Tui acolle o domingo o XXIII Campionato de España Absoluto de Kung Fu Participarán máis de 600 deportistas.

O novo pavillón municipal de Tui acolle este domingo o XXIII Campionato de España Absoluto de Kung Fu e Tai Chi organizado polo Concello de Tui e a Federación Galega de Kung Fu coa colaboración do Di Som Tui.
No mesmo vanse dar cita máis de 600 deportistas dos que un centenar son de Tui e da súa contorna. A competición comezará ás 10.30h sendo a entrada gratuíta.
Os pormenores deste evento deportivo foron dados a coñecer esta mañá en rolda de prensa polo presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso Martínez, o presidente do Di-Som Tui, Eduardo Sanjurjo, así coma por Jose Luís Rodríguez Acevedo, pioneiro deste deporte en España, Jose Antonio Parada, delegado de Tai chi da Federación Galega, e Julio Conde, Campión do Mundo de Kung Fu hai uns anos, e técnico e deportista do Di-Som Tui. Estiveron respaldados polo alcalde, Moisés Rodríguez, e polo concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo.
Eduardo Méndez Sanjurjo explicou que o Kung Fu é unha modalidade deportiva da que Galicia é pioneira, apuntando que na contorna practican este deporte máis de 400 persoas. Aproveitou para agradecer ao Concello o apoio prestado e o esforzo que fixo para poder acoller este campionato.
Carlos Alonso, presidente da Federación Galega, apuntou que este Campionato de España chega a Tui coma premio ao labor de esforzo e dedicación feito na cidade neste deporte, engadindo que a desta fin de semana é a festa do Kung Fu. Pola súa parte José Luís Rodríguez Acevedo reiterou o agradecemento ao Concello e fixo fincapé na labor realizada por Eduardo Méndez Sanjurjo no ámbito deportivo, sinalando que é "un exemplo a seguir a nivel nacional".
Jose Antonio Parada, delegado de Tai chi da Federación Galega, explicou que foi unha aposta da Federación incorporar ao Campionato de Kung Fu tamén o de Tai-chi, que está aínda en probas e cuxos resultados, apuntaba, se verán a medio ou longo prazo. Engadía que o Tai chi é unha práctica deportiva apta para todas as idades que polos seus movementos lentos e sosegados porá o contrapunto ao exercicios rápidos e potentes do Kung Fu. Explicaba que a competición realizarase en individuais pero que haberá unha exhibición de Tai chi por equipos. Julio Conde agarda que se cumpran as expectativas postas no Campionato e que os deportistas o fagan o mellor posible na competición.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo Montes, agradeceu a Eduardo Méndez Sanjurjo toda labor que ten feito a prol do deporte tudense referindose ás case 400 licencias federativas que ten ao seu cargo. Sinalaba que é unha honra participar na organización deste Campionato de España de Kung Fu "un deporte milenario onde priman valores coma o traballo, o esforzo e a dedicación", e sobre eses valores, dicía, ten que a camiñar a concellería que dirixe.
Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, apuntou que Tui non podía deixar pasar a oportunidade de acoller na cidade este Campionato de España. Manifestaba que o municipio ten que estar preparado para acoller ás persoas que con motivo desta competición se van a achegar á cidade na fin de semana. Sinalaba que "o deporte é fundamental, e o deporte, xunto a educación e a cultura están interrelacionados". Remataba apuntando que o feito de que Tui sexa un referente no Kung Fu ten que ser un orgullo para todos, porque detrás está o traballo de moitas persoas.
600 deportistas compiten nas diferentes categorías
O Campionato de España de Kung Fu e Tai Chi comezará o domingo ás 10.30h no novo pavillón de deportes de Tui. No mesmo van participar 600 deportistas nas diferentes categorías procedentes de toda España. A competición tanto por equipos coma en individual comporase de tres probas: combinación de movementos libres, defensa persoal simulada e patrón de movementos. Nas mesmas valoraranse aspectos técnicos, estéticos e educativos do Kung Fu. A entrega de premios está prevista para ás dúas da tarde.
A entrada para presenciar o Campionato é gratuíta. A capacidade do pavillón é de mil cincocentas persoas.
Informação do Alcaide de Tuy aos cidadãos sobre o incremento do consumo da água no Concelho
Que nos últimos tempos vimos comprobando incremento continuo no consumo de auga potable da rede de abastecemento municipal, especialmente agravado no inicio da tempada de verán e coa chegada das altas temperaturas.
Cómpre que todos os cidadáns comprendan a necesidade de proceder a un uso racional da auga para garantir un subministro sen restricións e en óptimas condicións a todos os veciños do noso municipio.
En consecuencia, dende o Concello solicitamos a colaboración dos cidadáns de Tui evitando o uso da auga da rede de abastecemento municipal para o rego de xardíns ou fincas, para encher piscinas, para o lavado de vehículos, etc.
Solicitamos asemade que os consumidores eviten todo exceso no consumo de auga potable nos usos domésticos e industriais.
A Policía Local velará polo cumprimento destas medidas.
Alcaide de Tuy informa os donos de terrenos, de solares, parcelas e fincas da obrigatoriedade da sua limpeza
Que en aplicación la Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de réxime local a protección da salubridade pública e a prevención de incendios é unha competencia municipal.
Temos comprobado que no noso municipio existen un numeroso grupo de solares, parcelas, fincas e terreos nos que non se efectúa unha limpeza periódica acumulándose maleza que amais de afectar ao ornato público -especialmente no noso conxunto histórico- é susceptible de prender lume e resulta tamén un foco de insectos e roedores provocando, en consecuencia, unha grave ameaza para a saúde e a seguridade das persoas. Salienta especialmente o risco de incendio nestas datas de inicio do verán.
Cómpre lembrar, segundo o establecido na Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia e a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que os propietarios de terreos e solares teñen a obriga de mantelos en condicións de seguridade, salubridade e ornato público realizando os traballos e obras precisos para conservalos nestas condicións.
Para garantir a seguridade fronte a posibles incendios todas as parcelas ubicadas en zonas limítrofes con núcleos de poboación, edificacións, solares, instalacións de carácter industrial, etc, deben dispor dunha faixa de seguridade libre de residuos e maleza, cuxa distancia recollen as devanditas normas legais. Finalmente sinalar que os restos da limpeza deben ser retirados do solar ou finca e trasladados a un vertedoiro controlado.
En caso de incumprimento do anteriormente preceptuado, o Concello de Tui procederá, segundo o establecido na lexislación vixente, a executar subsidiariamente as actuacións oportunas, debendo asumir os custes o propietario.
O ALCALDE DE TUI REÚNESE CO CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA

O pasado mércores, 29 de xuño ,o novo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co Conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, no decurso da que realizaron un amplo repaso a diversos temas relacionados co noso municipio.
O Conselleiro felicitou, en primeiro lugar, ao alcalde polo excelente resultado acadado nos recentes comicios municipais onde alcanzou a maioría absoluta na nova Corporación Municipal.
O Alcalde expúxolle ao Conselleiro algunhas das principais demandas do Concello de Tui, en primeiro lugar, en relación ás competencias da súa Consellería: a construción dun novo pazo de Xustiza que acolla aos tres xulgados existentes, xa que como é o caso do nº 3 está nunhas condicións non idóneas para o seu funcionamento, a dotación dun vehículo de extinción de incendios para o casco histórico, o apoio á Protección Civil, etc.
Moisés Rodríguez Pérez aproveitou esta xuntanza para informar ao conselleiro, encargado da coordinación do goberno galego, doutros proxectos prioritarios para Tui como é a construción da Escola Infantil, o Centro de Día, a licitación no novo Centro de Saúde, as melloras na rede de abastecemento de auga, etc. Temas nos que o Conselleiro comprometeuse a impulsar ao entender o seu interese.
O Conselleiro manifestoulle ao Alcalde tudense que a Xunta de Galicia fará un esforzo intenso por dotar ao Concello de Tui daqueles servizos que garantan unha mellor calidade de vida para os seus veciños.
Tras esta primeira toma de contacto ambos responsables políticos acordaron continuar traballando no impulso destas actuacións con reunións sectoriais precisas para concretizar estes importantes proxectos
O Concello de Tui peonaliza o Paseo da Corredoira nos meses de verán
A medida ponse en marcha este domingo de once da mañá ás doce da noite
O Concello de Tui vai peonalizar o Paseo da Corredoira dende o cruzamento coa Praza da Inmaculada ata os soportais os domingos dos meses de xullo e agosto. Esta medida comezarase a aplicar este domingo, 3 de xullo, dende ás once da mañá e ata ás doce da noite. Nese tempo non se poderá circular nin estacionar nesta rúa, xa que quedará completamente libre de vehículos.
O obxectivo que se persegue, segundo explicou o concelleiro de Tráfico, Ángel Gutiérrez, é achegar a Corredoira á cidadanía e facilitar o seu disfrute. Apuntaba amais que dende o Concello se está xestionando xa habilitar unha serie de aparcamentos alternativos de xeito gratuíto no centro urbano, que se darán a coñecer en breve.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, apunta que coa peonalización do Paseo da Corredoira no verán buscase ofrecer novos espazos de lecer en pleno centro urbano nesta época estival. O que sinalaba redundará tanto en beneficio dos propios tudenses coma de cantos nos visiten, así coma en especial do comercio local. Deste xeito, manifesta o rexedor, mantense unha aposta clara pola imaxe do municipio que se suma a outras medidas postas xa en marcha.
|
A BIBLIOTECA MUNICIPAL OFRECE DE NOVO O SERVIZO DE "BIBLIOPISCINA" NAS PISCINAS MUNICIPAIS: "MERGULLATE NOS LIBROS"

Como nos cinco anos anteriores a Biblioteca Pública Municipal de Tui ofrece aos usuarios da Piscina Municipal o servizo de "Bibliopiscina" para facilitar aos bañistas a posibilidade de achegarse no seu tempo de lecer á lectura, como unha alternativa de ocio ideal para este tempo de verán.
Esta iniciativa presentada baixo o lema "Mergúllate nos libros" tenta achegar o libro e a lectura como unha oferta para o tempo de lecer para todas as idades e para todos os sectores sociais, así na escolma que se presenta se buscan unha grande diversidade de títulos e de formatos e temáticas. Con tal motivo os responsables da Biblioteca Municipal teñen realizado unha escolma de títulos para nenos e adultos, tanto en galego coma en castelán, que resulten de fácil lectura.
Para acceder a este servizo bibliotecario non cómpre ningún tipo de carné da Biblioteca senón que posúe un acceso libre e gratuíto, e tampouco supón custe adicional algún para as persoas que acceden ás Piscinas Municipais.
A posta en marcha desta iniciativa por sexto ano ven avalada pola boa acollida que suscitou entre os bañistas en anteriores edicións, estando previsto renovar a colección de libros depositada na "Bibliopiscina" no vindeiro mes de agosto.
Para a concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, esta iniciativa de extensión bibliotecaria evidencia, nunca nova oportunidade, o traballo de promoción do libro e a lectura como ferramentas imprescindibles para o desenvolvemento persoal e social e como unha alternativa enriquecedora para o tempo de lecer que leva adiante este Concello a través da Biblioteca Pública Municipal.
Achegar os libros aos lugares onde está a xente e ofertalos como un elemento normalizado da vida persoal e colectiva contribúe de xeito eficaz a acadar unha normalización da lectura entre os nosos veciños, incrementando a súa afección polo libro.
Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui
|
O BNG insta ao Alcalde da Guarda a deixar o vitimismo co tema das dedicacións do concello
"O BNG presentou unha proposta razoábel, responsábel e acorde á situación actual de crise económica"
O Bloque Nacionalista Galego insta ao Alcalde da Guarda, J.M. Freitas, a abandonar a actitude de vitimismo diante da proposta do BNG de recortar o 20% nas dedicacións do Concello.
Nas conversas mantidas co PSOE, o BNG propuxo un recorte na cantidade global de cartos en dedicacións, pasando de 120.000 € a 96.000 €. O BNG entende que a distribución destes cartos, tanto en dedicacións exclusivas como parciais, é unha responsabilidade do propio grupo de goberno. Dende a formación nacionalista "nunca" se propuxo o recorte de ningún soldo en concreto, co cal non se entende a actitude do Alcalde sobre o seu soldo.
O BNG presentou unha proposta razoábel, responsábel e acorde á situación actual de crise económica. Esta proposta é coherente co discurso que o BNG leva mantido na pasada lexislatura, onde foi moi crítico coa última dedicación parcial, aprobada uns meses máis tarde, e coas asignacións existentes. Algo que o BNG puxo de manifesto nas reunións co PSOE.
O BNG non coñece máis proposta do Alcalde que a de 120.000 €, co cal, nunca tivo a intención de negociar cifra algunha, soamente que a formación nacionalista asentise á súa proposta; asemade, o BNG non está disposto a mercadear con este tema.
Se nos fixamos nas retribucións da contorna e comparamos, hai que sinalar que o Concello de Tomiño fixo un recorte en adicacións dun 30%. O BNG na Guarda propón un recorte do 20%.
A formación nacionalista considera que coa proposta que puxo enriba da mesa garántese a gobernabilidade do concello e a asignación de soldos dignos para os políticos. A pretensión do Alcalde e do PSOE de culpar ao BNG de intentar lograr o desgoberno municipal, non deixa de ser máis que unha cortina de fume para presionar ao BNG e non aceptar a proposta nacionalista. Tal responsabilidade será,en todo caso, de quen ten a Alcaldía, o PSOE.
A formación nacionalista lémbralle ao Alcalde que o 22 de maio o pobo da Guarda deixou claro que desexaba un cambio. "Animamos ao PSOE a facer unha reflexión sobre a actual situación política, abandonar a actitude de vitimismo e poñerse a traballar ante o panorama tan complicado no que vivimos", comentou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
O BNG non vai entrar nunha guerra de cifras que non beneficia a ninguén. O BNG entende que se debe valorar o traballo político cuns soldos dignos, pero isto non debe ser incompatíbel cunha actitude de responsabilidade e de exemplo na actual situación económica.
|
 |
|
|