Jornal Digital Regional
Nº 545: 25 Jun a 1 Jul 11
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Óbitos Política Pescas Roteiro

ATA O 30 DE XUÑO SEGUE ABERTA AA EXPOSICIÓN "165 ANOS DE ENSINO MEDIO EN TUI"

Ata o vindeiro 30 de xuño continua aberta ao público a exposición conmemorativa dos 165 anos da fundación na nosa cidade dun Instituto de Bacharelato, que comezou a funcionar no curso 1845/46 que co titulo de "165 anos de ensino medio en Tui" está organizada conxuntamente entre a Concellería de Cultura tudense e os IES "San Paio" e Francisco Sánchez, e na que colaboran o Instituto "Sánchez Cantón" de Pontevedra, o Museo Pedagóxico de Galicia e o Museo Diocesano de Tui.

Ata agora teñen sido numerosos os veciños e os grupos de estudantes que se achegan ata a Sala Municipal de Exposición para efectuar a través dos obxectos expostos e dos paneis informativos unha "viaxe" por este século e medio de existencia na nosa cidade dun instituto.Con esta mostra reivindicase a antigüidade do ensino medio en Tui, salientando que foi unha das primeiras cidades de Galicia en contar cun centro educativo destas características, pois só Lugo tivo un instituto anteriormente, en 1842, e no referido ano 1845 comezan os de Santiago, Ourense, Pontevedra e Tui, namentres que A Coruña deberá agardar a 1862.

Para a Concellería de Cultura do Concello de Tui trátase de salientar este aniversario que sitúa á nosa cidade como un dos primeiros lugares de Galicia en contar cun centro de ensino medio é reivindicar a historia da nosa cidade, a súa vocación educativa e cultural. Congratúlase polo traballo conxunto realizado entre os Institutos de Ensino Secundario de Tui e a Concellería de Cultura na organización desta mostra que estará aberta ao público ata o 30 de xuño.

Breve historia

Nado a instancias do concello, o instituto de Tui, radicado no desamortizado convento de San Francisco (hoxe seminario menor) foi un instituto de terceira clase no que quedarán integradas as cátedras de latinidade e filosofía (que viña sostendo o concello), que se financiará coas matrículas dos seus propios alumnos, cos fondos das cátedras integradas e cunha subvención municipal para cubrir o posible déficit.

Os compoñentes do primeiro claustro foron: don Francisco Martínez e don Juan Santos Villa (presbíteros, catedráticos de latín, xa exerceran no estudo público que antes sostiveran cabido e concello), don Pedro Miguel Caravelos (colexial, ex-reitor do colexio maior de Fonseca en Santiago), don Juan Ramón Costas (presbítero), don Juan José Domínguez (estes dous últimos xa foran catedráticos no colexio de filosofía que sostiña o concello), don Manuel Silva (que sería tamén o primeiro secretario), don José Mouriño e don Juan Antonio Rodríguez Bustillo. Director titular foi don Telmo Maceira que, polo seu traslado á corte, dende marzo de 1846 foi auxiliado polo director interino don Pedro Sobral. Na lista de matriculados (20 alumnos de 1º, 31 de 2º,14 de 4º) son maioría os tudenses, da propia cidade e da diocese, pero tamén hai representación de Cambados, Ferrol ou Salamanca. A creación do Seminario en 1850 no mesmo edificio é, posiblemente, a causa da súa desaparición naquela data.

Haberá que agardar ata a II República para contar cun novo centro creado, no ano 1933 en Tui, como colexio de 2ª ensinanza subvencionado polo Estado. Chega unha das épocas máis gloriosas do ensino medio tudense e figuras como as de Ferro Couselo ou Benito Prieto ensinan nas aulas de San Domingos. Actividades extraescolares, clases de balde fóra de horario para obreiros e artesáns, exposicións de traballos, revista escolar Tude... A pesares das presións do Concello unha orde ministerial de 1939 clausura esta segunda etapa.

Haberá que esperar ao decreto de 19 de maio de 1950 que crea o instituto de ensinanza media e profesional de Tui, modalidade agrícola gandeira. É o inicio dun período que, sen interrupcións, chega aos nosos días, no que contamos con dous Institutos de Ensino Secundario: "San Paio" e "Francisco Sánchez".


NICOLÁS LORENZO MONTES PRESENTA OS OBXECTIVOS DA NOVA CONCELLERÍA DO CONXUNTO HISTÓRICO E REHABILITACIÓN

Unha das principais novidades do novo goberno municipal de Tui que preside o alcalde Moisés Rodríguez Pérez é a creación dunha nova concellería denominada "Conxunto histórico e rehabilitación" que foi encomendada ao concelleiro Nicolás Lorenzo Montes. A creación desta nova área de goberno da cumprimento ao compromiso electoral de que o casco antigo tudense sería obxecto dunha especial atención do goberno municipal. A creación desta delegación municipal é a primeira demostración deste compromiso.

O concelleiro Lorenzo Monte aborda esta nova concellería cunha gran ilusión por considerar que posúe un carácter estratéxico para o Concello, por canto o conxunto histórico amais do principal referente de identidade tudense é o fundamental recurso turístico do noso municipio e a súa posta en valor suporá non só unha mellora das condicións de vida dos seus veciños senón tamén darlle novo valor ao turismo tudense.

Esta nova concellería marcouse a curto prazo coma obxectivos, no que está xa traballando os seguinte:
- Novo plan de limpeza
- Plan de peonalización do conxunto histórico, para o que de inmediato se realizará un novo padrón de residentes con vehículos para regular o seu acceso
- Plan de accesibilidade, tanto ao conxunto histórico como aos principais edificios de interese patrimonial
- Control de ruídos e horarios dos establecementos de hostalería para favorecer a convivencia entre os usuarios e residentes desta zona monumental

A máis longo prazo a concellería que dirixe Nicolás Lorenzo montes pretende, entre outros temas, abordar:
- Creación do Centro de Interpretación do Conxunto Histórico, no edificio do cárcere vello.
- Posta en valor do sistema amurallado da cidade
- Estudio da viabilidade da rehabilitación do teatro principal
- Nova sinalización turística
- Incrementar os investimentos da Área de Rehabilitación Integral como ferramenta básica no traballo de revitalización do conxunto histórico

Certamente, engade o concelleiro Lorenzo Montes, son moitos e moi diversos os aspectos a abordar nesta concellería que posúe un carácter transversal pois as súas actuacións coinciden con outras áreas de goberno.

Por outra banda, informa o concelleiro que os traballos de redacción do Plan Especial do Conxunto Histórico avanzan ao ritmo desexado de tal forma que confía en acurtar os prazos de entrega deste documento, que será a principal ferramenta para a protección y conservación do noso conxunto monumental.

Xa dende agora Nicolás Lorenzo Montes solicita de todos os veciños de Tui e especialmente do conxunto histórico a súa colaboración para lograr que este lugar de referencia da nosa cidade resulte un lugar idóneo para vivir e para visitar e do que todos os tudenses nos sintamos orgullosos.

Concello de Tui

OBNG na Guarda esixe unha baixada do 20% no gasto en dedicacións no Concello

O BNG pon enriba da mesa unha redución do 20%, pasando de 120.000 € a 96.000 €

En reunións mantidas entre o grupo municipal do BNG e o PSOE, o BNG deixou claro que non aceptarán manter o gasto en adicacións que se tiña até o momento.

Ante a pretensión PSOE de manter as mesmas retribucións salariais que na pasada lexislatura, o BNG pon enriba da mesa unha redución do 20%, pasando de 120.000 € a 96.000 €.

"Atendendo á responsabilidade política, que sempre guiou as súas iniciativas, o Bloque Nacionalista Galego fai unha proposta razoábel. Nesta oferta temos en conta que no goberno dunha localidade como a nosa é necesario ter persoas liberadas. Pero tendo en conta os cambios acontecidos, despois das pasadas eleccións do 22 de maio, e no contexto de crise que vivimos a día de hoxe, queda claro que o gasto en adicacións non pode ser o mesmo" comenta o portavoz nacionalista Xan Lois Lomba.

Para o BNG esta modificación dos salarios dos políticos non debe afectar á gobernabilidade do concello da Guarda, adaptándose ao novo marco político e social.

O BNG entende que se debe valorar o traballo político cuns soldos dignos, pero isto non debe ser incompatíbel cunha actitude de responsabilidade e de exemplo na actual situación económica.

BNG