Jornal Digital Regional
Nº 494: 12/18 Jun 10
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Óbitos Política Pescas Roteiro

ÁBACO FELICITA AO CLUBE DE REMO ROBALEIRA POLOS LOGROS OBTIDOS NESTAS ÚLTIMAS SEMANAS

Desde a Asociación do Baixo Miño de Comerciantes e Empresarios 'ábaco' queremos felicitar ao Clube de Remo "Robaleira" pola clasificación de Campións de España en Traineriñas na categoría de xuvenil masculina, acadada a pasada fin de semana en Vilaxoán, felicitalos tamén pola bandeira de Campións Galegos en Traineriñas nesta mesma categoría obtida na outra semana.

Parabéns a todos os compoñentes do Robaleira, sobre todo aos mozos e mozas que dedican horas de esforzo e traballo entrenando diariamente, porque sin eles non poderiamos presumir dos merecidos resultados obtidos neste deporte, no deporte guardés.


ÁBACO E A GUARDA OUTLET

A Asociación do Baixo Miño de Comerciantes e Empresarios 'ábaco' mantivo unha reunión cos socios no día 8 de xuño, para tratar a 3ª edición da Feira de Oportunidades que organiza esta entidade, hai socios moi interesados en participar nesta 3ª Feira "A Guarda Outlet", unha feira de stocks que se celebrará os días 31 de xullo e 1 de agosto en A Guarda.

O prazo de inscripción quedou aberto desde o día de onte para todos os comerciantes (SOCIOS E NON SOCIOS) que queiran participar na mesma, ata o viendeiro martes día 18 de xuño. As follas de inscripción e as bases desta campaña poden solicitarse nas oficinas da Asociación 'ábaco' en horario de 9 a 1 e de 4 a 7.

Animamos unha vez máis a todos os comercios a participar nesta actividade e a informarse sin compromiso. Para máis información podedes chamar ao teléfono 986 610 887 ou persoalmente, recordade que agora estamos na rúa Ireira, 9 - baixo.

3ª FEIRA DE OPORTUNIDADES: Sábado 31 de xullo e domingo 1 de agosto
PRAZO DE INSCRIPCIÓN: do 8 ata o 15 de xuño (ambos incluídos)


ÁBACO RECIBE UN CHEQUE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Asociación do Baixo Miño de Comerciantes e Empresarios 'ábaco' recibiu hoxe as 12 do mediodía, un cheque da Deputación de Pontevedra pola concesión de axuda que a Deputación destina ao Apoio da Competitividade dos pequenos comercios.

Ábaco destinará esta pequena axuda para comezar a promover a introducción das novas tecnoloxías no traballo diario da Asociación e a implantación de sistemas de xestión electrónica dentro da liña de innovación.

Neste acto estiveron presentes, Ángel Luis Baz Vicente (Presidente de ábaco), Francisco Martínez González (Tesoureiro de ábaco), Jesús Mª Fernández Portela (Deputado Provincial) e Alma Mª Pérez Aguiño (Coordinadora da Área de Comercio da Deputación de Pontevedra).

Desde este colectivo de empresarios queremos agradecer a Deputación de Pontevedra e demáis organimos por colaboran económicamente coas Asociacións para apoiar en xeral ao pequeno comercio e hostalería.

"abaco"

A Oficina Municipal de Turismo recibiu 2.623 consultas
durante o pasado mes de maio
Abre de luns a venres de xeito ininterrompido de 10 a 20,
e as fin de semana de 10.30 a 14.30 e de 15.30 a 19.30h

Un total de 2.623 pasaron durante o pasado mes de maio pola Oficina Municipal de Turismo, situada no Paseo da Corredoira. A meirande parte dos turistas que se achegaron a este servizo municipal eran nacionais, un total de 1.868, e os 755 restantes eran estranxeiros. O día en que máis consultas se realizaron na oficina de turismo, 208, foi o luns 17, que coincidiu coa Día das Letras Galegas.

Entre os turistas nacionais que se achegaron por este espazo de información están a cabeza os galegos con 372 consultas, seguidos dos madrileños con 291, e dos andaluces con 287. Houbo amais 250 consultas de castelá-leoneses, e 196 de valencianos. As comunidades autónomas de onde menos consultas se recibiron na oficina de turismo foron Navarra e Murcia.

En canto ao turismo estranxeiro os alemáns están á cabeza no número de consultas na oficina de turismo con 206, seguidos dos portugueses con 142, os ingleses con 83, e os italianos con 64. En total visitáronnos turistas de 33 nacionalidades distintas procedentes tanto doutros países europeos coma de Venezuela, Uruguai, Sudáfrica, Rusia, Nova Zelanda, Xapón, Corea, EEUU ou Australia.

A Oficina Municipal de Turismo rexistrou amais durante o mes de maio un total de 147 consultas de peregrinos nacionais, a meirande parte madrileños, e 224 de peregrinos estranxeiros, principalmente alemáns.

Por outra parte este servizo elaborou tamén un informe sobre o número de pernoctacións ao longo dos 31 días do mes de maio. Á cabeza no nivel de ocupación estivo o Hotel Colón, seguido do Albergue El Camino, do Parador de Turismo e do Hotel Alonso I. Amais houbo dúas persoas que pernoctaron na cidade en Autocaravana.

O Concelleiro de Turismo, Moisés Rodríguez, fai unha valoración moi positiva dos datos recadados pola Oficina Municipal de Turismo ao longo do pasado mes de maio. Salienta así por unha parte a importancia do turismo estranxeiro, principalmente do número de alemáns que nos visitan tanto coma turistas, coma por elixir Tui coma punto de paso no seu camiño a Compostela. Salienta tamén, xa nos turistas nacionais, o importante número de galegos que se achegan a coñecer a cidade. Todo isto, apunta, confirma o gran atractivo turístico que Tui ten tanto no seu ámbito máis cercano coma a nivel internacional.

A Oficina Municipal de Turismo abre de luns a venres de xeito ininterrompido de 10 a 20h, e as fin de semana de 10.30 a 14.30 e de 15.30 a 19.30h.


O ANTIGO CONVENTO DE SAN DOMINGOS ACOLLE O "CENTRO DE INTERPRETACIÓN, TUI PORTA DO CAMIÑO PORTUGUÉS A SANTIAGO"

A Concellería de Cultura do Concello de Tui presentou a instalación no antigo convento de San Domingos do Centro de interpretación "Tui, porta do camiño portugués a Santiago" coa finalidade de promover entre peregrinos, visitantes e os propios veciños de Tui o coñecemento da historia e do patrimonio vinculado na nosa cidade ao camiño de peregrinación a Compostela.

Neste mañá o Concelleiro de Cultura presentou aos medios de comunicación este novo equipamento promovido polo Concello de Tui para remarcar a condición da nosa cidade como a histórica porta de entrada do camiño portugués en Galicia ao abeiro da celebración do Ano Santo Compostelá.

Neste centro os visitantes poden coñecer, mediante diversos paneis informativos en varios idiomas, os diversos aspectos que, dende os inicios do fenómeno das peregrinacións xacobeas, ligaron á cidade de Tui a este camiño de Santiago. Así existe información sobre: O hospital para peregrinos, o culto xacobeo na catedral tudense, os máis egrexios peregrinos cuxo paso está documentado na cidade, e os principais enclaves do camiño portugués ao seu paso polo concello de Tui. Completa os equipamentos deste centro de interpretación unha instalación de caixas de luz que abrangue o percorrido do camiño portugués dende Valença do Minho ata Santiago de Compostela con imaxes de gran formato sobre os principais enclaves; os visitantes poden contemplar unha espectacular maqueta do conxunto histórico tudense, da autoria de José Martínez Clotet e cedido por D. Alejandro Pardo, así como unha imaxe de San Roque cos atriutos de peregrinos, e outros obxectos vinculados ao fenómeno xacobeo na nosa cidade.

Moisés Rodríguez Pérez, concelleiro de cultura de Tui, comentou no decurso desta presentación, que este Centro de Interpretación "Tui, porta do camiño portugués" é unha aposta do Concello tudense pola posta en valor do camiño de Santiago ao seu paso por Tui e pola divulgación desta ruta de peregrinación. Tui foi historicamente o lugar de Galicia onde confluían os diversos roteiros do camiño portugués, que cruzaban o Miño entre as localidades de Valença e Tui, como queda acreditado na documentación histórica conservada pois só excepcionalmente había peregrinos que non percorrían esta ruta e optaban por outras alternativas.

Hoxe compre reivindicar este carácter histórico do camiño portugués como o principal valor deste ruta xacobea, recoñecida como itinerario cultural europeo dende 1987, pois garante a autencidade deste roteiro percorrido ao longo dos séculos por numerosos peregrinos de innumerables países. É este carácter histórico do camiño portugués ao seu paso por Tui unha das principais reivindicacións do concello tudense e o principal reclamo que a nosa cidade pode ofrecer a peregrinos e visitantes.

A apertura deste centro, xunto co inmediato inicio do acondicionamento do resto do edificio como albergue provisional para este ano santo, a edición de folletos informativos en varios idiomas, a creación dun perfil en facebook que se achega xa os 2.200 siareiros, etc son algunhas das medidas abordadas dende o Concello tudense para a promoción deste camiño portugués. Amosaba o concelleiro tamén a súa satisfacción polo incremento constante que se experimenta no número de peregrinos que pasan por Tui ou inician na nosa cidade o camiño de Santiago.


TUI RECUPERA O VINDEIRO 26 DE XUÑO O "BANQUETE REXIONALISTA" CELEBRADO CO GALLO DOS XOGOS FLORAIS DE GALICIA EN 1891

A vella cidade de Tui recuperará este ano, ao abeiro do programa do CXIX aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia, a celebración do "banquete rexionalista" que tivo lugar na nosa cidade o 26 de xuño de 1891 como remate daquel acontecemento cultural, que foi un fito na historia de Galicia ao ser o primeiro acto público desenvolvido integramente en lingua galega.

Grazas a unha iniciativa conxunta do Parador de Turismo "San Telmo" e a Concellería de Cultura do Concello tudense pódese recuperar este banquete "rexionalista" en homenaxe á cultura e a lingua galega que tivo lugar no Teatro Principal tudense como acto de clausura dos Xogos Florais de Galicia o 26 de xuño de 1891. Naquel banquete participaron sesenta persoas e tomaron a palabra, entre outras personalidades, Enrique Lens, o poeta tudense Díaz Spuch, Manuel Lago González, Salvador Cabeza de León, o presidente da Xunta Rexionalista de Tui, Manuel Fernández Herba, xunto con Alfredo Brañas e, finalmente, Manuel Murguía.

Desta volta o 26 de xuño ás 22,00 horas o Parador de Turismo "San Telmo" acollerá de novo este banquete en homenaxe á cultura e á lingua galega, recuperando integramente a carta daquel acto de 1891. En concreto o menú foi, e será de novo, o seguinte:
- sopa fina
- raxo con cogordos
- salmón á alicantina
- polos salteados
- langosta á rusa
- pastel de pichós
- filetes á xardineira
- helados
- pavo con cogordos
- budin con ron
- pastelón á inglesa

Todo acompañado con "viño vello da terriña", "xerés", "campagne" e para rematar "puros da Habana".

As persoas interesadas en participar neste banquete, que será servido na modalidade de "buffet libre", poden retirar o correspondente convite no Parador de Turismo de Tui a un prezo de 39,00 euros, xa persoalmente ou realizar a reserva a través do teléfono 986.600.300 ou do correo electrónico: tui@parador.es

O Concello de Tui ven rememorando, nos últimos anos, a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente, xunto a Eduardo Caballero Canals, o coengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén coengo Manuel Lago González, Juan Ávarez Cordero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, a función solemne de San Telmo, patrón da cidade, na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse e como clausura o devandito banquete.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a recuperación deste banquete é un xeito de recuperar un aspecto significativo da vida colectiva de Galicia, e que ten o seu lugar na historia da gastronomía de Galicia. Rodríguez Pérez agradece especialmente ao Parador de Turismo de Tui a súa iniciativa de promover a recuperación desta festa en homenaxe á cultura de Galicia. Finalmente, o concelleiro tudense anuncia que en datas inmediatas será presentado o programa de actos que contará cun recital poético o 24 de xuño a cargo de relevantes poetas de Galicia.


ULTIMOS DÍAS DA EXPOSICIÓN "HISTORIA DUNHA EMIGRACIÓN DIFUSA: 500 ANOS DE EMIGRACIÓN GALEGA A LISBOA"

Ata o vindeiro martes, 15 de xuño, é posible aínda visitar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui a interesante mostra titulada "Historia dunha emigración difusa: 500 anos de emigración galega a Lisboa" que recolle un percorrido pola presenza dos galegos na capital portuguesa e a súa contribución a súa historia e a súa vida social e cultural.

A exposición ofrece unha visión analítica e reflexiva do fenómeno da emigración galega a Lisboa, facendo un percorrido polos máis de 500 anos da súa Historia, a través do testemuño de investigadores deste tema e dos propios emigrantes que, nalgúns casos, as súas familias emigraron no século XVI. Para isto, levouse a cabo unha ardua labor de investigación histórica e contouse coa participación de mais dun centenar de emigrantes, que son a última xeración dunha tradición migratoria que se remonta á Idade Media.

Varios dos participantes na exposición coincidiron en destacar un aspecto: A Lisboa de hoxe en día non se pode entender como tal sen ter en conta a aportación secular dos emigrantes galegos. A presenza galega aínda pervive con forza e percíbese en cada esquina da cidade alfacinha, as mesmas que ocupaban ata hai 50 anos os mozos de recados galegos á espera de algún encargo; en cada fonte e chafariz, onde aínda rezuman os ecos das voces dos aguadeiros galegos; en cada un dos moitos restaurantes e pensións da capital, aínda en mans de galegos, herdados en moitos casos dos seus pais, que a súa vez herdaran dos seus; en moitos dos pratos que se comen a diario como propios da gastronomía olisiponense…

Pero o certo é que todo isto non é coñecido pola gran maioría dos lisboetas; nin pola práctica totalidade dos galegos. Tense estudado a emigración galega cara a Castela, América e mesmo cara a Europa e o resto de España, mais non se lle ten prestado atención á emigración que se dirixiu cara o pais irmán, con algunhas excepcións, coma a do Profesor Domingo Lopo, da Universidade de Santiago de Compostela, que colabora nesta exposición.

Para o concelleiro de cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a presenza desta exposición na nosa cidade é unha mostra mais da vocación que posúe este Concello de Tui por achegar aquelas accións que posibiliten un maior achegamento á cultura de Portugal, evidenciando o compromiso que posúe a institución municipal tudense en afondar no mutuo coñecemento entre ambas beiras do Miño que atopan na cidade de Tui a súa natural "ponte" de comunicación e encontro.


NO PASADO MES DE MAIO INICIARON EN TUI O CAMIÑO DE SANTIAGO
UN TOTAL DE 1621 PEREGRINOS

A nosa cidade foi en maio o quinto lugar de inicio da peregrinación, o primeiro fóra do camiño francés

Acaban de ser publicados os datos da Oficina de Peregrinacións da Arquidiocese de Santiago de Compostela sobre o número de peregrinos que obtiveron a "Compostela" no pasado mes de maio de 2010. En total 28.787 peregrinos, superior en doce mil peregrinos ao mesmo mes do pasado ano santo de 2004, en que foran un total de 16.862 os peregrinos acreditados.

É interesante comprobar nestes datos como o camiño portugués está consolidado como o segundo itinerario de peregrinación con 3.608 peregrinos, que representa unha porcentaxe do 12,53%. Destes peregrinos comezaron en Porto o seu camiño 1.053 persoas mentres que en Tui iniciaron a súa peregrinación un total de 1.621 peregrinos, que corresponde a unha porcentaxe do 5.63% do total de peregrinos xacobeos.

Con estes datos resulta evidente a importancia da nosa cidade no fenómeno da peregrinación a Santiago, pois ocupa o quinto lugar de inicio da peregrinación logo dos destinos clásicos do camiño francés (Sarria, S. Jean P. Port, Cebreiro e Roncesvalles), mentres que no mes de abril ocupaba o terceiro lugar con 1.500 peregrinos logo de Sarria e o Cebreiro. Tui é pois o primeiro lugar de inicio do camiño xacobeo fóra do camiño francés, mantendo esta consideración en todos os meses deste ano santo 2010.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, estes datos permiten constatar a importancia do camiño de Santiago na nosa cidade a e súa positiva repercusión que produce na sociedade tudense. Estas datos amais evidencian como o camiño portugués, que cuxo tránsito está historicamente documentado polas cidades irmás de Valença e Tui -fronte a intentos reformuladores actuais deste itinerario histórico- , é valorado polos peregrinos como a segunda ruta de peregrinación elixida polos seus valores culturais, naturais e mesmo espirituais. Tui segue consolidando o seu lugar central no itinerario xacobeo portugués e así é evidenciado por todas as estatísticas existentes.

Rodríguez Pérez salienta tamén o importante esforzo que o Concello tudense ven realizando a prol da promoción deste roteiro xacobeo, como é a creación do Centro de Interpretación "Tui porta do camiño portugués", o perfil "Tui camino de Santiago" na rede social Facebook con case 2.200 seguidores, a edición de material informativo en seis idiomas, etc.

Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui

Os vindeiros concertos de KoGiTo

Festival SONS DA LAMEIRA (Matamá - Vigo)
3 de xullo a partires das 20:00h
xunto a: Kaos Urbano, Tiro Na Testa e Dreams Of Dolly Sheep

Festival DA CHAIRA (Baltar - A Pastoriza - Lugo)
17 de xullo a partires das 20:00h
xunto a: La Limoncello, Ulträqäns, Chotokoeu e Zootropa

Festival GALLEROCK (Riveira - A Coruña)
14 de agosto a partires das 22:00h
xunto a: Zenzar e A Compañía Do Ruído

kogito