Jornal Digital Regional
Nº 567: 24/30 Dez 11
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Freguesias Óbitos Política Pescas Roteiro

O BNG logra a unanimidade do pleno da Guarda sobre a seguridade viaria no acceso ao IES "A Sangriña"

"A moción do BNG é consecuencia da inacción da administracións públicas en materia de seguridade viaria"

A moción presentada polo BNG solicita que se tomen as medidas necesarias, con carácter de urxencia, para garantir a seguridade vial no entorno do IES "A Sangriña" da Guarda. A moción foi aprobada pola unanimidade das forzas políticas do pleno guardés.

Para o BNG o estado da contorna do IES A Sangriña ten especial perigosidade dado que é alí se concentra un gran número de alumnado e persoal laboral que asisten ao mesmo nun horario concreto e que adoita coincidir con horas puntas. Isto supón que sexa un sitio conflictivo no que ao tráfico rodado e peonil se reifre, coa conseguinte falta de seguridade vial.

"Ainda que os problemas de tráfico son inherentes a un centro destas características tamén son predicíbeis po todas as deficiencias que presenta o acceso ao mesmo, así llelo fixemos ao Alcalde e ao concelleiro de tráfico", comenta Hortensia García, concelleira do BNG.

O BNG considera que as administracións públicas teñen a obriga de facer o maior esforzo posíbel para garantir a seguridade de todos os que frecuentam esta contorna, en especial ao alumnado, que na maioría dos casos van a pé.

BNG

O CONCELLO DE TUI CONSTITÚE SENLLAS MESAS DE COORDINACIÓN: PARA A VIOLENCIA DE XÉNERO E DE SEGURIDADE

Na pasada semana, concretamente o xoves 15 de decembro, foron constituídas polo Concello de Tui senllas mesas de coordinación relacionadas con temas de seguridade pública.

En primeiro lugar foi conforma a Mesa Local de Coordinación Contra a Violencia de Xénero, e que presidida polo Alcalde está integrada tamén polos concelleiros de seguridade e servizos sociais do Concello tudense, a traballadora social do Concello, o inspector da Policía Local, o Capitán da Garda Civil e o Comandante do Posto da Garda Civil.

Esta mesa se reunirá mensualmente para realizar un seguimento desta materia de gran grande transcendencia social e procurar a coordinación entre os servizos municipais e as forzas de seguridade e mesmo para procurar a elaboración de protocolos de actuación nesta materia.

Deste xeito o noso municipio incorpórase a outros vinte concellos da nosa provincia que xa contan cunha mesa de características similares.

De seguido procedeuse a constitución da "Mesa de coordinación para a seguridade cidadán" que presidida polo Alcalde, está integrada polo Concelleiro de Seguridade e o Inspector da Policía Local, xunto aos representantes das Forzas de Seguridade do Estado, en concreto, o Capitán e o Comandante de Posto da Garda Civil.

A través desta mesa que terá tamén xuntanzas periódicas procúrase incrementar o grao de colaboración xa existente en materia de seguridade cidadá que afecta a tema como horarios de peche de locais, control de ruídos, tráfico de drogas, planeamento de evacuación e de emerxencias, etc.

A constitución destas mesas é un dos compromisos asumidos na xuntanza celebrada, o pasado mes de setembro, entre o Alcalde tudense e o Subdelegado do Goberno en Pontevedra co obxectivo de coordinar os esforzos que tantos dende a Administración Local como dende a Administración do Estado se realizan en materia de seguridade cidadán e de prevención da violencia de xénero.

Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, coa conformación destas mesas de coordinación o Concello tudense confía en avanzar na colaboración entre as forzas de seguridade e os servizos públicos co obxectivo de lograr unha maiores cotas de benestar público no noso municipio, desenvolvendo programas de actuación, tanto para actuar diante de situación que afectan á seguridade pública como para desenvolver actuación de prevención en ambas materias. O rexedor tudense agradece a ampla colaboración atopada nos diversos integrantes destas mesas.


ASINADA HOXE A ADQUISICIÓN DA FINCA "LAGARTEIRA" POLO CONCELLO DE TUI

A 20 de decembro de 2011 tivo lugar a sinatura do contrato de compra venda aos Irmás Maristas da chamada finca "Lagarteira" por parte do Concello de Tui. Asistiron a este acto, o alcalde tudense, Moisés Rodríguez, e en representación dos Irmás Maristas o seu provincial Oscar Martín e o seu adminstrador Primitivo Mendoza.

Con sinatura deste contrato culmina un longo proceso de adquisición desta propiedade de 14.870,06 metros cadrados de extensión que se integran no patrimonio municipal, tras un investimento de 624.542,52 euros por parte do Concello tudense. É intención municipal completar esta compra coa adquisición dalgunha finca colindante para posibilitar, no seu momento, unha entrada axeitada a esta propiedade.

Segundo o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, se completa con este acto de compra un alongado proceso que estivo pendente tamén da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal que contempla esta propiedade como un área de equipamentos. Unido a súa proximidade ao núcleo urbano tudense, escasamente distante 500 metros, ofrece importantes posibilidades para esta parcela que pode acoller diversos servizos municipais. Para o rexedor tudense comeza agora o traballo municipal para lograr que nesta parcela de constrúa un novo centro educativo en substitución do actual CEIP de Porteliña - Pazos de Reis, que con máis de 50 anos de existencia non reúne as condicións máis idóneas, tanto pola antigüidade da súa construcción como polo notable incremento de matrícula neste centro.

De feito, o pasado 30 de novembro o Alcalde tudense amosou ao Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que visitaba diversos centros educativos tudense esta propiedade para que coñecese directamente a mesma, facilitando así a tramitación administrativa da solicitude do noso Concello de creación deste centro educativo.

A adquisición desta finca e o investimento económico que supón dar cumprimento a un compromiso asumido pola Corporación Municipal tudense e, engade o alcalde, testemuña como a economía do Concello de Tui está saneada e permite un investimento de tanta transcendencia como a adquisición desta finca "Lagarteira".


A Concellería de Servizos Sociais oferta un curso de deshabituación tabáquica

O Departamento de Prevención de Drogodependencias, dependente da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro, organiza para o mes de xaneiro un curso de Deshabituación Tabáquica. As persoas interesadas poderán inscribirse nas dependencias de Servizos Sociais, no correo electrónico paula.ssociais@concellotui.org ou no teléfono 986 60 36 25.

O curso consta de 7 sesións ,cunha duración de hora en media cada unha. Impartiránse en horario de 18.30 a 20.00 horas. Farase unha primeira entrevista coa terapeuta o mércores 11 de xaneiro e o curso dará comezo o día 25 de xaneiro. É preciso contar con mínimo de 12 persoas para poder realizar esta actividade.


O CONCELLO DE TUI ASINA UN CONVENIO COA DIRECCIÓN GENERAL DE TRÁFICO PARA MELLORAR A SEGURIDADE VIAL

O Concello de Tui vén de subscribir un convenio coa Dirección General de Tráfico do Ministerio do Interior para abrir un novo canle de colaboración en medidas tendentes ao incremento da seguridade vial e a prevención de accidentes de tráfico no noso concello.

En virtude do convenio asinado polo Alcalde tudense e que axiña será asinado polo Director General de Tráfico se abre unha nova etapa de colaboración entre esta institución e o Concello. Ao abeiro deste convenio a Policía Local tudense contará con novos medios para o control do tráfico e a prevención de accidentes. En concreto en datas próximas recibirá un velocímetro para o control da velocidade dos vehículos e un alcoholímetro para a realización de controis de alcoholemia dos conductores que circulen polas estradas e viais tudenses.

Pola súa banda, cando comece a aplicación deste convenio, as sancións de tráfico impostas pola Policía Local tudense terán efectividade e descontarán puntos no permiso de conducción. Pois en virtude deste acordo de cooperación a administración local se compromete a comunicar ao Rexistro de Conductores as sancións graves e moi graves que detraian puntos, tamén a comunicar ao Rexistro de Vehículos aqueles que adebeden o imposto de tracción mecánica e comunicar ao Rexistro de Víctimas y Accidentes de Tráfico os partes dos accidentes ocorridos no termino municipal-

Con estas medidas promovidas pola concellería de tráfico, que dirixe o concelleiro Ángel Gutiérrez González, a Policía Local tudense verá mellorados os seus equipamentos e a súa efectividade incrementando así o seu labor de prevención e a seguridade vial.

Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a sinatura deste convenio é un dos froitos da ultima entrevista realizada co Subdelegado do Goberno en Pontevedra e amplía o ámbito de colaboración entre os corpos de seguridade do Estado e a Policía Local. Esta nova actuación se enmarca dentro do traballo que o goberno municipal tudense ven realizando para reforzar as competencias e responsabilidades en materia de seguridade vial e control da circulación por parte da Policía Local. Unha Policía Local que verá incrementados axiña os seus efectivos coa incorporación de tres novos axentes que teñen superado o proceso selectivo de selección.


TUI ACOLLE CONCENTRACIÓNS DE DIFERENTES SELECCIÓNS DEPORTIVAS EN DATAS VINDEIRAS
Baloncesto, Balonmán e Piragüismo de alto nivel

O Concello de Tui acollera nas próximas datas as concentracións de diferentes seleccións deportivas nas instalacións municipais. Dende o 26 ata o 30 de decembro, a Selección Galega de Baloncesto Cadete Masculina se concentrará no Centro Interfederado de Tui e realizará os adestramentos no Pavillón Deportivo Municipal Vello. Doce xogadores e tres adestradores prepararán na nosa cidade o Campionato de España de Seleccións Autonómicas que se disputará entre os días 3 e 7 de xaneiro en Valladolid.

Así mesmo, a Selección Galega de Baloncesto Infantil Feminina acudirá a Tui os días 28 ao 30 de decembro, adestrando na mesma instalación municipal.

Estas concentracións se realizan dadas as boas relacións existentes entre a Federación Galega de Baloncesto e o Concello de Tui que se concretaron na firma dun convenio de colaboración.

Xa no mes de xaneiro, e como veñen facendo nos últimos oito anos, será unha parte da Selección Francesa de Piragüismo a que realice os seus adestramentos na nosa cidade. O Club Kayak Saint Laurent Blangy, de Saint Laurent Blangy (Norte de Francia) que integra parte da Selección Francesa de Piragüismo nas categorías Absoluta e Sub-23, se concentrará dende o 2 ata o 7 de xaneiro nun dos hoteis do concello e realizarán os seus adestramentos nas instalacións do Centro Interfederado e no Río Miño xunto co Club Kayak Tudense.

E os días 9 ao 12 de xaneiro contaremos ca visita da Selección Española Junior Sub-21 de Balonmán, que fará en Tui a preparación para o Torneo IV Nacións, que se disputará en Oporto. A Selección Nacional realizará os adestramentos no Novo Pavillón Deportivo Municipal e se aloxará nun dos hoteis do concello.

Remarcar que esta concentración se realiza dado o bo traballo realizado polo Club Balonmán Tui e a colaboración que manteñen os seus dirixentes cos responsables da Federación Galega e Nacional.

Para o concelleiro de deportes tudense, Nicolás Lorenzo Montes, a presenza destas seleccións na nosa cidade testemuña tanto o alto nivel dos equipamentos deportivos da nosa cidade que gozan das condicións axeitadas para acoller a estes combinados como a vitalidade dos equipos deportivos tudenses.


CLAUSURA DO OBRADOIRO DE EMPREGO "AMBIENTAL TUI" QUE FORMOU A 32 ALUMNOS AO LONGO DESTE ANO

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui acolleu esta mañá o acto oficial de clausura do Obradoiro de Emprego "Ambiental Tui". Neste acto participaron o alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, xunto ao concelleiro de formación e emprego do Concello de Tui, José Ángel Villaverde Rocha, o delegado da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Touris, a xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar, Carmen Bianchi Valcarcel, e a directora do Obradoiro de Emprego, Rosa Molinos Campos.

Este Obradoiro de Emprego "Ambiental Tui" ten proporcionado formación a 32 alumnos nas seguintes especialidades:
- Cachotería e tallado de pedra, con 10 alumnos (7 homes e 3 mulleres)
- Ebanistería, con 10 alumnos (6 homes e 4 mulleres)
- Forestal e xardinería, con 12 alumnos (3 homes e 9 mulleres)

Destes 32 alumnos, a distribución por sexos é paritaria, e corresponden a diversos segmentos de idade:
- de 25 a 30 anos: 4
- de 31 a 40 anos: 12
- de 41 a 50 anos: 14
- de 51 a 60 anos: 2

Do alumnado participante 15 carecían de estudos e ao longo deste ano de formación 8 obtiveron no propio Obradoiro o seu titulo de graduado en ESO. Pois este Obradoiro de Emprego "Ambiental Tui" amais da formación no ámbito profesional específico coas súas correspondentes prácticas, desenvolveu una formación complementaria noutros ámbitos: de educación compensatoria (de febreiro a decembro), de sensibilización medioambiental (10 horas), de igualdade de xénero (16 horas), de informática (30 horas), de prevención de riscos laborais (60 horas) e de formación e orientación laboral (60 horas).

A realización deste Obradoiro de Emprego "Ambiental Tui" ten suposto unha importante aposta do Concello tudense e da Xunta de Galicia pola formación e a promoción do emprego entre os desempregados tudenses. A Xunta de Galicia ten aportado para o funcionamento deste Obradoiro (que abrangue gastos de formación, funcionamento e salarios de persoal e alumnos) un total de 699.140 Euros, namentres que o Concello de Tui ten achegado a este Obradoiro un total de 92.627 Euros.

Pero amais da formación os alumnos participantes teñen acometido a realización de diversas obras e intervencións de interese xeral; en concreto as obras realizadas son as seguintes:
- Acondicionamento da senda PRG-19, de caracter circular e cunha extensión de 22,5 quilómetros e que partindo de Tui percorre ás ribeiras do río Miño ata Caldelas e dende alí continúa por Baldráns, Paramos e Guillarei
- Obras de reparación e rehabilitación do Muíño do Rapado na parroquia de Baldráns.
- Intervención no lavadoiro da Carballiza tamén na parroquia de Baldráns
- Rehabilitación da Fonte do Piñeiro na parroquia de Guillarei
- Na mesma parroquia intervención na Fonte de Rodas
- Limpeza dos muíños do Pombal, na parroquia de Guillarei
- Acondicionamento das áreas de esparexemento ou lecer de Caldelas, do Coello e da Veiga do Louro
- Obras de acondicionamento na sede do Obradoiro de Emprego, no Centro de Formación de Gándara - Guillarei

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, amosou neste acto de clausura a súa satisfacción polo traballo desenvolvido neste Obradoiro de Emprego, felicitando tanto aos alumnos como ao persoal pola súa dedicación e interese. Congratulouse o rexedor tudense polos traballos realizados por este Obradoiro, especialmente polo acondicionamento da senda peonil PRG-19 que realiza un percorrido circular polo noso municipio. Pero o importante foi que ao longo deste ano o Concello ofreceu formación e emprego a 32 desempregados tudenses, testemuñando o compromiso municipal nesta materia. Anunciou que o Concello de Tui está preparando todo o necesario para solicitar, no momento en que se abra a convocatoria, novas accións de formación nesta mesma liña de traballo.

Concello de Tui

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI DE RECIBE POR SEXTO ANO CONSECUTIVO UN DOS PREMIOS "MARIA MOLINER" DO MINISTERIO DE CULTURA

A Biblioteca Pública Municipal de Tui ven de recibir, por carto ano consecutivo, un dos premios "María Moliner" ao abeiro da convocatoria efectuada para as bibliotecas municipais das entidades locais menores de 50.000 habitantes convocado polo Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación Coca-Cola España.

Este premio consiste nun lote de mais de 200 obras que incrementarán a oferta bibliográfica da nosa Biblioteca e que axiña estarán a disposición dos nosos usuarios. A Biblioteca tudense foi unha das 300 de toda España galardoada cun destes premios nesta convocatoria correspondente ao ano 2011. De Galicia foron 27 as bibliotecas seleccionadas nesta convocatoria.

O proxecto de animación á lectura presentado póla Biblioteca Municipal de Tui baixo o nome de "Tui le" recollía o amplo programa de actividade desenvolvido pola biblioteca tudense ano longo do curso 2010/2011.

Para a concelleira de cultura tudense, Vanesa Rodríguez Pereira, este novo recoñecemento ao labor que a Biblioteca Municipal tudense ven desenvolvendo no ámbito da promoción do libro e a lectura pública nos últimos tempos e que atopa unha positiva resposta por parte dos cidadáns tudenses. Sinala Rodríguez Pereira o compromiso da concellería de cultura tudense por consolidar este servizo municipal como un referente que facilite aos veciños o acceso á cultura e á información nos seus variados soportes, promovendo estes valores mediante un amplo programa de actividades diversificado para os diversos sectores de idade.

Compre subliñar, engade a concelleira tudense, que é o sexto ano consecutivo en que as actividades que promove a Biblioteca Pública Municipal de Tui reciben este galardón dos Premios María Moliner, e que mesmo no ano 2007 este centro bibliotecario foi un dos tres finalistas na categoría de "mellor labor bibliotecaria".


Opróximo martes comeza o Cineforum Infantil
É promovido polo CRA co apoio do Concello de Tui e da produtora OQO

O próximo martes, 27 de decembro, ponse en marcha novamente o Cineforum Infantil promovido polo Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres co apoio do Concello de Tui e da produtora OQO.

A cita será ás seis da tarde no antigo convento de Santo Domingo onde os cativos poderán disfrutar de tres curtametraxes de animación "Os sete cabritos", "Cid, o coleccionista de medos" e "A pota que trota". Aproveitando as datas de Nadal volverá a haber outra proxección o martes 2 de xaneiro, tamén ás seis da tarde, no mesmo lugar. Nese caso as películas a visionar serán "Corre, corre cabaciña", "A bruxa regañadentes" e "A princesa do Caurel". Logo as proxeccións serán cada último martes de mes, ás seis da tarde en Santo Domingo.

O Cineforum Infantil foi presentado esta mañá na Casa do Concello pola concelleira de Educación e Cultura de Tui, Vanesa Rodríguez, a directora do CRA, Teresa Domínguez, e un representante da produtora OQO, Marcos López.

Vanesa Rodríguez explicaba que dende o seu departamento están moi satisfeitos desta iniciativa apoiada dende o Concello. Sinalaba que estas proxeccións son unha moi boa alternativa para os nenos e nenas nesta época de Nadal.

Marcos López, de OQO, explicaba que esta produtora realiza albumes ilustrados con artistas e ilustradores de todo o mundo. Unha filosofía que trasladan tamén ao cinema de animación tomando aos libros coma referente. O obxectivo, explicaba, "é ofrecer ao nenos formatos de gran calidade tanto dende o punto de vista da historia coma dende o punto de vista plástico". As películas de animación de OQO realízanse integramente en Pontevedra en galego, sendo logo traducidas a distintos idiomas. Estanse a emitir na TVG e en televisións de Suecia e Arxentina.

Teresa Domínguez, a directora do CRA, agradeceu o apoio do Concello, de OQO e da UNED, para retomar a actividade do cineforum iniciado en 2010, así coma a OQO que "abriu un mundo marabilloso de cinema infantil en galego".

Concellería de Educación e Cultura do Concello de Tui

A AECT CONSIDERA OS BUSINESS ANGELS COMO UNHA APOSTA IMAXINATIVA ANTE A CRISE

"Tecer unha rede transfronteiriza de investidores privados que apoien aos nosos emprendedores resulta hoxe, máis que nunca, extraordinariamente oportuno e acertado", manifestou esta mañá en Oporto o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, no acto de inaguración da xornada Business angels: investidores informais en capital risco, organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal -GNP-AECT- en colaboración coa Asociación Empresarial de Portugal -AEP-.

En parecidos termos expresouse a directora da AECT, Elvira Vieira, para quen o xuntaren no día de hoxe a "emprendedores e invesidores privados de Galicia e Norte de Portugal é un exemplo práctico de cooperación transfronteiriza, sobor de todo nun momento como o actual, onde o importante é achar solucións imaxinativas ante as dificultades".

A figura dos business angels ten adquirido grande protagonismo nos últimos anos, en especial tralo inicio da crise. Trátase de investidores privados, habitualmente empresarios ou directivos de empresas, que de maneira individual apostan os seus recursos financieiros por iniciativas emprendedoras, e que ademais -como engadiu Gamallo, acompañado por la vicepresidenta da Comisión de Coordenación da Rexión Norte, Teresa Lehmann-, co seu "acto de fe persoal están transmitindo tamén a outros potenciais financiadores que vale a pena asumir o risco apostando polo seu proxecto".

O obxectivo último desta xornada coorganizada pola AECT foi, pois, a promoción de iniciativas na eurorrexión mediante a posta en contacto dos emprendedores cos seus potenciais business angels. Uns e outros tiveron ocasión de contactar e abordar posibles vías de colaboración tralas intervencións que ocuparon a primeira parte do programa, entre elas a do presidente de InnoBan, Luís Fernández; o de Invicta Angels -Associaçao de Business Angels do Porto-, Ricardo Luz; e a dos secretarios xerais de Red Invest e Invicta Angels, Pelayo Novoa e Rui Vaz Sousa, respectivamente.

Tralos contactos directos entre business angels e emprendedores está previsto que este mediodía clausuren a xornada o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera, e o asesor do secretario xeral de Estado de Emprendimento, Competitividade e Innovaçao do Goberno portugués, Ricardo Diz.

GNP-AECT