|
O Centro Cultural acollerá os traballos do certame Muller poeta ata o vindeiro 31 de marzo
No vestíbulo do Centro Cultural poden contemplarse tódolos traballos que foron presentados ó certame "Muller poeta" que a Concellería de Cultura convocou para conmemorar o mes da muller e da poesía.
As bases contemplaban a particpación en tres categorías diferentes e a dotación dun premio ó traballo máis orixinal, mais sendo os traballos presentados nunha única categoría infantil, o xurado quixo agradecer esta participación e esforzo facendo entrega dun lote de libros a cada un dos nenos concursantes. A entrega realizouse o pasado luns 21 de marzo, coincidindo co Día da Poesía.
Na categoría de adultos, presentouse un único traballo, premiado tamén cun lote de libros e que forma parte da mesma exposición.
Os traballos poden verse no vestíbulo do Centro Cultural ata o vindeiro 31 de marzo. Dende a Concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal querese agradecer ós concursantes o seu esforzo, e animar á toda a poboación a participar nas vindeiras edicións
Abril, mes do libro na Biblioteca Municipal
A concellería de Cultura presenta as diferentes actividades que se darán cita durante o vindeiro mes.
Dentro da programación anual que a Biblioteca Municipal está levando a cabo durante este ano para potenciar o uso da mesma por parte da poboación guardesa e coincidindo coas conmemoracións do día do libro infantil e xuvenil o día 2 de Abril e o Día do Libro, que se celebra o día 23 de Abril; se presentan estes proxectos:
Cinema familiar: "O Fabuloso Andersen"
O Sábado 2 de Abril se celebra o Día do Libro Infantil e Xuvenil,coincidindo coa data de nacemento do escritor Hans Christian Andersen. Na Biblioteca Municipal de A Guarda queremos celebrar ese día cunha nova cita de cinema familiar para ver a Película Musical de cine clásico "A Fabulosa Historia de Andersen" .A cita será o Sábado 2 de Abril as 17:30 horas no salón de Actos do Centro Cultural.
Cinema "Os Miserables":
Para celebrar o día do Libro que é o día 23 de Abril, a Concellería de Cultura xunto coa Biblioteca Municipal, queren ofrecer ós veciños da Guarda unha nova sesión de cinema coa proxección da película musical "Los Miserables".A cita será o venres 22 de Abril as 21 h. no Salón de actos do centro cultural.
"Contos Contados polo Día do Libro"
Como se ven facendo dende o mes de outubro, a Biblioteca celebra a sesión mensual de contos contados do mes de abril. Neste caso para celebrar o Día do Libro, despois do Conto Contados haberá un obradoiro chamado "ANIMATE A LEER".
A sesión de Contos Contados será esta vez as 11:30 da maña.
"Certame de microrrelatos"
No Mes de Abril e coincidindo cos Días do Libro Infantil e Xuvenil e o Día Do Libro, a Biblioteca Municipal presenta o Certame de Microrrelatos.
O microrrelato é unha construcción literaria narrativa distinta da novela ou do conto. É a denominación máis usada para un conxunto de obras diversas onde a principal característica é a brevidade do seu contenido. O microrrelato tamén é chamado microconto, minificción, microficción, conto brevísimo, miniconto, etcétera.
Dende o día 1 de abril ata o día 12 de abril se poderán presentar os microrrelatos na oficina de cultura do Concello da Guarda en horario de 9 a 14h., no Centro Cultural ou na Biblioteca Municipal en horario de 10h. a 13h. E 17h. a 20h.
O xoves 14 de abril se fará entrega dun agasallo a tódolos participantes neste certame na Biblioteca Municipal as 17h. e se procederá a pór en exposicións todos os traballos recibidos no propio Centro Cultural.
A convocatoria está aberta a todálas idades, e os traballos deberán cumprir cos seguintes requisitos:
1) Os textos estarán escritos en lingua galega
2) A idade para participar é de 3 anos en adiante, estando aberta a toda a poboación
3) O tema do microrrelato é libre
4) A extensión da obra é de 150 palabras máximo, sen incluir o título
5) Os textos deben ser de autoría orixinal e inédita
6) Os traballos se presentarán en formato papel.
Ciclo de charlas "Manual de instrucións para educar" na Guarda
Seguinte cita o 29 de marzo na Casa dos Alonsos ás 19,30 horas.
Continúa o ciclo "Manual de instrucións para educar" organizado polo Programa de Educación Familiar e a OMIX do Concello da Guarda, o que se pretende é compartir pautas sinxelas e ofrecer un espazo de reflexión e intercambio de experiencias, para poder axudas ás nais, pais e educadores/as a lograr o pleno desenvolvemento dos nenos e nenas e adolescentes para facilitar a convivencia familiar.
Nesta ocasión o tema protagonista será "Ensinando a dicir non", a asertividade, as normas e os límites, tanto en nais/pais/educadores como en fill@s.
Educar aos fillos e fillas é unha aprendizaxe diaria, polo que, nestas charlas se aportarán vías para resolver conflitos de forma construtiva, reforzando a comunicación e o diálogo como claves na relación entres nais e pais con fillos e fillas.
Esteban Figueirido, terapeuta familiar, conducirá novamente esta charla, convidando aos participantes a interactuar e intercambiar experiencias para facelos encontros máis dinámicos e reais.
* Próximas datas e temas
As charlas celebraranse o último martes de cada mes ás 19,30 horas, na Casa dos Alonsos.
As seguintes citas serán: o 26 de abril e levará por nome "Pautas para fomentar a autoestima dos fillos e fillas" e o 24 de maio co tema "Do berce á adolescencia. Ferramentas útiles con adolescentes", charla coa que se pechará o ciclo.
O Concello da Guarda quere convidar a todos os pais e nais, educadores/as, avoas/ós e a todos aqueles veciños e veciñas interesados na educación a participar nestas charlas e axudar a crear un espazo enriquecedor no que falar e contar experiencias propias.
O Concello de Tui colabora coa Embaixada de España en Australia para divulgar a figura e obra de Rosendo Salvado
O Concello de Tui prosegue a realizar distintas iniciativas para dar a coñecer a figura e a obra do tudense Rosendo Salvado. Nesta liña de actuacións está a colaboración establecida coa Embaixada de España en Canberra e a ANU School os Music que organiza o programa "De Rosendo a Rosendo" en Australia. Trátase dun evento no que ao través da música se traza unha liña entre o rockeiro Rosendo Mercado,e o bispo tudense Rosendo Salvado. Precisamente no marco deste ciclo están os concertos que a pianista tudense Andrea González ofrecerá este sábado na abadía de Nova Nursia, fundada no seu día por Rosendo Salvado, e o 1 de abril na universidade Canberra interpretando composicións do bispo tudense.
A música centra a programación do domingo no segundo día das festas de San Telmo
Pola mañá actuará a Agrupación Musical de Goián e pola tarde celébrase o Festival Folclórico
A música centrará a programación deste domingo, 27 de marzo, nas Festas de San Telmo. O programa previsto comezará ás 12.30h no Paseo da Corredoira cun concerto a cargo da Agrupación Musical de Goián, en caso de choiva este evento será cancelado.
A charanga Fuego animará as rúas de Tui dende ás 17h. Unha hora despois, ás 18h, comezará no Teatro Municipal de Tui o Festival Folclórico Festas de San Telmo no que van participar os grupos Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns, Lembranzas da Terra de Guillarei e San Xoán de Paramos. Muiñeiras, ribeiranas, pandeiros, xotas, foliadas,...formarán parte do repertorio elixido por cada grupo para a súa actuación ao longo de quince minutos. A entrada para o festival é libre ata completar o aforamento do Teatro.
O Paseo da Corredoira acollerá dende ás 19h o Festival de Karaoke coa SpaceMusic. Por último pechando a xornada do domingo, a partir das 20h actuará na rúa Compostela a orquestra Ritmo Joven amenizando a primeira verbena.
Amais o domingo comeza en 25 locais de hostalería de Tui a Semana Gastronómica San Telmo organizada polo Concello de Tui en colaboración coa Asociación de Restauradores e Hostaleiros de Tui. Os locais participantes ofrecerán ata o próximo luns, 4 de abril, nos seus menús produtos do río Miño. Amais previa reserva en sete dos locais poderase degustar o meixón do Miño.
A comedia protagoniza a VIII Semana de Teatro Afeccionado
Cinco dos seis grupos participantes estrearán as súas montaxes da temporada nas festas
A comedia protagoniza a VIII Semana de Teatro Afeccionado que se vai celebrar no Teatro Municipal de Tui do luns 28 de marzo ao sábado 2 de abril. Cinco dos seis grupos tudenses participantes apostaron por estrear as súas montaxes desta temporada durante esta cita que coincide coa celebración das Festas de San Telmo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, María José González, xunto a Estela Rey e Seila Vila do grupo Aloia de Pazos de Reis, Amancio Muíños e Marita Giráldez do grupo Chirlomirlo de Randufe, Sofía González e Álvaro Iglesias de San Fins de Rebordáns, Melo Álvarez do grupo Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui, Ubaldo Estévez e ESteban Alonso de Mesturanzas de Areas, e Elena Mansinho e Ana Belén Bernárdez do grupo da Asociación Santiago de Malvas foron os encargados de presentar esta programación.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que no ámbito cultural de Tui, cunha intensa actividade, as obras de teatro amador tamén deben ter cabida na programación. Nese senso salientaba coma esta semana de teatro está xa consolidada e esperta moi interese no público, convidando a asistir a estas citas teatrais.
A concelleira de Cultura, María José González, destacou que pola súa vinculación ao teatro afeccionado é para ela unha honra presentar esta programación, agradecendo aos grupos participantes a súa achega por facer grande esta semana, dicía. Ao tempo resaltou a ampla participación que esta actividade ten tanto polos 50 actores que protagonizan as distintas obras, coma polo público que acode á mesma.
O grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis será o responsable de abrir esta Semana de Teatro o próximo luns, 28 de marzo, ás 21.15h no Teatro Municipal de Tui coa representación da comedia "O caso da muller asasinadiña" baixo a dirección de Noelia Solla e con nove actores na estrea desta obra. O martes, 29 de marzo, o grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Xuntanza de Randufe estrea "Romeo e Xulieta". Areta Bolado dirixe aos dez actores que dan vida a esta comedia que presenta unha versión cómica da obra clásica. O mércores será a quenda do grupo de teatro da Asociación San Fins de Rebordáns que tamén estreará a comedia "A mesa do rincón" dando vida ao texto de Mila Oya. O xoves o grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui estreará "A miña tía e as súas cousas" baixo a dirección de Arseio Gállego Chacón. Os dez actores da obra levarannos ata a historia dunha tía e a súa sobriña que lembran anualmente a desaparición do marido da tía na Rusia da División Azul. O venres o grupo de teatro Mesturanzas da Asociación Seixos Albos de Areas estreará baixo a dirección de Ubaldo Estévez a comedia "Ah...que familia!" con oito actores en escena. De luns a venres as representacións comezarán ás 21.15h.
Por último o sábado, ás 20.15h, o grupo de teatro da Asociación Santiago de Malvas presenta "A verdadeira historia de carapuchiña vermella", unha obra escrita por alumnos do IES San Paio que achega unha perspectiva diferente do clásico conto.
Ás entradas poranse á venda cada día no despacho de billetes hora e media antes do comezo da función ao prezo de 1,5€. Unha vez iniciado o espectáculo non se poderá acceder ao patio de butacas.
Programación
o Luns 28 ás 21.15h. O grupo de teatro Aloia da Asociación Aloia de Pazos de Reis presenta "O caso da muller asasinadiña".
o Martes 29 ás 21.15h. O grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Xuntanza de Randufe presenta "Romeo e Xulieta".
o Mércores 30 ás 21.15h. O grupo de teatro da Asociación San Fins de Rebordáns presenta "A mesa do rincón".
o Xoves 31 ás 21.15h. O grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui presenta "A miña tía e as súas cousas".
o Venres 1 ás 21.15h. O grupo de teatro Mesturanzas da Asociación Seixos Albos de Areas presenta "Ah...que familia!".
o Sábado 2 ás 20.15h. O grupo de teatro da Asociación Santiago de Malvas presenta "A verdadeira historia de carapuchiña vermella".
As entradas poranse á venda o día da función no despacho de billetes ao prezo de 1,5€ dende hora e media antes do comezo.
A lectura do pregón a cargo do presidente da Cámara de Valença marcará o inicio oficial das Festas de San Telmo
Será este sábado ás 19.30h no Teatro Municipal nun acto institucional no que tamén se presentará a bandeira oficial de Tui
O sábado, 26 de marzo, ás 19.30h terá lugar no Teatro Municipal de Tui un acto institucional no que coa lectura do pregón se dará comezo oficial ás Festas de San Telmo 2016. O Concello de Tui, en acordo plenario do pasado mes de febreiro aprobado por unanimidade, designou ao presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, coma pregoeiro da festas recoñecendo así o seu papel destacado na constitución da Eurocidade Tui-Valença. O acto contará amais coa intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a presentación oficial da bandeira de Tui que será levada a pleno para a súa aprobación este mércores.
A parte musical correrá a cargo do tudense Sergio Alonso Pazos, alumno de 4º curso de Grao Medio en guitarra clásica e 3º de Grao Medio en guitarra eléctrica no Conservatorio Profesional de Música de Tui, e de Raquel Alves Balado docente o Conservatorio e na Escola de Música de Tui e na Escola de Música de Salvaterra. Interpretarán un programa formado por obras Francis-Paul Demillac, F. Spina e Egberto Gismonti, entre outros. Amais a Banda de Gaitas Arume de Malvas interpretará o himno galego no final do acto. A entrada será libre ata completar o aforamento.
A programación do primeiro día das Festas de San Telmo complétase coa inauguración da exposición "Fotografía antiga de Tui San Telmo 2016" na Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica ás 20.30h. A banda de gaitas Arume de Malvas desfila ás 21h ata o Paseo da Corredoira onde terá lugar o acendido do alumeado das festas e a continuación actuarán en concerto os grupos Ollos Pretos e Donicelas.
Sábado 26
o 19.30h no Teatro Municipal lectura do Pregón das Festas polo presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes. Presentación da bandeira oficial de Tui. Entrada Libre.
o 20.30h na Sala de Exposicións Municipal inauguración da mostra "Fotografía antiga de Tui San Telmo 2016".
o 21.00h dende a Área Panorámica ata o palco da música desfile da Banda de Gaitas Arume de Malvas.
o 21.15h acendido do alumeado das Festas.
o 21.30h no Paseo da Corredoira concerto de Ollos Pretos e Donicelas.
Torneos de fútbol, fútbol sala e padel durante a Semana Santa en Tui
Máis de 100 xogadores competirán no pavillón deportivo novo e no pavillón do CEIP de Randufe no I Torneo Randufe Futsal
Na Semana Santa disputaranse en Tui varios torneos deportivos, que congregarán a un elevado número de deportistas de distintos puntos geográficos.
I Torneo Randufe Futsal
O Randufe Fútsal, en colaboración co Concello de Tui, organizará o I Torneo Randufe Futsal, no que seis equipos competirán en tres categorías, xuvenil, cadete e infantil, no pavillón deportivo municipal novo e no pavillón deportivo do CEIP de Randufe.
Os clubs participantes serán o Club Deportivo Unión, Segosala (Segovia), Zona Fut (Valença), Futsal Morrazo, Vigo 2015 e o club organizador, Randufe Futsal.
As finais terán lugar a partir das 19.00 horas do venres 25, no novo pavillón deportivo municipal de Tui.
Torneo de Padel en Semana Santa
O Club Padel Tui organiza, do xoves 24 ao domingo 27 de marzo, o I Torneo de Padel Eurocidade, na pistas de padel do pavillón de Areas e da piscina municipal de Valença, no que haberá diferentes categorías, cunha participación de ao redor de 60 participantes.
Campionato Interbarrios en Ribadelouro
O Club Deportivo Ribadelouro, en colaboración co concello de Tui, organiza o Campionato Interbarrios, no campo de fútbol municipal de Santa Columba. Será o xoves, 24 de marzo e o venres 25, coa participación dos equipos de Mallón, Magdalena, Fernal e San Simón.
|