|
BNG esixe explicacións ao alcalde da Guarda sobre a recollida de lixo en Fontequente
"Sacos de lixo acumulándose durante semanas certifican que a nova ordenanza do lixo empeorou as cousas: o Concello xa non ten tempo límite obrigatorio para recoller o lixo na Guarda"
O Bloque Nacionalista Galego considera inaceptábel a situación que se está a vivir na zona de Fontequente, onde hai case dous meses que se levan acumulando uns sacos de lixo sen que o Concello da Guarda tomase medidas para a súa recollida.
O BNG entende que pode haber momentos puntuais nos que a recollida poida ser dificultosa, pero estar 8 semanas sen recoller lixo de gran volume, de natureza descoñecida resulta de moi difícil explicación.
Ante esta situación, a veciñanza de Fontequente puxo en coñecemento do grupo de goberno do PSOE con escaso éxito.
"Os nosos veciñ@s teñen dereito a un servizo eficiente e eficaz de recollida de lixo, non se lles pode deixar tirados durante 2 meses e non dar contestación axeitada", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Unha ordenanza do lixo ineficaz
O BNG xa advertiu que a nova ordenanza eliminaba dereitos aos guardeses e guardesas. O voto en contra do BNG estaba argumentado nunha serie de puntos como a falta de obrigatoriedade do concello a ter que recoller o lixo e a limpar os contedores, así como a falta de puntos de información social.
"Coa anterior ordenanza o goberno tiña a obriga de recoller o lixo e limpar os contedores, agora xa non existe esta obriga", sinala o concelleiro do BNG Xan Lois Lomba.
O BNG esixe explicacións e unha acción inmediata de limpeza e recollida de lixo no barrio de Fontequente.
Os participantes do último obradoiro infantil "Decora o teu Nadal" prepararon a Recepción dos Reis Magos
Este mércores día 28 a Casa dos Alonsos da Guarda acolleu, dende as 11'30 horas, o último dos obradoiros de decoración infantil "Decora o teu Nadal" que se veñen celebrando durante este mes de decembro na Guarda.
Nos anteriores obradoiros, os nenos e nenas guardeses decoraron as escaleiras do edificio do concello e a Praza de Abastos da vila. Desta volta, no último dos obradoiros organizados polo Departamento de Cultura do concello da Guarda, os participantes realizaron adornos para a Recepción dos Reis Magos. Esta terá lugar o vindeiro 5 de xaneiro na propia Casa dos Alonsos, tras a Cabalgata de Reis que sairá da Alameda ás 18 horas e percorrerá as rúas da vila.
Así, grazas á súa axuda, o lugar da Recepción Real queda decorado e preparado para que as Súas Maxestades os Reis Magos reciban e escoiten aos nenos e nenas da vila.
Dende o concello convídase a todas as familias da Guarda a dar un gran recibimento ós Reis Magos na Cabalgata do vindeiro xoves 5 de xaneiro, e a acudir á posterior Recepción Real na Casa dos Alonsos, onde ademais de coñecer ás Súas Maxestades poderán apreciar os adornos realizados durante o obradoiro de onte.
A exposición "Enerxía, auga e máquinas" estará no Centro Cultural da Guarda do 29 de decembro ao 12 de xaneiro
A partir deste xoves 29 de decembro, queda aberta ao público a exposición "Enerxía, auga e máquinas" que acollerá ata o 12 de xaneiro o Centro Cultural da Guarda. O horario para visitar a mostra é de 10 a 13 horas pola mañá e de 17 a 20 horas pola tarde, de luns a venres. Os sábados o horario reducirase ás horas da mañá.
A exposición "Enerxía, auga e máquinas" destaca polo seu marcado carácter didáctico que busca amosar a importancia da auga como elemento clave na realización de moitos traballos a través de máquinas deseñadas para que se puidera aproveitar esa enerxía. Entre estas máquinas creadas para aproveitar a enerxía da auga atópase a tradicional roda hidráulica ou as norias.
Arredor destas máquinas xira a mostra, na haberá dez paneis explicativos e tres máquinas construídas en madeira: dúas rodas hidráulicas e unha noria que sube auga para trasladala mediante un sistema de canais. Ademais, pódense observar diferentes mecanismos de transmisión do movemento da roda aos elementos de traballo: engranaxes, levas e sistemas de poleas e correas.
A exposición permanecerá dúas semanas no Centro Cultural da Guarda para que todo o que o desexe se achegue a aprender un pouco máis das máquinas que permitiron durante moito tempo levar a cabo diversos traballos aproveitando a forza e enerxía do elemento base da vida: a auga.
O concello da Guarda remata as obras de mellora do tramo pendente do sendeiro azul
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e os concelleiros de Vías e Obras e de Servizos, Miguel Español e Paulino Rodríguez, visitaron nos pasados días o tramo do sendeiro azul da Guarda, por debaixo do colexio das Solanas, no que se realizaron unha serie de actuacións para acabar de acondicionar o recoñecido sendeiro.
As obras consistiron na mellora e reposición do firme do sendeiro azul existente, no seu percorrido costeiro, froito do convenio de colaboración entre a Deputación Provincial e o Concello da Guarda. En concreto, o tramo mellorado é o que abandona o tramo portuario e percorre a parte baixa do barrio de Solanas ata atoparse cunha parte adoquinada que enlaza coa pasarela que leva á praia de Area Grande.
Na actuación deste tramo do sendeiro azul, especialmente destacado pola ampla cantidade de sendeiristas que a percorren e pola existencia dun elemento etnográfico subliñable como é unha das Cetáreas da zona, realizouse unha obra cun custo que ascendeu aos 16.666,66€.
Remátase así o tramo pendente do sendeiro azul que une as praias con bandeira azul da Area Grande e o Muíño, queda pendente agora mellorar a sinalización e dotar de mobiliario á senda. Dende o concello espérase que esta actuación resulte satisfactoria para todos e que mellore, por unha banda, o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas; e por outra, a experiencia dos turistas e visitantes que atopan neste sendeiro algunhas das vistas máis fermosas de todo o Baixo Miño.
Continúan as actividades de Nadal en Tomiño coa Praza do Seixo coma punto de encontro
" Obradoiros de teatro, maxia, xogos populares encherán a Praza do Seixo durante os vindeiros días
Dentro da programación de Nadal organizada polo Concello, dia 30 o mercado municipal acolle, de 17.00 a 18.00 horas, o espectáculo do meigo Zanas "Máis que maxia"; unha proposta renovada, adicada especialmente á maxia "de cerca", segundo as palabras do artista tomiñés. A función comeza ás cinco, no primeiro andar.
O dia 29 foi o turno de Migallas Teatro, co obradoiro infantil "Unha coroa para os reis magos", no que houbo contacontos, representacións, manualidades, pintura...Asistiron máis de 30 nenos e nenas, moitos acompañados polos seus pais e nais.
A programación continúa os días 2, 3 e 4 de xaneiro coa actividade "Nadal na Praza". Entre as 16.00 e as 20.00 horas, a Praza do Seixo encherase de xogos, obradoiros, inchables, coa protección dunha carpa, que xa está a instalarse.
A Cabalgata de Reis será o xoves 5, con saída dende o Campo do Alivio ás 16.30 horas e percorrido até a Praza do Seixo. Nela terá lugar a recepción dos nenos e nenas por parte dos Reis; entrega de agasallos e reparto de papeletas para o sorteo dunha bici, tablet, patins, drons, etc.
O sábado 7 de xaneiro, a programación continúa con "O mundo máxico de Pinocho". A función, a cargo de Educa Teatro, será no Auditorio de Goián, ás 18.00 horas, con entrada de balde para nenos e nenas e de 3 euros para adultos.
Pechará o programa outra obra de teatro infantil-musical, "Vaioviravai - As andanzas de Paio". Tamén no auditorio, ás 18.00 horas. Coma na anterior actividade, a entrada será de balde para nenos e nenas e de 3 euros para as persoas adultas.
Cristina Martínez, concelleira de Cultura, informa que este Nadal terá coma mascota, un teixugo, un animaliño habitante dos nosos bosques que destaca polo seu tesón e perseveranza e que é símbolo da unión coa terra e a chegada do Nadal.
A OFICINA IGUALDADE DO CONCELLO DE TOMIÑO SUSPENDE A SÚA ATENCIÓN DURANTE O MES DE XANEIRO
O servizo de atención xurídica á muller da Oficina de Igualdade do Concello de Tomiño quedará suspendido durante o mes de xaneiro, á espera da aprobación do orzamento municipal para o ano 2017, momento no que se informará da súa nova organización e horario.
Este Servizo púxose en marcha grazas á subvención solicitada á Deputación de Pontevedra, que abrangue as accións municipais para o fomento da igualdade e a erradicación da violencia de xénero para o ano 2016, polo que o 31 de decembro é a data límite da actuación obxecto da dita subvención.
A vontade do Concello de Tomiño é a pronta reanudación do servizo, dada a importante demanda detectada.
A alcaldesa de Tomiño solicita unha reunión á directora de Mobilidade, para buscar unha solución ao transporte de sanitarios e usuarios do Cunqueiro
" Perto dun centenar de persoas vese afectado pola falla de autobuses
" O persoal sanitario vén de quedarse sen o servizo de transporte específico que tiña
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, vén de escribir unha carta á directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas de Santos, co fin de solicitarlle unha reunión na que tentar alcanzar unha solución ao problema da falla de transporte público ao novo hospital.
"Os Concellos da comarca do Baixo Miño recibimos diariamente as queixas de veciños e veciñas dos nosos municipios que se ven obrigados a desprazarse ao novo hospital Álvaro Cunqueiro", sinala a alcaldesa. A rexedora explica que "moitas veces non dispoñen de vehículo propio, e están obrigados a desprazarse nun transporte público que non ten ao hospital entre un dos seus destinos preferentes".
Ademais, a empresa encargada do servizo conta só con cinco autobuses, cuxo percorrido dende Tomiño até o hospital supón unha hora e media de traxecto. Por riba, os horarios non teñen en conta as necesidades dos usuarios e usuarias, chegando o último autobús ás 19h30 .
O problema afecta tamén aos sanitarios e persoal auxiliar do hospital (un centenar se persoas) que, até hai unhas semanas, dispuñan dun servizo de transporte específico, agora suprimido, polo que están obrigados a desprazarse en vehículos propios, contribuíndo ao colapso nos accesos ao hospital; atascos que se veñen producindo dende que o centro hospitalario abriu as súas portas, sobre todo, nos tramos horarios de 07h00 a 08h30 e de 14h30 a 15h30, é dicir, cambios de quenda do persoal laboral. Ademais, os profesionais sanitarios deben asumir riscos de carácter laboral derivados do cansanzo de xornadas de garda que deben cumprir.
Co fin de procurar solucións a ambas situacións "que non só pon en risco aos profesionais do centro hospitalario senón que prexudica de xeito directo aos veciños e veciñas dos arredores", a alcaldesa solicitou unha reunión para tentar chegar á mellor solución.
A Asociación de persoas con discapacidade "Vontade" merca un transporte adaptado para axudar ás familias que o necesitan
" A compra do vehículo, de segunda man, foi posible despois de lograr vender 10.000 rifas de Nadal con este fin
A Asociación de persoas con discapacidade "Vontade", fixo entrega onte dunha cesta de Nadal moi especial. Valorada en máis de 1000 euros, a cesta era o premio da campaña levada a cabo coa venta de 10.000 rifas, co fin de recadar o diñeiro necesario para mercar un vehículo que se poida prestar, por quendas, ás diferentes familias afectadas pola mobilidade reducida de algún dos seus membros, de maneira que estas teñan unha independencia de movemento para facer trámites, ir ao médico, á compra, pasear, etc.DSC_0009111111111 (1)
Jose Manuel Pereira Pereira (Nel) será o primeiro beneficiario do vehículo adaptado, cuxa adquisición fíxose efectiva tras a finalización das vendas das rifas.
A ganadora da cesta foi Mercedes Domínguez Rodriguez (Chela), e o propio Nel foi quen fixo a entrega do premio, que inclúe, ademais dos produtos típicos de Nadal, un fin de semana nun apartamento rural de Ribadeo.
A Asociación para persoas con discapacidade "Vontade", puxo en marcha hai uns meses, coa colaboración do Concello de Tomiño, o proxecto denominado "AUTO NOMÍA", co obxectivo de fomentar a independencia e a integración social das persoas con problemas de mobilidade. Concretamente, trátase de prestar un transporte adaptado a familias que carecen de recursos para comprar un vehículo destas características.
Por outra banda, o proxecto contempla actividades de concienciación sobre a ELA (Esclerose lateral amiotrófica), doenza neurolóxica crónica e dexenerativa, que vai diminuíndo a mobilidade, provocando debilidade e atrofia muscular nas persoas que a padecen (varias na asociación). Están programadas, polo mesmo, charlas e outras accións de sensibilización sobre a necesidade de ampliar a investigación sobre esta doenza, sen cura até agora.
A asociación Vontade, con sede en Tomiño, ten na actualidade perto de 200 socios con algunha discapacidade física ou mental (do Baixo Miño e concellos limítrofes).
So en Tomiño hai unhas 1000 persoas con discapacidade; na Comarca do Baixo Miño máis de 6.000, e un 10% delas, padecen algunha doenza que os discapacita.
Carmela Silva condena a violencia de xénero dende Tomiño e resalta o compromiso da alcaldesa con este tema
" A actriz ourensá Uxía Morán escenificou "A última cea"; un duro retrato da muller maltratada
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, condenou de forma tallante a violencia de xénero, que nos últimos 10 anos provocou máis de 800 vítimas, e resaltou a importancia de esixir ás administracións que dediquen máis recursos para loitar contra esta lacra social. Silva resaltou o compromiso da alcaldesa de Tomiño, Sandra González (ausente por razóns de saúde), co tema da igualdade e da loita contra a violencia de xénero, e lembrou a necesidade de traballar xuntos dende todas as administracións.
A titular da Deputación fixo estas declaracións na Praza do Seixo, no concello de Tomiño, que acolleu este mediodía o acto "Mulleres en acción. Violencia Cero", e que contou coa presenza do tenente de alcalde e deputado Uxío Benítez e a súa compañeira Digna Rivas. Tamén acompañaron á presidenta a concelleira de Cultura e Servizos Sociais de Tomiño, Cristina Martínez, e a comisaria de Mulleres en acción, Paula Cabaleiro. A primeira, afirmou a vontade de apoiar incondicionalmente iniciativas deste tipo. "Dende o Concello de Tomiño, sumámonos a este proxecto coa meta de concienciar sobre a importancia de loitar contra a violencia machista", precisou.
A actriz ourensá Uxía Morán foi a encargada de interpretar ante o público, a peza teatral unipersoal "A última cea", logrando un retrato duro e contundente da muller maltratada. A actriz escenificou a vida dunha muller dende o día da voda, quedando logo confinada no fogar e vendo "como a ilusión da promesa de amor que se lle fixo no altar, vaise diluíndo pouco a pouco" A artista quixo ademais por en tela de xuízo o papel da relixión na educación das mulleres, que obedece a estereotipos de submisión, sacrificio, etc.
Mulleres en acción. Violencia Cero trátase dun proxecto de acción artística que se desenvolve no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar á poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, para tratar de unir forzas para loitar contra esta secuela presente na nosa sociedade.
Durante o 2016, seleccionáronse 10 lugares no espazo público de cidades e pobos da provincia inmersos no programa, que no 2017 ampliará o seu campo de acción a 25 municipios, segundo o anunciado hoxe por Carmela Silva.
O Mercado Municipal de Tomiño acolle dende hoxe e até o día 7 de xaneiro, unha exposición de postais de Nadal
" Nesta mostra, poden contemplarse, entre outras, as tarxetas realizadas polas persoas do Grupo de Maiores, Centro de Día e Residencial Tomiño
Dentro do programa de Nadal do Concello de Tomiño, vén de inaugurarse no Mercado Municipal (primeiro andar), a Exposición de Postais de Nadal, que permanecerá aberta até o vindeiro sábado, 7 de xaneiro.
Nesta mostra, poden contemplarse, entre outras, as tarxetas de Nadal realizadas polas persoas do Grupo de Maiores, Centro de Día e Residencial Tomiño.
Por outra banda, mañá, mércores 28, O Apalpador chegará á Praza do Seixo ás 11.00h.
Tamén o mercado municipal será o espazo no que se desenvolverá, o xoves 29, de 17.00 a 19.00 horas, o obradoiro de teatro infantil "Unha coroa para os reis magos", a cargo de Migallas Teatro. É necesario apuntarse antes chamando ao Concello.
O venres 30 de decembro chega ao mercado, entre as 17.00 e as 18.00 horas, o meigo Zanas, co espectáculo "Máis que maxia".
A programación continúa os días 2, 3 e 4 de xaneiro coa actividade "Nadal na Praza". Entre as 16.00 e as 20.00 horas, a Praza do Seixo encherase de xogos, obradoiros, inchables, coa protección dunha carpa, por se acaso chovera.
A Cabalgata de Reis será o xoves 5, con saída dende o Campo do Alivio ás 16.30 horas e percorrido até a Praza do Seixo. Nela terá lugar a recepción dos nenos e nenas por parte dos Reis; entrega de agasallos e reparto de papeletas para o sorteo dunha bici, tablet, patins, drons, etc.
O sábado 7 de xaneiro, a programación continúa con "O mundo máxico de Pinocho". A función, a cargo de Educa Teatro, será no Auditorio de Goián, ás 18.00 horas, con entrada de balde para nenos e nenas e de 3 euros para adultos.
Pechará o programa outra obra de teatro infantil-musical, "Vaioviravai - As andanzas de Paio". Tamén no auditorio, ás 18.00 horas. Coma na anterior actividade, a entrada será de balde para nenos e nenas e de 3 euros para as persoas adultas.
Cristina Martínez, concelleira de Cultura, informa que este Nadal terá coma mascota, un teixugo, un animaliño habitante dos nosos bosques que destaca polo seu tesón e perseveranza e que é símbolo da unión coa terra e a chegada do Nadal.
Últimos días para votar no Orzamento Participativo Transfronteirizo Tomiño-Cerveira
" O investimento previsto é de 20 mil euros, financiado ao 50% polos dous concellos
" Os proxectos vencedores, e con execución en 2017, serán anunciados en breve
Entramos na derradeira semana de votación no Orzamento Participativo Transfronteirizo Tomiño-Cerveira 2017.
Os electores dos dous concellos son convidados a votar polos seus tres proxectos preferidos para seren concretados o próximo ano. O prazo remata ás 24h00 do día 31 de decembro.
Para votar telemáticamente hai que acceder á páxina web participacerveiratomino.eu
O proceso de votación é moi simple: basta premer en participa, seleccionar un proxecto por cada categoría, cubrir os datos (nome e número de DNI), e votar.
Cerveirenses e tominenses, maiores de 18 anos e electores nos concellos, poden escoller tres proxectos entre seis, unha por cada categoría de intervención (cultura, educación e acción social).
En Educación, pode elixirse entre a "Semana da Comunidade Educativa Cerveira-Tomiño 2017" ou o "1º Campus Deportivo e Educativo Cerveira-Tomiño"; na área de Cultura, hai que decantarse entre a "Festa Amizade Cerveira-Tomiño" ou o "Encontro de Creatividade Cultural e Música do Miño"; e finalmente, na vertente da Acción Social, a selección será entre a elaboración dun "Programa de voluntariado de apoio á inclusión social infantil e xuvenil" ou dun "Programa transfronteirizo para a información, apoio e visibilidade das problemáticas de accesibilidade".
O orzamento previsto é de 20 mil euros, financiado ao 50% polos dous concellos. Os proxectos vencedores, e con execución en 2017, serán anunciados en xaneiro próximo.
O Concello de Tui inviste máis de 50 mil euros en obras de mantemento nos centros educativos
O Concello de Tui ten investido ao longo deste ano 2016 máis de 50 mil euros de fondos propios en obras de mantemento nos diferentes centros educativos do municipios apostando así polo coidado ao longo do ano dos colexios para que estean en boas condicións pese aos moitos anos que teñen todos os edificios escolares. Ao investimento propio hai que sumar as achegas da Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concello, que están arestora en licitación coma a remodelación do patio do CEIP de Randufe e o novo comedor escolar para o CEIP nº2.
Unha das actuacións destacadas realizadas xa é a adecuación da antiga escola de Ponte Internacional nas Bornetas para acoller a sede do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres con actuación coma a reparación do piso e instalación de tarima flotante ou o pintado do centro. Amais executáronse obras de mantemento e reparación nas distintas aulas distribuídas polas parroquias tudenses.
Por outra parte no CEIP de Rebordáns reparáronse os canalóns, pintáronse as baixadas das escaleiras e as gradas do pavillón e reformouse o parque infantil. No pavillón do CEIP de Guillarei mellorouse a accesibilidade coa instalación dunha rampla, canalizáronse as augas pluviais e levouse a cabo o pintado das gradas. Amais nas aulas de infantil deste centro procedeuse á limpeza do muro de peche e arranxos interiores, mellorouse tamén a accesibilidade e instalouse un tobogán no patio infantil. En Caldelas procedeuse ao pintado das gradas e protección do chan do pavillón e reparáronse os canalóns do colexio, unha actuación de tamén se levou a cabo no CEIP de Randufe. En Pazos de Reis rematan estes días o pintado do ximnasio e doutras estancias, e mellorouse o espazo de xogo dos cativos coa colocación dunha casiña de xogos e o arranxo do areeiro entre outras actuacións.
No centro urbano no CEIP nº1 pintáronse algunhas aulas e remodelouse un corredor, e arranxouse o firme para a apertura dun portal, mentres que no CEIP nº2 vernizouse o chan do pavillón, e pintáronse algunhas aulas e arranxáronse os corredores.
Por último remodeláronse os baños da planta baixa do Conservatorio Profesional de Música mellorando amplamente as súas condicións, quedando pendente o arranxo da planta superior.
A concelleira de Cultura explicou que dende o Concello poñen todo o seu empeño por ir mellorando as condicións dos centros educativos ano a anos, ao tempo que agradeceu aos equipos directivos a súa colaboración e comprensión.
O goberno municipal ve con preocupación o bloqueo da oposición para mellorar as condicións de limpeza e condicións de vida nos veciños
En pleno foron rexeitados os pregos de licitación da limpeza viaria e a aprobación inicial da ordenanza contra a contaminación acústica
O goberno municipal de Tui ve con preocupación o bloqueo realizado no pleno extraordinario celebrado onte por parte da oposición a dous puntos que mellorarían as condicións de limpeza no municipio e de vida dos veciños. En concreto foron rexeitados, ao votar en contra todos os grupos da oposición, os pregos de licitación do servizo de limpeza viaria do Concello de Tui, así coma aprobación inicial da Ordenanza contra a Contaminación Acústica.
O goberno municipal aposta pola licitación do servizo de limpeza viaria cun dobre obxectivo. Por unha banda para solucionar a actual situación irregular na que se presta o servizo, xa que o contrato data de 2006 e tiña unha duración de 4 anos, e por outra mellorar as condicións de limpeza no municipio tanto no casco urbano coma nas parroquias contemplando actuacións que ata o de agora non se realizaban. O importe do contrato que figura nos pregos é de 227.712,16€ anuais cunha periodicidade de 4 anos prorrogables durante un período de dous anos máis. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que aínda que o importe da licitación é superior ao actual contrato realmente non se produce un gran incremento no custe do servizo xa que hai traballos de limpeza que arestora non están recollidos pero si se realizan e que teñen que ser aboados levantando os reparos de intervención. O obxectivo segundo Enrique Cabaleiro é buscar a limpeza e a excelencia nos servizos públicos do municipio tendo en conta a vocación comercial e turística da cidade.
Por outra parte no que se refire á ordenanza contra a Contaminación Acústica co novo texto búscase cumprir o establecido pola lei nesta materia, xa que a ordenanza existente non se adapta á normativa en vigor. A nova ordenanza daría resposta as necesidades actuais do municipio e sería o primeiro paso de cara á elaboración de mapas e zonas de ruídos, que pola súa importancia medioambiental, patrimonial... teñan que ter especial protección acústica. No amplo texto recóllese o desenvolvemento técnico da ordenanza e detállanse aspectos específicos coma por exemplo a insonorización de novas edificacións. O fin último é a conciliación do dereito ao descanso da poboación con outras actividades que poden xerar ruídos, e ter un municipio con calidade medioambiental tamén no que se refire ás condicións acústicas.
Dende o equipo de goberno consideran que sacar adiante este dous temas é imprescindible polo que buscarán puntos de encontro e consenso cos grupos da oposición que permitan volver levar a pleno tanto os plegos para a licitación da limpeza viaria coma a ordenanza contra a contaminación acústica nas próximas semanas.
|