Jornal Digital Regional
Nº 524: 29 Jan a 4 Fev 11
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Óbitos Política Pescas Roteiro

RUTA DO PINCHO A GUARDA 2011
"Ábrese prazo de inscrición para participar"

A 26 de xaneiro de 2011, tivo lugar unha reunión na oficina de ábaco cos asociados de hostalería da asociación, na que se falou da organización dunha nova campaña para este sector. Estase a organizar a "Ruta do Pincho A Guarda 2011".

Despois de ler e de ser aprobadas as bases, acordouse abrir o prazo de inscrición para a participación por parte dos hostaleiros asociados. A inscrición pódese facer desde mañá venres 28 de xaneiro ata o vindeiro venres 4 de febreiro, o socio que estea interesado en entrar nesta campaña, só ten que pasar pola oficina de ábaco a cubrir a ficha e recoller as bases onde está ben especificado todo o contido da campaña.

As follas de inscrición están a disposición dos hostaleiros dende mañá venres na oficina de ábaco, na rúa Ireira nº9 de A Guarda en horario de 9 a 1 da mañá e de 4 a 7 da tarde. Debido ao amplo prazo de tempo dispoñible non se admitirán inscricións fora do prazo establecido.

Para máis información podedes enviar un correo electrónico as novas direccións de ábaco (gerencia@asociacionabaco.es e info@asociacionabaco.es) ou contactar co número de teléfono 986 610 887.

"abaco"

.

A AULA DA UNED DE TUI ABRE A MATRICULA PARA DOUS CURSOS DA UNED SENIOR

A Aula da UNED de Tui organiza ao abeiro da denominada "UNED senior" dous cursos de formación dirixidos especificamente aos nosos maiores, en concreto son actividades para persoas maiores de 45 anos da idade ou menores que forman parte de grupos de risco social ou discapacitados.

En concreto esta oferta de cursos abrangue os seguintes:

1. Inglés básico, a nivel de iniciación. Será impartido pola profesora Blanca Hermida Velasco. Este curso impártese os martes de 17 a 19 horas

2. "Aproximación á historia da arte a través do patrimonio de Tui e Valença" que contará como profesores con Rafael Sánchez Bargiela e Isilda Salvador Vilela Martíns. Este curso é os xoves de 17,00 a 19,00 horas.

Os cursos terán unha duración de 30 horas e comezaran o vindeiro 15 de febreiro, rematando o 19 de maio O prezo destes cursos é de 50 Euros, e os alumnos recibirán un certificado e acreditación da Universidade de superación da materia xa que os cursos están avalados pola UNED. A matrícula pódese realizar on-line a través do enlace á Uned-senior: http://www.extensionuned.es/publico_actividad/2322, onde poden consultar tamén o calendario dos cursos e outros datos de interese.

As persoas interesadas poden tamén recoller información na Aula UNED de Tui (rúa Antero Rubín, antigo convento de San Domingos) os mércores e xoves pola tarde. Tamén na Biblioteca Municipal de Tui pódense recoller as fichas de matrícula.

A Aula da UNED de Tui continua ampliando a súa oferta de actividades de extensión universitaria dirixida á sociedade tudense e da súa bisbarra. Logo que o pasado venres comezara o seu ciclo de conferencias, neste caso coa impartida pola profesora Julia Crespo Comesaña sobre "Estratexias de comunicación na familia" e que contou cunha nutrida e interesada asistencia de público. As persoas que participen neste ciclo de conferencias e precisen unha acreditación da súa asistencia poden acadala inscribíndose neste ciclo a través da páxina web: http://www.extensionuned.es

Para o Concello de Tui estas novas actividades da Aula da UNED confirman a importancia da implantación deste centro universitario na nosa cidade ao ampliar a oferta educativa non só para os estudantes do curso de acceso á universidade senón para a propia sociedade tudense e da bisbarra que poden acceder deste xeito a un amplo programa formativo en diversas materias.

Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui.

O alcalde de Tui aproveita a ausencia anunciada do BNG para convocar unha Mesa de Contratación en Tui

O alcalde de Tui, aproveitou que os concelleiros do BNG anunciaran publicamente que ían secundar a Folga Xeral contra a reforma das pensións para convocar telefonicamente para o mesmo día a Mesa de contratación do Servizo de Redacción do Plan especial de protección do conxunto histórico de Tui (PECH)

Os concelleiros do BNG solicitaron que se cambiase de día pero o resultado desta petición foi unha convocatoria por escrito ratificando que a Mesa se reunirá o mesmo día da Folga Xeral.

É escandaloso e vergoñento que un alcalde aproveite a ausencia anunciada dun grupo municipal para convocar unha reunión destas características entorpecendo deste xeito o dereito lexítimo dos concelleiros a participar nos órganos para os que foron eleitos ou exercer o seu dereito á folga.

O BNG manterá o seu compromiso coa maioría social deste país secundando a Folga Xeral convocada en Galiza en defensa dos dereitos da clase traballadora e non cederá ao intento de boicot que supón convocar reunións municipais un día de Folga, sabendo ademais de antemán que os concelleiros nacionalistas non estarán presentes.

A actitude do Sr. Rocha demostra a pouca transparencia coa que comeza a Mesa de contratación, convocada a última hora telefonicamente para facela coincidir coa ausencia dun dos grupos municipais. Este feito fai que o BNG poña en dúbida a lexitimidade das decisións tomadas nesta reunión e serán os asistentes á mesma quen teñan que explicar porqué aceptan formar parte dunha Mesa convocada dun xeito que non pode seren menos que calificado de antidemocrático e oscurantista.

BNG