JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tui un destino único e cheo de maxia para celebrar estas festas

O Mercado de Nadal e o Taller Máxico de Papa Noel destacan nas actividades desta ponte festiva

Este Nadal, Tui convértese no lugar ideal para vivir unha experiencia inesquecible. Baixo o lema "A Maxia do Nadal está en Tui", o municipio ofrece á veciñanza e visitantes un amplo programa de actividades para todas as idades, cargado de tradición, encanto, maxia e espírito festivo.

Agasallos, decoración, artesanía, e delicias gastronómicas ofértanse nos 20 postos do Mercado de Nadal instalados no Paseo da Corredoira en casetas de madeira cunha coidada decoración. Esta fin de semana abre de 12 a 14 h e de 17 a 22 h, coa salvidade de que o domingo os postos pecharán ás 21 h.

Unha visita imprescindible para os máis pequenos e pequenas é o Taller Máxico de Papa Noel, situado no edificio da Praza da Inmaculada. Este espazo desprende a maxia do Nadal xa dende a entrada. Os cativos poden aproveitar na visitar para escribir a súa carta a Papa Noel e depositala na Oficina Postal, o gran libro de Papa Noel coa listaxe dos desexos infantís ocupa parte do seu despacho, onde non falta o globo terráqueo dende o que estuda a viaxe que realiza arredor da terra cada 24 de decembro. Os elfos afánanse no Obradoiro de Xoguetes, hai tamén oco para descansar, e non faltan os arrecendos a galletas e chocolate quente que chegan dende a cociña. O Taller Máxico de Papa Noel abre as súas portas esta fin de semana de 11 a 14 h e de 17 a 20 h. Tanto hoxe venres coma mañá sábado en horario de tarde un dos elfos de Papa Noel estará no taller compartindo momentos máxicos cos visitantes. Tamén aquí está a árbore dos desexos.

Moi preto, na oficina de Turismo, no Paseo da Corredoira, a tradición belenística está moi presente. É grazas ao gran Belén de Mingos, no que non falta detalle das distintas escenas do Nadal, con delicadas pezas, algunhas animadas, iluminación e música. O horario de visita é 10.30 h a 13.30 h e de 16.00 h a 19.00 h.

Esta fin de semana hai tamén cita no Mercado de San Antonio onde o sábado, de 12 h a 15 h e de 17 h a 20 h, a gastronomía galega conquistará ao público cos petiscos que ofrecerá, de forma gratuíta, a foodtruck "Galicia Sabe a Mar" da campaña da Xunta de Galicia e na que colabora o Concello de Tui. No mesmo mercado pola tarde, en dúas sesións, ás 17 e ás 19 h, haberá un obradoiro infantil de xabóns a cargo de Essentia HM para o que é preciso inscribirse, gratuitamente, en turismo@tui.gal.

Estes días tamén é posible viaxar, gratuitamente, no tren turístico de Nadal da Eurocidade entre os conxuntos históricos de Tui e Valença, nun percorrido cheo de maxia polas rúas das dúas cidades e pola vella Ponte Internacional.

Máis 500 mil lámpadas de led iluminan a cidade neste Nadal con múltiples deseños. E no paseo por Tui a maxia xurde tamén nas rúas e prazas cunha coidada decoración, elaborada por persoal municipal con material reciclado, que sorprenderán con paisaxes nevadas, pobos de madeira, unha árbore na que están representadas todas as parroquias tudenses, pero tamén con moitos outros elementos que se suman á maxia deste Nadal en Tui.

Concello Tui


O espectáculo musical "Estrela" encherá de maxia o Nadal de Eurocidade

Será o sábado 21 deste mes ás 21.30 h ES no Teatro Municipal de Tui

O espectáculo musical "Estrela" encherá de maxia o Nadal da Eurocidade Tui-Valença o próximo sábado, 21 de decembro, ás 21.30 h ES no Teatro Municipal de Tui.

A Cámara de Valença e o Concello de Tui, que conforman a Eurocidade, reforzan un Nadal máis a unión entre ambos municipios a través da música.

"Estrela" é un espectáculo musical que mergullará ao público na apaixonante historia de tres Reis que, tras seguir unha luz, encontran un neno cuxa chegada simboliza unha nova esperanza para a humanidade. No corazón de Estrela está unha mensaxe atemporal: a importancia de seguir á luz da esperanza, mesmo nos momentos máis escuros, e celebrar o espírito do Nadal deixando que esa luz guíe tamén os nosos propios camiños.

Serán preto de 80 músicos de 4 formacións das dúas beiras do Miño os que participen neste espectáculo. Sobre o escenario do teatro tudense estarán o grupo de jazz Jazzitive; o Coro da Academia de Música de Valença, dirixidos por Joao Azevedo e acompañados polo pianista Antonio Kent Queener; o grupo de danza Dance Sen Fronteiras de Valença; e coro Mistura Vocal con 37 cantoras e cantores dirixidos por Aloia Martínez. "Estrela" conta coa dirección técnico-artística de Eva García e Juantxo García e a dirección musical de Aloia Martínez.

Este evento será unha experiencia sensorial que fusiona tradición e modernidade, e promete tocar o corazón de todas as persoas os asistentes, enchendo de maxia o teatro tudense e iluminando este Nadal.

As entradas para "Estrela" poranse á venda o próximo luns, 9 de decembro, nas webs tui.gal e cm-valenca.pt aos prezos de 7€ e 5€.

Concello Tui


Tui experimenta un forte crecemento turístico en novembro, cun incremento do 78%

A desestacionalización turística consolídase como un motor clave para o crecemento do sector no municipio

A Oficina Municipal de Turismo de Tui rexistrou un notable aumento na afluencia de visitantes durante o pasado mes de novembro, atendendo a un total de 1.166 persoas, unha cifra que supón un incremento do 78% respecto ao mesmo mes do ano 2023, cando se contabilizaron 652 visitantes.

Este crecemento demostra o éxito da desestacionalización do turismo na localidade. Segundo a concelleira de Turismo, Ana María Núñez Álvarez, "estes datos reflicten como o turismo en Tui está superando as barreiras da temporada alta tradicional, ampliándose aos meses considerados de menor afluencia. Esta dinámica contribúe a unha maior actividade económica no sector turístico local ao longo de todo o ano".

A edil destacou ademais o compromiso municipal para reforzar a promoción turística e consolidar esta tendencia a longo prazo.

A análise dos datos amosa unha ampla diversidade na procedencia dos visitantes. Así os 803 turistas nacionais, que en novembro pasaron pola Oficina Municipal de Turismo, procedían principalmente da Coruña (86), Madrid (85), Pontevedra (85), León (66), Barcelona (62), Guadalaxara (56) e Xaén (48). Mentres os 146 turistas estranxeiros que realizaron consultas neste punto de información eran do Reino Unido (49), Portugal (41), Brasil (13), Francia (9), Venezuela (7), Arxentina (5) e Estados Unidos (2).

Ademais, a Oficina atendeu a 217 peregrinos e peregrinas que estaban a realizar o Camiño de Portugués. 92 eran españois e 125 internacionais. Entre os españois, os máis numerosos procederon de Murcia (51), mentres que os peregrinos internacionais chegaron principalmente de Portugal (46), Estados Unidos (16) e Alemaña (11).

O posicionamento de Tui como un destino estratéxico na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal tamén quedou reforzado, sendo este territorio o principal foco de orixe dos visitantes. Esta tendencia confirma a capacidade de atracción de Tui como destino cultural, histórico e gastronómico na área transfronteiriza. Con estas cifras, Tui reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible do turismo, contribuíndo non só á dinamización económica local, senón tamén á promoción da riqueza patrimonial e natural da vila. "Seguiremos traballando para que Tui sexa un destino turístico referente, accesible e atractivo durante todo o ano", concluíu a concelleira de Turismo, Ana Núñez.

Concello Tui


A música do Conservatorio e da Escola de Música de Tui súmase á maxia deste Nadal con catro concertos

O Teatro Municipal e o novo espazo cultural da rúa Camilo José Cela serán os seus escenarios os días 11, 17, 18 e 19 deste mes

O bo facer dos músicos e músicas que forman parte do Conservatorio Profesional/Elemental e da Escola de Música Municipal de Tui estará moi presente no Nadal, con catro concertos abertos á veciñanza para poñer a nota musical a este mes de decembro. Deste xeito o alumnado deste centro de ensinanzas musicais súmase á maxia do Nadal en Tui.

A primeira cita será o próximo mércores 11, ás 20 h, no Teatro Municipal, e será solidaria con SOS Tomiño Baixo Miño. A entrada será 1 kg de alimentos non perecedoiros que se recollerá na porta do teatro o propio día do concerto.

Xa na terceira semana deste mes, o novo espazo cultural da rúa Camilo José Cela acollerá tres eventos musicais. O primeiro deles será o martes 17, o segundo o mércores 18, e o terceiro o xoves día 19. Os tres serán ás 18.30 h, con entrada libre e gratuíta.

Actuarán solistas, agrupacións, orquestra de cordas, bandas, un conxunto de gaitas e o alumnado máis novo do curso de Música e Movemento.

Programación

Concerto solidario de Nadal do Conservatorio Profesional/Elemental e da Escola de Música Municipal de Tui.

" Mércores, 11 de decembro, ás 20h
" A partir das 18 h Recollida de alimentos non perecedoiros por parte de Sos Tomiño Baixo Miño na porta principal do Teatro
" Entrada de balde ata completar aforo aportando 1 kg de alimentos non
" perecedoiros.

Concello Tui


Rematada a rehabilitación de cinco vivendas en Caldelas para alugueiro social

O Concello de Tui investiu máis de 425 mil euros nesta actuación

O Concello de Tui finalizou recentemente as obras de rehabilitación de cinco vivendas municipais situadas no antigo cuartel de Caldelas, que se destinarán a alugueiro social. Estas actuacións, supuxeron un investimento total de 425.743,84 euros, dos que o Concello de Tui aportou 175.743,84 euros de fondos propios e o polo Instituto Galego de Vivenda, IGVS 250.000 €.

A rehabilitación das vivendas tivo en conta a eficiencia enerxética das mesmas dende o illamento, á a iluminación con luces led, ou o sistema de calefacción con aerotermia.

Na cinco vivendas foi substituída a carpintería interior e exterior, e modernizáronse as instalacións de fontanaría, saneamento, calefacción, electricidade e telecomunicacións. Cada unha das cinco vivendas foi equipada con mobiliario de cociña e electrodomésticos, e nos baños instaláronse novos sanitarios, mobles de lavabo e mamparas de ducha. Unha das vivendas 'é adaptada cumprindo os requisitos de accesibilidade polo que na mesma creouse unha nova porta de acceso ao garaxe na fachada oeste, modificouse da rampla de acceso e a redistribuiuse interior para garantir a mobilidade.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a importancia desta actuación para o municipio sinalando que "esta rehabilitación reflicte o noso compromiso coa política social" e salientando que as melloras enerxéticas realizadas contribuirán ao aforro e á sustentabilidade, beneficiando tanto ás familias como ao medio ambiente".

O edificio, construído nos anos 70 para albergar o cuartel da Garda Civil desta parroquia tudense, fora reconvertido nun conxunto residencial en 2007. Con esta nova intervención, levouse a cabo unha ampla renovación das vivendas, co obxectivo de mellorar a súa habitabilidade e eficiencia enerxética, para destinalas a alugueiro social.

Concello Tui


Tui aposta pola eficiencia enerxética renovando as luminarias dos accesos á cidade

Co cambio a led deixaranse de emitir 51,46 toneladas de CO2

O Concello de Tui vai proceder ao cambio das luminarias dos accesos á cidade pasando do actual sistema de lámpadas de vapor de sodio por luminarias con tecnoloxía led co que se mellorará a eficiencia enerxética, se deixarán de emitir máis de 51 toneladas de C02, e se aforrarán máis de 17 mil euros ao ano.

Deste xeito o Concello de Tui amosa o seu compromiso co medio ambiente e coa loita contra o cambio climático. Esta actuación suporá un investimento de 61.417, 18 €, financiados con fondos propios con cargo á partida correspondente dos Orzamentos de 2024. O cambio das luminarias será realizado por persoal municipal do Servizo de Electricidade do Concello de Tui.

En concreto serán substituídas 238 luminarias. Deste total 139 están situadas na N-550 no tramo comprendido dende a coñecida coma Ponte de Magnolia, en Rebordáns, até a rotonda que da acceso á autovía A55 en Alvelos, Guillarei. Outras 83 luminarias e 4 proxectores serán cambiados na Po-304 dende a Sombraboa, ao final da rúa Colón, até Matelo, Randufe no cruzamento con Malvas. Outras 30 luminarias están situadas en pleno centro urbano nas rúas Compostela, Casal Aboy e Maristas.

O cambio a tecnoloxía led das actuais lámpadas de vapor de sodio conlevará un aforro drástico de 144.000 kWh/ano e o que na parte económica supoñerá 17.200 € menos anualmente. A todo isto hai que sumar o aforro derivado da vida útil das lámpadas, xa que as de vapor de sodio tiñan unha duración de 12 mil horas, e as de led, que van ser instaladas, funcionan entre 50 mil e 100 mil horas. O cambio de tecnoloxía permitirá tamén deixar de emitir 51,46 toneladas de CO2 á atmosfera.

Con esta acción o Concello de Tui reitera o seu compromiso na loita contra o cambio climático coma membro do PACES - Plan de Acción por el Clima y la Energía Sostenible

En concreto o Pacto dos Alcaldes ou Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sostible é un compromiso que pretende achegar os obxectivos enerxéticos marcados por Europa aos municipios de todos os países europeos, comprometéndose a actuar para alcanzar o obxectivo da Unión Europea de reducir nun 40% os gases de efecto invernadoiro de aquí a 2030, así como promover a adopción de medidas conxuntas para a atenuación do cambio climático e a adaptación a este.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais