JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000


Horário do Ferry


A mostra "Viaxando pola historia, cen anos do MASAT" apraza a súa inauguración ao 27 de xullo

A exposición "Viaxando pola historia, cen anos do MASAT", que conmemora o centenario do Museo Arqueolóxico de Santa Trega, apraza a súa inauguración unha semana, de xeito que a mostra permanecerá aberta dende o vindeiro 27 de xullo ata o 27 de agosto na Casa dos Alonso.

Dita mostra amosará a evolución do museo dende os seus inicios no ano 1917 ata os nosos días, sempre vinculada ao xacemento do Trega, e permitirá realizar unha viaxe ao pasado a través do patrimonio deixado polos nosos antergos, poñendo en valor a labor realizada polos compoñentes da Sociedade Pro-Monte, fundadora do museo, a quen se rende homenaxe polo tempo dedicado ao coidado e difusión dun dos xacementos máis emblemáticos de Galicia.

A mostra estará composta por diversas pezas arqueolóxicas procedentes das campañas acometidas durante décadas no Trega, incluídas pezas descubertas nas últimas intervencións, como o tan soado "Cabezón do Trega" que se atopa actualmente na exposición permanente do MASAT. Daranse a coñecer, igualmente, outras pezas gardadas nos fondos do museo e, amais das propias, contará con pezas procedentes doutros xacementos da mesma época. Preténdese así salientar a importancia do patrimonio da vila e a relación cronolóxica e cultural con outros castros da provincia.

Municipio de A Guarda


O Concello e o Atlético Guardés acordan coa Xunta a reforma do vestiario do pavillón da Sangriña

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e o concelleiro de Deportes guardés, Javier Crespo, recibiron esta mañá á Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Miguez, ao xefe do Servizo Provincial de Deportes, Daniel Benavides, e ao presidente do Clube de Balonmán Mecalia Atlético Guardés, José Manuel Silva, para concretar o destino dos fondos que a Xunta de Galicia facilitará ó Concello guardés para a mellora das instalacións do pavillón da Sangriña.

Os representantes da Xunta e o rexedor asinarán proximamente un convenio, cunha dotación de 50.000 euros, para acometer as obras necesarias no pavillón. Atendendo ás suxestións expostas polo presidente do Atlético Guardés, estes fondos destinaranse á reforma do vestiario, mais o rexedor quixo destacar a necesidade doutras obras urxentes, como a reforma nas instalacións eléctricas. Pola súa parte, Marta Miguez comprometeuse durante o encontro a continuar coas xestións para conseguir os fondos necesarios para realizar estas obras.

Dende o Concello confíase nun futuro compromiso por parte da Xunta co proxecto de reforma e ampliación do pavillón, que xa está a ser elaborado pola Deputación de Pontevedra.

Con todo, tanto o Concello, como os representantes da Xunta e o Clube amosaron a súa satisfacción cos resultados da reunión, na que foi posible o entendemento entre as tres partes, necesario para poder levar a cabo as melloras nas instalacións deportivas que habitualmente utiliza o Atlético Guardés non seus encontros.

Nos próximos días, comezarase a traballar na reparación da cuberta do pavillón, unha obra que se levará a cabo contando co financiamento da Deputación de Pontevedra, con cargo ó Plan Concellos 2017.

Municipio de A Guarda


Música, deporte e espectáculos enchen a programación cultural da Guarda dende o venres e ata o Día de Galicia

Mañá comeza, coa I Mostra do CD Baixo Miño de Judo, unha fin de semana cargada de programación deportiva e cultural no Concello da Guarda, que encherá a vila de música, exhibicións e competicións deportivas, para finalizar o día 25 co espectáculo circense da compañía Pistactiva.

Mañá venres, 21 de xullo, celébrase a I Mostra do Centro Deportivo Baixo Miño de Judo, que terá lugar no Campo Municipal da Sangriña a partir das 21:30 horas. Realizaránse exhibicións de defensa persoal, baile moderno e zumba, ademais de judo.

O sábado viviremos unha das grandes noites musicais dentro da programación cultural deste verán na vila, coa celebración dunha nova edición de "Noites no Castelo". Contaremos coas actuacións de Budiño, con Mercedes Peón como convidada especial, e Susana Seivane, a partir das 22:00 horas no Castelo de Santa Cruz.

