NO PASADO MES DE XUÑO INICIARON EN TUI O CAMIÑO DE SANTIAGO UN TOTAL DE 1.621 PEREGRINOS
Veñen de ser publicados os datos da Oficina de Peregrinacións da Arquidiocese de Santiago de Compostela sobre o número de peregrinos que obtiveron a "Compostela" no pasado mes de xuño de 2010. En total 33.721 peregrinos, superior en case trece mil peregrinos ao mesmo mes do pasado ano santo de 2004, en que foran un total de 14.259 os peregrinos acreditados.
É interesante comprobar nestes datos como o camiño portugués está consolidado como o segundo itinerario de peregrinación con 4248 peregrinos, que representa unha porcentaxe do 12,60%. Destes peregrinos comezaron en Tui súa peregrinación un total de 1.621 peregrinos, que corresponde a unha porcentaxe do 4,81% do total de peregrinos xacobeos, repetíndose a mesma cifra de peregrinos que no pasado mes de maio.
Con estes datos resulta evidente a importancia da nosa cidade no fenómeno da peregrinación a Santiago, pois ocupa o quinto lugar de inicio da peregrinación logo dos destinos clásicos do camiño francés (Sarria, S. Jean P. Port, Cebreiro e Roncesvalles), mentres que no mes de abril ocupaba o terceiro lugar con 1.500 peregrinos logo de Sarria e o Cebreiro. Tui é pois o primeiro lugar de inicio do camiño xacobeo fóra do camiño francés, mantendo esta consideración en todos os meses deste ano santo 2010.
Cómpre lembrar que este datos reflicten unicamente aos peregrinos que realizan este camiño portugués coa súa credencial e que logo reciben a "Compostela" que acredita a realización deste itinerario. Este número temos de multiplicalo para recoller a realidade de moitos peregrinos que se achegan a Tui en vehículo, tanto particulares como en medios de transporte colectivo, no seu itinerario a Compostela, así como numerosos peregrinos que realizan o camiño sen a devandita credencial.
Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, estes datos permiten constatar a importancia do camiño de Santiago na nosa cidade a e súa positiva repercusión que produce na sociedade tudense. Estas datos amais evidencian como o camiño portugués, cuxo tránsito está historicamente documentado polas cidades irmás de Valença e Tui -fronte a intentos reformuladores actuais deste itinerario histórico- , é valorado polos peregrinos como a segunda ruta de peregrinación elixida polos seus valores culturais, naturais e mesmo espirituais. Tui segue consolidando o seu lugar central no itinerario xacobeo portugués e así é evidenciado por todas as estatísticas existentes.
Rodríguez Pérez salienta tamén o importante esforzo que o Concello tudense ven realizando a prol da promoción deste roteiro xacobeo, como é a creación do Centro de Interpretación "Tui porta do camiño portugués", o perfil "Tui camino de Santiago" na rede social Facebook con case 2.300 seguidores, a edición de material informativo en seis idiomas, etc.
A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ACHEGA A LECTURA AOS ESPAZOS DE LECER COA "BIBLIOPISCINA"
 |
A Concellería de Cultura a través da Biblioteca Pública Municipal ten renovados nestes días a "Bibliopiscina" que ofrece os seus servizos nas instalacións das Piscinas Municipais tudenses. Este servizo de extensión bibliotecaria leva funcionando xa dende o ano 2006 cunha moi positiva acollida por parte dos usuarios destas instalacións de lecer veraniego.
Agora a Concellería de Cultura ten promovido unha renovación deste servizo bibliotecario da "Bibliopiscina" cunha anovada oferta bibliográfica que está ao dispor dos usuarios e que será renovada no vindeiro mes, para que esta escolma de títulos manteña o seu interese para os lectores. Esta iniciativa presentada baixo o lema "Mergúllate nos libros" tenta achegar o libro e a lectura como unha oferta para o tempo de lecer para todas as idades e para todos os sectores sociais, así na escolma que se presenta se buscan unha grande diversidade de títulos e de formatos e temáticas.
Para acceder a este servizo bibliotecario non cómpre ningún tipo de carné da Biblioteca senón que posúe un acceso libre e gratuíto, e tampouco supón custe adicional algún para as persoas que acceden ás Piscinas Municipais.
Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a instalación, por quinto ano consecutivo, deste servizo de "Bibliopiscina" testemuña o importante compromiso que leva adiante o Concello de Tui pola promoción do libro e da lectura pública como ferramentas imprescindibles para o desenvolvemento persoal e social e como unha alternativa enriquecedora para o tempo de lecer que promove este Concello de Tui a través da Biblioteca Pública Municipal.
Achegar os libros aos lugares onde está a xente e ofertalos como un elemento normalizado da vida persoal e colectiva contribúe de xeito eficaz a acadar unha normalización da lectura entre os nosos veciños, incrementando a súa afección polo libro.
O Paseo da Corredoira de Tui acolle a Feira do Libro de Verán esta fin de semana
O céntrico Paseo da Corredoira acolle esta fin de semana a Feira do Libro de Verán. Este evento vai celebrarse este sábado 10 de xullo e o domingo día 11 no Paseo da Corredoira.
A feira foi presentada esta mañá na Casa do Concello polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, e Cris García e Maruchi Valverde representación das librarías Byblos, Iris e Valverde.
A feira comezará o sábado ás 19h prolongándose ata última hora da tarde, e continuará o domingo ás 12h. Os dous días ás 20h está previsto a actuación dun grupo folclórico tudense. Serán un total de 21 postos de exposición e venda de libros tanto en galego coma en castelán nos que as tres librarías presentarán as últimas novidades editoriais para todos os públicos, abranguendo dende novela a libros de viaxes, ou literatura infantil. En todos estes exemplares haberá un 10% de desconto, e amais os nenos e nenas serán agasallados con lambetadas.
En representación das libreiras Cris García indicou que están contentas de ter neste evento tanto a colaboración do Concello coma de FEBAM. Salientou que coma novidade sortearán vales de compra. Mentres Maruchi Valverde incidiu na importancia de sacar o libro á rúa e achegalo a xente.
O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, na súa intervención lembrou que esta feira do verán xurdiu o ano pasado debido a que por mor da choiva non se puido celebrar a do libro galego o 17 de maio. Tralo éxito obtido optan por repetir nesta ocasión ante o interese das libreiras na realización deste evento. Salientaba que o Paseo da Corredoira, onde tamén este fin de semana ten lugar a feira de artesanía organizada por ACITUI, converterase nun fervideiro de xente con todas as actividades previstas.
Pola súa parte o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, puxo de manifesto a importancia do libro, apuntando que é un bo compañeiro para o verán, do que sempre se aprende algo.
Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui
|