O TUDENSE MARIO CONDE, PREGOEIRO DAS FESTAS DE SAN TELMO 2011
A concellería de cultura do Concello de Tui informa que o tudense Mario Conde Conde será o pregoeiro das festas patronais da cidade de Tui deste ano 2011. Mario Conde é unhas das personalidades máis relevantes da vida social española das últimas décadas. Avogado, empresario, financeiro cunha traxectoria de grande relevancia, truncada en 1993 logo do chamado "caso Banesto" polo que foi condenado. Na actualidade, tras o cumprimento da súa condena está centrado na súa actividade como empresario e como editor que compaxina coa súa participación en diversas tertulias televisivas e con edición de varios libros, tanto de memorias como sobre temas de espiritualidade, que teñen resultado éxitos de vendas.
Pero na traxectoria de Mario Conde salienta a súa especial relación con esta cidade na que naceu o 14 de setembro de 1948 e coa que mantén unha estreita relación, tanto polas numerosas amizades que conserva na cidade, como por decidir que repousen no cemiterio da nosa cidade os seus familiares máis directos. Cómpre resaltar que grazas ao seu apoio a Fundación Cultural Banesto editou en 1992 unha obra singular "Inventario de recursos do Baixo Miño", traballo elaborado polo Módulo de Promoción e Desenvolvemento do Baixo Miño e que conforma unha obra de consulta imprescindible sobre a nosa comarca.
O Concello de Tui recibe con agrado a aceptación por parte de Mario Conde deste convite para realizar o pregón das festas pois a súa figura posúe unha alta capacidade mediática e contribuirá de xeito eficaz á difusión da nosa cidade e as súas festas patronais. Certamente este atractivo deriva, en boa medida, da súa polémica traxectoria pero tamén ten asumido as súas responsabilidades, comenta o concelleiro de cultura tudense Moisés Rodríguez Pérez.
O acto de lectura do pregón das festas de San Telmo terá lugar no Teatro Municipal de Tui o sábado 23 de abril de 2011.
No seguinte enlace http://www.marioconde.org/foro/mario/biografia/ pódese consultar a súa biografía con numerosas referencias á súa vida en Tui.
Co gallo dos actos conmemorativos do 125º Aniversario da Ponte Internacional Tui - Valença do Minho, e dentro das actividades deportivas, o pasado sábado celebrouse no Pavillón Deportivo Municipal de Tui o Torneo de Minibasquet Alevín.
Tanto os xogadores e xogadoras, coma os pais e nais que os acompañaron, gozaron dunha tarde no que o obxectivo principal era aumentar os lazos de irmandade existentes entre as poboacións de ambas ribeiras do Miño a través da actividade deportiva.
Os equipos participantes foron o Basket club Coura de Paredes de Coura, a Escola Desportiva Limiana de Ponte de Lima, o Porriño Baloncesto Base, o Valença Basket Club e o Club Baloncesto Tui.
Á finalización do torneo, e ante os aplausos do numeroso público que acudiu ao pavillón, fíxose entrega a cada un dos xogadores e xogadoras das medallas conmemorativas do 125º Aniversario da Ponte Internacional, así como dun recordo a cada un dos equipos participantes. Para isto contouse coa presenza do Alcalde do Concello de Tui, Antonio F. Fernández Rocha, do Vareador de Cultura e Deporte da Cámara de Valença do Minho, José Monte, así como dos Concelleiros del Concello de Tui, Moisés Rodríguez, Patricia Ricón, Manuel Vázquez e Antonio Castro, así como do Presidente do Club Baloncesto Tui, Nicolás Lorenzo.
Dende o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença do Minho quérese agradecer a todos os equipos participantes a súa presenza no torneo, ao Centro Comercial Haley pola súa colaboración, a Cruz Vermella de Valença do Minho e ao Club Baloncesto Tui, tanto ao seu Presidente, Nicolás Lorenzo, a toda a súa directiva e ao seu coordinador de base, Ángel Aldea, polo apoio na organización do evento.
Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui
|
ÁBACO VOLVE A SORPRENDER CON OUTRA NOVEDOSA CAMPAÑA “PONTEDEPRIMAVERA.COM”
 |
Si campañas como “O Comercio Móvese” ou a “Ruta do Pincho” crearon expectación na vila guardesa, esta nova campaña de promoción comercial está collendo a mesma magnitude e dando moito que falar.
Afastándose de obsoletos e rutinarios sorteos con rifas, ábaco a través do Foro Galego do Comercio, aposta polas novas tecnoloxías e se alguén tiña algunha dúbida aquí están os resultados.
Xóvenes e non tan xóvenes rexistran seus códigos, dende que comezou a campaña o pasado venres ata hoxe luns, lévanse rexistrados 131 códigos e 25 premios variados, tales como mochilas, portadocumentos, maletas trollei, sets de praia, reprodutores MP3, etc…
Este innovador formato facilita entregar os premios durante o transcurso da campaña, garantiza a transparencia dos premios e axuda a iniciarse nas novas tecnoloxías a toda a cidadanía.
Os agraciados podedes pasar pola oficina de ábaco (Rúa Ireira, 9 – baixo) a partir de hoxe a recoller o voso agasallo, recordade que tedes que traer o código premiado que sirve de comprobante de premio.
1ªFIN DE SEMANA DA RUTA DO PINCHO
Exitosa primeira fin de semana desta 4ª Ruta do Pincho, mais de 2500 pinchos despacháronse na totalidade dos locais participantes nesta edición en tan só estes tres días e medio, a pesar do non tan bo tempo que tivemos o sábado e o domingo. Temos que dicir que algúns dos hostaleiros se quedaron sen pasaportes para entregar aos seus clientes, polo que anticipamos as nosas desculpas xa que a pesar das nosas máis optimistas previsións, para ben dos establecementos participantes nos quedamos curtos tendo que pasar este luns pola oficina de ábaco a recoller máis material promocional.
Foron moitos os locais que se colapsaron durante a tarde/noite do sábado ante a aglomeración de clientes que se achegaban para degustar o pincho e selar o pasaporte con esta campaña, que sigue tendo moi boa acollida por parte da xente xoven como entre os maiores, que seguen felicitando a ábaco por esta iniciativa, e que a maioría pide próximas edición tanto de pincho, como de tapa co fin de que na comarca se chegue a crear unha ruta de viños e pinchos, isto demandado por ruteiros.
Podemos destacar a participación dun matrimonio francés que parando esta fin de semana en Baiona, achegáronse a nosa vila seducidos por tal variedade de pinchos e a palabras deles ... “estupendo”, outras das curiosidades foi a visita dun grupo de peregrinos ingleses que o destino lles fixo parar na xamonería “Avenida” e como non podía ser de outro xeito, probaron o “MUERETE CONMIGO”, ou a dunha pandilla de xóvenes vigueses que víronse obrigados a facer noite na Guarda, cando despois de seis pinchos cos seus respectivos “Marqués de Vizhoja” decidiron parar a ruta para a continuación saír de copas, iso sí prometeron volver con algún amigo mais e coa copa alzada berraban “Quen bebe Vizhoja esta noche moja”.
A satisfacción dos hostaleiros acollidos a esta campaña é plena, xa que puideron disfrutar dos seus locais cheos de clientes, algo só comparable ás grandes tardes de fútbol que enfrontan aos todo poderosos Barça e Madrid.
Desde ábaco queremos agradecer en primeiro lugar a todos os hostaleiros que se sumaron a esta iniciativa da celebración da “4ª Ruta do Pincho A Guarda 2011” pola súa participación, así como polo esforzo realizado por todos para que esta campaña resulte o mais efectiva posible, agradecementos tamén a todos os clientes por ser fieis a esta cita e por suposto ao patrocinador “Bodegas Marqués de Vizhoja”.
Aproveitamos para convidar a todos aqueles que aínda non comezaron a ruta, a que disfruten da gastronomía tradicional da comarca. Recordamos que o horario de ruta é xoves, venres e sábados de 11 a 13:30 e de 19 a 22 horas e os domingos só en horario de mañá.
“Boa Ruta a todos”
|
CARLOS NÚÑEZ ESTREA DOCUMENTAL EN PLAY-DOC
- Poderán verse tamén as producións galegas Todos vós sodes capitáns, do gañador en Cannes do premio Fipresci Oliver Laxe, e Manuscritos pompeianos, unha curta experimental de Marcos Nine
O Festival Internacional de Documentais Play-Doc, que se celebrará en Tui do 30 de marzo ao 3 de abril, inaugúrase coa película Brasil somos nós, un documental no que o coñecido músico galego Carlos Núñez, vai na procura do seu bisavó desaparecido en Brasil, supostamente asasinado por outro músico. Alí descubrirá parte das súas orixes e sentirá os vínculos que o atan á tradición musical galaico-portuguesa. O filme amósanos tamén o proceso de gravación do seu recoñecido último disco, Alborada do Brasil.

Pola súa banda, Oliver Laxe compite na sección oficial con Todos vós sodes capitáns, cinta que se alzou co premio da crítica na Quincena dos Realizadores en Cannes e que documenta o proceso dun obradoiro de cinema que o realizador fixo en Marrocos con rapaces da rúa. O proxecto ten moito de pedagoxía, pero resulta ser tamén unha reflexión sobre o cinema etnográfico feito en colonias europeas e un belo poema visual. Ademais, a película sitúase entre a ficción e o documental, característica que comparte co protagonista da retrospectiva do Play-Doc deste ano, Marcel Lozinski (primeira que se lle fai en España), e con outros filmes a concurso como The Arbor ou Os espidos de San Petersburgo.
Tamén entra a concurso a curtametraxe do galego Marcos Nine, Manuscritos pompeianos, onde recolle fotografías de pintadas nas paredes tiradas por simple curiosidade en distintas partes do mundo. Nine proba que as mensaxes urbanas, os principais temas que preocupan á humanidade, veñen sendo os mesmos dende Pompeia aos nosos días. Métodos semellantes de recuperación de imaxes atopamos nas obras dos reputados Peter Tscherkassky, con Coming Attractions, ou en The End of The World Begins With One Lie, estrea en España, do mestre do cinema underground Lech Kowalski. Con esta programación, Play-Doc pretende promover o debate sobre as últimas tendencias do documental.
Maís información en www.play-doc.com
|
O BNG DENUNCIA NO PARLAMENTO ESPAÑOL OS PROBLEMAS QUE XENERA O EMBALSE DE FREIRÍA NO RÍO MIÑO
As soltas masivas de auga provocan a mortandade de alevíns que incide notabelmente na supervivencia de determidas especies
A deputada do BNG Olaia Fernández Davila e o Responsábel Comarcal do BNG Xosé Manuel Méndez reuníronse hai uns días coa directiva da Asociación de Pescadores do Río Miño. Nesta reunión, entre outros temas, abordaron os problemas medioambientais que xenera a apertura brusca do encoro de Freiría.
A apertura das comportas do encoro de Freiría provoca dous fenómenos que poñen en perigo algunhas especies e como consecuencia ameaza a actividade pesqueira. Cando se abren as comportas de maneira brusca e sen contar cos ciclos das marés, por un lado dificúltase a incorporación ao río de especies que volven na pleamar e, por outro, os alevíns coa enchenta de golpe expándense hacia zonas de terra que non son capaces de abandonar cando o cauce diminúe, producíndose unha importante mortandade que incide notabelmente na supervivencia de determinadas especies.
Ademais dos efectos descritos, esas circustancias dificultan e imposibilitan a pesca, sobre todo de algunhas especies que precisan para a súa captura determinadas lúas. Se as soltas masivas de auga coinciden con esas circunstancias luares a pesca non é posíbel.
Segundo o BNG estes feitos son suficientemente claros para que o goberno do Estado actúe de xeito decidido sobre a empresa eléctrica que ten a concesión do encoro de Freiría e tome medidas que favorezan a protección do medio ambiente que ao mesmo tempo van incidir na protección da actividade económica que xenera o Río Miño.
|
 |
|
|