Dende a mañá do sábado e ata a noite do domingo, na praia do Codesal, estarase a disputar o Trofeo Concello da Guarda de Volei Praia con categorías senior e amateur. Os equipos federados competirán entre as 10:00 e as 21:00 horas do sábado e continuarán durante a xornada do domingo, entre as 10:00 e as 20:00 horas, coincidindo coa competición dos equipos da categoría amateur.

Durante o domingo, celébrase o XXIV Encontro dos pobos no Auditorio de San Benito a partir das 20:30 horas. A celebración contará coas intervencións dos grupos de música tradicionais da 3ª idade, Vento Mareiro, Xamaraina, Do Lusco ó Fusco, Doxe nun ano, e o grupo húngaro Harruckern.

Na carpa instalada no porto guardés, a partir das 14:00 horas, celebrarase un xantar-churrascada organizado pola Agrupación de Pescadores O Buxeiro, co gaio da celebración da Xuntanza de pescadores deportivos. Os interesados en acudir ó encontro están convocados na explanada do porto ás 7 da mañá para ir pescar.

Xa na noite do luns, a programación cultural continua no Auditorio de San Benito, onde terá lugar o Encontro da canción mariñeira a partir das 20:30 horas, organizado polo Concello da Guarda e a Coral Polifónica guardesa. Contaremos nesta ocasión coa intervención do grupo de pandeireteiras Coiro Vello, a Coral Polifónica da Guarda e a Orfeao de Vila Praia de Ancora.

Tamén no Auditorio de San Benito será, a partir das 20:30 do Día de Galicia, o espectáculo circense Pistactiva, con Circo Chosko e Isla Letriska, cuxa actuación porá fin a cinco días de programación variada para toda a familia.

Municipio de A Guarda


Budiño, Mercedes Peón e Susana Seivane:

Cartel de luxo para as Noites no Castelo deste sábado

Este sábado, 22 de xullo, no Castelo de Santa Cruz da Guarda, terá lugar un concerto con tres dos mellores artistas do panorama musical galego actual. O gaiteiro Budiño, con Mercedes Peón como artista convidada, ofrecerá un concerto dentro da súa xira "Paralaia" 20 Aniversario, que dará comezo ás 22:00 horas. A gaiteira Susana Seivane porá o broche de ouro á noite musical na fortaleza guardesa, cun concerto que comezará ás 23:30 horas.

A programación deste evento cultural, organizado polo Concello da Guarda, conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, no marco do Plan Concellos 2017.

Municipio de A Guarda


Trofeo de Volei Praia da Guarda na categoría amateur

Este fin de semana celébrase unha nova edición do Trofeo Concello da Guarda de Volei Praia no areal do Codesal, con categorías amateur e senior. Esta última, dirixida a equipos federados, puntuará para o Campionato Galego de Volei Praia Senior.

O campionato, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra con cargo ó Plan Concellos 2017, celebrarase este sábado e domingo, 22 e 23 de xullo. Os competidores na categoría senior serán os encargados de inaugurar o trofeo o sábado ás 10:00, poñendo fin a súa primeira xornada ás 21.00 horas. O domingo, entre as 10:00 e as 20:00 horas, continuará o campionato galego, coincidindo coa celebración dos partidos dos equipos amateur.

Municipio de A Guarda


As alumnas e alumnos cos mellores expedientes da Guarda reciben o seu Premio de Educación 2017

Un total de 24 mozos e mozas guardeses e estudantes nos centros educativos da localidade recibiron un agasallo como recoñecemento as súas capacidades e ao esforzo realizado durante o curso.

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Cultura, Elena Baz, fixeron entrega esta mañá dos Premios de Educación 2017, nun acto celebrado no salón de plenos ao que foron convidados os alumnos e alumnas cos mellores expedientes académicos de todos os centros educativos da localidade.

Antes de proceder a facer a entrega dos premios, a concelleira quixo salientar a importancia dos valores do esforzo e o traballo, especialmente na etapa educativa, como ingredientes de éxito no futuro. Neste mesmo sentido, o alcalde destacou a importancia da discriminación positiva, isto é, "axudar a todos, aos que máis o necesitan, pero tamén aos que máis capacidades teñen para que acaden os seus obxectivos". Esta filosofía, que recoñeceu aplicar xa na súa etapa como docente, foi a inspiradora desta primeira edición dos Premios de Educación, do que resultaron beneficiados un total de 24 mozas e mozos.

Os agasallos outorgáronse nos cursos académicos que poñen fin a unha etapa educativa, de xeito que a concelleira quixo animar a todas e todos os asistentes a non relaxarse con respecto a necesidade de continuar esforzándose nos cursos académicos vindeiros. Así pois, no curso de 6º de primaria, resultaron premiados: Xiana Fidalgo Crespo, Iago Soler Lomba, Mar González Alonso e Kimberly Trinidad Goyás, do CEIP A Sangria; Xoel Dieste Dacuña e David González Goyás do CEIP Manuel Rodríguez Sinde; Anxo Sánchez Higuero e Pablo Coballes García do CEIP Nicolás Gutierrez Campos "As Solanas"; Andrea Veiga García e Ángel Martínez Fernández do CPR Pais Somascos; e Estela Baz García e Alejandro Lomba Alonso do CPR San José Hermanas Carmelitas.

No curso 4º da ESO, foron recoñecidos como mellores expedientes os de Uxía Vicente Villa, Fernando Rodríguez Garcés e Sabela Martínez González do IES A Sangriña; Iria Peniza Rodríguez do CPR Pais Somascos e Lucía Riveiro Rodríguez do CPR Hermanas Carmelitas.

En 2º de bacharelato, as mellores notas foron as acadadas por Antonio Cernadas Garrido, Nerea Portela Riveiro, Leonor da Conceizao Póvoa e Antonio Álvarez Álvarez do IES A Sangriña. Xa nos ciclos formativos, Javier Martínez Pena recibiu o seu agasallo como o alumno co mellor expediente en ciclo superior, mentres Víctor Alonso Martínez e Rubén Carrera Amoedo foron os alumnos agasallados no grado medio.

Municipio de A Guarda


A Guarda e a Póvoa de Varzim renovan ós seus lazos históricos coa visita da lancha poveira "Fé em Deus"

A lancha poveira "Fé em Deus" entrou no porto guardés pasado o mediodía, tras máis de cinco horas de viaxe dende o porto da Póvoa de Varzim. Cunha tripulación formada por 12 voluntarios, a travesía conmemorou o 25 aniversario da primeira viaxe desta embarcación, réplica da lancha orixinal, que comezou a navegar en 1991 e cuxo primeiro destino foi a vila da Guarda. O encontro propiciou un acordo entre os representantes locais poveiros e o rexedor guardés co fin de estreitar os lazos turístico-culturais entre os pobos, principalmente, a través da promoción das súas festas.

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, recibiron o pasado sábado 15 de xullo no porto guardés á tripulación da lancha poveira "Fé em Deus", nun encontro conmemorativo do 25 aniversario da primeira viaxe realiza pola embarcación. A Guarda foi, en outubro de 1991, o seu primeiro destino no estranxeiro "por forza simbólica", segundo explicou o responsable e coordinador do proxecto, Manuel Costa. E é que a lancha poveira que entón chegou á Guarda non era senón unha réplica da embarcación pesqueira orixinal, un dos últimos exemplares tipicamente poveiros en saír ó mar, xa ven entrados os anos 50 do pasado século, e que coincide nos seus rasgos xerais coas lanchas volanteiras que se usaron na costa guardesa ata principios do século XX.

"Esta lancha ten un vínculo moi estreito coa Guarda", afirmou o tripulante e xornalista local da Póvoa de Varzim, José Peixoto. Xa no século XIX, cando o vento non lles era favorable, os mariñeiros deixábanse guiar e viñan parar á Guarda. Por entón, o lancha poveira non contaba con máis forza que a do vento e a da propia tripulación valéndose dos remos. Unha vez na vila, "tiñan por costume subir ó Monte Santa Trega e virar unha das tellas da ermida, pedindo ó vento do norte para poder tornar á Póvoa", conta o cronista. Dan conta da veracidade do seu relato as marcas poveiras -que identificaban á embarcación de cada familia- gravadas na estela que, xunto á ermida de Santa Trega, rende homenaxe á Póvoa de Varzim.

Na actualidade, "Fé em Deus" participa nos encontros de embarcacións tradicionais que se celebran regularmente por toda a costa lusa e galega, e en actividades orientadas ó coñecemento do patrimonio marítimo e da súa historia.

Un vínculo máis estreito entre os pobos

Amais do simbolismo da viaxe, este serviu de pretexto para acadar un acordo entre os representantes de ámbalas dúas vilas, comprometidas a estreitar os seus lazos turístico-culturais. "Os nosos pobos son moi parecidos, falamos unha lingua similar e pensamos que esta é unha boa oportunidade para levar a cabo un intercambio cultural", expresou o vicealcalde e concelleiro de Cultura de Póvoa de Varzim, Luis Diamantino.

Este intercambio radicará na promoción mutua das festas e eventos de interese turístico e cultural a ambos lados da fronteira, a fin de establecer non so un camiño marítimo, senón tamén unha conexión por terra que sirva para o mutuo coñecemento dos pobos guardés e poveiro.

O representante local da Póvoa aproveitou para convidar a Antonio Lomba á próxima festa de San Pedro, unha das celebracións máis importantes da vila portuguesa que ten lugar no mes de xuño, na que se presentará unha exposición dedicada ó patrimonio histórico-cultural da Guarda presente na Póvoa de Varzim.

Municipio de A Guarda


III Torneo 3x3 de Baloncesto Vila da Guarda

Municipio de A Guarda


Gas Natural Fenosa avisa de cortes de electricidade no barrio da Gándara durante a mañá deste domingo

O domingo 23 de xullo, entre as 7:00 e as 11:00 horas, poderán producirse cortes na subministración eléctrica na zona da Gándara. Segundo informa a distribuidora Gas Natural Fenosa, estas interrupcións responden ós traballos de mantemento e mellora da rede eléctrica que a compañía ten programado acometer durante esa mañá no barrio guardés.

As vivendas e locais afectados polos cortes de electricidade serán, principalmente, aqueles que se atopen na rúa José María Sesto, a carretera Gándara e as travesía Brueira, Cruz da Monxa, Pozas e Xunqueiras.

Municipio de A Guarda


A OMIX do Concello da Guarda organiza un obradoiro mural os días 27 e 28 de xullo

Os días 27 e 28 de xullo levarase a cabo un obradoiro de intervención mural da man do artista urbano Marcos Fernández Cea. Na actividade, dirixida a mozas e mozos a partir de 12 anos, os participantes compartirán a experiencia de creación do mural, cun horario de 10:00 a 14:00 horas nos días sinalados.

As persoas interesadas poderán inscribirse acudindo á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), a través do mail informacion@aguarda.es, no teléfono 986 614 546 ou a través do noso perfil de Facebook.

Municipio de A Guarda


O BNG insta ao Alcalde da Guarda a suspender os Premios de Educación

"O BNG considera unha irresponsabilidade dar estes premios cos informes de fiscalización e xurídico desfavorábeis"

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO solicitou copia dos informes preceptivos para aprobar as bases da convocatoria dos premios de educación 2017. Tanto o informe de fiscalización como o informe de secretaría son desfavorábeis.

Segundo indican os informes trátase dunha convocatoria viciada dende o seu inicio, cun procedemento que non se axusta á legalidade.

O BNG ten claro que estamos ante un acto de irresponsabilidade por parte do grupo de goberno, froito da improvisación e da mala planificación, de continuar coa convocatoria e a entrega dos premios.

Dende o BNG preocupa a política errática en materia educativa por parte do Alcalde da Guarda, sobre todo cando existen necesidades educativas no concello que deberan ter prioridade.

"Cos informes desfavorábeis na man, de seguir cos premios, con que autoridade moral pode o Alcalde da Guarda pedir ao pobo que cumpra coa lei? Con que cara pode ver ás familias con necesidades educativas cando premia expedientes en vez de axudalas na educación dos seus fillos ou fillas? No BNG entendemos a educación doutro xeito", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

O BNG volve lembrar ao Alcalde da Guarda que as diferentes direccións dos centros educativos da Guarda xa lle amosaron a desconformidade con esta iniciativa.

O BNG insta ao Alcalde da Guarda á retirar este premio e a investir os cartos dos premios na procura dun programa de apoio educativo para alumnado con máis necesidades.

BNG de A Guarda


O BNG solicita paneis informativos sobre correntes nas praias do río Miño

Ángel Baz: "Unha información axeitada evita riscos de accidentes, sobre todo, a quen descoñece o río"

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito no Concello da Guarda solicitando unha serie de medidas encamiñadas á mellora do sistema de salvamento nas praias do río Miño.

Para o BNG o incidente vivido a semana pasada na zona da Armona e a Lamiña, é un aviso serio de que hai eivas no sistema de socorrismo no río Miño.

O BNG entende que hai que cumprimentar o sistema coa colocación de paneis informativos con advertencias sobre o perigo das correntes no río Miño, especialmente na zona da Armona e a Lamiña.

