Jornal Digital Regional
Nº 471: 2/8 Jan 10
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Óbitos Política Pescas Roteiro

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán en tres maxestuosas carrozas
Tui celebra a Cabalgata de Reis máis internacional
A saída dos Magos de Oriente será ás 18h dende a Alfándega de Valença

A Cabalgata de Reis de Tui terá este ano carácter internacional xa que por vez primeira a súa saída será dende a antiga Anfándega de Valença do Minho. Co gallo do Xacobeo 2010 dende a Concellería de Cultura quérese por de relevo o papel da cidade coma porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia, por este motivo decidiu que a Cabalgata atravese a vella Ponte Internacional, do mesmo xeito que adoitan facer os peregrinos camiño de Santiago.

A saída será ás seis da tarde dende Valença, onde os Reis Magos Melchor, Gaspar e Baltasar, este ano por vez primeira chegarán en tres maxestuosas carrozas reais acompañados doutras cinco cos seus paxes xunto cunha ampla comitiva integrada por máis de 150 persoas.

Dende a Antiga Alfándega de Valença irán até a vella Ponte Internacional de Tui, para continuar o seu percorrido xa en Tui pola Avenida de Portugal, a rúa Martínez Padín, e Augusto González Besada e Paseo da Corredoira os Reis de Oriente repartirán máis de 1.200 quilos de caramelos sen glutén, así coma un millar de globos. Irán escoltados pola Policía Local e participarán tamén os Bombeiros Voluntarios de Valença, unha ambulancia, e Protección Civil. A nota musical correrá a cargo da Rondalla do Centro Cultural "O Mosteiro" de Pexegueiro.

Ao final do percorrido, no Cantón de Diómedes, onde se instalará o Portal de Belén, darase lectura á Mensaxe Real, mentres Melchor, Gaspar e Baltasar faran a súa ofrenda ao neno de Ouro, Incenso e Mirra.

Unha vez rematada a ofrenda os nenos poderán subir a saudar aos Reis Magos

A Cabalgata de Reis está organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración da Policía Local, Protección Civil, o grupo scouts "Alhoia", URE Baixo Miño, Ambulancias "Baixo Miño", os Bombeiros Voluntarios de Valença do Minho, os diferentes departamentos do Concello de Tui, e as Asociacións Culturais de "Aloia" de Pazos de Reis, "Seixos Albos" de Areas, da Asociación de Veciños de Guillarei e da Asociación Cultural "O Mosteiro" de Pexegueiro, así coma dúas carrozas de particulares. Este ano tamén compre salientar a colaboración da GNR, do Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro, e da Cámara Municipal de Valença. Do mesmo xeito é importante a colaboración dos cidadáns de Tui e a comarca para o bo desenvolvemento desta actividade.

Un ano máis a Concellería de Cultura agarda que miles de persoas ateiguen as rúas tudenses para presenciar a Cabalgata de Reis.

Previamente a súa presencia na Cabalgata de Reis, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán pola mañá ás Residencias "Paz e Ben", e "San Telmo", para entregar tamén aos maiores que nelas viven os seus agasallos. Irán acompañados pola Rondalla do Centro Cultural "O Mosteiro" de Pexegueiro. Neste caso os Reis chegarán a cabalo da mán da Peña Cabalar "Val do Louro" de Ribadelouro.

Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui

O BNG reitera a inclusión da Praza de Abastos no Plan E 2.010.

O BNG presentou unha carta dirixida ao Sr. Alcalde solicitando unha entrevista para tratar a proposta presentada polos nacionalistas para o Plan E 2010.

O portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, presentou o pasado 10 de decembro unha proposta no rexistro do concello para o incluír a remodelación da Praza de Abastos no Plan E 2010 para o Concello da Guarda.

O pasado día 22 de decembro, vendo que non se obtiña resposta, o BNG presentou unha carta dirixida ao Sr. Alcalde solicitando unha entrevista para tratar a proposta presentada polos nacionalistas para o FIL 2010, coñecido como Plan E.

Dende o BNG están sorprendidos pola falta de interese amosada polo Sr. Alcalde e o grupo de goberno pola iniciativa nacionalista de abordar a remodelación da Praza de Abastos da Guarda.

Os nacionalistas entenden que este fondo, de 1.124.749 €, é unha boa oportunidade para materializar todas estas declaracións de intencións. Sendo conscientes de que a cantidade pode que sexa insuficiente, pero pode ser un inicio de cara a conseguir da praza un edificio moderno e con todas os equipamentos necesarios para a súa actividade.

O BNG lembran que todas as formacións políticas expresaron en diferentes ocasións a necesidade de reformar a Praza de Abastos dado que non cumpre os requisitos necesarios para desenvolver unha actividade comercial con criterios de calidade. É unha oportunidade de pasar das promesas aos feitos, ante a cal, parece que o Sr. Alcalde fai oídos xordos ao non atender ás reiteradas solicitudes dos nacionalistas.

A proposta presentada no seu momento conta co apoio das asociacións de comerciantes así como de usuarios e comerciantes da praza.

BNG