Jornal Digital Regional
Nº 588: 19/25 Mai 12
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Freguesias Óbitos Política Pescas Roteiro

O CONCELLO DE TOMIÑO ABRE O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NO I TORNEO DE BALONCESTO 3X3 BAIXO O LEMA "ENCESTA NAS LETRAS"

O torneo terá lugar o sábado 19 de maio no pavillón de Goián e inscrición é de balde.

O Concello de Tomiño organiza o I Torneo de Baloncesto 3X3 no pavillón de Goián. A cita será o vindeiro sábado 19 de maio á partires das 16h00.

Para poder participar pódese inscribir ata o 16 de maio, inclusive, no departamento de deportes do Concello de Tomiño. Así mesmo os interesados poden solicitar a inscrición e o regulamento ou ben a través do correo electrónico cultu.deporte@gmail.com ou chamando ao 986 622 001.

Os equipos que se inscriban estarán formados por un mínimo de tres compoñentes e un máximo de catro e poderán ter carácter mixto.

Para este torneo contamos coa colaboración de Jose Luis Pérez y Pérez, director executivo e director técnico do DVB, Federación Galega de Baloncesto de Vigo.


O CONCELLO DE TOMIÑO CELEBRA O DÍA DAS LETRAS CUNHA SESIÓN DE LECTURA INFANTIL E CUNHA LECTURA DE TEXTOS DE PAZ ANDRADE E DO XORNAL "GALICIA. DIARIO DE VIGO".

Ademáis, haberá inchables e obradoiros para os máis pequenos e a tradicional feira do libro.

O Concello de Tomiño vai celebrar o "día das letras" o vindeiro xoves 17 de maio cunha programación repleta de actividades. Os actos terán lugar na praza do Seixo e haberá programación todo o día, de 10h30 á 20h00.

Ao longo da xornada teremos a tradicional feira do libro con stands de 5 librerías que venderán os seus libros co 10% de desconto. Ademáis,a asociación O Árbol disporá dun stand para promocionar a súa biblioteca.

Os máis pequenos terán obradoiros de lapiceiros, de marcapáxinas e de debuxos ao longo do día. E para todos os que participen nos talleres ou merquen un libro na feira poderán disfrutar dos inchables que se colocarán na rúa da Guarda.

Pola mañán de 10h30 a 14h30 a Omix organiza diferentes talleres de xogos coa lingua galega e ás 12h00 concerto da Banda de Música de Goián.

Pola tarde, ás 16h30 teremos unha sesión de lectura dos nenos e nenas de Tomiño, que durante 15 minutos leran un libro en silencio.

A continuación diferentes asociacións de Tomiño así como voluntarios farán unha lectura en público sobre textos relacionados co homenaxeado deste ano, Valentín Paz Andrade. Noticias do xornal Galicia diario de Vigo dirixido polo homenaxeado na década de 1920 e textos da súa obra literarias serán lidos o xoves na praza do Seixo.


A DEPUTACIÓN EXECUTA EN TOMIÑO OBRAS CORRESPONDENTES A 2009

Trátase do asfaltado de 4 camiños en Solleiro, Alivio, Rexidouro e Camiño Novo e Pazos

Comenzaron os asfaltados pendentes do Plan da Deputación 2009-11. As obras comezaron cos asfaltados dos camiños nos barrios de Solleiro da parroquia de Tomiño, do Alivio, do Rexidouro e Camiño Novo e en Pazos.

A empresa encargada da obra é Covsa e o orzamento da mesma é de 144.972,55 euros.

O concelleiro de Obras, Francisco Campo, lamenta " o retraso ao que se viron obrigados os veciños e veciñas de Tomiño por unhas obras que lles correspondía ao municipio e que proveñen da Deputación Provincial de Pontevedra." O Concelleiro de Obras considera "inxusto o trato que recibe Tomiño de xeito aleatorio por parte da Deputación xa que seguimos a esperar diferentes obras así como maquinaria para arranxar camiños para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Tomiño".


MÁIS DE 50 NENOS E NENAS DE TOMIÑO LEERON DURANTES 10 MINUTOS EN SILENCIO NA PRAZA DO SEIXO CO GALLO DO DÍA DAS LETRAS

Ademáis, trinta e tres veciños e veciñas puxeron voz as noticias de Tomiño publicadas no xornal "Galicia" dirixido nos 1920´por Valentín Paz Andrade .

O Concello de Tomiño celebrou o día das letras galegas cun récord de asistencia de público. O día estivo completo de actividades.

Pola mañán a Banda de Música de Goián ofreceu un animado concerto que reuniu unha multitude na praza do Seixo. As actividades da Omix tamén se celebraron de mañán e tiveron máis de 100 participantes. A oca con preguntas sobre lingua, cultura e literatura galegas e o lince eran os xogos que ofrecían aos participantes como animación de rúa.

Tamén para os máis pequenos houbo obradoiros e xogos. Talleres de debuxo, de lapiceiros,de marcapáxinas e inchables que fixeron a delicia dos máis pequenos.

Pola tarde, foi o turno da lectura. Comezou ás 16h30 cunha sesión de lectura en silencio dos nenos e nenas de Tomiño. Máis de 50 cativos leron en silencio durante 10 minutos. Un acto simbólico que deu pé a que os adultos iniciasen a lectura ininterrumpida do xornal "Galicia", diario dirixido nos anos 1920´ por homenaxeado no día das letras, Valentín Paz Andrade.

As noticias que se leron eran recortes que falaban sobre Tomiño. Membros de asociacións de Tomiño e voluntarios e voluntarias puxeron voz as verbas escritas polos corresponsais do "Galicia". Algunhas noticias resultaron curiosas e anecdóticas para o público como as relacionadas coa escola "Aurora del Porvenir", ou sobre as queixas dos veciños da parroquias que vían na publicación un xeito de denuncia. Tamén recordamos a noticia do asasinato do que fora alcalde de Tomiño, Manuel Mariño.

Ao mesmo tempo as persoas puideron visitar os diferentes stands das librerías.

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou "o impacto dos actos no público xa que foron actividades cercanas aos veciños e veciñas de Tomiño e de interese xeral. Ademáis, nas celebracións tiveron cabida actividades dirixidas a nenos e nenas pero tamén a adultos. O día de onte, foi un día grande para as letras galegas e en Tomiño celebrámolo tal e como se merecía o recordo para Valentín Paz Andrade".


O CONCELLO DE TOMIÑO E O CENTRO SOCIAL DE ESTÁS SE SUMAN A "ÚNETE A VOLTA"

O evento é unha nova edición da antiga "festa da bicicleta"

O Concello de Tomiño xunto co Centro Social de Estás se suman o evento "Únete a Volta" que se celebrará o vindeiro 27 de maio.

Esta é unha nova edición da antiga "Festa da bicicleta" que dende hai anos organiza o Centro Social de Estás. "Únete a volta" é un programa deportivo da Deputación Provincial de Pontevedra cuxa organización está a cargo do ex-ciclista Marcos Serrano.

A marcha iniciarase ás 11h15 no Centro Social de Estás e a ruta chegará ata a praza do Seixo no centro de Tomiño, para novamente regresar a Estás.

Como novidades, ademáis da marcha haberá unha gymkana para os máis cativos con actividades lúdicas e deportivas relacionadas co ciclismo.

A inscripción é gratuita e é obrigatorio levar casco.

Concello de Tominõ

Gustavo Rodríguez
Subcampión de España de Duatlón

O deportista tudense acadou a clasificación para o Campionato do Mundo de Duatlón

O deportista tudense Gustavo Rodríguez acadou o Subcampionato de España de Duatlón a pasado fin de semana, na proba celebrada en Aguilas (Murcia).

Desta maneira, Gustavo Rodríguez "Tavo" acadou a clasificación directa para o Campionato do Mundo de Duatlón, que celebrarase na localidade francesa de Nancy, os días 22 e 23 de setembro de 2012.

Dende o Concello de Tui quérese felicitar a Tavo por este resultado e animámoslle a seguir adestrando fortemente para chegar ao Campionato do Mundo nas mellores condicións.


A AULA CEMIT DE TUI ACOLLE UN CURSO DENOMINADO "TV EN INTERNET" DO 21 AO 24 DE MAIO
Este aula funciona como Aula Aberta de 10,00 a 13,30

A aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Tui acolle na vindeira semana un novo curso de formación en materia audiovisual dirixido a todas as persoas interesadas neste novo ámbito profesional.

Se o interesado é usuario da Rede CeMIT, poderá inscribirse a través da web aulascemit.xunta.es/inscripcion e poderá seguir o seu proceso de reserva de praza; se aínda non é usuario da Rede CeMIT ou accede por primeira vez, debe achegarse á aula CeMIT (antigo Telecentro) de Tui, situada na rúa Colón, 2 (Edificio Área Panorámica - primeiro andar), co seu DNI e formalizar o proceso de inscrición como usuario da Rede para poder preinscribirse en calquera curso de Programa de Formación 2012.

Curso: Tv en Internet
Datos Xerais
Nivel: Básico
Prazas: 40
Número de horas: 16.0
Datas: 21 de maio de 2012 - 24 de maio de 2012
Horario: 10,00 a 14,00

Descrición: Os asistentes a este curso serán capaces de crear proxectos multimedia e obter arquivos de vídeo / audio coa calidade axeitada para usar en Internet. Esta actividade está orientada fundamentalmente a futuros traballadores ou interesados no mundo da televisión en internet en xeral e que teñan nocións básicas sobre o tema e queiran ampliar as súas capacidades e coñecementos neste ámbito, así como a aquelas persoas cunha formación media de calquera tipo que desexen aprender sobre esta materia, abrindo novas vías de formación e emprego.

Para o Concello de Tui esta nova actividade amplía a oferta de formación que promove o Concello de Tui coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para favorecer a formación en novas especialidades e materia que atopan demanda no mercado laboral. Así este Aula vai funcionar como "Aula Aberta" en horario (de luns a venres) de 10,00 a 13,30 horas, agás cando existan cursos en que poderá modificarse este horario en función destas actividades formativas. Deste xeito o Concello promove o funcionamento deste espazo de tecnoloxías da información e á comunicación aberta ao público en xeral.


O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE VISITA TUI PARA EXPLICAR AS OBRAS DE ACCESO AO PARQUE EMPRESARIAL DE AREAS DENDE A-55

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, recibiu no dia 15 na nosa cidade ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que mantivo unha reunión co propio alcalde, con representantes dos grupos municipais, dos veciños afectados polas obras e da UTE construtora da VAP Tui- A Guarda, para abordar os accesos ao polígono de Areas dende a autovía A-55. Neste acto tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, xefe de estradas de Pontevedra, Fausto Núñez e outros técnicos da Consellería.

O proxecto da VAP Tui - A Guarda, tramo I (Tui- PO-350), contempla a remodelación do enlace existente (A-55) e a execución duns ramais de conexión coa PO-552, polo que os actuais ramais quedarán inutilizados. En consecuencia, estudáronse alternativas para o aproveitamento de ditos desvíos como novo acceso ao polígono de Areas.

O conselleiro de Medio Ambiente explicou que tras o estudo de varias opcións de conexión, o seu departamento acordou que a alternativa máis viable poderá executarse cando estea en servizo o enlace da VAP Tui- A Guarda (tramo I) coa A-55, xa que se aproveita o actual ramal de saída, que quedará non operativo co novo enlace. Tamén se deixará previsto un paso inferior (PK 0+600) para executar nun futuro un semienlace tipo pesas, é dicir, glorietas a ambos lados.

Hernández indicou que a alternativa escollida é a máis óptima dende o punto de vista funcional. Cabe citar que nesta opción é posible unha redución da pendente, mellorando así a accesibilidade do tráfico pesado. Segundo a Agustín Hernández a única solución viable para o acceso ao polígono, aínda que recoñecía que non satisface a algún colectivo, é pola actual estrada, xa que segundo sinalaba hai que cumprir a normativa e neste caso o acceso directo dende a VAC non cumpriría coa distancia entre accesos estipulada. Descartaba o conselleiro que este cambio, con respecto ao 2004, non ten nada que ver con dispoñibilidade orzamentaria. Engadía que non se pode encaixar o cumprimento da normativa porque iso conlevaría facer unha obra de maior impacto, con máis expropiacións, e cun número de carrís desaxeitado. Engadía que o acceso que plantexan diminuirá o acceso actual, e que en menos dun quilómetro se vai acceder dende a entrada do polígono á autovía.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, informaba que tamén queda previsto un acceso inferior ao parque. Recoñecía que esta é unha obras de grandes magnitudes que xera molestias, e indicaba que cómpre valorar as indicacións dos técnicos, pois as solucións que se prantexan son as posibles de acordo aos requirimentos técnicos e legais.. Moisés Rodríguez indicaba como outras demandas dos veciños afectados, como o asfaltado dos camiños de servizo ou o alumeado dos mesmos están en execución ou en estudo.

Tanto o Alcalde como o conselleiro pediron aos veciños presentes comprensión polas afeccións das obras reiterando o ofrecemento de continuar aberto o diálogo para buscar solucións que cumpran a normativa. O rexedor tudense agradecía ao Conselleiro o feito de estar hoxe reunido en Tui para tratar este tema cumprindo así cun compromiso do que algúns dubidaban. Moisés Rodríguez expresa tamén o seu recoñecemento ao conselleiro que logo da xuntanza mantivo incluso un tempo de diálogo cun grupo de veciños que agardaban no exterior de edificio.


A BIBLIOTECA MUNICIPAL ORGANIZA O SÁBADO UN OBRADOIRO DE CARICATURAS CON DAVID PINTOR

A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa desenvolvendo o seu programa de actividades denominado "Mes dos Libros" que no vindeiro sábado ofrece una nova cita: un obradoiro de caricatura a cargo do debuxante David Pintor.

En concreto, será este sábado 19 de maio ás 11,30 horas cando teña lugar este obradoiro titulado "Seguro que sabes o que é unha caricatura?" dirixido especialmente a rapaces de 10 a 13 anos de idade e que correrá a cargo do ilustrador David Pintor. Para participar neste actividade cómpre realizar unha inscrición previa na propia Biblioteca Municipal tudense pois o número de participantes é limitado.

David Pintor ( A Coruña. 1975 ) Ilustrador, humorista gráfico, caricaturista e pintor. En 1993 comeza a traballar co guionista Carlos López baixo o seudónimo de Pinto & Chinto, converténdose en poucos anos nunha referencia do humor político en prensa. As súas tiras cómicas saen en periódicos como Diario 16, La Voz de Baleares ou Diario de León. Actualmente o seu traballo aparece todos os días nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia.

No campo da ilustración, tem colaborado con algunhas das máis importantes editoriais como Everest, SM, Lapis, Froebel, Agaworld, Anaya, Alfaguara, Edelvives, Kalandraka, Sotelo Blanco, Círculo de Lectores, Biblos, Combel…

Ten participado en numerosas exposicións de ámbito nacional e internacionais e ten acadado unha longa lista de premios nacionais e internacionais que avalan a súa traxectoria, un dos últimos é a súa nominación ao Premio Nacional de Ilustración 2011.

Para a concelleira de Cultura tudense, Vanesa Rodríguez Pereira, a celebración desta actividade xunto coa feira do libro que coordina a propia Biblioteca Municipal completan a ampla programación do "Mes dos Libros" que dende o pasado 23 de abril ten ofertado un amplo abano de actividades dirixidas aos diversos segmentos de idade dos usuarios da biblioteca. Vanesa Rodríguez Pereira expresa o compromiso da concellería pola promoción da lectura pública como una eficaz ferramenta para a formación das persoas e como unha alternativa de lecer enriquecedora.


CURSO SOBRE A VITICULTURA DE GALICIA E DO NORTE DE PORTUGAL NA AULA DA UNED DE TUI

A Aula da UNED de Tui dentro dos cursos de extensión universitaria vai impartir do 29 de maio ao 1 de xuño un curso titulado "Pola emoción dos viños. Os viños de Suevia". As clases terán lugar de 17.30h a 20h, cun total de dez horas lectivas. Os poñentes serán o enólogo Manuel Areal e o vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres, Antonio Portela.

O obxectivo principal deste curso é coñecer a identidade da viticultura de Galicia e do Norte de Portugal, distinguindo as peculiaridades de cada zona e apreciando os seus denominadores comúns. Tamén persegue tomar conciencia da súa riqueza e do gran potencial que atesouran. No curso combinarase a parte teórica coa práctica coa cata de viños brancos, tintos e xenerosos.

O prezo de curso é de 30 euros e pódese formalizar a matrícula na web www.extensionuned.es

A concelleira de Educación e Cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, valora positivamente esta nova oferta de formación da Aula da UNED tudense coas súas actividades de extensión universitaria ofrece un amplo e diversificado abano de cursos ao longo do ano académico que suscitan grande interese. Deste xeito a Aula da UNED de Tui consolídase como unha referencia pola súa oferta de educación, tanto regrada como non regrada.


O CONCELLO CONVOCA UN CONCURSO DE DECORACON DE BALCÓNS E VENTÁS DO CONXUNTO HISTÓRICO

Promovido polas concellerías de Conxunto Histórico e Parques e Xardíns

Foi presentado 18/05 o I Concurso de Decoración de Balcóns e Ventás do Conxunto Histórico de Tui que promoven as concellerías do Conxunto histórico e de Parques e xardíns, coa colaboración das florerías tudenses "La Flor" e "Rita" e a "Fototeca-Estudio". Participaron neste acto o concelleiro Nicolás Lorenzo Montes e a concellería Olga Montes Moldes xunto coas propietarias dos referidos establecementos, Hortensia Rodríguez, Rita Álvarez e Goretti Vázquez.

Nicolás Lorenzo presentou esta iniciativa como unha proposta para humanizar as rúas da zona monumental tudense promovendo a implicación dos seus habitantes na conservación e promoción deste conxunto patrimonial. Como sinalan as bases do certame "preténdese chamar a atención sobre a contribución que os cidadáns residentes neste ámbito histórico poden realizar á mellora estética das diversas rúas e prazas, incrementado a calidade ambiental. A ornamentación de balcóns e ventás testemuña a implicación dos veciños no incremento da calidade estética deste espazo patrimonial e incrementa o seu valor".

Poden participar todos os veciños do ámbito do conxunto histórico para o que compre inscribirse, ata o 31 de maio, ou ben no Concello ou nos establecementos colaboradores; ao realizar a inscrición lles será entregado un distintivo que deber permanecer xunto ao balcón ou ventá participante entre o 1 de xuño e o 27 de xullo. Amais o venres 25 de maio ás 20h na cárcere vella no Conxunto Histórico, haberá unha reunión informativa para todos os que desexen participar.

O xurado terá en conta entre outros, os seguintes criterios:
" O estado de conservación e mantemento do balcón
" A orixinalidade da ornamentación e a innovación dos elementos accesorios
" A harmonía no crecemento das plantas
" A combinación de cores e o seu valor estético
" A variedade, calidade, perdurabilidade e innovación dos elementos vexetais

Os premios establecidos neste primeiro concurso son:
" 1º premio. Diploma, cheque de 200€ e cheque de compra de plantas e materiais de xardinería por valor de 100€
" 2º premio. Diploma, cheque 100€ e cheque de compra de plantas e materiais de xardinería por valor de 75€
" 3º premio. Diploma, cheque de 50€ e cheque de compra de plantas e materiais de xardinería por valor de 50€
" Premio Especial ao mellor establecemento de hostalería. Diploma e cheque de compra de plantas e materiais de xardinería por valor de 60€.

A concelleira de parques e xardín, Olga Montes, en nome do Concello e xunto aos establecementos colaboradores animan a todos os veciños e aos establecementos comerciais a participar nesta iniciativa que promove potenciar esta zona histórica tudense cun valor engadido, como é a decoración floral que incrementa a beleza deste espazo monumental.

Para a concelleira desexa que a iniciativa cale entre os veciños para que a contemplación deste elementos decorativos sexa un novo valor que xustifique unha visita á nosa cidade e, sobre todo, faga máis agradable a vida nas rúas históricas de Tui.


O ALCALDE ASINA O CONVENIO SOBRE A AREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DE TUI QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE 564.669,88 € DE 2012 A 2016

O alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, asinou o pasado luns, 14 de maio, en Santiago de Compostela coa ministra de Fomento, Ana Pastor Julián, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández de Rojas, o convenio sobre o financiamento da Área de Rehabilitación Integral de Tui que suporá un investimento, a financiar entre as tres administración públicas e os particulares beneficiarios, que alcanzará os 564.669,88 Euros no período 2012-2016.

En concreto as intervencións a financiar ao abeiro deste convenio son:
- rehabilitación de edificios e vivendas: 396.000 Euros
- actuacións en infraestruturas e urbanización: 118.000 Euros
- equipos de información e xestión adscritos á oficina municipal de rehabilitación: 49.869,88 Euros

Destes investimentos o Ministerio achega o 33,19%, a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo aporta un 22,79% o Concello de Tui financia un 14,79% namentres que os particulares achegaran para as actuacións de rehabilitación en edificios e/ou vivendas arredor dun 29,27 % do custo total.

Con estas intervencións, sinala o alcalde, o obxectivo municipal é potenciar o uso residencial do conxunto histórico, asegurando a diversidade social, promovendo a eliminación de barreiras arquitectónicas e a promoción da accesibilidade así como a mellora da eficiencia enerxética dos edificios.

A sinatura deste convenio é froito do acordo da Comisión Bilateral entre o Ministerio de Fomento e o Instituto Galego da Vivenda e Solo para o financiamento da Area de Rehabilitación Integral do casco histórico de Tui, 10ª fase, ao abeiro do Plan estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-1014 (período 2011).

Para o alcalde de Tui con este convenio o Concello tudense garante a continuidade das intervencións tendentes á promoción da rehabilitación no noso conxunto histórico, así como garante a continuidade da Oficina de Rehabilitación - Portelo Único de Vivenda ao servizo dos cidadáns tudenses.

Moisés Rodríguez amosa a súa satisfacción por este acordo que impulsa o compromiso que o goberno municipal tudense ten asumido pola conservación e promoción do conxunto histórico como un dos eixos da súa actividade e que ten na actual exposición pública do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico a súa principal expresión.

Concello de Tui

O Alcalde da Guarda rexeita apoiar o libro en galego

"É contraditorio que o concello organice a Feira do Libro Letras Galegas e non se centren os descontos na promoción de libros en galego"

O Bloque Nacionalista Galego presentou no último pleno ordinario unha moción en apoio do libro en galego nas feiras do libro que se celebran no concello. A moción non prosperou polos votos en contra do PSOE.

O BNG entende que a "Feira do Libro das Letras Galegas" debe estar encamiñada á promoción e divulgación do libro en galego. A situación actual, de axuda a todo tipo de libros, ten como consecuencia que a presenza de libros en galego sexa residual.

O BNG pon de manifesto as dificultades que está padecendo a cultura escrita en lingua galega, que compite en inferioridade de condicións con outras linguas como o español, cunha falta de apoios institucionais, como a Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra, que levou a unha situación de precariedade e, incluso, feche de moitos medios de comunicación escritos e dixitais, editoriais, etc.. en galego.

"É contraditorio que o concello organice - a Feira do Libro das Letras Galegas - e non se promocione a venda de libros en galego de xeito exclusivo", comentou Hortensia García concelleira do BNG.

Para o BNG, o concello da Guarda debe centrarse na promoción do libro en galego, utilizando os fondos que se están a gastar noutras promocións a facer maiores descontos nos libros en galego. Esta medida sería un apoio "real" e "efectivo" á producción literaria en galego.

BNG