Socorristas sen embarcación de salvamento

O BNG considera unha irresponsabilidade ter un dispositivo de socorrismo para praias sen ningunha embarcación de apoio, ante isto, BNG instou ao Alcalde da Guarda a posta en marcha dunha praza de patrón.

Para o BNG é difícil de entender como o Alcalde da Guarda sae en todos os medios de comunicación cunha embarcación de salvamento e agora, cando realmente hai que poñela en funcionamento, non se usa.

"Non pode ser que teñamos que depender da vontade e dispoñibilidade dun particular para patronear unha embarcación nun operativo de salvamento. É unha situación moi grave, mentres o Alcalde da Guarda presume de Bandeira Azul, temos un servizo de salvamento con deficiencias" comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

O BNG insta ao goberno municipal a que se tomen todas as medidas necesarias para que o servizo de salvamento conte cunha embarcación de apoio e a mellora da información sobre os perigos das praias do río Miño.

BNG de A Guarda


O folclore de Xeorxia, Letonia, Kenia e México estará o martes na XVIII Noite Internacional do Miño

Celebrarase a partir das 21.30h no Parque do Laxal en Rebordáns

O próximo martes, 25 de xullo, ás 21.30h celebrarase no Parque do Laxal en Rebordáns a XVIII Noite Internacional do Miño. Trátase dunha cita, plenamente consolidada, organizada pola Escola de Baile e Música San Fins de Rebordáns coa colaboración do Concello de Tui. Este ano daranse cita neste evento grupos de Xeorxia, Letonia, Kenia e México amais dos propios organizadores pertencentes ao Centro Cultural San Fins de Rebordáns.

O público poderá disfrutar co folclore de Xeorxia da man do TSU Folk Dance Ensemble University. Esta agrupación foi fundada en 1996 por David Kikvadze. Ofrece tanto danzas individuais coma de parellas e grupos, nas que destacan a forza, axilidade e os movemento audaces. Mentres o grupo Folk Dance Ensemble Ritenitis de Letonia, creado en 1947, ofrecerá un repertorio no que inclúe danzas e xogos etnográficos de distintas rexións. Dende a capital de Kenia chega o Nairobi Dance Esemble que representa as tradicións dos distintos grupos étnicos recollendo as danzas tribais que representan o matrimonio, o nacemento, a colleita... O cartel complétase coa Compañía Mexicana de Danza Folclórica cuxo espectáculo se caracterizan por reflectir as tradicións, a ledicia, a paixón, o misticismo e o orgullo do pobo mexicano.

Concello de Tui



Prazas dispoñibles para a segunda quenda dos Campamentos de Tui

Comezará o próximo mércores 26 de xullo e rematará o mércores 9 de agosto

A segunda quenda dos campamentos de verán de Tui 2017 comezará o mércores 26 de xullo, a partir das 09.00 horas, no novo pavillón deportivo municipal de Tui, tras o remate da primeira quenda, na que participaron máis de cento cuarenta nenos e nenas.

Dado que aínda quedan prazas dispoñibles para esta segunda quenda, aquelas persoas interesadas en participar, terán que presentar no rexistro de entrada na secretaría do Concello de Tui a documentación solicitada, así como realizar o abono da taxa no departamento de tesourería, tendo de prazo ata o luns 24 de xullo, ás 14.00 horas.

A nova admisión nesta segunda quenda do campamento se realizará por orden de inscrición.

Concello de Tui



Nun mes será substituído o tarimado do pantalán do centro interfederado por un material de última xeración

Esta actuación suporá un investimento superior aos 20 mil euros

Dentro dun mes, o 21 de agosto, comezarán as obras de substitución do taboado de madeira no pantalán situado na rúa Olímpicos Tudense, a carón do Centro Interfederado e dos clubs locais de remo e piragüismo. Este traballos suporán un investimento de 20.611,07€ procedentes das baixas das adxudicacións de obras do Plan Concellos.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, presentaron esta mañá as obras a realizar acompañados por Manuel Penas de Alfer Metal, e José Luís García do Club Kaiak Tudense.

Enrique Cabaleiro lembrou o compromiso do goberno municipal co arranxo do pantalán existente e avanzou a intención de, con cargo aos fondos do Plan Concello 2018, instalar un novo pantalán na zona. Tamén aludiu ao proxecto de remodelación integral das instalacións do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, que utiliza o Club Kaiak Tudense, que será levado a pleno a próxima semana.

O concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, explicou que o arranxo do pantalán era unha obra moi demandada polos deportistas e clubs de deportes náuticos, explicando coma todas as semanas é preciso arranxar algunha táboa para evitar danos aos deportistas.

José Luís García do Kayak Tudense fixo fincapé na necesidade de poder contar cunhas instalacións axeitadas para a práctica deportiva. Mentres Manuel Penas de Alfer Metal, empresa que realizará as obras no pantalán, explicou que os traballos se prolongará durante dúas semanas. A actual madeira será substituída por un material de última xeración con maior densidade que a madeira tropical - 1300 quilos - e maior porcentaxe de disipación da calor. A substitución do tarimado farase por zonas para permitir o uso do resto do pantalán durante as obras garantindo as condicións de seguridade.

Concello de Tui



Este sábado celébrase o Trilho Nocturno de San Fins dentro do circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade

Realizará un percorrido de 9,5 quilómetros

Este sábado, 22 de xullo, celébrase a andaina nocturna de San Fins dentro do circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade.

O punto de encontro será o Mosteiro de San Fins, en Valença, ás 20 hora española ou ás 19.20h no aparcamento do Lidl en Valença. Dende o Mosteiro de San Fins os participantes serán trasladados en autobús ata o Mosteiro de Ganfei, onde comezará o percorrido de 9,5 quilómetros de dificultade doada/moderada que rematará no Mosteiro de San Fins. Son tres horas aproximadas de duración para percorrer as freguesías de Ganfei e San Fins. Ao remate da andaina realizarase o avituallamento.

Como nas edicións anteriores, os participantes deberán realizar a inscrición, a través do enderezo electrónico do club, www.andatui.es, cun prezo establecido de 5€, e 3€ para os menores de 12 anos. Deberá levarse lanterna.

Toda a información poden atopala no facebook do calendario de andainas, Caminhadas Saudáveis e Andainas Saudables.

Concello de Tui



Máis de 5 mil persoas pasaron durante o mes de xuño pola Oficina Municipal de Turismo

Esta cifra case duplica a rexistrada no mesmo mes de 2016 e supera amplamente a contabilizada en 2015

Máis de 5 mil persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo de Tui o pasado mes de xuño. Esta cifra case duplica a rexistrada no mesmo mes de 2016 cando se achegaran ata este servizo 2.684 persoas, e supera en máis de 2.800 as consultas recollidas en 2015. Só nos últimos tres meses, abril, maio e xuño, a oficina de turismo atendeu a máis de 16.300 persoas.

Do total de 5.046 persoas que en xuño se achegaron a demandar información ata esta oficina situada na Praza de San Fernando 3.119 eran turistas e 1.927 foron peregrinos. Entre os turistas 2.617 eran españois e 502 estranxeiros. Mentres nos peregrinos os máis numerosos foron os peregrinos estranxeiros, 1.514, fronte aos nacionais, 413, os que se achegaron até a oficina de información turística.

En canto ao lugar de orixe no turismo nacional Madrid, Barcelona, A Coruña, Valencia, Pontevedra e Valladolid foron as provincias das que se rexistrou maior número de consultas, mentres que entre os estranxeiros houbo consultas de até 20 nacionalidades, principalmente de Portugal, Francia, Italia, Arxentina, Alemaña e Reino Unido.

Por outra parte os peregrinos estranxeiros foron os que máis consultas realizaron, 1.514, chegados principalmente de Portugal, Alemaña, EEUU, Italia e Francia. Mentres houbo 413 demandas de información de peregrinos nacionais que tiñan coma orixe Madrid, Valencia, Barcelona, Ávila e Alacante.

No caso dos turistas ao achegarse á Oficina Municipal de Turismo interésanse polos puntos a visitar coma o conxunto histórico, a ruta xudía, patrimonio, ou os espazos naturais, así coma pola gastronomía local. No caso dos peregrinos demandan información sobre aloxamentos, o trazado do camiño até Santiago, e tamén sobre que visitar na cidade.

A Oficina Municipal de Turismo está situada na Praza de San Fernando, a carón da Catedral. O seu horario é de luns a domingo de 9 a 13.20h e de 16 a 20.20h. Mentres na Praza da Inmaculada, xunto ao Paseo da Corredoira, está situado o Punto de Información Turística que abre de luns a venres de 9 a 13.20h.

Concello de Tui


Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais