www.caminha2000.com - Jornal Digital Regional -
Semanário - Director: Luís Almeida

1ª Pág.
Cultura
Desporto
Óbitos
Política
Pescas
Roteiro
Ficha Técnica
Edições C@2000
Assinaturas
Email

"A Semana Santa na Guarda amosou uns resultados excelentes"

Pasada a semana santa e unha vez coñecidos os datos recollidos pódese afirmar que A Guarda tivo unha excelente afluencia de visitantes e turistas durante esas datas.

Máis de 11.000 persoas visitaron o Monte Santa Trega dende o martes ao domingo. Outro aspecto a destacar é que en tan só 3 días máis de 500 persoas realizaron unha visita guiada ao Castro de Santa Trega polo que puideron coñecer con profundidade o noso castro grazas as explicacións do guía. O número de persoas que accederon ao monte e aquelas que fixeron a visitas guiadas ao castro tiveron un incremento do 30% con respecto ao ano anterior. Con motivo do centenario do MASAT tamén se organizaron visitas guiadas no Museo Arqueolóxico de Santa Trega de martes a sábado con 215 persoas. O resultado foi positivo xa que os visitantes cada vez amosan un maior interese en coñecer o monte e o museo.

En canto aos datos recollidos no punto de información turística habilitado no MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega, se atenderon a 254 persoas en 100 consultas referidas ao castro e ao monte en xeral, que visitar na Guarda e os arredores. Madrid e Castela León son as procedencias máis destacada aínda que tamén houbo consultas de estranxeiros: Portugal, Francia, Alemaña, EEUU e Xapón. Sen esquecerse de galegos, do interior como Ourense ou Lugo. Aínda que foron numerosos os visitantes de contorna e da provincia de Pontevedra.

Outra novidade da semana santa foron as visitas guiadas ao casco histórico da Guarda. Estas visitas tiveron unha boa acollida, xa que unhas 80 persoas percorreron as nosas rúas e prazas comezando no porto pesqueiro, continuando en dirección ao casco antigo e seguir ata o Castelo de Santa Cruz e regreso de novo ao porto.

Segundo a enquisa realizada aos establecementos hoteleiros da Guarda a ocupación foi moi positiva comparando con anos anteriores. Algúns propietarios indicaron que tiveron unha ocupación do 75 % e outros acadaron o 100 % da ocupación. Consultados os restaurantes tamén trasladaron que esta semana santa tamén foi moi positiva e que non recordan outra similar con moitos clientes dende a fin de semana anterior. Algúns dos establecementos indicaron que dende o martes o traballo foi continuo como nas mellores semanas de agosto. Outro indicou que non puideron atender a toda a demanda que se achegou.

A combinación de bo tempo, o importante patrimonio e a excelente gastronomía demostrou que A Guarda continúa a ser un dos destinos máis visitados de Galicia.

Municipio de A Guarda


Horario do servizo do ferry

Municipio de A Guarda


O BNG acusa ao Alcalde-pedáneo de Camposancos de mentir sobre S Xerome

"O alcalde-pedáneo negou relación contractual entre a ELM de Camposancos e S Xerome no mantemento de zonas verdes, algo que non é certo"

A vogal do BNG, Merchi Martínez, realizou no último pleno da Entidade Local Menor de Camposancos unha batería de preguntas sobre a situación de dita entidade e o Centro de traballo S Xerome, como consecuencia dos despidos realizados hai uns días pola xerencia do centro.

O alcalde pedáneo negou no pleno que San Xerome realizase na actualidade traballos de mantemento para Entidade Local, segundo precisou, hai máis un ano que esta empresa non realiza actividades en Camposancos.

Para o BNG o Alcalde Penádeo do PSOE falta a verdade, xa que si existe unha relación contractual entre S Xerome e a Entidade Local Menor de Camposancos, polo que Alcalde-pedáneo debe aclarar cal é o tipo de relación que existe entre as dúas entidades.

O BNG tamén asegura que existe unha partida nos orzamentos do 2016 da Entidade por valor de 8.000 € onde aparece especificada como "Traballos realizados por outras empresas (San Xerome)".

"É incríbel que o Alcalde mentise tan descaradamente no pleno, nun país normalizado tería dimitido. Camposancos merece aclaracións e non mentiras.", comentou Merchi Martínez, vogal do BNG na ELM de Camposancos.

Para o BNG o Alcalde-pedáneo ten que explicar por que, segundo as nosas informacións, se está a facer o servizo de desbroce de camiños con persoal non contratado e sen cualificar.

O BNG vai seguir esixindo aclaracións ao Alcalde Pedáneo do PSOE por responsabilidade que como gobernante ten e que non está a exercer.

BNG de A Guarda


O Concello de Tomiño formaliza un protocolo cos comerciantes, para coñecer a situación actual do Mercado Aberto e iniciar liñas de mellora

" Concello colaborará economicamente para sufragar as actividades previstas por ADETO, até un límite de 2.722,50€

" Ao remate do proxecto, ADETO terá que presentar unha memoria explicativa das actividades levadas a cabo, así coma o estudo previo realizado e as conclusións

O Concello de Tomiño vén de formalizar un protocolo de actuación con ADETO (Asociación de Autónomos de Comercio, Hostalería e Industria de Tomiño), co fin de coñecer a situación actual do Mercado Comercial Aberto de Tomiño e tentar mellorala.

O devandito protocolo, asinado onte á noite pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente de ADETO, David Vila, ambas as partes conveñen en iniciar liñas de colaboración para a organización e desenvolvemento de actividades precisas que teñan coma finalidade coñecer o estado actual do mercado aberto na vila e da súa visibilidade. Para este fin, elaborarase un estudo da situación da mercadotecnia de Tomiño; un análise do estudo e proposta de medidas correctoras e un informe final das actuacións e resultados.

O Concello colaborará economicamente para sufragar as actividades previstas por ADETO, até un límite de 2.722,50€, ou do 50%, se o importe total das mesmas fose inferior a esa cantidade.

As accións, contidas nunha memoria elaborada pola asociación de comerciantes, terán que desenvolverse até o 30 de novembro de 2017, coma data máxima de celebración.

Ademais, ao remate do proxecto, ADETO terá que presentar unha memoria explicativa das actividades levadas a cabo, así coma un exemplar do estudo previo e conclusións.

Durante a reunión celebrada onte, á que asistiron varios comerciantes, o responsable de levar a cabo o estudo do mercado aberto, explicou detalladamente as actividades a realizar, que incluirán en unha primeira fase, a realización de enquisas a cada un dos comerciantes e a clientes, visitas de clientes misteriosos, recepción de ideas e suxestións, etc.

Logo desta etapa, impartirase formación "á carta" nos temas que os propios comerciantes demanden, segundo as súas carencias. Neste sentido, o responsable de facer o estudo salientou a necesidade de incluir e potenciar o uso das novas tecnoloxías e redes sociais en todos os comercios.

A sinatura deste protocolo pon de manifesto, segundo explica a alcaldesa de Tomiño, a "preocupación porque se mellore a formación dos profesionais do mercadeo e a calidade da atención ao cliente no eido do mercado comercial aberto, ao ser considerados aspectos que contribúen a mellorar o atractivo turístico da nosa localidade.

Concello de Tomiño



Medio millar de escolares tomiñeses asisten, da man dos Gaiteiros da Xistra, a unha actividade moi especial de normalización lingüística

A actividade, realizarase o vindeiro luns, 8 de maio, de 12.00 a 13.00 horas, no Auditorio de Goián, que terá completo o seu aforo

O Concello proporcionará transporte de balde a todos os centros educativos do municipio

O vindeiro luns, 8 de maio, de 12 a 13 h, no Auditorio de Goián, terá lugar o espectáculo "Sandra e Meirol en Xistralia", dos Gaiteiros da Xistra.

Trátase dunha actividade de dinamización lingüística organizada polo Concello coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e ofertada a todos os colexios do municipio.

O Concello proporcionará transporte gratuíto a todos os centros educativos, excepto ao CEIP Pintor Antonio Fernández, por atoparse ao lado.

O aforo do auditorio goianés, dunhas 500 prazas, estará completo.

"Sandra e Meirol en Xistralia", dos Gaiteiros da Xistra, é unha historia contada en clave didáctica, coa dirección de Xerardo F. Santomé.

Xistralia é unha "República Musical" situada na Raia, onde soan acordeóns, gaitas, cavaquinhos e violas; golpes de treboadas mesturados cos dos Zés Pereiras, e moitos outros. A peza que se porá en escena o luns é a historia de como unha rapaza, chamada Sandra, e un caracol, chamado Meirol, liberan aos nenos e nenas raptados por Terco, un dragón de dúas cabezas.

Durante o espectáculo, os actores xogarán con instrumentos de música tradicionais, salientando as súas características e propiedades.

A Deputación de Pontevedra pretende consolidar o uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación nos concellos da provincia.

A dinamización lingüística enténdese como o proceso de promoción da lingua galega, que se leva a cabo mediante accións ou actividades (sensibilización lingüística, formación, etc.), polo que a través da convocatoria dunha liña especial de subvencións, preténdese incrementar o uso da lingua galega en toda a sociedade.

Concello de Tomiño



Máis de 30 persoas esfórzanse para sacar o Graduado en ESO, nos cursos impartidos polo Concello de Tomiño

As ciencias exactas son o punto débil dos estudantes, mentres que en ciencias sociais teñen boa base

As ciencias exactas son o punto débil do alumnado adulto de ESO en Tomiño. Así o amosa a ampla experiencia do Concello de Tomiño, que vén impartindo cursos de educación de adultos dende hai máis dunha década.

As dificultades para a expresión escrita así como as faltas ortográficas é outra das constantes, o que vén unido á falla de interese pola lectura en xeral.

Pola contra, a base en ciencias sociais, parece ser a máis sólida na maioría das persoas que queren sacarse a ESO coma adultos.

No curso 2016-2017 o Concello contou cunha subvención de Deputación para a contratación dunha docente. O grupo actual está composto por 36 alumnos e alumnas, dos cales 7 conseguiron xa a cualificación de APTO, obtendo así o título de Graduado en ESO.

En termos xerais, un 69,5% do alumnado conseguiu aprobar todas ou algunhas das tres partes na que se divide o exame . O 21,7% obtivo o Graduado en ESO, e o 47,8% aprobou so un dos módulos cursados.

Perfil do alumnado:

A media de idade do alumnado que asistiu a clase neste curso lectivo 2016-2017, é de 21 anos, tendo o máis novo 18 e o maior, 50. No que respecta ao sexo dos estudantes, neste curso o número de homes e mulleres está practicamente igualado.

En cambio, o nivel de estudos é moi variable; os máis novos soen chegar a segundo da ESO, mentres que os adultos maiores de 35 anos, levan moitos anos sen estudar, chegando daquela, ata o que era sétimo ou octavo de Primaria.

Metodoloxía das clases

A profesora encargada de impartir o curso, María Machicote, explica que a metodoloxía que sigue nas clases é teórico-práctica, "con sesións moi dinámicas onde participamos todos, alumnos e docente; tamén utilizamos un canón para a proxección de presentacións en Power Point , e dalgúns documentais que complementan a materia.

Entre as principais carencias detectadas pola profesora, figura a base en ciencias exactas. Ocorre o contrario cos coñecementos en ciencias socias, que "parece ser que é do que máis controlan, aínda que teñen dificultades para a expresión escrita, e faltas de ortografía, así coma falta de interese pola lectura en xeral, o que podería axudar moito a paliar estes problemas", comenta a docente.

Porén, a profesora salienta a boa actitude e vontade dos estudantes ao seu cargo, que "son en xeral, xente moi traballadora e disposta, da gusto traballar con eles; teñen unha gran forza de vontade e ganas, xa que ademais de traballar e atender á familia, son capaces de estudar e aprender cousas novas".

Concello de Tomiño



O Concello de Tomiño contrata catro persoas desempregadas para controlar a flora exótica invasora na ribeira do Miño

. Con esta intervención téntase concienciar á poboación e a outras administracións públicas, da importancia do problema

. As labores enmárcanse dentro do Proxecto de erradicación e control de flora exótica invasora na Zona de Especial Conservación (ZEC) Baixo Miño, dentro da Rede Natura 2000

O Concello de Tomiño está levando a cabo a segunda fase do proxecto de control de flora exótica invasora na ribeira do Miño. Esta segunda fase comezou coa realización dun curso de formación sobre a problemática das especies invasoras, celebrado durante o mes de marzo.

Posteriormente, entre os asistentes ao curso, procedeuse á contratación de catro persoas desempregadas, residentes en Tomiño, co propósito de realizar as labores de erradicación. Os traballos comezaron no mes de abril e continuarán ate finais de maio.

As labores enmárcanse dentro do Proxecto de erradicación e control de flora exótica invasora na Zona de Especial Conservación (ZEC) Baixo Miño, dentro da Rede Natura 2000. Este proxecto está cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Ate o momento, o grupo a cargo da intervención, eliminou mimosas, calas, herbas da pampa e tritonias (sobre 200 exemplares en total); aproximadamente 1000 exemplares de acacia negra e robinia, uns 600 m2 de tradescantia fluminensis e máis de 4000 plantas de eucalipto.

Estas intervencións estanse a realizar tanto en terreos públicos, como en fincas privadas, previo contacto e autorización dos propietarios.

A ZEC Baixo Miño é o segundo espazo natural de Galicia, con maior número de invasoras, o que supón un risco considerable para as especies autóctonas, que son as que configuran a singular paisaxe e os valores naturais únicos e diferenciados deste último tramo de ribeira.

Con este proxecto, segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Mª Xosé Vázquez, o Concello de Tomiño pretende iniciar unha liña de traballo á que se lle pretende dar continuidade no tempo, e incluso estendela a outras áreas.

Ademais, "con esta intervención téntase concienciar á poboación e a outras administracións públicas, da importancia do problema", advirte a concelleira, quen participou nunha das sesións de limpeza (fotos).

Concello de Tomiño



A Universidade de Vigo organiza, co apoio do Concello de Tomiño, a excursión "Tomiño - Burato dos Mouro; O Rosal - As Bornas", dentro do programa "Geolodía 17"

A actividade, terá lugar o sábado 6 de maio, a partir das 10 da mañá, en varias quendas

É necesario apuntarse previamente para poder participar

A Universidade de Vigo organiza o vindeiro sábado (6 de maio), co apoio do Concello de Tomiño e da Sociedade Geológica de España, a excursión "Tomiño - Burato dos Mouro; O Rosal - As Bornas", dentro do programa "Geolodía 17". Oro entre o Miñor e o Miño. A febre mineira galaico-romana.

Os Geolodías pretenden achegar á sociedade tanto a Xeoloxía como a profesión do xeólogo. Consisten nunha excursión de campo guiada por xeólogos e xeólogas, totalmente gratuíta e aberta a todo tipo de público. Realízase en lugares interesantes pola súa contorna xeolóxica, e proporciónase unha información rigorosa a nivel divulgativo. É tamén unha maneira de sensibilizar á poboación sobre a importancia e necesidade de protexer o noso patrimonio xeolóxico.

Concello de Tomiño



35 coches históricos concentraranse mañá sábado en Tui

Participan no IV Rally do Descubrimento organizado pola Escudería Vigo Clásicos

No 6 de maio, o IV Rally do Descubrimento concentrará, no Paseo da Corredorira de Tui, a partir das 18.00 horas, a trinta e cinco coches históricos, todos eles anteriores a 1970.

Entre os inscritos destaca a presenza de dous Hispano Suiza de 1926, Mercedes Adenauer, Maserati, Ford A, Ford V8, Mercedes 300 SL ou un impresionante Bugatti T57. Os deportivos estarán representados polos modelos de Triumph, MG e Austin presentes.

A proba celébrase na modalidade de regularidade non deportiva para vehículos clásicos, na que non prima a velocidade, se non a táctica e a orientación, así como o traballo en equipo e a compenetración entre piloto e copiloto.

Concello de Tui



Tui celebra esta fin de semana XXI Feira de Artesanía con corenta e un postos de exhibición e venda

Haberá tamén actuación de grupos folclóricos, exposición de coches antigos e da asociación de palilleiras

A rúa Ordóñez, a Porta da Pía, e as prazas do Concello e de San Fernando acollerán esta fin de semana a XXI Feira de Artesanía de Tui nunha aposta do Concello de Tui pola artesanía e pola promoción do conxunto histórico da cidade. Corenta e un artesáns, con carta de artesáns, dos que dez son de Tui, achegarán as súas creacións en cerámica, coiro, bixutería, xoguetes... Tamén participará a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, a Asociación Protectora de Animais Aloia, SOS Tomiño Baixo Miño, e a Residencia San Telmo.

A feira foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Comercio, Miguel Capón, e unha representación dos artesáns tudenses que van estar presentes na feira esta fin de semana.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expuxo que a feira é unha pequena mostra da artesanía tudense e galega realizada por profesionais acreditados coma tales, salientando que este evento é un bo escaparate e reclamo da cidade para a atracción de visitantes. Fixo referencia amais o rexedor tudense a que na aposta pola artesanía haberá que "percorrer un camiño máis longo" e dotar a estes artesáns dun local propio no que pór en valor tamén o noso patrimonio.

O concelleiro de Comercio, Miguel Capón, deu conta de que do carácter solidario da feira xa que os artesáns participantes deberán facer unha achega de alimentos para SOS Tomiño Baixo Miño, á que se poden sumar todos aqueles que o desexen no posto que terán na feira.

Emilia Rosende tomou a palabra en representación dos artesáns tudenses, sendo a máis veterana e que xunto á Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, ten participado en todas as edicións deste evento. Salientou que esta feira serve para amosar as creacións dos artesáns tudenses nun escenario único coma é o conxunto histórico da cidade.

José Quinteiro, de SOS Tomiño Baixo Miño, agradeceu ao Concello o feito de contar con eles nesta iniciativa solidaria así coma en moitas outras que se realizan ao longo do ano.

A feira será inaugurada o sábado ás 12h e abrirá tanto sábado coma domingo de 12 a 21h. O sábado ás 12h actuará o grupo folclórico San Xoán de Paramos, ás 13h o grupo de pandereteiras As D'Abadía de Caldeas, e ás 19.30h a banda de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei. Mentres o domingo ás 12h está prevista a actuación do grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro, ás 12h o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro e ás 19.30h a banda de gaitas Arume de Malvas.

De forma paralela o sábado no Paseo da Corredoira haberá unha exposición de coches antigos, e na Sala de Exposicións Municipal tanto sábado coma domingo en horario de 9 a 13.30h e de 16 a 21h poderá visitarse a exposición de traballos da Asociación e Palilleiras do Baixo Miño.

Concello de Tui




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais