|
O BNG insta ao Alcalde da Guarda a unha solución inmediata do Estaleiro J. Castro
"Neste momento hai en xogo máis de 20 postos de traballo nun contexto de crise económica na Guarda"
O Bloque Nacionalista Galego considera que xa pasou tempo máis que suficiente para que dende o grupo de goberno do PSOE, dea pasos firmes que aseguren a viabilidade dos estaleiros J. Castro.
Dende o BNG aseguran que se están a xogar coas esperanzas duns traballadores que no ano 2010, practicamente na rúa, optaron por buscar un plan de viabilidade que garantira o futuro da empresa con grandes sacrificios persoais.
O BNG lembra que neste momento a factoría ten unha carteira de pedidos á espera que obrigaría a máis contratacións.
Dende o BNG levamos meses traballando para que tanto a Entidade Menor de Camposancos, o Concello e a empresa cheguen a un acordo.
"O PSOE ten que aclarar publicamente cal é o motivo polo que está a atrasar un acordo que de non chegar, pode levar ao peche da empresa. Un alcalde está para ser parte da solución, non parte do problema. Até agora tanto o alcalde pedáneo como o alcalde da Guarda parecen empeñados en ser parte do problema", comentou Angel Baz, portavoz municipal do BNG.
O acordo coa empresa beneficia a todas as partes: aos traballadores porque manteñen e incrementan os seus postos, á entidade de Camposancos porque incrementa en máis de 10 veces o canon que estaban a pagara empresa até agora, e a o concello porque o acordo ven dado por unha regularización da actividade que redunda no cobro de impostos.
Dende o BNG instamos ao Alcalde do PSOE da Guarda a que reflexione e a que chegue a un acordo con Estaleiros J. Castro. Dende o BNG poñémonos a disposición do grupo de goberno para mediar no conflito, iso si, tomaremos todas as iniciativas posíbeis para evitar o peche da empresa.
ANÍMATE A BAILAR FUNKY NO SEGUNDO CURSO NA GUARDA DENTRO DO PROGRAMA "DEPO RÚARTE"
O concello da Guarda acollerá este vindeiro mes de agosto e principios de setembro un curso de funky como parte do programa "Depo Rúarte" organizado dende a Deputación de Pontevedra.
Esta iniciativa vai dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 30 anos empadroados no Concello da Guarda. O curso conta con prazas limitadas, polo que a orde para cubrir as prazas será a seguinte:
-Primeiro aqueles comprendidos entre os 14 e 30 empadroados na Guarda.
-Se quedan prazas libres, tamén poderán inscribirse persoas non empadroadas na vila que cumpran o requisito da idade.
-Por último poderán inscribirse os empadroados que non teñan entre 14 e 30 anos.
O prazo de realización do curso será do 29 de agosto ao 9 de setembro, de luns a venres en horario de mañá, entre as 10,30 e as 13 horas no Ximnasio Municipal. Todos os que desexen anotarse a esta actividade terán como prazo de inscrición ata o 19 de agosto no Rexistro do Concello da Guarda de 8 a 14 horas, de luns a venres.
Para inscribirse terán que achegar un formulario de solicitude, que poden descargar na web http://www.depo.es/; unha fotocopia do DNI e o empadroamento.
O concello quere animarte a que aprendas a moverte ó ritmo da música funky neste soleado verán guardés, nun curso que busca que os participantes podan adquirir coñecementos, habilidades e destrezas básicas sobre funky, coñecer o procedemento do funky e os estilos que o compoñen, adquirir coñecementos básicos sobre composición e enfocar o funky como arte urbana e como actividade física deportiva saudable.
O CONCELLO DA GUARDA CREA O CONCURSO SELFIE "VIVEAGUARDA" DIRIXIDO Á XUVENTUDE DA VILA
Cada día A Guarda aumenta a súa popularidade como un dos puntos da provincia de Pontevedra preferidos polos turistas que se achegan a Galicia, pero aínda queda moito por descubrir e moitos recunchos por coñecer, incluso para os propios veciños e veciñas da vila.
Co obxectivo de dar visibilidade a estes recunchos máis significativos da vila, así como para mostrar a beleza e sensibilidade coa contorna privilexiada da Guarda, o departamento de Xuventude do Concello da Guarda ven de crear o primeiro Concurso de Selfies VIVE A GUARDA.
Para participar nesta iniciativa, que tamén busca fomentar o traballo artístico da mocidade, os participantes deben facerse unha fotografía a eles mesmos, un "selfie", no que se poda apreciar algún lugar destacado da Guarda. Poderán enviar as súas fotografías os rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, sempre que nos caso dos menores de idade conten con consentimento expreso dos pais, nais ou titores legais, entregado no Concello de A Guarda no Departamento de Cultura do Concello de A Guarda.
O concurso inclúe dúas modalidades, individual e en parella. En calquera das dúas os participantes deben ser os protagonistas da imaxe e só poderán presentar unha proposta.
Esta pode ser remitida en formato dixital a través de dúas redes sociais, Instagram ou Facebook. En ambos casos os concursantes subirán a imaxe ó seu perfil de dita rede social, acompañándoa coas etiquetas ou hashtags #viveaguarda e #concursoselfies. Ademais, en Instagram hai que etiquetar ó perfil @viveaguarda e no Facebook compartilo na páxina "Xuventude A Guarda".
O prazo para presentar os selfies remata o vindeiro día 31 de agosto. A partir desa data tres xuíces deliberarán sobre cal das obras presentadas debe ser a elixida como vencedora, tendo en conta os criterios de calidade técnica e artística, a orixinalidade e a adaptación ós obxectivos e normas do concurso, que poden consultarse na páxina web do Concello da Guarda www.aguarda.es (onde se inclúe a autorización para os menores).
Os traballos que resulten gañadores, e que se coñecerán o día 5 de setembro, ademais de ser premiados cunha cea ou comida no Forte (A Guarda), tamén formarán parte da campaña "VIVE A GUARDA 2016" que está a impulsar o Concello da Guarda. Por isto anímase a todos os mozos e mozas a participar e axudar a dar visibilidade a todos eses lugares que fan da Guarda unha vila tan especial. Dende o departamento de Xuventude queremos agradecer a súa colaboración ó Restaurante O Forte e a todos os que fan posible levar a cabo esta iniciativa.
Este domingo celébrase o Descenso do río Miño en Boias
Forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença
O río Miño será o escenario onde se desenvolva este domingo unha nova proba que se incorpora ao Calendario Deportivo da Eurocidade Tui. Trátase do Descenso do Río en Boias que partirá ás 15.30 hora española das areas recreativas de Caldelas, na beira portuguesa, e de Friestas, na beira portuguesa. Os máis dun centenar de participantes que se agardan farán derroche de imaxinación na construción de embarcacións que debe levar coma único requisito flotadores. O punto de chegara estará na insua do Conguedo.
Así o explicaron esta mañá na presentación da actividade o concelleiro de Deportes de Tui, Laureano Alonso, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, e o presidente da xunta de freguesía de Verdoejo. Laureano Alonso convidou aos tudense a sumar a esta iniciativa e disfrutar dunha tarde de verán en augas do Miño combinando deporte, lecer e confraternidade. O prezo da inscrición por persoa é de 5€ e pode facerse ata mañá venres en verdartrockfest@gmail.com ou no teléfono 00 351 96 200 63 76. Entre todos os participantes recibirán premio as embarcacións máis orixinais e tamén ás máis animadas.
Posteriormente na área recreativa de Verdoejo celebrarse o Verdoejo Art Rock.
Cortada por obras a rúa de Baños en Caldelas
Dende hoxe a rúa de Baños en Caldelas está pechada ao tráfico debido a realización de obras para reparar unha canalización das augas pluviais debaixo da ponte do tren. Os usuarios desta vía deberán empregar desvíos alternativos mentres duren os traballos.
Dende o Concello de Tui solicítase a colaboración cidadá respectando as sinais que impiden o paso por este vial, para así poder realizar as obras en condicións de seguridade tanto para os traballadores coma para os viandantes e condutores.
A Catedral de Tui tínguese de vermello co XII Música no Claustro
O festival volve do 3 ao 7 de agosto á Catedral de Tui con concertos, obradoiros e conferencias que fusionan música e patrimonio
Esta mañá presentouse no Claustro da Catedral de Tui a XII edición de Música no Claustro que se celebrará entre o 3 e o 7 de agosto. Á presentación acudiron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o director do festival, Samuel Diz; o cóengo emérito e mentor do evento, Ricardo García; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro; o conselleiro en Galicia de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE), Xacobe Martínez; e a música Sandra Pérez, quen interpretou unha peza ao vibráfono.
O rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, dixo sentirse "privilexiado" de poder presentar este festival nun lugar "tan emblemático como é o Claustro da Catedral de Tui, símbolo por excelencia do noso patrimonio histórico". Cabaleiro engadiu, así mesmo, o "perfecto binomio entre creadores formados no conservatorio de Tui e a posta en valor do noso patrimonio que define á cidade no mundo".
Música no Claustro busca este ano o "diálogo transversal entre o edificio da Catedral e micro elementos patrimoniais como á grana cochinilla", segundo apunto o seu director, Samuel Diz. A grana cochinilla, a través da que xira parte desta edición, trátase dun parasito que chegou dende México para revolucionar a sociedade tudense da época a través da súa capacidade para tinguir de vermello os tecidos. Na conferencia "vermello profundo" -xoves 4, 18.30h- darase conta dos seus usos na indumentaria eclesiástica e nos códices musicais da época .
"Un festival eminentemente familiar", salientaba Samuel Diz, que organizará ademais unha xincana para que a rapazada descubra de forma lúdica o conxunto catedralicio. Como cada ano os concertos remataran coa apertura ambigú-xardín da catedral que permita relaxarse e intercambiar opinións nun entorno único.
En total, 5 concertos principais en diferentes puntos da Catedral, diversas conferencias e obradoiros de artesanía permitirán a fusión entre música, patrimonio e creación interdisciplinar da que fai gala o evento.
Música no Claustro, que ten unha duración de cinco días, forma parte do programa cultural de verán do Concello de Tui. O programa completo pode consultarse na web http://musicanoclaustro.com
|