|
Este Nadal convértete en amiga ou amigo invisible doando sangue no Rosal
A unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue estará situada o luns 9 de decembro na rúa Ramón Franco, 4, de 10 a 14 e de 16 a 21 h
Este Nadal convértete en amiga ou amigo invisible doando sangue. O Rosal acolle a vindeira semana unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). O autobús estará no concello o luns 9 de decembro á disposición de todas aquelas persoas que queiran deixar a súa pinga de solidariedade.
A unidade móbil estará situada na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, nesta ocasión en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Nestes intres precísase especialmente doazóns dos grupos A+, B+, 0- e 0+. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.
Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.
Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.
Concello de O Rosal
O Concello dá o primeiro paso para facer realidade a nova Praza de Martín, un grande espazo de convivencia e lecer
A alcaldesa asinou este xoves a compra da parcela colindante á actual praza, de case 1.900 metros cadrados
Permitirá ao Concello seguir recuperando espazos para as persoas e cumprir cunha demanda histórica da veciñanza
O Rosal dá un paso de xigante cara a un futuro con novos e mellorados espazos de convivencia e lecer. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, asinou este xoves a compra dunha parcela de case 1.900 metros cadrados colindante coa Praza de Martín que permitirá ampliar o espazo público e transformar o barrio nun lugar máis aberto e accesible para todas e todos.
A adquisición da finca permitirá ao Concello deseñar unha nova praza de maiores dimensións con máis capacidade para acoller as festas e encontros veciñais e outra actividades culturais e de lecer e cumprir así unha demanda histórica da veciñanza de Martín e Viso dos Eidos. A compra supón un investimento de 35.851 euros financiados ao abeiro dunha subvención do Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.
A rexedora destacou a importancia desta compra e todos os trámites burocráticos e o traballo realizado durante os últimos meses para poder facela realidade. "Esta compra non só mellorará as infraestruturas, senón que tamén dará á veciñanza un espazo digno para xogar, practicar deporte ou celebrar festas. A Praza de Martín é o corazón do barrio, un lugar de encontro que leva tempo demandando este cambio", salientou. Fernández Callís tamén quixo agradecer a boa disposición dos propietarios da finca "para que a parcela se poida destinar a beneficio de todos os veciños e veciñas".
Con esta compra, o Concello dá un novo paso no proceso de recuperación dos espazos públicos ao mesmo tempo que continúa poñendo en valor a contorna, xa que a praza se atopa situada preto dos muíños do Folón e do Picón ou do Ecoparque de Viso dos Eidos. A arquitecta e paisaxista María Fandiño xa se encontra traballando na redacción do proxecto para a ampliación da praza, que incluirá un proceso participativo no que se convidará á veciñanza a achegar ideas e suxestións sobre o deseño deste novo espazo.
Concello de O Rosal
O Rosal prende a maxia do Nadal cunha programación moi diversa
Deporte, música, teatro, obradoiros, solidariedade e tradición daranse cita en decembro e xaneiro para celebrar as festas
As actividades comezan esta fin de semana co acendido do alumeado este venres 6 e os tres días de Mercado de Nadal
A luz do Nadal chega ao Rosal. O Concello dá esta fin de semana o pistoletazo de saída a unha programación chea de actividades para todas as idades nas que se combina cultura, deporte, solidariedade e tradición para celebrar estas festas de forma moi especial. Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, "esta programación é unha oportunidade para unirnos, gozar da cultura, apoiar o comercio local e compartir momentos únicos todas e todos xuntos".
O Nadal comezará nas rúas rosaleiras este venres 6 de decembro co tradicional acendido das luces de Nadal ás 19.00 horas na Praza do Calvario. Un ambiente festivo que se poderá desfrutar no Mercado de Nadal durante os días 6, 7 e 8 de decembro, tres días dedicados á artesanía, gastronomía e deseño no Salón de Exposicións do Concello. O mercado estará aberto ao público de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas e contará cada tarde cunha deliciosa chocolatada organizada pola Agrupación Musical do Rosal.
O domingo 8 de decembro, a programación continuará co Festival Attitude, organizado pola Escola de Danza Attitude e que se celebrará ás 18.00 horas no auditorio municipal. Seguiralle unha oferta cultural variada con teatro, música e propostas infantís: o 13 de decembro coa obra do Foro Novo Teatro ás 19.30 h na Escola Simón do Mazo, o día 14 co Festival de Nadal da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal ás 19.30 h no auditorio e o 15 de decembro: co Concerto de Nadal de Ecos do Folón ás 18.00 h tamén no auditorio municipal.
A cativada tamén será unha das grandes protagonistas da programación de Nadal co regreso dos Venres Rebuldeiros, esta vez con pintura navideña en inglés guiada pola artista británica Esther Moe o 20 de decembro ás 17.00 h no Centro Social Polivalente. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse de forma presencial ou chamando por teléfono ao Concello.
A sustentabilidade tamén estará presente nestas datas co Obradoiro de Nadal Sostible o 22 de decembro de 11.00 a 13.00 h, cunha sesión para adultos no Centro Social Polivalente e outra para crianzas na Escola Simón do Mazo, ambas con inscrición previa no Concello. Xa pola tarde, a música volverá co Concerto de Nadal da Agrupación Musical do Rosal ás 18.00 h no auditorio.
O Rosal mergullarase xa de pleno no Nadal coa visita da Apalpadora Iseo, que baixará das montañas para achegarse á Biblioteca Municipal o 23 de decembro desde as 17.00 h para encher de ilusión aos máis pequenos e pequenas.
A programación inclúe ademais eventos deportivos como O Rosal Handball Cup do Valinox Novás do 26 ao 28 de decembro, que durante tres días reunirá máis de 150 xogadores e xogadoras de balonmán de Galicia e Portugal. Outras propostas culturais será 'A lingua somos todos' ao abeiro do Nadal en Rede, un espectáculo de música, relato e poesía para poñer en valor o potencial do galego o 17 de decembro ás 19.30 h na Biblioteca Municipal. O día 28 entregaranse os premios do Concurso de Relato Curto Concello do Rosal ás 18.00 h no auditorio municipal e o 29 de decembro a Agrupación Musical do Rosal trae ao auditorio municipal o Concurso de Panxoliñas de Corais Infantís.
O final do ano chegará con forza coa San Silvestre na Praza do Calvario o 31 de decembro e xaneiro comezará coa visita dos Reis Magos o día 5, que percorrerán os barrios pola mañá e estarán na Praza do Calvario pola tarde, con actividades como pintacaras, chocolatada familiar e o espectáculo infantil 'Máis sabor'.
Concello de O Rosal
O Rosal pecha o ano cunha San Silvestre solidaria e chea de diversión
Aberto o prazo de inscrición para participar nesta tradicional cita que combina deporte, solidariedade e lecer
O Rosal remata o ano correndo. O Concello prepara xa unha nova edición da San Silvestre, unha cita imprescindible que volve ás rúas do municipio para que rosaleiros e rosaleiras despidan este 2024 con deporte, solidariedade e lecer. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nesta proba festiva que inclúe unha andaina infantil de 2,3 km e unha carreira non competitiva de 4 quilómetros polo centro da vila. A data límite remata o vindeiro 26 de decembro.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima aos veciños e veciñas a sumarse a esta actividade que cada ano enche O Rosal de deporte, alegría e espírito de convivencia. "A San Silvestre non é só unha carreira, é un evento para gozar en familia, despedir o ano con saúde e promover valores de solidariedade e unidade que tanto nos representan como concello", resaltou a rexedora.
Unha idea que recalcou o concelleiro de Deporte, José Carlos Martínez Crespo, que convidou a todas as familias a participar "xa sexa correndo, camiñando ou simplemente gozando do ambiente festivo que haberá polas rúas rosaleiras. Unha forma única de despedir o ano dun xeito saudable e divertido".
Esta edición novamente estará marcado polo seu carácter solidario. A Asociación Avelaíña contará cun stand propio durante a carreira xunto á recollida de dorsais para recadar fondos cos que continuar traballando para ter recursos cos que mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.
A xornada arrancará ás 11.00 horas co inicio da andaina infantil, que sairá do pavillón municipal e percorrerá un trazado adaptado e seguro deseñado para as máis pequenas e pequenos da casa. Ás 12.00 horas será a quenda da carreira, cun percorrido polas principais rúas do centro do Rosal, convidando a persoas de todas as idades a desfrutar dun ambiente saudable e non competitivo.
Ao remate destas dúas citas, as e os participantes poderán repoñer forzar cunha chocolatada e participar no sorteo de tres cestas. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través do formulario habilitado na web do Concello do Rosal e poderán recoller os seus dorsais antes do día 31 ou o mesmo día da carreira de 10.00 a 10.45 h no caso da andaina e de 11.00 a 11.45 horas no caso de participar na carreira.
Concello de O Rosal
|