Jornal Digital Regional
Nº 543: 11/17 Jun 11
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Óbitos Política Pescas Roteiro

ÁBACO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA A FEIRA DE OPORTUNIDADES

Ábaco solicitou unha reunión a Mesa Local de Comercio do concello da Guarda para levar a cabo unha feira de oportunidades para este ano, esta reunión tivo lugar esta mañá na cal esta actividade foi aprobada por unanimidade por todos os presentes.

A feira de oportunidades organizada por ábaco, realizarase para os días 2 e 3 de xullo no Paseo Marítimo do porto da Guarda (a partir da Salazón), en horario de 11 da maña ata as 10 da noite.

O prazo de inscrición queda aberto dende o xoves 9 ata o venres 17 de xuño, para todo o comercio guardés, socios de ábaco e non socios.

En breve realizarase, na oficina de ábaco, unha reunión previa onde se dará lectura as bases polas cales se rexerá o funcionamento desta actividade e se definirán todos os aspectos importantes da mesma.

Para máis información da campaña, podedes pasar pola oficina da asociación situada na rúa Ireira, 9 – baixo en A Guarda, tamén podedes chamar aos nº de teléfono 986 610 887 – 699 240 467 ou ben enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo: info@asociacionabaco.es

Ábaco

O BNG non impedirá a investidura do candidato do PSOE na Guarda, desbotando a posibilidade de chegar a un pacto de goberno

O Bloque Nacionalista Galego tomou a decisión de non impedir a investidura do candidato do PSOE, Domínguez Freitas, desbotando a posibilidade de participar no goberno municipal.

A organización nacionalista celebrou unha asemblea local na que houbo numerosas intervencións por parte da militancia e na que se tomou a determinación de non impedir a investidura do candidato do PSOE.

Dende o BNG desbotouse a posibilidade de chegar a un pacto de goberno, abrindo a posibilidade de chegar a acordos puntuais para sacar adiante aspectos programáticos nos que se priorice o gasto social, a aposta polos sectores produtivos, a defensa da lingua e da cultura de Galiza, ...

"No BNG actuamos con responsabilidade, tendo en conta de qué forma somos máis útiles para os veciños e veciñas da Guarda e como poderemos desenvolver mellor o programa co que nos presentamos a estas eleccións municipais. Iníciase un novo tempo político sen maiorías absolutas no que o diálogo vai ter que ser unha constante. O BNG vai poñer os intereses das maiorías sociais enriba da mesa ante calquera proceso de negociación que se teña que afrontar" comentou, Xan Lois Lomba, candidato á alcaldía e portavoz municipal do BNG na Guarda.

O BNG defende novas políticas desde os concellos, "de acordo co que defendimos durante a campaña electoral". O BNG non avalará, por tanto, políticas de dereita desde os gobernos municipais e si políticas nas que se aposte polos nosos sectores produtivos e as maiorías sociais.

Os acordos tomados pola asemblea do BNG son consecuencia da posición adoptada polo Consello Nacional do BNG a pasada semana, no que se acordou impedir a entrada do PP nos gobernos municipais deixando en mans de cada localidade a posibilidade de chegar a acordos co PSOE, en todo caso, o BNG favorecerá a gobernabilidade.

BNG

ENTREGADA NO DIA OITO UNHA MENCIÓN DE HONRA AO GARDA CIVIL D. MANUEL BUGALLO FERNÁNDEZ

O Concello de Tui procedeu o dia oito á entrega ao Garda Civil D. Manuel Bugallo Fernández dunha Mención de Honra Especial concedida por una acordo unánime da Corporación Municipal do 28 de abril pasado. Esta distinción honorífica foille outorgada polo valor amosado por este axente no rescate que realizou dunha moza no río Miño o pasado 4 de abril, recoñecendo o seu valor e o seu esforzo no expresado rescate.

Hoxe tras o último pleno da Corporación Municipal o alcalde de Tui acompañado polo edís do Concello procedeu á entrega dunha placa onde se recolle esta "Mención honorífica especial". Antonio F. Fernández Rocha destacou nas súas palabras que "no rescate desta moza no río Miño hai unha serie de valores que o Concello de Tui quere destacar por medio da concesión desta Mención Honorífica Especial: o cumprimento do seu deber como servidor público a través das Forzas e Corpos de Seguridade, a súa entrega no seu desempeño do seu traballo e a súa xenerosidade e valentía".

Tras a entrega da placa o axente Manuel Bugallo Fernández pronunciou unhas palabras de agradecemento por esta distinción en presenza da Corporación Municipal tudense e de diversas representacións da Garda Civil e Policía convidadas a este acto.

Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui