O PP REXEITA NO PARLAMENTO A INICIATIVA DO BNG PARA QUE A XUNTA CONSTRÚA O TERCEIRO TRAMO DO COLECTOR XERAL DE TOMIÑO
A deputada Carme Adán afirma que o PP na Xunta non cumpre con Tomiño
O Partido Popular impediu esta mañá no Parlamento Galego que se aprobase unha iniciativa do BNG que lle solicitaba á Xunta que constrúa a terceira fase do colector xeral de Tomiño.
En concreto, a proposición non de lei do BNG que se debateu esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento Galego instaba á Xunta de Galiza a "por en marcha as accións necesarias para construír o terceiro tramo do colector xeral de Tomiño entre as parroquias de Carregal e Torrón. Para este fin, dotarán de orzamento ao proxecto o máis axiña posíbel".
A deputada do BNG, Carme Adán, asegurou que a construción deste terceiro tramo, que discorrería entre as parroquias de Carregal e Torrón, e que viría a completar aos dous xa existentes entre as parroquias de Goián e Carregal, "é unha obra urxente e fundamental para o saneamento de Tomiño".
Ademais, xustificou a súa necesidade en que "nesta áreas sitúanse as terceira e cuarta parroquias máis poboadas de todo o concello, como Amorín ou Sobrada, cun importante crecemento demográfico, o que fai aínda máis necesario a construción do colector para o saneamento das augas residuais".
"A Xunta do PP non cumpre con Tomiño"
Neste sentido, Carme Adán subliñou que "no ano 2007 houbo un acordo entre o concello e a Xunta de Galiza para a construción deste colector e dende aquela o Concello de Tomiño cumpriu e fixo todos os deberes para poder construílo".
Así, lembrou que "aprobouse o proxecto, o concello de Tomiño solicitou un préstamo e no pleno do concello de outubro de 2009 aprobouse o inicio do expediente de expropiación dos terreos necesarios".
Porén, a deputada do BNG denunciou que "o regreso do PP á Xunta de Galiza supuxo a paralización deste proxecto, a pesar de que o concello de Tomiño cumprira todos os seus compromisos".
Así, denunciou que o Goberno de Feijoo non incluíu nin un euro para este terceiro tramo do colector nos Orzamentos de 2010, o que motivou unha fonda preocupación entre os veciños e veciñas de Tomiño, que constituíron unha Plataforma veciñal para demandar esta infraestrutura".
DAVILA DEMANDA AO MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE QUE TEÑA EN CONTA AS PROPOSTAS DOS VECIÑOS E DO CONCELLO DE A GUARDA PARA COMPATIBILIZAR O PASEO LITORAL CO APARCADOIRO
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pede ao Goberno que teña en conta a proposta alternativa dos veciños para aproximar a Senda litoral á costa en A Guarda.
Explica a deputada do BNG que as actuacións medioambientais que o Ministerio de Medio Ambiente está a realizar na Guarda, a denominada Senda Litoral, está provocando un grande descontento. "Até tal punto que tanto veciños como representantes municipais manifestaron a necesidade de paralizar as obras e facer modificacións".
O problema, sinala Davila, xorde á hora de compatibilizar esta senda litoral coa dotación de aparcamentos, "infraestrutura imprescindíbel para unha localidade onde o turismo é un dos seus maiores recursos económicos". A cuestión é que "para poder dotar de duplo sentido o vial pédese aos veciños colindantes os terreos necesarios para facer a ampliación".
Pero, subliña a deputada do BNG, "os veciños consideran que xa cederon suficiente terreo e pensan que é o Ministerio de Medio Ambiente o que debe efectuar a cesión de terreo, aproximando o paseo á costa". Trátase "dunha alternativa que non enxendraría ningún dano medio ambiental".
A parlamentar nacionalista sinala que "tanto os afectados como o concello trasladaron aos responsábeis do Ministerio diferentes alternativas que resolverían o problema".
De aí que a deputada do BNG se dirixa ao Goberno para saber cal é a posición do Executivo respeito ás alternativas presentadas polos veciños e se vai dar marcha atrás na súa posición inicial e ter en conta as alternativas.
|
CONTINUA A PEREGRINACIÓN DOS MUNICIPIOS GALEGOS E LUSOS DO CAMIÑO PORTUGUÉS, ESTA PASADA FIN DE SEMANA ENTRE SAN PEDRO DE RATES E BARCELOS
 |
Un grupo de alcaldes e representantes dos concellos pontevedreses e das cámaras municipais portuguesas por onde pasa o Camiño portugués de Santiago tomaron parte este pasado sábado nunha nova etapa do Camiño Portugués que están realizando para a promoción desta ruta e que rematarán en Santiago de Compostela o vindeiro día 31 de xullo.
Na etapa celebrada o pasado sábado, 29 de maio, entre San Pedro de Rates e Barcelos, organizada conxuntamente polas Cámara Municipais de Povoa de Varzím e Barcelos, participou o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura Moisés Rodríguez en representación do Concello de Tui.
Esta peregrinación polo Camiño Portugués continua nos vindeiros sábados polos municipios de Barcelos, Ponte de Lima, Padres de Coura e Valença do Minho, tendo previsto a chegada a Tui o sábado 26 de xuño, en que se realizará a etapa entre Valença e O Porriño.
Para o concelleiro tudense esta peregrinación posúe un alto interese pois reafirma a centralidade desta vía de peregrinación xacobea que pasa por Tui e o seu carácter histórico, recoñecida como tal polas entidades territoriais de Galicia e Portugal. Amais a propio itinerario ofrece a oportunidade de afondar nas relacións entre as autoridades locais desta zona transfronteiriza, pois este percorrido se realiza nun ambiente de grande amizade.
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galiza-Norte de Portugal promove entre os meses de maio e xullo a visita e o coñecemento en peregrinación do Camiño Portugués a Santiago, no ámbito das conmemoracións do ano Xacobeo 2010. A peregrinación, que comezou o pasado 8 de maio en Porto, prolongarase durante 13 etapas, en cada sábado, tendo coma obxectivo a chegada a Santiago o día 31 de xullo.
As primeiras oito etapas se realizan en territorio portugués, e pasaran polos concellos de Porto, Matosinhos, Maia, Vila do Conde, Póvoa de Varzim, Barcelos, Ponte da Lima, Paredes de Coura e Valença do Minho, sendo na novena etapa o día 26 de xuño cando se pase a territorio español cunha travesía en barco polo río Miño desembarcando na cidade de Tui.
O obxectivo desta peregrinación dende Oporto ata Santiago é a promoción do camiño de Santiago pola ruta tradicional central do lado portugués e a sensibilización publica polo seu importante valor histórico, patrimonial e paixasístico. Ademais de constituír tamén un factor de identidade galaico-portuguesa e unha oportunidade de afirmación e promoción da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
|
A GUARDA CONTARÁ POR PRIMEIRA VEZ CON DÚAS PRAIAS GALARDOAS CON BANDEIRA AZUL: AREA GRANDE E O MUÍÑO

O Xurado Internacional Bandeira Azul que concede o distintivo reuniuse o pasado 23 de abril aínda que non se coñeceron os galardoados ata o 2 de xuño.
Tralo estudo das candidaturas e o seu nomeamento, este xurado deu o parabén a todalas praias e portos deportivos galardoados con Bandeira Azul, polo seu compromiso co programa e pola excelente vontade que consegue que lugares con Bandeira Azul reúnan uns estándares de calidade para o público en xeral.
O concello da Guarda presentou a comezos do 2010 as candidaturas das dúas praias galardoadas: Area Grande e O Muíño. Destacar que as dúas praias obteñen este distintivo como recoñecemento a calidade medioambiental e os servizos que ofertan.
Habería que destacar que o concello ofrece praias cos mesmos estándares de calidade pero con características diferentes. Polo que a oferta de praias acolle a todos los gustos.
A praia Area Grande, de caracter semirubano e aberta ao mar, contará por segundo ano consecutivo co distintivo de Bandeira Azul, sendo un recoñecemento a calidade das augas marítimas e o esforzo realizado dende o concello da Guarda para que a praia teña uns servizos de calidade. Esta praia contará un ano máis co servizo de socorrismo e unha maior oferta de actividades informativas e medioambientais.
En relación a Praia do Muíño, fluvial e enmarcada no entorno natural de Esteiro do Miño, recibiu o disitinvo de Bandeira Azul no ano 2005 pero non foi renovado anos posteriores polo endurecemento das exigencias de Bandeira Azul como o cumplemento da Lei de Costas. O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no mantenento e mellora das actuacións e servizos véndose recompesado este ano ca consecución da segunda Bandeira Azul para o concello.
As praias de Area Grande e O Muíño contan para esta ano 2010 co galardón medioambiental Bandeira Azul e o distintivo de calidade do SICTED "Compromiso de Calidade Turística". A implantación destes dous distintivos amosan o esforzo do Concello da Guarda en ofrecer unhas praias con servizos e atención de calidade.
|
 |
Por segundo ano consecutivo, a Asociación Érguete impartirá sesións preventivas do consumo abusivo de alcohol na Autoescola Eli´s e na Autoescola Miño de A Guarda.
Trátase dunha actuación preventiva denominada CAMBIO DE SENTIDO que pretende mellorar a información dos/as alumnos/as das autoescolas, principalmente mozas e mozos, en relación cos riscos asociados á condución de vehículos baixo os efectos do consumo de alcohol ou outras drogas, promovendo actitudes e condutas máis seguras e responsables no respecto das taxas de alcoholemia, no uso de cintos de seguridade e en evitar conducir ante o menor síntoma de sono ou cansazo.
Tamén daranse recomendacións en caso de ter pensado beber alcohol, así como actuar ante unha intoxicación alcohólica (que facer e que non facer).
Para a realización desta actuación contamos co fundamental apoio destas Autoescolas agradecendo a súa disposición e colaboración para a realización desta actividade. As sesións serán impartidas polas técnicas de prevención da Asociación, dúas Educadoras Sociais e unha Traballadora Social, durante os meses de xuño, xullo e setembro utilizando recursos audiovisuais e unha metodoloxía participativa. Pretendendo achegarnos aproximadamente a unhas 120 persoas.
CINE E SAÚDE PARA A XUVENTUDE
Érguete proxectará o vindeiro domingo 6 de xuño no Centro Cultural de A Guarda a película “LOL” (2009) de Lisa Azuelos ás 5 da tarde. A entrada é de balde.
En colaboración co Concello de A Guarda e coa Consellería de Traballo e Benestar –Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado- Érguete organiza un Ciclo de Cine e Saúde dirixido á mocidade da Comarca do Baixo Miño.
Esta actividade complementa os talleres sobre Educación Afectiva-Sexual realizados durante este curso escolar no IES A Sangriña, IES de Tomiño e CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal en diferentes cursos da ESO, nos que participaron un total de 410 alumnos/as.
Animamos a toda a mocidade a asistir a esta proxección así como tamén as súas familias. Lembra que a entrada é gratuíta.
|
A FEDERACIÓN DE COMERCIANTES E EMPRESARIOS DO SUR DE PONTEVEDRA, FESPO, SEGUE CRECENDO E PLANIFICANDO NOVAS LIÑAS DE ACTUACIÓN

Unha tarxeta de fidelización e a realización dun Inventario Comercial foron as liñas de actuación marcadas por FESPO, na súa Asemblea Xeral, unha Federación que segue crecendo cá adhesión de novas Asociacións.
A Federación de Comerciantes e Empresarios do Sur de Pontevedra, FESPO, mantivo o pasado xoves na súa sede de Tui, a Asemblea Xeral da Federación, onde se puxeron sobre a mesa os proxectos que se levarán a cabo durante os vindeiros meses e que estarán supeditados ás distintas liñas de axudas que pon a disposición a Dirección Xeral de Comercio para levarse adiante e obter financiación para poder executalas.
O proxecto máis ambicioso e polo que máis forte se aposta dende FESPO é a realización dunha tarxeta de fidelización, unha tarxeta que se distribuirá ao longo de todo o sur da provincia e que será accesible para máis de 1000 establecementos comerciais a que permitirá ofrecer aos establecementos unha ferramenta común para incentivar aos clientes, fomentar a colaboración entre os distintos establecementos participantes e establecer unha estratexia de fidelización tanto común para todas as asociacións integrantes de FESPO como realizar estratexias personalizadas e independente de cada asociación ou incluso realizar estratexias individuais para cada establecemento asociado. Unha tarxeta de fidelización que poderá ser usada por máis de 150.000 clientes da área xeográfica que abrangue FESPO.
Outras das iniciativas impulsadas pola Federación será a realización dun Inventario Comercial, que permita sinalar a distribución comercial de toda a comarca, tipografía da oferta comercial e ubicación dos mesmo, así como a posibilidade de detectar oportunidades de negocio no sector comercial a través deste inventario comercial.
Por outra banda a Federación de Comerciantes e Empresarios do Sur de Pontevedra, segue crecendo cada día máis no número de asociacións que se unen á Federación e nesta Asemblea, adheríronse asociacións da comarca do Condado- Paradanta e asociacións do Baixo Miño quedando así case completado o mapa do Sur da Provincia de Pontevedra, e de sete, asociacións que fundaron a Federación hoxe en día conta xa con dez asociacións (Val Miñor, Baiona, Gondomar, Tui, Porriño, A Guarda(Abaco), Tomiño, Ponteareas, O Rosal e Salceda), o que suma un total de máis de 1.500 establecementos comerciais que son representados pola Federación de Comerciantes e Empresarios do Sur de Pontevedra, FESPO.
Asociación do Baixo Miño de Comerciantes e Empresarios 'ábaco'
|
A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI AMPLIA E MELLORA A SÚA OFERTA SERVIZOS AO PÚBLICO
A Biblioteca Municipal tudense ven de incrementar a súa superficie de uso bibliotecario mellorando deste xeito a súa oferta de servizos a disposición dos seus usuarios. Grazas á colaboración da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo que ten subministrado diverso mobiliario para as seccións de cómic e de fondo local.
En concreto, a Biblioteca Pública Municipal de Tui ten incrementado en cerca de cen metros cadrados a súa superficie instalando nesta zona a sección de cómic da Biblioteca, o fondo local e mais diversos planeros para a custodia de fondos cartográficos e de carteis sobre temática local que conserva a Biblioteca tudense.
En concreto tratase do seguinte mobiliario:
- 2 planeros
- 2 expositores de cómic
- 1 mesa con 10 postos de lectura
- Posto de control
- 8 Estanterías
Con este novo equipamento a Biblioteca Pública Municipal de Tui continua traballando a prol de lograr un mellor servizo de acceso á información e á lectura a disposición dos cidadáns de Tui, consonte a obriga constitucional.
O Concelleiro de cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, agradece, en primeiro lugar á Consellería de Cultura e Turismo, este novo exemplo de colaboración para mellorar os servizos culturais da nosa cidade, apoiando a importante aposta que este Concello ven realizando neste ámbito. Por outra banda, Rodríguez Pérez, amosa a súa satisfacción por dotar con este novo equipamento con novos servizos como a comiteca, respondendo ao obxectivo de mellorar a calidade deste servizo cultural.
Este novo equipamento xunto coa ampla programación de actividades desenvolvida pola Biblioteca nos meses de abril e maio ao abeiro da denominación de "Mes dos Libros" avala o importante labor que esta Concellería de Cultura realiza na Biblioteca Municipal, pois este servizo cultural de carácter permanente é unha ferramenta básica para a formación dos nosos cidadáns e para ampliar a oferta de lecer dos seus usuarios.
O ALBERGUE DE PEREGRINOS DE TUI ALCANZA 577 PEREGRINOS NO PASADO MES DE MAIO
 |
O Albergue de Peregrinos de Tui continua tendo un importante nivel de ocupación neste Ano Santo Compostelá e así no pasado mes de maio foron 577 peregrinos os que ocuparon este albergue oficial do Xacobeo da nosa cidade ubicado a carón da Catedral, na rúa Párroco Rodríguez Vázquez.
Para calibrar este número de peregrino cómpre lembrar que no último Ano Santo, en 2004, en maio houbo neste albergue un total de 310 peregrinos e no pasado ano 2009 foron 293 persoas as que pernoctaron neste albergue. Mesmo foron superados amplamente os números de ocupación do albergue do pasado mes de abril con 378 peregrinos ou os 216 do mes de marzo. Comprobándose o paulatino incremento no número de persoas que continúan apostando por este camiño xacobeo cheo de historia e tradición.
A procedencia dos peregrinos que se achegan a este albergue é basicamente europea, salientando especialmente os de nacionalidade alemá, seguidos de peregrinos procedentes de Portugal, Francia, Italia, Polonia, Irlanda, Suecia, Finlandia, Holanda, Dinamarca, Bélxica e Austria. Doutros países no mes de maio chegaron ao albergue tudense peregrinos procedentes de Brasil, Estados Unidos, Cuba, México, Suiza e Corea. Entre os peregrinos españois salientan os procedentes de Andalucía, Valencia, Madrid, Estremadura e Castela e León.
Por outra banda, e segundo informa a catedral tudense no pasado mes de maio foron facilitades neste lugar un número aproximado de 800 credenciais para peregrinos, reafirmando tamén o notable incremento do número de peregrinos na nosa cidade.
Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, os resultados de ocupación do albergue tudense ao longo do pasado mes amosan, nunha nova oportunidade, o interese que suscita o camiño portugués que é percorrido cada día por numerosos peregrinos que, como podemos comprobar polos datos anteriores, teñen unha procedencia internacional. Estas cifras deben incrementarse cos numerosos peregrinos que optan por aloxarse no albergue privado existente na nosa cidade.
O Albergue de peregrinos de Tui posúe unha capacidade de 36 prazas para peregrinos en liteira e abre todos os días ás 13,00 horas e pecha as súas portas ás 22,00 horas estando ubicado no corazón do conxunto histórico tudense. Para máis información os interesados poden chamar ao teléfonos: 986 600 729 - 638 962 806.
Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui
|
 |
|
|