|
Amparo e Delia Álvarez, 43 anos detrás da barra do bar Floro e toda unha vida facendo historia no Rosal
16/10/26 14h45
As dúas irmáns foron as homenaxeadas rosaleiras no VI Foro da Muller Rural de Galicia Suroeste pola súa traxectoria á fronte dun negocio familiar que souberon reinventar
O Rosal cambiou moito nos últimos 43 anos, pero hai algo que permanece: Amparo e Delia detrás da barra do Bar Floro. Dúas irmás que regresaron da emigración, colleron o relevo do negocio familiar e acabaron convertendo o seu establecemento nun lugar de encontro para varias xeracións de rosaleiros e rosaleiras. A súa historia de traballo, perseveranza e capacidade de adaptación foi recoñecida este xoves no VI Foro da Muller Rural Galega de Galicia Suroeste, celebrado en Pazos de Borbén, onde recibiron a homenaxe en representación do concello do Rosal.
Coñecidas nos seus primeiros anos como "as alemás" pola súa procedencia, Amparo e Delia asumiron hai máis de catro décadas o negocio que rexentaba o seu pai, Floro. Fixérono nun momento no que os bares eran espazos frecuentados principalmente por homes e no que ver dúas mulleres á fronte dun establecemento hostaleiro aínda rompía cos costumes da época.
Desde aquela, foron testemuñas e protagonistas da evolución social do Rosal. Viron cambiar os hábitos, as formas de relacionarse e a propia maneira de entender a hostalaría. E souberon adaptarse a cada etapa, reinventando o negocio sen perder a súa identidade nin a proximidade coa clientela.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que "a historia de Amparo e Delia é tamén unha maneira de contar a historia recente do noso concello. A través delas podemos ver como cambiou a sociedade, como as mulleres foron conquistando espazos que antes parecían reservados aos homes e como un pequeno negocio familiar pode converterse nun referente para todo un pobo".
A rexedora puxo en valor a súa capacidade de emprendemento e a constancia coa que mantiveron vivo o Bar Floro durante máis de catro décadas. "Cando chegaron, eran dúas mulleres novas, emigrantes retornadas, que se puxeron detrás dunha barra nun mundo moi diferente ao actual. Non só conseguiron sacar adiante o negocio, senón que souberon adaptarse aos cambios, superar dificultades e facer do seu traballo un exemplo de profesionalidade, independencia e empoderamento feminino", sinalou.
Unha traxectoria que tamén conserva unha importante dimensión familiar. As dúas irmás continuaron o camiño iniciado polo seu pai e fixeron medrar un establecemento que leva o seu nome. "Estou convencida de que Floro sentiría un enorme orgullo ao ver o que as súas fillas fixeron co negocio que el puxo en marcha. Amparo e Delia souberon respectar esa herdanza e, ao mesmo tempo, construír a súa propia historia", expresou a rexedora.
E se algo contribuíu tamén á popularidade do Bar Floro foi a súa cociña, especialmente uns bocadillos que forman parte da memoria gastronómica de moitas persoas da comarca. "No Rosal podemos presumir de ter algúns dos mellores bocadillos do Baixo Miño, e iso tamén é mérito delas", apuntou a alcaldesa.
Un recoñecemento ao traballo das mulleres do rural
O VI Foro da Muller Rural Galega reuniu a representantes institucionais e público de diferentes municipios nun acto xa consolidado como referente na visibilización e posta en valor do papel das mulleres no desenvolvemento social, económico e cultural do territorio.
Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega dos recoñecementos ás trece mulleres distinguidas nesta edición polas súas traxectorias profesionais e persoais, exemplos do dinamismo e da diversidade do rural galego. Ao longo da gala proxectáronse diferentes pezas audiovisuais que permitiron coñecer as historias de vida das galardoadas e a súa contribución ao desenvolvemento das súas comunidades, xerando momentos de grande emoción e numerosos aplausos entre o público asistente.
Xunto co Delia e Amparo Álvarez foron recoñecidas Susana Garrido, cantante e compositora, por Fornelos de Montes; Lucía Torres, de Floristería Flor de Lis, por Gondomar; Flora Carrera, de Tapería Flora, por Mos; Loli Vicente, das Mulleres Rurais de Chandebrito, por Nigrán; Patricia Muñóz, de Amodo Turismo, por Oia; Carlota Simón, de Gandería GS, por Pazos de Borbén; Ana Sánchez, da empresa familiar Sánchez Álvarez, por Redondela; Paloma Romero, de Barbería L'Uomo, por Soutomaior; Reme Ortega, do Grupo Cultural San Roquiño, por Tomiño; e Hortensia Rodríguez, de Floristería La Flor, por Tui.
Outro dos momentos máis significativos foi a emotiva homenaxe a Carmen Tellado, veciña de Pazos de Borbén e histórica cociñeira do CEIP do municipio. Entre unha gran ovación do público, recibiu a escultura conmemorativa do foro, creada pola artista Liliya Pobornikova, como mostra de gratitude por toda unha vida dedicada ao servizo da comunidade educativa e do rural.
Coa celebración desta sexta edición, Galicia Suroeste reafirma a súa aposta por dar visibilidade ás mulleres que, co seu traballo diario, fan posible un medio rural máis dinámico, innovador e cheo de oportunidades, consolidando o Foro da Muller Rural Galega como unha cita de referencia para o conxunto do territorio.
Esta iniciativa desenvólvese no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 a través da iniciativa LEADER, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia, contribuíndo así a promover o desenvolvemento sostible do medio rural e a igualdade de oportunidades no territorio.
Concello de O Rosal
O Rosal retoma as andainas interpretativas cun percorrido entre fervenzas, muíños e historia polo río da Cal
16/10/26 14h45
Será o sábado 24 de outubro cunha ruta de 8 km que pasará pola capela de San Martiño e os muíños do Folón e do Picón. Abertas as inscricións
O Rosal volve calzar as botas para descubrir o seu patrimonio natural, histórico e cultural cunha nova cita das andainas interpretativas, que regresan o vindeiro sábado 24 de outubro cun percorrido polo río da Cal. Nesta ocasión, o itinerario terá como protagonista un enclave de gran riqueza paisaxística e patrimonial no que as pozas, os saltos de auga e as fervenzas conviven cos muíños do Calán e con numerosos vestixios da historia local.
A andaina permitirá coñecer non só a beleza natural da contorna, senón tamén os usos e costumes da veciñanza ao longo dos anos. As persoas participantes descubrirán a antiga canteira da que se extraía a pedra para fabricar as rodas dos muíños, achegaranse á capela de San Martiño e ao Chan da Cereixa e poderán contemplar tamén os conxuntos de muíños do Folón e do Picón, por onde discorrerá o regreso.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, é fundamental achegar ao público propostas que permiten descubrir o municipio desde outra perspectiva. "Ás veces temos moi preto lugares extraordinarios dos que descoñecemos boa parte da súa historia. Estas andainas son unha oportunidade para coñecer mellor o noso territorio e gozar dun patrimonio que forma parte da nosa identidade", sinala.
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, salienta o carácter interpretativo da actividade, xa que "non se trata só de camiñar. Queremos que cada parada sirva para descubrir algo novo, desde a relación que tiñan os nosos antepasados coa auga ata os oficios e os aproveitamentos tradicionais do monte. O río da Cal reúne moitos deses elementos nun percorrido especialmente atractivo".
Un percorrido de 8 quilómetros e dificultade moderada
A andaina comezará ás 10.00 horas do sábado 24 de outubro e terá unha distancia aproximada de 8 quilómetros, cunha duración estimada de tres horas e media.
O itinerario presenta unha dificultade moderada, cun desnivel acumulado de case 300 metros, polo que está recomendado para persoas cun mínimo de condición física e sen problemas de mobilidade.
A actividade contará con prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado na web municipal ou no Rexistro do Concello. Unha vez pechada a inscrición, as persoas participantes recibirán por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida e auga, así como a declaración responsable necesaria para participar.
Concello de O Rosal
O Rosal reclama en Europa financiamento directo aos pequenos concellos para a transición ecolóxica
16/10/26 14h45
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, foi convidada ao Comité Europeo das Rexións para compartir a experiencia rosaleira como exemplo en materia de enerxía e sostibilidade
O Concello xestionou máis de 5 millóns de euros de fondos europeos nos últimos cinco anos
Recuperar espazos públicos para as persoas, escolas rurais máis confortables, un 60% de aforro no alumeado público ou unha veciñanza organizada para producir e xestionar a súa propia electricidade. Son algúns dos exemplos cos que O Rosal levou a súa experiencia en sostibilidade e transición enerxética ao corazón das institucións europeas, onde a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, foi convidada ao Comité Europeo das Rexións, no que reclamou financiamento directo para os pequenos municipios e demostrou a capacidade real que teñen para liderar grandes transformacións.
O Rosal compartiu a súa experiencia no seminario 'Developing Resilient Regional and Local Energy Communities in the EU', organizado polo grupo da Alianza Europea no Comité Europeo das Rexións. Un encontro centrado no desenvolvemento de comunidades enerxéticas locais e rexionais resilientes na Unión Europea, no que representantes institucionais e especialistas abordaron o papel dos territorios na transición enerxética e os retos para impulsar modelos de enerxía máis participativos.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou a experiencia do Rosal que nos últimos cinco anos xestionou máis de 5 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation EU destinados principalmente a proxectos de eficiencia enerxética e sustentabilidade. "Ser un concello pequeno non significa ter pouca capacidade para impulsar cambios. No Rosal demostramos que podemos xestionar fondos europeos, desenvolver proxectos ambiciosos e conseguir transformacións que melloran de maneira directa a vida da veciñanza", salientou a alcaldesa durante a súa intervención.
Para Fernández Callís, as actuacións levadas a cabo en materia de sostibilidade e enerxía neste tempo demostran que o financiamento europeo pode traducirse en resultados concretos e visibles "que a veciñanza percibe no seu día a día. Ese é o verdadeiro valor dos fondos europeos: a súa capacidade para transformar o territorio e responder ás necesidades reais da poboación".
O Rosal Enerxía, un novo modelo de participación veciñal
A intervención da alcaldesa puxo tamén o foco na creación de O Rosal Enerxía, a comunidade enerxética local coa que o Concello quere dar un paso máis na transición cara a un modelo enerxético sostible e participativo. Fernández Callís explicou que o obxectivo non é unicamente reducir o consumo ou producir enerxía renovable, senón conseguir que a cidadanía teña un papel activo "na produció, na toma de decisións e na xestión colectiva dun recurso esencial para a vida diaria e que representa un dos principais gastos dos fogares".
Máis financiamento europeo directo para os municipios
A alcaldesa aproveitou o encontro para reivindicar que os fondos europeos cheguen de maneira máis directa aos concellos para que poidan desenvolver proxectos adaptados ás características e necesidades dos seus territorios. Fernández Callís incidiu en que a dimensión destes proxectos non debe medirse unicamente polo seu investimento individual, senón tamén pola súa capacidade de transformación cando se reproducen en diferentes territorios.
"Un proxecto nun pequeno concello pode parecer modesto, pero se multiplicamos esas actuacións por milleiros de municipios europeos, o impacto é enorme. As políticas máis eficaces, máis conectadas coa realidade e con maior capacidade de transformación son as que se constrúen e executan desde abaixo, desde o propio territorio", recalcou.
A participación do Rosal neste foro europeo permitiu así compartir os resultados dunha estratexia municipal que combina recuperación de espazos públicos, eficiencia enerxética e participación cidadá, ao tempo que situou sobre a mesa as necesidades dos pequenos municipios para continuar avanzando.
Concello de O Rosal
O grande éxito das Festas do Outono do Pilar mantén viva a identidade do Rosal
16/10/26 14h45
Centos de persoas participaron durante dous días nunha programación que encheu a Praza do Calvario de música, tradición, patrimonio e produto local
O son das gaitas, as mans dos cabaqueiros traballando o barro, os sabores da terra e unha Praza do Calvario chea de xente. O Rosal despediu as Festas do Outono do Pilar cun grande éxito de participación, tras dúas xornadas nas que centos de persoas gozaron dunha programación que reuniu música, gastronomía, tradicións e cultura popular. Unha celebración na que a veciñanza volveu ser protagonista e na que o patrimonio e a identidade rosaleira estiveron presentes en cada actividade.
Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, "sempre é un orgullo ver a enorme resposta da veciñanza, que se implica cada ano nestas festas que manteñen viva a nosa memoria colectiva". A rexedora salientou que "as Festas do Outono do Pilar son moito máis ca unha celebración. Son unha oportunidade para reencontrarnos, compartir as nosas tradicións e recoñecer o traballo de tantas persoas e colectivos que contribúen a conservar e transmitir a nosa cultura".
A música marcou o inicio das festas o domingo 11 co concertos de La orquestina de la abuela Pina e Tiruleque, que abriu unha programación que continuou cunha intensa xornada de luns cunha morea de actividades na Praza do Calvario. Un dos principais atractivos foi a V Feira de Produtos do Rosal, que volveu reunir a produtoras e produtores locais nun espazo de exposición, degustación e venda. A cita, que alcanza xa a súa quinta edición, permitiu ao público descubrir e saborear produtos de proximidade, coñecer de primeira man o traballo das persoas que están detrás deles e apoiar a economía local. A oferta gastronómica completouse con polbo e xamón, mentres que Castro y los Escoltas puxeron música a unha animada sesión vermú.
A tradición musical tamén tivo un lugar destacado coa celebración do VI Memorial Irmáns Flores, organizado pola Asociación de Gaiteiros da Xistra. Os grupos Os Terribles de Donas (Gondomar), Alxibeira (Narón) e Faíscas da Pontagra (Tordoia) levaron á praza o son das gaitas e da percusión, nun encontro que mantén vivo o recordo das antigas murgas rosaleiras e a súa vinculación coa cultura popular do municipio.
Outro dos momentos máis representativos das festas chegou coa demostración do traballo dos cabaqueiros, que volveron amosar ao público o proceso tradicional de elaboración de tellas. As súas mans e o seu saber facer converteron a Praza do Calvario nun espazo de transmisión dun oficio profundamente ligado á historia do Rosal, espertando a curiosidade de persoas de todas as idades.
A rapazada tamén tivo o seu espazo coa proposta de Barafunda, 'O gran cabaqueiro de globos', unha actividade colaborativa que reuniu a familias arredor dunha particular interpretación desta tradición. A programación completouse coas intervencións da banda da Agrupación Musical do Rosal (AMdOR) e da Coral Ecos do Folón e a exposición de pintura e cestería das alumnas de Águeda Suárez, que permitiu achegarse a outras expresións artísticas e artesanais.
A rexedora puxo en valor a capacidade destas festas para reunir xeracións arredor dun patrimonio compartido, "con tradicións seguen espertando interese entre a xente máis nova" e agradeceu a implicación de todas as persoas e colectivos que colaboraron na organización e desenvolvemento das actividades.
Concello de O Rosal
|