JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Consello da Cultura Galega celebra en Tui a sexta edición do ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade

O ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade, promovido pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), recala en Tui na sexta edición. Desta volta para prestar especial atención á memoria histórica, as revolucións e os procesos de transición conmemorando o 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal. O ciclo desenvolverase dos días 26 ao 28 de setembro no teatro municipal da localidade pontevedresa e achegará recoñecidas producións galegas e portuguesas. Ademais, contará coa presenza do Coronel Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril. A entrada é libre ata completar a capacidade.

Elas também estiveram là de Joana Craveiro é a longametraxe coa que se abre este ciclo. Un documental poético sobre a invisibilidade das mulleres en acontecementos históricos, como a ditadura portuguesa de 1926-1974, ou o proceso revolucionario de 1974-75. Combinando historias de vida, fotografías e documentos orixinais, o filme reflexa esas vidas invisibles e culmina cunha escena filmada nunha pequena sala de cinema, que se acredita ter sido usada pelos censores durante a ditadura portuguesa. Fiel ao formato de diálogo deste certame, ao remate haberá unha conversa entre os protagonistas e o público. Nesta ocasión estará presente o Capitán do 25 de abril, Coronel Mário Tomé, nun acto conducido por Encarna Otero e Alexandra Esteves.

As curtametraxes galegas, portuguesas e brasileiras protagonizan a segunda xornada, a do venres 27. Pola banda galega proxectaranse 12 de maio de 1937 de Mar Caldas, máis Na pel da memoria de Coral e Laura Piñeiro. Pola banda portuguesa haberá dúas curtas experimentais: Luzía de Marta Oliveira Pinto e Imersão de Maria Inês de Sá. A participación brasileira é no traballo documental de Lucas Ribeiro e Luísa Caria titulado Pescadoras em Rede: As Mulheres de Gamboa de Baixo. Ao remate haberá un coloquio coas directoras conducido por Sara Traba e Ana Estévez.

O sábado proxectarase As Melusinas à margem do rio, de Melanie Pereira no que cinco mulleres de familias emigrantes nadas en Luxemburgo reflexionan sobre países, identidades, fragmentos e sereas. Mentres procura por entre montes e ríos por Melusina, serea mutante e lexendaria da cidade de Luxemburgo, a realizadora conversa con catro mulleres sobre as súas identidades incertas : o que é ser migrante sen o ser, e ser luxemburguesa sen o ser. Unha viaxe por memorias en tempos de chuvia. Unha procura por identidades sempre fragmentadas. A xornada remata co coloquio coa directora conducido por José Gabriel Andrade e Alberto Paz.

O programa é o resultado da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega; a Universidade do Minho a través da Vice-Reitoria da Cultura e Sociedade; o Centro de Estudos Galegos (CEG);o Camões - Instituto da Cooperação e da Língua; a Universidade Federal de Salvador de Bahia; e, nesta edición, coa Cámara municipal de Valença e o Concello de Tui.

O ciclo

O ciclo Mulleres, Patrimonios, Sociedade pretende abordar a través dos diferentes formatos audiovisuais como as mulleres non son recoñecidas ou mesmo foron invisibilizadas nos procesos de creación e de recreación do patrimonio cultural; ao tempo que valorizar ben o papel que xogaron nestes procesos. Ademais, tamén pretende ser un espazo para promover o intercambio cultural entre Galicia e os territorios da lusofonía.

Esta proposta arrincou en Braga en maio de 2018, cun programa centrado no cinema galego e a fronteira; un ano máis tarde tivo lugar a segunda edición. Desta volta foi en Vigo e estaba focalizado na situación da muller e a relación coa sociedade. Arcos de Valdevez (Portugal) acolleu a terceira en outubro de 2021 cun programa que pretendía amosar o papel das mulleres nas crises, o patrimonio como instrumento de cohesión social e o contexto da solidariedade e a fraternidade. A cuarta edición foi en Verín en 2022 centrada no mundo da morte, mentres que a quinta tivo lugar en Guimarães, en novembro de 2023, e abordaba as paisaxes femininas.

Concello Tui


Un centenar de participantes competirán esta fin de semana no Concurso Nacional de Saltos en Tui

Celebrarase mañá venres, sábado e domingo nas instalacións do Club Hípico Equigalia

Máis dun centenar de xinetes e amazonas daranse cita esta fin de semana en Tui para participar no II Concurso Nacional de Saltos que se celebrará nas instalacións do Club Hípico Equigalia, en Marco de Friande. Tras o éxito da edición de 2023 o club tudense, coa colaboración co Concello de Tui e a Federación Hípica Galega, organiza esta competición, unha das tres de carácter nacional que se celebran en Galicia.

Onte ao mediodía na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o vicepresidente da Federación Hípica Galega, Gonzalo Autran, a presidenta do Club Hípico Equigalia, Elvira Crespo, a directora do concurso, Paula López e a secretaria do club, Natalia Blanco.

O alcade de Tui, Enrique Cabaleiro, indicaba que "é unha inmensa satisfacción que Tui se converta na capital do Concurso Nacional de Saltos". Engadía que "sumamos unha proba deportiva máis ao amplo elenco de eventos deportivos que se celebran no municipio ao longo do ano". Enrique Cabaleiro amosou o seu recoñecemento ao traballo que realizan dende o Club Hípico Equigalia manifestando que "froito dese traballo, compromiso e de dedicación se chega á celebración deste concurso nacional de saltos en Tui". Aproveitou o rexedor tudense para reiterar o compromiso do concello co apoio ao deporte en xeral e á hípica en particular, lembrando a gran afección que ha na zona ao mundo do cabalo. Por último convidaba a acudir a presenciar esta proba esta fin de semana.

O vicepresidente da Federación Hípica Galega, Gonzalo Autran, destacou na súa intervención que en Galicia só se celebran dous concursos nacionais de Saltos, e este de Tui - que terá lugar por segundo ano consecutivo - é o terceiro. Ao longo da fin de semana haberá máis de 120 saídas a pista, segundo indicou, salientando que participarán xinetes moi importantes, con títulos nacionais e mesmo un olímpico, pero tamén haberá participantes de todas as idades. Por outra parte referiuse ás instalacións, cuxa preparación se ultima estes días, sinalando coma na pista empregouse xeotextil para amortiguar o salto dos cabalos no circuíto. Haberá amais bautismo hípico con ponis para cativos e cativas e unha zona de restauración.

A directora do concurso, Paula López, amosou a súa satisfacción por poder organizar esta competición tras o éxito acadado o ano pasado. Salientaba que "este ano duplicamos a lista de inscritos, os boxes, melloramos as pistas, temos material novo, agardamos que todas as persoas participantes volvan quedar moi satisfeitos". A competición comezará xa mañá venres ás 14.30 h e continuará tanto o sábado coma o domingo dende as 10.30 h. Pero amais dos saltos, que serán espectaculares, destacaba Paula López, que tamén realizarán probas moi divertidas coma o Jump&Run por equipos, unha competición na que un xinete ou amazona e un corredor terán que realizar con zigzag, saltos… gañando o equipo que realice o percorrido no menor tempo.

Tui prepárase para converterse esta fin de semana na capital da hípica con este Concurso Nacional de Saltos, que atraerán aos afeccionados ao mundo do cabalo, pero tamén ao público en xeral para disfrutar dun gran espectáculo deportivo.

Concello Tui


Concerto de música sefardí este domingo con Terra Sigilata na igrexa gótica de San Domingos

O domingo á mañá haberá unha nova visita guiada e continúan as Xornadas Gastronómicas do Bacallau

Esta fin de semana continúan avanzando as actividades do "Setembro xudeu en Tui" con novas ofertas que promoven o legado patrimonial e cultural que as comunidades xudías e criptoxudías teñen deixado na nosa cidade así como o coñecemento da cultura sefardí.

O principal evento destas xornadas é o concerto de música sefardí a cargo do dúo Terra Sigilata co seu espectáculo "Las madres de Sepharad". Celebrarase o domingo ás 20 h na igrexa de San Domingos.

Terra Sigilata é un dúo palentino formado no ano 2020, en plena pandemia. Estes dous irmáns, Ángel e Marimar Pozo Velasco, levaban nos escenarios dende había anos, con outras formacións musicais de repercusión internacional como Amalgama Folk ou Fusión y Cuenta Nueva. Debutan en 2023 co nome de Terra Sigilata" en diversos festivais palentinos, presentando de seguido o seu proxecto musical en Madrid.

Desde entón actuaron en multitude de localidades e festivais como Mozares Soa (festival da Trilla nas Merindades) ou no ciclo o xardín dos sentidos de Segovia no Palacio Quintanar e no ciclo 7 Pecados musicais de Palencia. Actualmente forman parte da produtora e promotora musical palentina "Enraigo" onde promocionan os seus diferentes espectáculos e grupos a nivel nacional e internacional.

Con este proxecto tan persoal plasman as súas inquietudes por rescatar, renovar e dar unha nova vida á nosa música tradicional e a recuperar músicas históricas, especializándose en música da Idade Media e sefardí. Considéranse "arqueólogos da tradición inmaterial" buscando entre os vestixios de vidas pasadas as nosas raíces musicais parcialmente soterradas baixo Terra. A partir de aí traballan a música coma se fose un proceso de restauración contemporáneo para poder levala aos escenarios. Nesta ocasión ofrécennos un concerto titulado "As Nais de Sepharad", sobre a música dos xudeus españois que coa diáspora viaxaron a outros lugares do mundo e que permaneceu tamén na península en mans das nais dos xudeus conversos, chegando ata os nosos días mediante no folclore tradicional por transmisión oral. Terra Sigilata levará a cabo un percorrido musical interpretando repertorio de música sefardí con instrumentos propios dos lugares de acollida dos xudeus españois.

Por unha banda, este domingo ás 11.30 h, na Portada da catedral tudense, comezará unha nova visita temática titulada "Presenzas xudías na catedral de Tui" a cargo de José Ramón Fernández, historiador da arte.

Cómpre lembrar tamén que ao longo do venres e do sábado os oito establecementos de hostalaría participantes nas "Xornadas gastronómicas sefardís: ruta de tapas de bacallau" seguirán ofertando as súas especialidades ao prezo de 2,00 euros. Os interesados poden retirar os seus "pasaportes" nos establecementos participantes ou na Oficina Municipal de Turismo, e con aqueles que teñan ao menos cinco selos e sexan entregados na Oficina de Turismo ata o 10 de outubro realizarase un sorteo de agasallos.

Participan nesta ruta de tapas do bacallau os seguintes establecementos:

o Vello Cabalo Furado (Seixas, 2) Boliños de bacallau con alioli
o Taperia O Albergue (Seixas, 6) Pan bao recheo de bacallau encebolado
o Cafeteria Entrehoras (Compostela, 6) Garavanzos con bacallau
o Parador de Tui (Avenida de Portugal, s/n) Cañita rechea de brandada de bacallau e pemento do piquillo con vinagreta de canela e mel
o Ideas Peregrinas (Porta da Pía, 1) Baguel de pan de sementes, bacallau afumado e pemento do piquillo
o Cociñarte (Martínez Padín, 8) Gratén de bacallau
o Santiamen (Cantón de Diomedes, 1) Bacallau á brasa sobre cama de broa de milho
o Puro Sabor (Ourense, 3) Empanadilla de bacallau

Tamén ao longo de todo o mes de setembro estará instalado na Praza do Concello e diante da Oficina de Turismo o photocoll coa árbore, a imaxe escollida para a celebración das "Xornadas Europeas da Cultura Xudía" pola Red de Juderías de España, á que pertence este Concello de Tui dende o ano 2019. Os participantes deberán facerse unha foto xunto á árbore, e subila a instagram etiquetando á conta da Red de Juderías @redjuderias, participando no sorteo de diversos agasallos.

Ana María Núñez Álvarez, concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, congratúlase do éxito de participación nas actividades ata agora realizadas anima a veciños e visitantes a participar nestas actividades do "Setembro xudeu en Tui" nesta fin de semana do 20 a 22 de setembro. A concelleira tudense lembra que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España - Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa "Rutas do patrimonio xudeu" que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).

Concello Tui


A Eurocidade Tui-Valença súmase á Semana Europea da Mobilidade

Mércores presentou o estudo "Mobilidade Urbana Sustentable Tranfronteiriza da Eurocidade Tui-Valença". O domingo haberá unha andaina, pecharase ao tráfico a vella Ponte Internacional e haberá percorrido gratuítos entre os dous centros urbanos en tren turístico

A Eurocidade Tui-Valença presentou mércores na antiga alfándega de Valença o estudo "Mobilidade Urbana Sustentable Tranfronteiriza da Eurocidade Tui-Valença".

Esta é a primeira das actividades coa que Tui e Valença se suman á Semana Europea da Mobilidade promovida pola Comisión Europea e que se celebra até este domingo.

Este plan "Mobilidade Urbana Sustentable Tranfronteiriza da Eurocidade Tui-Valença" ten por obxectivo contribuír ao incremento da oferta de transportes públicos entre os dous núcleos urbanos da Eurocidade. Esta acción forma parte do proxecto Rede_Gov_Minho, cofinanciado polo Interreg VI-A, 201-2027 España-Portugal.

Para o domingo está prevista unha andaina, o peche ao tráfico da vella Ponte Internacional, e percorridos en trens turísticos entre os centros urbanos de Tui e Valença.

Así este domingo ás 10 h ES sairá dende a praza da República, na Fortaleza de Valença unha andaina que, guiada polo club Anda Tui Rego da Pedra, levará aos participantes até o conxunto histórico de Tui. A participación é gratuíta. Para aquelas persoas que desexen participar na andaina dende Tui ás 9.30 h Es sairá un tren turístico dende a praza da Inmaculada até o punto de partida. E ao remate, ás 12.30 h ES outro tren realizará o traxecto dende a praza da Inmaculada até a fortaleza de Valença.

Amais o domingo, de 9 a 18 h ES a vella Ponte Internacional pecharase ao tráfico. A mesma estará accesible para os peóns e para os trens turísticos que ao longo da xornada, de forma gratuíta, realizarán percorridos entre Tui e Valença. O tren turístico de cor branco parará no interior da Fortaleza de Valença e na praza da Inmaculada de Tui, e o de cor vermello farao na Avenida Miguel Dantas de Valença, na praza de Abastos de Tui e no edificio Francisco Sánchez.

O obxectivo destas actividades é promover e facilitar o debate, xunto coa comunidade da Eurocidade, sobre a necesidade de mudar o comportamento en mobilidade, en particular no que se refire ao uso do automóbil particular.

Concello Tui


O Concello de Tui adquire novo material para cursos de RCP e manexo dos desfibriladores

Protección Civil de Tui e Policía Local, xunto co médico tudense Rosendo Bugarín, impartirán obradoiros básicos en colexios e instalacións deportivas

O Concello de Tui vén de adquirir novo material, un manequín pediátrico e un chaleco de adestramento da manobra de Heimlich, que xunto ao manequín adulto e o simulador de desfibrilador (DESA) xa dispoñible dende antes da pandemia, servirán para a realización de novos obradoiros básicos de reanimación cardiopulmonar e manexo dos DESA.

Así, os voluntarios de Protección Civil de Tui, xunto ao persoal da Policía Local de Tui e o médico tudense, Rosendo Bugarín, retomarán estas formacións para asociacións deportivas tudenses e a comunidade educativa de Tui.

O Concello de Tui dispón de 10 desfibriladores, dous nos coches de Protección Civil de Tui, unha unidade na Policía Local, e sete en instalacións deportivas municipais, Pavillóns Gustavo Rodríguez e A Macoca, Campos Municipais de Fútbol "Álvarez Durán" de Tui, O Foxo de Caldelas, A Gándara de Guillarei e Santa Comba de Ribadelouro, e no Centro Interfederado de Tui.

O obxectivo de ter un concello cardioprotexido é prioritario para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, resaltando o traballo desinteresado tanto de Rosendo Bugarín, como dos voluntarios de Protección Civil e Policía Local, en pro da formación tanto no uso dos DESA, como na realización do RCP.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais