Jornal Digital Regional
Nº 472: 9/15 Jan 10
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Óbitos Política Pescas Roteiro

PEREGRINACIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA
POR ETAPAS
POLO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA

O Concello Da Guarda organizará a partir do mes de marzo unha peregrinación a Santiago de Compostela por etapas polo Camiño Portugués da Costa.

Hai uns meses recoñeceuse o Camiño Portugués da Costa, este novo Camiño de Santiago recorre os Concellos da Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Redondela.

Para dar a coñecer o Camiño aos veciños da Guarda e a todos aqueles interesados e amantes do Camiño de Santiago convídase a participar nesta ruta coas seguintes etapas:

ETAPA PRÓLOGO - VIANA DO CASTELO – A GUARDA
DATA: 13/03/2010
PERCORRIDO: 29 Km.
PUNTO DE RECOLLIDA: EMBARCADOIRO DO FERRY
HORA: 07:00 HORAS

ETAPA 1.- A GUARDA – BAIONA
DATA: 10/04/2010
PERCORRIDO: 32 Km.
PUNTO DE SAÍDA: EMBARCADOIRO DO FERRY
HORA: 07:30 HORAS

ETAPA 2.- BAIONA – CHAPELA (REDONDELA)
DATA: 24/04/2010
PERCORRIDO: 29 Km.
PUNTO DE RECOLLIDA: PARKING COLEXIO A SANGRIÑA
HORA: 07:00 HORAS

ETAPA 3.- CHAPELA (REDONDELA) – PONTEVEDRA
DATA: 08/05/2010
PERCORRIDO: 27 Km.
PUNTO DE RECOLLIDA: PARKING COLEXIO A SANGRIÑA
HORA: 07:00 HORAS

ETAPA 4.- PONTEVEDRA – CALDAS DE REIS
DATA: 29/05/2010
PERCORRIDO: 22 Km.
PUNTO DE RECOLLIDA: PARKING COLEXIO A SANGRIÑA
HORA: 07:00 HORAS

ETAPA 5.- CALDAS DE REIS – PADRÓN
DATA: 12/06/2010
PERCORRIDO: 20 Km.
PUNTO DE RECOLLIDA: PARKING COLEXIO A SANGRIÑA
HORA: 07:00 HORAS

ETAPA 6.- PADRÓN – SANTIAGO DE COMPOSTELA
DATA: 26/06/2010
PERCORRIDO: 24,5 Km.
PUNTO DE RECOLLIDA: PARKING COLEXIO A SANGRIÑA
HORA: 07:00 HORAS

INSCRICIÓNS: Dende o 11 de xaneiro ata o 12 de febreiro.

Unha vez inscrito terá 10 días para efectuar o pago da actividade, no número de conta do Concello, e entregar o xustificante bancario no Concello ou envialo por fax ou correo electrónico, co que se confirmará a praza. Se transcorridos 10 días dende a inscrición non se efectuase o pago, colocaráselle na lista de espera.

As inscricións realizaranse no Concello, cumprimentando a ficha de inscrición e entregando cada participante unha fotocopia do DNI.

PREZO DA ACTIVIDADE:

Establecerase un prezo por toda a actividade de 40€, que se abonará en dous pagos, o primeiro, de 20€, no prazo de 10 días despois da inscrición, e o segundo abono, tamén de 20€, realizarase entre o 26 de abril e o 7 de maio. Aquelas persoas que o desexen poderán facer o pago íntegro da actividade.

Este prezo corresponderá á actividade completa, non devolvéndose importe algún pola non asistencia a algunha das etapas. O aprazamento dalgunha das etapas será unicamente no caso de forza maior.

PRAZAS LIMITADAS:

Terán preferencia as persoas inscritas para realizar o percorrido completo. Se unha vez finalizado o prazo houbesen prazas libres, quen o desexe poderá apuntarse a etapas soltas, a un prezo de 10€ por etapa.

Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto, os cales deberán asinar un documento facéndose responsables do menor durante a actividade.

RECOMENDACIONS:

Para a realización das diferentes etapas necesitarase ter unha preparación física adecuada, recomendando o adestramento previo para poder soportar etapas de máis de 25 km.

Recoméndase levar:
. Mochila con menos de 5 Kg.
. Bastón.
. Calzado cómodo e elástico (recomendable non utilizar un calzado novo)
. Sempre provisto de auga.
. Gafas de sol, crema protectora.
. Impermeable.
. Roupa para cambiarse (que se poderá deixar no autobús, a partir da Etapa Baiona-Chapela).
. Bocadillo ou comida.

INFORMACIÓN:
No teléfono 986.610.000 ou no correo deporte@aguarda.es

O Teatro Municipal tivo 22.300 usuarios en 2009

A venda de entradas por internet foi unha das novidades destacadas

O Teatro Municipal de Tui tivo ao longo de 2009 un total de 22.300 usuarios que asistiron ás oitenta actividades celebradas en 60 días de apertura. Deste xeito dende a súa inauguración hai 6 anos e 8 meses o Teatro abriu un total 425 días e albergou a 150 mil usuarios.

Unha das grandes novidades de 2009 foi a posta en marcha da venda de entradas ao través de internet na web www.culturatui.info. Este servizo tivo unha excelente acollida e o ano pechou coa venda do 40% das entradas para os espectáculos por este medio, de tal xeito que 4 de cada 10 entradas para cada función foron compradas ao través da web.

Nos últimos doce meses o Concello de Tui organizou directamente, a través da Concellería de Cultura, un total de 20 funcións que supuxeron un investimento que non chegou aos 36.500 euros. Estes espectáculos reuniron a case 5.700 espectadores cunha media de 285 persoas por función, unha cifra que supera xa a do ano pasado, e que é o dobre da media da Rede Galega de Teatro e Auditorios.

Entre as citas destacadas do ano compre salientar espectáculos coma "Unha primavera para Aldara" gañadora dos Premios María Casares, ou en función dobre a representación de "Aeroplanos", así coma o éxito dos Yllana con "Brokers" que segundo as súas propias palabras "sentíronse coma en casa" grazas ao calor do público.

É de destacar tamén que este ano de novo Tui foi un dos dez espazos escollidos polas unidades de produción da Xunta, o CDG e o CCG. O teatro foi amais o escenario elixido polos Phantom Club para gravar o seu traballo discográfico en directo "Muchas Noches, Buenas Gracias".

Os nenos coma sempre tiveron o seu oco nesta programación con obras que de seguro lembran aínda os cativos coma Babiliglub ou Momentari.

Amais o Teatro acolleu neste ano outras actividades. Algunhas centráronse no eido educativo coma os concertos do Conservatorio de Música de Grao Medio, actividades do colexios, o programa Cinensino ou unhas Xornadas de Educación Vial para os máis pequenos. A isto hai que engadir outras citas coma un certame de corais organizado polo Centro Sociocomunitario, o Certame de Bandas promovido pola Deputación, a estrea da Curtametraxe "Sueño Cumplido", os concertos ofrecidos polas Bandas de Xinzo ou O Rosal, unha noite de playbacks a cargo das Asociacións Culturais de Tui, ou un certame de Nadal de Corais do Centro Sociocomunitario.

Durante a semana de San Telmo a actividade foi variada dende a solemnidade da coroación das raíñas e a lectura do pregón, ao festival folclórico, a semana do teatro afecionado que tivo gran éxito cunha media de 285 persoas diarias, ou o Concerto de Guerra da Escola Militar de Marín.

Por suposto merece tamén unha mención especial a quinta edición de Play-Doc organizada pola Asociación Cultural Enfoques. Este evento tense consolidado en moi curto prazo de tempo, e ten acadado unha gran transcendencia non só a nivel nacional senón tamén a nivel internacional. Play-Doc fíxose un oco propio na programación cultural tudense, sendo un gran embaixador do nome de Tui en toda España e no estranxeiro.

De cara 2010 os obxectivos da Concellería de Cultura son manter a liña de traballo iniciada cunha programa estable e de calidade, así coma captar o público portugués, e poder contar na cidade con algunhas das actividades organizadas co gallo do Xacobeo 2010, tendo en conta que Tui é a porta de entrada do Camiño Portugués a Santiago. Amais buscará dotar de máis contidos a web www.culturatui.info que arestora funciona case exclusivamente para a venda telemática das entradas.


Gran éxito da Cabalgata Internacional de Reis

A Cabalgata Internacional de Reis entre Tui e Valença celebrada na tarde do pasado martes de Tui foi todo un éxito. Esta iniciativa da Concellería de Cultura de Tui co apoio da Cámara Municipal de Valença buscaba promocionar o Camiño Portugués a Santiago e por de relevo a importancia que os dous municipios teñen nesta rota xacobea.

Por vez primeira os Reis Magos chegaron dende Valença onde eran agardados por centos de persoas nas rúas que conducen a vella Ponte Internacional. Melchor, Gaspar e Baltasar nas súas carrozas estiveron acompañados no seu percorrido por outras tres carrozas e polos membros dos equipos de goberno tanto de Tui coma de Valença do Minho. O paso pola vella Ponte de ferro foi un dos momentos máis fermosos do percorrido que coincidiu amais co paso dun tren pola plataforma superior da infraestrutura.

Xa nas rúas de Tui miles de persoas ateigaron o centro da cidade para presenciar o paso desta Cabalgata Internacional que rematou no Paseo da Corredoira que quedou pequeno para acoller a todos os que non se quixeron perder esta cita cos Magos de Oriente. Trala ofrenda ao neno Xesús e a mensaxe Real centos de nenos fixeron cola para lembrar a Melchor, Gaspar e Baltasar as súas peticións que fixeron realidade pola noite.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, valora moi positivamente esta iniciativa, a primeira das que o seu departamento vai por en marcha neste ano 2010 que no municipio terá o lema "Tui, porta de entrada do Camiño Portugués". Esta foi tamén a primeira dunha serie de actividades que se van realizar en colaboración coa Cámara Municipal de Valença ante o interese dos dous municipios de por en valor a rota xacobea que pasa polo seu término municipal neste ano Santo.

Moisés Rodríguez salienta a importancia que este Xacobeo ten para Tui, sendo unha oportunidade única para ponteciar a cidade, o seu patrimonio e reforzar o seu atractivo turístico.

Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui