O concelleiro responsable de Planificación Económica de Tomiño, Uxío Benítez, subliñou hoxe a total e absoluta corrección da xestión económica do Concello e rexeitou de pleno as acusacións realizadas polo PP sobre supostos pagamentos en efectivo, fraccionamento de contratos ou beneficios a persoas ou empresas afíns.
"Non hai nin pagamentos en efectivo, nin fraccionamentos nin beneficios para ninguén. Os pagamentos en efectivo non se realizan neste Concello desde hai máis de vinte anos, cando gobernaba precisamente o PP", sinala Benítez, quen considera que as acusacións dos 'populares' demostran "máis descoñecemento do funcionamento dunha administración local que supostas irregularidades".
O concelleiro nacionalista incide especialmente na confusión do PP entre os reparos de Intervención e as ilegalidades. "Hai que saber interpretar os informes de Intervención e coñecer como funciona o control interno dunha administración. O levantamento dos reparos do que nos acusan os populares é unha facultade legalmente prevista e forma parte do funcionamento ordinario do sistema de control interno das administracións públicas. E, ademais, non hai aquí información oculta nin descoñecida: os reparos de Intervención forman parte da información económica municipal que se somete ao control do Pleno a través da Conta Xeral. Polo tanto, o PP tivo acceso en todo momento a esta documentación, que se presenta e fiscaliza no máximo órgano de representación municipal", sinala Benítez.
"Presentar o levantamento dun reparo como se fose, por si mesmo, unha ilegalidade revela un profundo descoñecemento de como funciona o Concello. Os reparos existen precisamente porque existe un sistema de control, e a propia normativa establece os mecanismos para a súa resolución dentro da xestión ordinaria e, evidentemente, dentro da legalidade", afirma.
Benítez considera que o PP pretende lanzar "acusacións 'rimbombantes'" sen achegar unha soa base que sustente as graves afirmacións realizadas. "Falan de tramas, mais non existe ningunha realidade detrás destas acusacións. Pode que as malas prácticas que denuncian se fixeran antes, pero agora poden ter total tranquilidade: non se fan", apunta.
O responsable de Planificación Económica cualifica esta forma de actuar e difamar do PP como "política de barro" por parte da nova candidata popular Lara Meneses, que ademais exerce como directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, á que acusa de actuar "sen rigor e desde o descoñecemento da xestión municipal" para "enfangar e confundir á veciñanza". Para Benítez, "esta forma de facer política responde ao que vimos denunciando desde que Lara Meneses chegou á política municipal: a nova política de barro do novo PP de Lara Meneses. Moito ruído, moitas acusacións e pouco rigor".
"Este Goberno non ten nada que agochar. Seguiremos facendo o que levamos case vinte anos facendo: gobernar, xestionar os recursos públicos con responsabilidade e someternos aos mecanismos de control establecidos pola lei. Para facer oposición responsable non chega con ler un documento: hai que saber interpretalo", conclúe Benítez.
Ante o anuncio do PP de que está estudando emprender accións xurídicas, o concelleiro é claro: "Se queren estudar accións xurídicas, adiante. Que acudan aos órganos que consideren oportunos e que sexan estes os que determinen se existe algunha ilegalidade. Nós temos absoluta tranquilidade porque sabemos que a xestión económica do Concello é correcta".