UNHA INICIATIVA DO BNG ACADA A UNANIMIDADE NA CÁMARA GALEGA PARA QUE COMECEN AS EXPROPICIÓNS E URBANIZACIÓN DO FUTURO PARQUE EMPRESARIAL DE TOMIÑO
A deputada do BNG, Carme Adán salientou a necesidade deste parque para o desenvolvemento económico da comarca
A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe, en sede parlamentar, unha proposición non de Lei, aprobada por unanimidade na Comisión de Industria, Enerxía e Comercio, grazas a cal comezarán "en breve" as fases de expropiación e urbanización do futuro Parque Empresarial de Tomiño.
O parque, situado entre as parroquias de Tebra e Vilameán, na marxe esquerda da estrada PO-334, dirección Gondomar, suporá a mobilización de 9 millóns de euros en investimentos, nesta primeira fase, para a creación de 493.456 metros cadrados de superficie empresarial.
A deputada do BNG cualificou de "boa noticia para o concello de Tomiño" o compromiso do Goberno galego para acometer a primeira fase deste proxecto que, sen dúbida, representará "un aposta por dimensionar a capacidade produtiva da comarca" .
O acordo acadado no Parlamento galego, á iniciativa do BNG, empraza ao Goberno galego a poñer todos os mecanismos necesarios para facer realidade o Parque empresarial de Tomiño e para isto debe programar a execución deste proceso na súa primeira fase da maneira "máis inmediata posible" e proporcionar un acceso axeitado dende o polígono ata a vía de alta capacidade, Tui-A Garda garantindo o seu funcionamento parello ao Parque empresarial.
Pola súa parte, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que seguiu dende o Parlamento galego o debate, afirmou que este acordo supón "un recoñecemento á demanda reiterada do goberno local, tomiñeses e tomiñesas e do sector empresarial para sacar adiante un dos proxectos estratéxicos do concello de Tomiño".
Asemade, González agradeceu "a unimidade das forzas políticas para acadar este acordo" porque - asegurou- "redundará en beneficio de Tomiño, a súa comarca e Galiza".
A alcaldesa de Tomiño, reiterou " que este parque conta cun expediente administrativo moi avanzado dende a aprobación definitiva do proxecto sectorial no ano 2008 e a súa consecución debe ser o máis rapidamente posible" -aseverou-, Sandra González.
|
A BIBLIOTECA MUNICIPAL ACOLLE ACTIVIDADES CO GALLO DA CELEBRACIÓN DO "DIA DA BIBLIOTECA"
A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle nesta semana diversas actividades arredor da celebración, o vindeiro domingo 24 de outubro, do "Día da Biblioteca".
A celebración do "Dia da Biblioteca" é unha iniciativa da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil que dende 1997 ven promovendo esta celebración para a difusión do importante papel que cumpren as bibliotecas no desenvolvemento social das persoas e das colectividades e para favorecer o coñecemento pola opinión pública do traballo que realizan estes centros culturais.
A Biblioteca Municipal tudense que leva xa varios celebrando esta festa ten preparado un programa de actividades arredor desta data que comprende os seguintes actos:
- Martes 19 de outubro, sesión do Club de Lectura de adultos que promove esta biblioteca como un xeito de promoción do libro e a lectura ofrecendo aos lectores tudenses un lugar de encontro e tertulia arredor das súas lecturas. O Club de lectura se reúne quincenalmente os martes ás 20,00 horas.
- Xoves 21 contacontos para adultos coa obra "O Garavanzo, O Sapo e o Zapato" a cargo do grupo "A loca-Motora". Trátase dun contacontos intimista e literario para adultos, que a través das dúas actrices da compañía, aborda o tema da busca do Amor, os encontros e desencontros de amores. Con referencias e guiños cómicos aos clásicos da literatura infantil, ao cine, á publicidade, á tradición, á música e á literatura. O espectador escoitará fermosos relatos de Ángeles Mastretta, Xosé Saramago, Isabel Allende... Esta actividade comezará ás 20,30 horas do serán na propia Biblioteca Municipal.
- Sábado 23 haberá unha sesión de contacontos para os nenos e nenas, ata os oito anos, a cargo da compañia "Títeres cachirulo" coa obra "Un bo rato cos ratos". Darío Abecé é un rato de biblioteca curioso e divertido. Nunha tarde de tronos agáchase nun estante esquecido e atopa "Unha biblioteca de ratos", con relatos de ratos pequenos, ratos poetas, ratos rabudos… e máis e máis relatos de ratos. Darío decide levarnos por estes contos aos que, coma el, as veces, temos un pouquichiño de medo ás tormentas. Este contacontos comezará ás 12,00 horas do mediodía.
Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración deste "Día da Biblioteca" é unha nova oportunidade para achegarse a actividade deste servizo municipal que ten como obxectivo á promoción da lectura nos diversos segmentos de idade da nosa sociedade. Estas actividades desenvólvense en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo ao abeiro do programa "Letras Vivas".
CURSO DE "INICIACIÓN AO GRAVADO" A CARGO DE XABIER DE SOUSA NO VINDEIRO MES DE NOVEMBRO EN TUI
A Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño, dependente da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, organiza no mes de novembro un curso de iniciación ao gravado que terá lugar na cidade. Terá unha duración de 32 horas e será impartido nos días 6, 7, 13 e 14 de novembro no edificio Área Panorámica de Tui e será impartido por Xabier de Sousa.
Este curso está dirixido especialmente aos artesáns, con carta de artesán en vigor, pero está aberto á participación de cantas persoas estean interesadas no achegamento a este procedemento artístico. Os artesáns interesados poden realizar a súa inscrición a través da páxina web da Fundación Centro de Artesania e Deseño (http://www.artesaniadegalicia.org/fundacion/ca/web/cursos.php?curidc=129) e os outros interesados deberán contactar con esta Fundación a través do teléfono 881 999 171 / 881 999 175 ou do correo electrónico centro.artesania[@]xunta.es.
Esta actividade de formación enmarcase na colaboración aberta entre a Concellería de Cultura do Concello de Tui e a Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño que tivo o seu primeiro acto na presenza na cidade da exposición "Contornos" sobre o traballo dos torneiros de Galicia e que contou cunha exhibición en vivo do seu traballo artesanal.
Xabier de Sousa nado en Tui no ano 1960, posúe unha formación autodidacta no mundo da arte, ten realizado estudios de gravado en diversos talleres de Arte Gráfica da provincia de Pontevedra e de Lugo. Imparte cursos monográficos de gravado. Membro do grupo "Graph" (gravadores do sur de Galicia); impulsor e co-director do centro de gravado "+Obra gráfica galega" de Vigo e tamén do grupo de gravadores "Escara" (con sede en Lugo). Na actualidade é director do estudo de gravado "Chicorio" de Vigo e ten aberto recentemente un estudio e obradoiro na cidade de Vigo.
Na súa longa traxectoria de exposicións, tanto individuais como colectivas, poderíamos destacar a súa participación en "Estampa" o Salón Internacional do Gravado de Madrid en varias edicións, ou na Bienal Internacional de Vilanova de Cerveira, foi seleccionado e certames artístico en Europa e América, realizando numerosas exposicións en varios países europeos. Obtivo o 1.º premio na VII Bienal do Eixo Atlántico. Foi seleccionado no VI Premi de Gravat Ciutat de Lleida, e participou no 1.º Salón Internacional de Arte Contemporáneo "Puroarte" (Vigo), na XIV Estampa (Salón Internacional do gravado e edición de arte contemporánea, Madrid). En 2007 foi seleccionado no Certame de Gravado "Máximo Ramos" (Ferrol), no Premio Nacional de Pintura "El Primero de Fariña" (Toro) e no I Premio Nacional de Gravado "Ciudad de Valladolid". As súas obras figuran no Museo Nacional do Gravado de Bos Aires (Arxentina), no Museo Municipal de Ourense, no Museo de Belas Artes "Lucas Braulio Areco" (Municipalidad de Posadas, Arxentina), no Museo San Telmo de Donostia (Guipúscoa), na Biblioteca Nacional (Madrid), na Deputación de Ourense e na Fundación Caixanova (Vigo). Foi finalista dos premios de artesania 2008 e 2009 entre outras moitas distincións á súa obra.
"O Garavanzo, O Sapo e o Zapato" por "A Loca-Motora"
A Biblioteca Pública Municipal de Tui continua desenvolvendo as actividades programadas para a celebración do "Día da Biblioteca", que ten lugar en toda España este domingo 24 de outubro, así mañá xoves, 21 de outubro, ás 20,30 horas do serán terá lugar un contacontos para adultos a cargo da compañía "A Loca-Motora"
Trátase dun espectáculo de contos sobre o amor. "Decidimos realizalo para adultos, homes e mulleres que gusten de ler e de escoitar relatos", sinalan as responsables da compañía a Loca-Motora. "O Garavanzo, O Sapo e o Zapato" é un contacontos intimista e literario para adultos, que a través das dúas actrices da compañía, aborda o tema da busca do amor, os encontros e desencontros de amores. Con referencias e guiños cómicos aos clásicos da literatura infantil, ao cine, á tradición, á música e á literatura. O espectador escoitará fermosos relatos de Angeles Mastretta, José Saramago, Isabel Allende..."
A celebración do "Dia da Biblioteca" é unha iniciativa da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil que dende 1997 ven promovendo esta celebración para a difusión do importante papel que cumpren as bibliotecas no desenvolvemento social das persoas e das colectividades e para favorecer o coñecemento pola opinión pública do traballo que realizan estes centros culturais.
A programación da Biblioteca Municipal, tudense complétase o sábado 23 cun espectáculo para nenos e nenas, ata os oito anos de idade, que correrá a cargo da compañía "Títeres Cachirulo" con "Bó rato cos ratos".
O Concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, sinala o esforzo que ven realizando a Biblioteca Municipal, por achegarse aos diversos segmentos da idades da nosa poboación, para favorecer o acceso á cultura e os libros que ofrece á Biblioteca tamén do público adultos, superando os vellos estereotipos que vinculaban ás bibliotecas ao ámbito infantil e de estudantes. Actividades como este contacontos para adultos ofrecen a posibilidade de atopar na lectura unha alternativa e lecer e de enriquecemento persoal.
NO PASADO MES DE SETEMBRO CASE NOVECENTOS PEREGRINOS FORON ACOLLIDOS NOS ALBEGUES TUDENSES

Ao longo do pasado mes de setembro un total de 887 peregrinos foron acollidos nos albergues de peregrinos tudenses, tanto no albergue oficial do Xacobeo como no albergue temporal do Concello de Tui, evidenciando, nunha nova oportunidade, o notable incremento do número de peregrinos neste Ano Santo 2010.
Concretamente, no Albergue do Xacobeo, ubicado na rúa Párroco Rodríguez Vázquez ao carón da Catedral tudense, foron un total de 584 os peregrinos acollidos no pasado mes de setembro. Pola súa banda o albergue temporal do Concello de Tui, instalado no antigo convento de San Domingos, e que funciona como reforzo ao albergue oficial, acolleu nas súas dependencias a un total de 303 peregrinos.
As procedencias dos peregrinos que inician ou chegan ata Tui no seu itinerario xacobeo abrangue, de maior a menos, a xentes procedentes de Alemaña, Polonia, Francia, Holanda, Irlanda, pero tamén de Lituania, Suecia, Eslovenia ou Brasil. En canto aos españois salientan os procedentes de Madrid, Andalucía, Castela-León, Valencia, Pais Vasco e Galicia.
No pasado mes de setembro,segundo os datos da Oficina de Atención ao Peregrino da Arquidiocese de Santiago, recibiron a "Compostela" un total de 3823 peregrinos que realizaron o camiño portugués, unha porcentaxe do 10,42% do total de peregrinos, iniciando en Tui o su camiño un total de 1826 peregrinos.
O concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, amosa nunha nova oportunidade a satisfacción do Concello por este importante número de peregrinos que teñen escollido o camiño portugués testemuñando a centralidade de Tui como a histórica porta en Galicia deste itinerario de peregrinación.
A creación do albergue temporal, a instalación do centro de interpretación do camiño portugués, a edición de material informativo para os peregrinos en seis linguas, o perfil en facebook, a participación no programa de voluntariado xacobeo, etc teñen sido importantes medidas promovidas polo Concello tudense para responder as expectativas suscitadas por este ano xacobeo e que, cando xa nos achegamos ao seu final, comprobamos como teñen funcionado eficazmente pois neste ano houbo máis peregrinos que nunca, sinala o concelleiro Rodríguez Pérez.
"Ethéria, a viaxe soñada", a última produción do CCG chega a Tui
O Centro Coreográfico Galego pecha este sábado en Tui a primeira parte da xira da súa última montaxe "Etheria, a viaxe soñada" baixo a dirección de Mercedes Suárez. O espectáculo volverá aos teatros o próximo mes de xaneiro. En Tui a cita será no Teatro Municipal de Tui este sábado ás 20.30h. As entradas teñen un prezo de 6€ e 4€ e pódense adquirir na web www.culturatui.info ou o sábado dende ás 19h no despacho de billetes da Área Panorámica.
Centro Coreográfico Galego con "Etheria, a viaxe soñada"
Lugar: Teatro Municipal
Data e hora: Sábado, 23 de outubro ás 20.30h
ULTIMA SEMANA DA EXPOSICIÓN "IACOBUS GALLECIA" EN TUI
 |
A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle ata o vindeiro mércores, 27 de outubro, a mostra "Iacobus Gallecia", unha importante exposición artística organizada pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo que reúne en Tui unha escolma do máis significativo da panorámica da arte contemporánea en Galicia.
O público que visite a exposición Iacobus Gallaecia en Tui poderá contemplar un conxunto de obras que son un exemplo da vitalidade artística da Galicia de Santiago que, nos finais do século XX e inicios do XXI -formando parte da decoración orixinal do Pavillón de Galicia da Expo'92 de Sevilla, ou respondendo a encargos posteriores-, continúa a desenvolver a súa rica historia cultural, baseada na tradición e mais na innovación, nun fecundo caudal formado pola síntese creativa do propio e o alleo.
Na exposición, este principio queda expresado a través da variedade estilística, formal e conceptual de artistas tan distintos como Darío Basso, Paco Pestana, Xosé Freixanes, Antón García Patiño, Alfonso Sucasas, Armando Martínez, Ignacio Basallo ou Antón Lamazares. Pezas conceptuais, abstractas e figurativas, estilizadas -Armando- ou amosando toda a súa fisicidade -Sucasas- ou o seu agudo primitivismo -García Patiño- que nalgúns casos afondan na iconografía tradicional, relixiosa e xacobea, e noutros son pura evocación poética -Basso, Lamazares, Pestana-, ben representativa dunha arte a cabalo entre dous séculos.
Esta mostra forma parte do 'Camiño Contemporáneo da programación do Xacobeo 2010', unha proposta que engloba unha serie de exposicións itinerantes coa vocación de dar a coñecer a obra de autores galegos actuais e de renome. O seu obxectivo é estender a programación cultural que se desenvolve en torno ao Ano Santo por diferentes puntos de Galicia.
A presenza da exposición "Iacobus Gallecia" ten suscitado, ata o momento, o interese do público tudense pois máis de cincocentas persoas xa teñen visitado esta mostra así como diversos grupos escolares que, acompañados dos seus profesores, atopan nesta exposición un recurso didáctico de grande interese, segundo manifesta o concelleiro tudense de cultura, Moisés Rodríguez Pérez.
Homenaxe a Darío Álvarez Blázquez o 26 de outubro
 |
O Concello de Tui realizará unha homenaxe de lembranza e recoñecemento ao egrexio tudense, Darío Álvarez Blázquez, o cumprirse o centenario do seu nacemento na cidade. O doutor Darío Álvarez Blázquez, falecido no ano 1979, foi unha persoa moi apreciada na cidade, e aínda que, dende 1942, residía en Vigo nunca cesou nos seus vencellos con Tui e as súas xentes.
Agora, por acordo unánime da Corporación Municipal, o vindeiro martes 26 de outubro celebrarase unha homenaxe arredor da súa figura. O programa desta xornada abrangue o seguinte:
" Ás 19,00 h.: Descubrimento dunha placa conmemorativa na que foi a súa residencia na rúa San Telmo, 5. No acto intervirá o seu fillo Darío Álvarez Gándara e o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha.
" Ás 19,45 h.: Celebración dunha mesa redonda arredor da figura de D. Darío Álvarez Blázquez que contará coa participación de D. Alfonso Álvarez Gándara, D. Xosé María Álvarez Cáccamo, D. Ernesto Iglesias Almeida e D. Alberto Estévez Piña, no antigo convento de San Domingos de Tui.
Dario Álvarez Gándara (1910-1979), foi o primeiro dos fillos de Darío Álvarez Limeses, médico afincado en Tui dende 1905 e María Blázquez Ballester. Tras estudar en Tui os primeiros anos, fixo o bacharelato por libre examinándose en Pontevedra e cursou a carreira de medicina en Santiago, acadando a licenciatura no ano 1932, logrando posteriormente, no Hospital de San Carlos de Madrid, as especialidades de pulmón e corazón.
Tras establecerse como médico en Tui, accede a unha praza coma tisiólogo por oposición no Patronato Nacional Antituberculoso; dende 1933 a 1936, ocupa a praza de tisiólogo no Centro Secundario de Hixiene Rural de A Guarda. Médico con consulta propia en Tui entre 1932-42, asistía á dotación da lancha cañoneira "Cabo Fradera" e tamén a varias comunidades de pobres e colectivos como ás Madres Doroteas, ás Hermanitas do Asilo de Anciáns Desamparados, ás "Encerradas", etc. Tamén ao pouco de licenciarse foi profesor auxiliar da cátedra de Ciencias Naturais no Instituto de Segunda Enseñanza tudense.
Promotor en Tui do Partido Galeguista a Guerra Civil supuxo unha traxedia para a súa familia, co fusilamento do seu pai e a presión social conseguinte, que os obrigou a establecerse en Vigo no 1942, asumindo Darío a responsabilidade familiar naqueles difíciles anos da posguerra. Na cidade olívica Darío Álvarez Blázquez desenvolveu a súa actividade como médico en diversos ámbitos laborais ata o seu falecemento en 1979.
Foi escritor tanto de novelas como nos xornais, onde mantivo longas colaboracións no "Jornal de noticias" como en "La Voz de Galicia", humanista no amplo sentido da palabra. Cabería salientar os traballos dedicados á reivindicación do berce tudense do médico e filósofo Francisco Sánchez, sobre quen centrou a súa tese de doutoramento.
Casado coa tudense Carmen Gándara, Darío Álvarez Blázquez, tivo sempre unha grande estima entre os veciños de Tui que apreciaron a súa xenerosa personalidade e a súa afabilidade con cantos se achegaban ata a súa consulta, ata o punto de ser chamado "o médico dos pobres".
O Concello de Tui convida a todos os veciños a sumarse a este acto de lembranza arredor da figura de Darío Álvarez Gándara.
 |
CO CONTACONTOS PARA NENOS "UN BO RATOS COS RATOS" DE TITERES CACHIRULO A BIBLIOTECA MUNICIPAL CELEBRA O "DIA DA BIBLIOTECA"
A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle mañá sábado 23 de outubro una sesión de contacontos para os rapaces na súa programación de actividades arredor da celebración do "Día da Biblioteca".
A celebración do "Dia da Biblioteca" o 24 de outubro é unha iniciativa da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil que dende 1997 ven promovendo esta celebración para a difusión do importante papel que cumpren as bibliotecas no desenvolvemento social das persoas e das colectividades e para favorecer o coñecemento pola opinión pública do traballo que realizan estes centros culturais.
A Biblioteca Pública Municipal de Tui súmase a esta celebración coa realización dunha sesión de contacontos para os nenos e nenas, ata os oito anos, a cargo da compañía "Títeres cachirulo" coa obra "Un bo rato cos ratos". Darío Abecé é un rato de biblioteca curioso e divertido. Nunha tarde de tronos agáchase nun estante esquecido e atopa "Unha biblioteca de ratos", con relatos de ratos pequenos, ratos poetas, ratos rabudos… e máis e máis relatos de ratos. Darío decide levarnos por estes contos aos que, coma el, as veces, temos un pouquichiño de medo ás tormentas. Este contacontos comezará ás 12,00 horas da mañá.
Esta actividade desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo ao abeiro do programa "Letras Vivas".
Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui a celebración deste "Día da Biblioteca" é unha nova oportunidade para achegarse a actividade deste servizo municipal que ten como obxectivo á promoción da lectura nos diversos segmentos de idade da nosa sociedade.
Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui
|
 |
|
|