacións municipais. Este é o caso da reforma dos vestiarios das instalacións deportivas Álvarez Durán, en fase de contratación, cun investimento de 69.889,60€. Mentres están pendentes das autorizacións por parte da Consellería de Educación as obras no patio exterior da Escola Infantil Galiña Azul cun investimento de 21.854,03€, o pintado exterior e arranxo dos baños no primeiro andar do edificio do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que suporán un investimento de 68.590,05€, e a colocación de caldeira de Pellets na aula da UNED por importe de 49.866,77€

A mellora nas comunicacións con pavimentacións en Bouzabalada e Figueira en Areas, en Parceira en Baldráns, e Curuxeiras en Rebordáns, en Chans en Randufe e Circos en Pazos de Reis, e semaforización no cruzamento entre a rúa Calzada e a Avenida da Concordia, suporán un investimento global de 165.728,81€.

O equipo de goberno aposta, por outra parte, pola recuperación do patrimonio tudense en varias liñas grazas á achega de fondos provinciais. Por unha banda coa adquisición do Teatro Principal, para posteriormente estudar a súa rehabilitación e usos, así coma cunha actuación nas cubertas do Cárcere Vello situado no conxunto histórico, e na ponte do Mosteiro na parroquia de Pexegueiro. Estas dúas están pendentes do informe de Patrimonio para poder licitalas.

Outras actuacións financiadas con cargo ao Plan Concellos 2017 son a adquisición de equipamentos coma unha moto e un sonómetro para a Policía Local, e unha aposta pola novas tecnoloxías coma un MUPI dixital que se colocará na praza da Inmaculada , o equipamento informático co que se renovan algúns dos equipos das oficinas municipais, ou o subministro de cadeiras e expositores para a área de Cultura.

Por outra parte ao abeiro da liña 2 a Deputación concedeu a Tui achegas para a realización de actividades coma a Cabalgata de Reis, o Entroido, o Campamento de verán,... cun importe de 16.893€. E por último a liña 3 do Plan Concellos 2017 permitiu ao Concello contratar de xeito temporal a 23 persoas para diversos servizos municipais cunha achega de 225.165,30€. En total Tui recibe da Deputación ao abeiro do Plan Concellos 2017 un total de 1.003.489,37€.

Por outra parte o equipo de goberno de Tui negociou coa Deputación provincial o reinvestimento das baixas producidas na licitación de proxectos con cargo aos Plans Concellos 2015 e 2016. En concreto aprobouse unha achega de 48.398,75€ cuxo obxectivo será o acondicionamento do tramo de senda fluvial que transcorre entre o Lavadoiro da Mariña e a praia da Metralla, e outra por importe de 11.148.€ para o parque infantil de Pexegueiro.

Están pendentes de concesión pola Deputación de Pontevedra as obras de mellora de beirarrúas na estrada de Baiona- ampliación rúa Colón - e a construción dunha nave no parque de maquinaria do Concello de Tui, igualmente reinvestindo as cantidades resultantes das baixas na licitación das obras de anos anteriores (2015 e 2016).

Concello de Tui


Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais