www.caminha2000.com - Jornal Digital Regional -
Semanário - Director: Luís Almeida

1ª Pág.
Cultura
Desporto
Óbitos
Política
Pescas
Roteiro
Ficha Técnica
Edições C@2000
Assinaturas
Email

"O Desfile- concurso de Entroido celebrarase o vindeiro fin de semana, se a climatoloxía o permite"

O Concello da Guarda informa do aprazamento do Desfile- Concurso de Entroido, previsto para este fin de semana. Este desfile, que porá fin ós actos de celebración do Entroido 2016, e que congregará ós máis de 200 participantes anotados, celebrarase o sábado 20 ou domingo 21, en función da evolución meteorolóxica.

Concello A Guarda



A Guarda é "Concello libre de circos con animais" trala proposta do BNG

"Asistimos a un ridículo sen precedentes do Alcalde da Guarda negándose a apoiar a moción do BNG"

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para a prohibición da instalación de circos con animais no concello da Guarda. A moción foi aprobada coa abstención do Alcalde da Guarda e do PSOE.

Para o BNG o uso de animais en espectáculos como os circos son dos máis surrealistas que teñen lugar no noso país, que ofrecen unha imaxe radicalmente distorsionada do que supón a fauna salvaxe.

"O Alcalde da Guarda intentou instrumentalizar a contestación social á presenza dun circo hai uns meses presentando unha moción que foi sobrepasada pola do BNG, tanto no fondo como na forma", comentou o concelleiro do BNG, Xan Lois Lomba.

Para o BNG os animais que viven nos circos están obrigados a permaneceren o resto da vida privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negando calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades etiolóxicas e naturais.

O BNG sinala que no último pleno ordinario celebrado en xaneiro puidemos asistir a un dos episodios máis esperpénticos protagonizado polo Alcalde da Guarda e o seu goberno coa abstención na moción presentada polo BNG, que prohibe a instalación de calquera circo con animais no concello. O PSOE volveu utilizar os mesmos argumentos que cando o BNG presentou a mesma moción e votou en contra, permitindo así a instalación este outono dun circo con animais na Guarda.

"Dende o BNG queremos agradecer a particulares e colectivos o apoio dado e a forza que exerceron para que entre todos e todas consigamos que a Guarda non volva a ter circos con presenza de animais. Unha pena que o alcalde da Guarda non estivera a altura da situación", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

BNG



CONFERENCIAS GRATUÍTAS "¿PARA QUE ENFERMA O TEU CORPO?" A RELACIÓN ENTRE AS EMOCIÓNS E AS ENFERMIDADES

A Asociación Érguete Baixo Miño organiza unha Charla-Coloquio Gratuíta nos diferentes Concellos da Comarca baixo o título "¿Para que enferma o teu corpo?: a relación entre as Emocións e as Enfermidades", que trata de abarcar unha visión completa dun modelo universal en relación coas diferentes enfermidades que as persoas podemos desenrolar ao longo da vida.

Para elo, a Asociación conta con Dna. Mª Jesús Alfonso Amoedo -Psicoterapeuta, coach e especialista en PNL, entre outras moitas especialidades que completan o seu extenso currículum.

A primerira conferencia realizarase o xoves día 18 de febreiro na Casa da Cultura do Concello de Tomiño, mentres que o venres 19 desenvolverase no Centro Cultural de A Guarda. O día 25 a conferencia desenvolverase no Auditorio Angel Bedriñana do Concello de Baiona e o venres 26 de febreiro será na Sala de Exposición do Concello de O Rosal.

O horario será nos catro emprazamentos ás 8 da tarde.

Estas charlas gratuítas realízanse grazas á colaboración por parte dos Concellos de Tomiño, A Guarda, Baiona e Oia.

A actividade está aberta a toda a poboación que desexe participar. Para máis información tan só poñerse en contacto cona entidade no local da Asociación Érguete Baixo Miño sita na r/Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda -Pontevedra, chamando ao teléfono 986 614 407 ou neste correo electrónico info@erguete.org

Érguete Baixo Miño



Ciclo de charlas "Manual de instrucións para educar" na Guarda

Os encontros se celebrarán o último martes de cada mes, sendo a primeira cita o 23 de febreiro. As xuntanzas serán na Casa dos Alonsos ás 19,30 horas

Chegamos ao mundo sendo fillos pero, quen nos ensina a educar e a ser nais ou pais? A través do ciclo de Charlas "Manual de instrucións para educar" organizado polo Programa de Educación Familiar e a OMIX do Concello da Guarda, o que se pretende é compartir pautas sinxelas e ofrecer un espazo de reflexión e intercambio de experiencias, para poder axudas ás nais, pais e educadores/as a lograr o pleno desenvolvemento dos nenos e nenas e adolescentes para facilitar a convivencia familiar.

Educar aos fillos e fillas é unha aprendizaxe diaria, polo que, nestas charlas se aportarán vías para resolver conflitos de forma construtiva, reforzando a comunicación e o diálogo como claves na relación entres nais e pais con fillos e fillas. Nestes encontros falarase das normas e dos límites coma un dereito dos rapaces e rapazas ofrecendo tamén ferramentas alternativas para poder achegarse á realidade de eses nenos e nenas.

Para realizar esta actividade contarase coa colaboración do terapeuta familiar Esteban Figueirido, que será o encargado de guiar estas charlas. Ademais o que se pretende é que os participantes nos encontros tamén expoñan as súas vivencias para poder intercambiar as experiencias.

Datas e temas

As charlas celebraranse o último martes de cada mes ás 19,30 horas, na Casa dos Alonsos. Así, o primeiro destes encontros está programado para o próximo 23 de febreiro.

"Mellorando a comunicación na familia: como falar para que os fillos escoiten e como escoitar para que os fillos falen", é o título que ten esta primeira charla.

O 29 de marzo terá lugar a charla "Ensinando a dicir non. Asertividade, normas e límites", a seguinte é o 26 de abril e levará por nome "Pautas para fomentar a autoestima dos fillos e fillas".

O ciclo de charlas se pechará o 24 de maio co tema "Do berce á adolescencia. Ferramentas útiles con adolescentes".

O Concello da Guarda quere convidar a todos os pais e nais, educadores/as e a todos aqueles veciños e veciñas interesados na educación a participar nestas charlas e axudar a crear un espazo enriquecedor no que falar e contar experiencias propias.

Concello A Guarda



A Guarda goza do seu Entroido

A carpa colocada na Alameda da vila acolleu moitas e moi diferentes actividades. O desfile dos colexios deu o pistoletazo de saída a estas festas.

Os veciños e veciñas da Guarda se divertiron no seu Entroido. A pesares de que o desfile-concurso tivo que ser aprazado e se celebrará nas próximas datas, houbo moitas e moi diferentes actividades para gozar desta divertida festa.

O venres 5 de febreiro foron os nenos e nenas dos diferentes colexios da vila os que deron o pistoletazo de saída ao Entroido. Pola mañá, uns 1.000 rapaces e rapazas vestiron as rúas da Guarda cos seus coloridos disfraces. Pasearon cubos de rubbick, tamén trogloditas ou polbos, para facer a delicia dos veciños e veciñas que se agolpaban nas rúas para ver o desfile.

O sábado as actividades xa comezaron pola mañá. A partires das 11 horas na Biblioteca Municipal celebrouse unha nova sesión de Contos Contados á que asistiron 30 nenos e nenas de diferentes idades. Ademais de escoitar unha historia os rapaces se divertiron nun obradoiro de máscaras de animais. Pola tarde houbo cinema infantil no Centro Cultural, onde se proxectou o filme "Rio2". Máis de 70 persoas acudiron á cita e uns 45 o fixeron disfrazados. Estes últimos levaron un pequeno agasallo.

Ás 19 horas comezou, na carpa instalada na Alameda, unha foliada da man de "Os Monifates". Estes músicos artesáns, acompañados dos seus títeres, fixeron bailar o máis de medio centenar de persoas que acudiron a escoitalos. O Concello regalou entre os presentes filloas e orellas, sobremesa típica do entroido galego.

Pola noite, dende ás 23,30 horas e ata pasadas ás 2,30 horas da madrugada, a música de "The Winning Numbers" e "San Rockers" soou ante unha carpa chea de xente disfrazada.

O domingo foi "O día das Familias". Pola tarde na carpa da Alameda houbo unha festa de disfraces e música da man da orquestra SONORA. Todas aquelas familias que se disfrazaron levaron un pequeno agasallo.

O luns, día 8 de febreiro, o día estaba reservado para a diversión dos máis cativos. Durante a tarde celebrouse unha festa infantil con dj, pintacaras, globoflexia e baile. Foron moitos os nenos e nenas, acompañados dos seus pais e avós, os que se animaron a desfrutar desta festa e do entroido.

O martes, por mor das condicións climatolóxicas tivo que aprazarse o desfile-concurso que contaba con máis de 200 participantes. Espérase que se celebre esta fin de semana pero nos próximos días se confirmará con certeza a data, que dependerá da evolución meteorolóxica.

Durante toda a fin de semana, para desfrutar tamén da gastronomía do Entroido, nove restaurantes da Guarda (Arruaz, Brisamar, La Pizzicata, Marusía, O Cangrexal, Porto Guardés, The Celtic Harp, Xantar e Xeito) propuxeron un menú composto por un primeiro prato de caldo, un segundo de lacón con grelos e unha sobremesa na que se escollería entre filloas ou orellas, tanto para comer coma para cear.

Grazas a todas estas actividades e a pesar do tempo desfavorable, os veciños e veciñas da Guarda puideron gozar do seu Entroido.

Concello A Guarda



Tui celebra este domingo 14 o Enterro do Bacallau e o domingo 21 o desfile-concurso de Entroido

Tui vai celebrar este domingo, 14 de febreiro, o Enterro do Bacallau, e o domingo 21 o desfile concurso de Entroido.

Así foi acordado este mediodía polo equipo de goberno logo de que o martes á noite non se chegara a un consenso na reunión mantida coas comparsas.

Por unha banda mantense a celebración do Enterro do Bacallau tal e coma estaba previsto para este domingo día 14. Sairá ás 19.30h dende a Praza de San Fernando para percorrer a rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, e Paseo da Corredoira con parada no Cantón de Diómedes para dar lectura ao testamento, que este ano correrá a cargo das actrices Areta Bolado e Noelia Castro da Panadaría Teatro. Para portar ao bacallau convídase á comparsa gañadora de 2015 e para o acompañamento musical ao gañador tamén do ano pasado. A comitiva continuará pola praza da Inmaculada, Augusto González Besada, e enlace coa rúa Ourense ata o aparcamento municipal onde se procederá á incineración do Bacallau.

Debido á celebración do Enterro do Bacallau este domingo permanecerá pechado o aparcamento municipal dende ás dez da mañá ata ás dez da noite. Amais non se poderá estacionar nin na rúa Seixas nin no Paseo da Corredoira dende ás 14h.

O desfile-concurso de Entroido, aprazado o pasado luns pola choiva, celebrarase o domingo 21 xa que aínda que nas bases do Entroido figuraba coma data alternativa este sábado 13, as malas condicións previstas novamente para este sábado motivaron a decisión de adialo unha semana ata o domingo 21 ás 17h no circuíto establecido polas rúas novas.

Concello de Tui



O Concello de Tui felicita ao tudense Raúl Mansinho, Campión de España Infantil de Campo a Través

Participou co Club San Xerome Emiliani no Campionato de España de Campo a Través disputado no circuito do Campo do Palacio da Magdalena de Santander

O Concello de Tui desexa felicitar ao deportista tudense, Raúl Mansinho, polo título logrado de Campión de España de Campo a Través da FEDDI, (Federación Española de Deportes para persoas con Discapacidade). Este xove tudense acadou a primeira posición na categoría infantil na que foi a súa primeira participación nun campionato. O Concello de Tui fai extensiva a súa felicitación aos integrantes do Club San Xerome Emiliani, deportistas e adestradores, polos excelentes resultados acadados no campionato de España, celebrado o 30 de xaneiro no Campo do Palacio da Magdalena de Santander, e polo traballo que realizan no club ao longo de estes anos.

Raul Mansinho viaxou a Santander xunto aos seus compañeiros do Club San Xerome Emiliani, Borja Cadilla, Fabián González, Luís Antonio Sández, Óscar Moure e Maite Santos, que obtiveron un excelente resultado ao acadar a medalla de bronce na categoría absoluta masculina de equipos.

Concello de Tui



Celebrado con éxito o I Trofeo Concello de Tui de Bádminton

Máis de 160 participantes e 300 partidos xogados no pavillón do IES San Paio de Tui

O pasado domingo, 7 de febreiro, celebrouse o I Trofeo de Bádminton Concello de Tui, sétima proba do Circuito Babolat-Deportes Carlos Miguel, organizado polo Club Bádminton Tui e Club Bádminton Rachaplumas, en colaboración co Concello de Tui. No mesmo participaron máis de 160 xogadores e xogadoras que disputaron ao redor de 300 partidos ao longo do día.

Ata Tui desprazáronse participantes de 15 entidades da provincia de Pontevedra: Club Bádminton Os Sauces de Pontevedra, CB Cangas e Colexio Compañía de María de Cangas, Colexio Ángel da Garda e Colexio Estudio de Nigrán, Club Bádminton Tui, Escolas Deportivas Municipais de Salceda de Caselas, CB Ponteareas e as entidades de Vigo Escola Rosalía de Castro, as escolas deportivas de Manuel Antonio, Pista Vermella e Etea, o Colexio Don Bosco, o CB Cies e o CB Rachaplumas.

Dende as nove da maña e ata as nove da noite o pavillón do IES San Paio acolleu unha intensa xornada de bádminton na que se xogaron trescentos vinte partidos.

As entidades de Vigo Club Bádminton Rachaplumas (4 ouros, 2 pratas e 4 bronces) e o colexio Rosalía de Castro (2 ouros, 4 pratas e 4 bronces) coparon o podium, sendo un dos destacados o club local Club Bádminton Tui, que acadou un ouro (Carla Giraldez en categoría sub13) e tres bronces (Telmo Portela en sub11, Marcos González en sub13 e Fabián Barreiro en absoluto).

O Concello de Tui desexa felicitar aos responsables do Club Bádminton Tui e do Club Bádminton Rachaplumas, Marisa Giráldez e Juan Manuel Vila, pola perfecta organización deste primeiro trofeo de bádminton e pola promoción desta modalidade deportiva entre a poboación tudense.

Concello de Tui



Os fortes ventos e choivas provocaron desprendementos dun muro en Martínez Padín

A beirarrúa está valada e non de pode transitar pola mesma a altura do número 12, diante do edificio de Correos

O Concello de Tui pide precaución aos viandantes que circulen pola rúa Martínez Padín, á altura do número 12, diante do edificio de correos. Esta tarde debido aos fortes ventos e choivas producíronse desprendementos do muro medianeiro do Convento das Doroteas que caeron sobre o tellado do edificio de Correos. Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local e do Parque Comarcal do Porriño. Os bombeiros retiraron os cascotes caídos. Por este motivo a Policía Local valou a zona de tal xeito que non se pode camiñar pola beirarrúa xusto diante do edificio de Correos. Dende o Concello de Tui fan un chamamento á precaución aos viandantes que transiten por esta zona evitando camiñar pola beirarrúa neste tramo de Martínez Padín.

Concello de Tui




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais