JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño lidera a promoción municipal do benestar emocional das persoas maiores cun proxecto pioneiro en Galicia

Concello e Afundación asinan un convenio para a posta en marcha do programa 'Coñecendo as emocións', converténdose no único municipio galego en adherirse

Tomiño colócase á vangarda do benestar emocional para persoas maiores. Concello e Afundación veñen de asinar un convenio para desenvolver na localidade o programa piloto 'Coñecendo as emocións', unha iniciativa única en Galicia a nivel municipal que busca mellorar a calidade de vida deste colectivo a través da xestión das súas emocións no día a día.

A alcaldesa, Sandra González, destacou a relevancia deste proxecto e "o orgullo que supón para o noso concello ser o primeiro Concello en toda Galicia en apostar por unha iniciativa tan innovadora e necesaria. Queremos que as nosas e os nosos maiores se sintan acompañados e teñan as ferramentas para mellorar o seu benestar emocional".

O programa contempla unha serie de actividades dúas horas á semana durante os vindeiros tres meses que serán impartidas por profesionais da psicoloxía e estarán abertas con prazas limitadas. As persoas maiores poderán optar entre participar nesta iniciativa a través do Concello, con psicólogos da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAGA), ou no Centro de Día de Tomiñoñ, coa colaboración do seu equipo especializado.

"O noso obxectivo é proporcionar ferramentas prácticas que axuden ás persoas maiores a xestionar mellor as súas emocións, nun contexto seguro e de confianza", explicou o concelleiro de Benestar Social, Rubén Filgueiras, que resaltou "o importante que é este tipo de apoio para mellorar a calidade de vida e reducir a soidade".

A sinatura do convenio de colaboración para a posta en marcha desta iniciativa contou coa participación xunto da alcaldesa e o concelleiro de Benestar Social da coordinadora da Área de Envellecemento Activo de Afundación, Isabel Couceiro; da coordinadora do Espazo +60 Afundación Ferrol, Mercedes Garnelo; do coordinador institucional de ABANCA, José Luis Romero; e de representantes de AFAGA.

O Concello convida a todas as persoas maiores interesadas en inscribirse e participar neste proxecto pioneiro que permite ao Concello de Tomiño marcar un novo fito na atención ao benestar íntegro da súa veciñanza maior.

Concello Tomiño


A Eurocidade Cerveira Tomiño súmase por primeira vez á Semana Europea do Deporte

Baixo o lema #BeActive promoverá a actividade física con accións dirixidas a todos os públicos do 23 ao 29 de setembro

A Eurocidade Cerveira-Tomiño prepárase para vivir unha semana chea de enerxía e actividade coa súa primeira participación na Semana Europea do Deporte. Baixo o lema #BeActive, a Eurocidade porá en marcha diferentes actuacións coas que implicar a veciñanza cerveirense e tomiñesa de todas as idades na práctica de exercicio físico, promovendo un estilo de vida saudable e activo.

Dende o luns 23 de setembro tanto en Tomiño como en Vila Nova de Cerveira os clubs deportivos celebrarán xornadas de portas abertas, ofrecendo a posibilidade de participar en distintas disciplinas. As persoas interesadas en coñecer a actividade dos clubs tomiñeses deberán inscribirse a través do formulario habilitado na web, apuntándose a todos os deportes que lles interesen.

Ademais, do 23 ao 29 de setembro, as prazas do Seixo en Tomiño e do Pintor Antonio Fernández en Goián converteranse en espazos de diversión con xogos tradicionais abertos a todos os públicos. Unha oportunidade para redescubrir actividades que fomentan o xogo en equipo e a convivencia ao aire libre.

O broche final deste evento terá lugar o domingo 29 de setembro, no que a Eurocidade se vestirá de cor para acoller a primeira HoliColor Run transfronteiriza. A carreira, que mestura deporte e diversión coa explosión de cores, sairá de Cerveira e cruzará a Ponte Internacional da Amizade para encher de vida e animación as rúas de Tomiño.

Cun percorrido circular de catro quilómetros nun percorrido con inicio e fin xunto ao Auditorio Municipal de Vila Nova de Cerveira e paso por Tomiño, o evento arrancará ás 15.00 horas (hora portuguesa) e prolongarase ata ás 20.00 horas (hora portuguesa), culminando coa Sunset Holi Color, coa actuación de Kyd3n e Pedro Pagodes, ademais da dinamización de varios Color Moments, Zumba by Liliana Silva, Festa da Espuma, danza e premios para as mellores fantasías. Estímase que máis de 1.500 persoas participarán neste evento.

Concello Tomiño


Tomiño volve mollarse polos ríos na limpeza simultánea impulsada pola asociación Adega

A actividade celebrarase o domingo 29 de setembro. As persoas interesadas poden inscribirse xa na web municipal para participar

Tomiño volve a implicarse de novo coa limpeza simultánea de ríos impulsada un ano máis pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). O Concello participará tamén este ano na décimo sétima edición da iniciativa 'Móllate polos ríos', unha xornada levada a cabo ao abeiro do Proxecto Ríos a través da que persoas voluntarias colaborarán na retirada de lixo ao tempo que se visibiliza esta realidade e se conciencia á sociedade sobre a necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais para garantir a súa saúde.

Este ano o Concello sumarase á xornada de sensibilización e limpeza prevista para o domingo 29 de setembro, abrindo as portas á participación e implicación de toda a veciñanza. Nesta ocasión o lugar de encontro para todas as persoas que queiran participar será a Praza do Seixo, diante da Casa do Concello, ás 10.00 horas.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, convida a toda a veciñanza, entidades, agrupacións e asociacións tomiñesas a unirse a esta iniciativa que cada ano mobiliza a miles de persoas voluntarias por toda Galicia e a través da que se retiran decenas de toneladas de residuos dos ríos e da súa contorna. Para participar na actividade recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, luvas, pinchos ou paus ou incluso botas de auga para poder achegarse a recoller os restos que se atopen dentro do cauce do río.

A actividade está aberta a todos os públicos, incluído a menores acompañados dunha persoa adulta. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web do Concello.

Concello Tomiño


Arte urbana en Tomiño da man do artista internacional Marion Ve

O muralista colombiano está a crear na Avenida de República Arxentina unha obra inspirada nos cores tomiñeses coa que transmitir enerxía positiva

Concello e Migrarte colaboraron para esta estancia do artista

Tomiño mantén a súa firme aposta pola arte. O Concello acolle estes días por primeira vez ao artista internacional Marion Ve, un muralista colombiano recoñecido polas súas vibrantes creacións caligráficas que chegou ao municipio para deixar a súa pegada nun mural cheo de cor, enerxía e mensaxes inspiradoras na Avenida de República Arxentina.

O antigo edificio do Palomar, xa na confluencia coa Praza do Seixo, será o lenzo da nova obra deste muralista que está de tour artístico por España realizando intercambios culturais que o levará a Valencia ou Barcelona e que decidiu recalar en Tomiño guiado da man da agrupación Migrarte. "Paréceme un sitio máxico, con espazos moi fermosos, por iso para min é moi emocionante pintar aquí e compartir a miña arte con toda a veciñanza", explica.

Unha interacción que poderá manterse ao longo desta semana, na que Marion Ve estará realizando o seu mural aberto ás preguntas e á charla cos veciños e veciñas, que poderán achegarse ao proceso creativo dun artista cunha traxectoria internacional que xa deixou a súa impronta en países como México ou Alemana. A súa obras, que levará o lema en galego 'Sorrí, comparte a túa mellor enerxía', é unha mostra do seu estilo único, que mestura ilustración, caligrafía e lettering.

O seu obxectivo "é transmitir boa enerxía, facer que a xente sorría. Para min sorrir non é só a expresión da boca, é conectar cunha idea ou cun recordo que nos faga feliz. Cada persoa ten unha razón diferente para sorrir, só quero axudar a que cada quen atope a súa", explica o autor.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia desta colaboración co artista colombiano a través da plataforma de intercambio de artistas Migrarte. "Para nós é un orgullo contar coa estancia de Marion Ve na nosa vila, un artista que co seu mural non só embelecerá as nosas rúas, senón que dará luz, cor e unha nova vida a unha medianeira. Tomiño é terra de artistas, e seguiremos apostando pola arte, tamén urbana, traballando para converter Tomiño nun espazo onde a cultura e a creatividade se respiren a cada paso", salientou a rexedora.

A plataforma Migrarte, que facilitou a chegada do artista a Tomiño, destaca a importancia destes intercambios para achegar a arte a novos espazos, diversificando circuítos e levando arte e artistas máis alá das grandes cidades. Agustina Patiño, representante da entidade, anima "a todos e todas as artistas e a todas as institucións e entidades a sumarse a estas iniciativas que enriquecen tanto ás e aos autores como ás comunidades que os acollen".

Novos murais

Esta nova intervención en Tomiño únese a outros proxectos de arte mural que o Concello leva impulsando nos últimos meses. O máis recente é o mural realizado pola artista guardesa Tamara Baz na rúa de Gondomar, que homenaxea ao viveirismo, á planta e á muller, tan impoortantes no devir tomiñeses.

Por outra banda, os muros do campo de fútbol de Goián é o lenzo dunha peza significativa do deporte e de Tomiño, facendo fincapé nos valores que transmiten como a igualdade e cunha referencia ao Goián FC, que realiza a súa actividade nestas instalacións. O mural forma parte do proxecto de mellora destas instalacións tamén a nivel estético, decorando medianeiras e espazos públicos, levando a arte aos veciños e visitantes e facendo de Tomiño un referente cultural.

Concello Tomiño


Tomiño rendeu homenaxe á Tena de Vilachán do Monte, exemplo de todas as mulleres do rural alicerce das futuras xeracións

Alcaldesa e autoridades amosaron a súa admiración por unha muller símbolo de toda unha vida de loita, traballo duro e resiliencia

Unha emotiva homenaxe chea de palabras de agarimo para a súa protagonista, Hortensia Expósito, a Tena de Vilachán do Monte. Tomiño celebrou esta fin de semana o seu tradicional acto cívico do Alivio nunha Praza do Seixo ateigada de autoridades, familiares e veciños e veciñas que quixeron arroupar a esta tomiñesa que representa "a todas as mulleres do rural, esas que co seu esforzo, en silencio e sen pedir nada a cambio, son o alicerce das nosas casas e o facho de luz das futuras xeracións. Mulleres que non saen nos libros de historia, pero sen as que a historia non sería posible", somo resaltou durante o acto a alcaldesa, Sandra González.

No seu nome, no nome da constancia e da sabedoría que se atopa só no silencio do traballo ben feito, a rexedora desexou que "o exemplo de Tena e de tantas outras mulleres anónimas do rural nos siga inspirando. Que cada unha de nós, dende o noso lugar, sigamos loitando polo noso e por aquilo no que cremos, co mesmo esforzo e dedicación que elas amosaron. E que nunca esquezamos en Tomiño o papel fundamental que estas mulleres, nais e avoas, xogaron na nosa historia".

"Grazas Tena, e grazas a todas as mulleres que, coma ti, sosteñen a vida con mans invisibles, pero firmes. O camiño que vós percorréchedes é o maior dos nosos legados e o que nos anima a continuar cara ao horizonte", louvou a rexedora.

Emocionada pola louvanza da súa vida feita durante o acto e o agarimo transmitido nas verbas da rexedora e do propio presentador da cerimonia, Suso Pando, na súa intervención, Hortensia Expósito, a Tena, lanzou unhas palabras de recoñecemento a todas as persoas que a acompañaron ao longo da súa vida. Nacida no tempo de guerra en Vilachán do Monte, os seus ollos foron testemuña de como as xeracións máis novas saían maleta en man camiño das Américas na procura dun futuro mellor, homes que marchaban para non regresar mentres que as mulleres quedaban na terra destinadas a servir en casas alleas e coidar os fillos doutros por un xornal.

Toda unha vida de traballo, sacrificio e esforzo permanente pola súa familia, pero tamén polo ben común. Porque foi Tena xunto coas mulleres da época as que tronzaron con cortafogos, de arriba a abaixo, as plantacións de pinos da Forestal; elas as que fixeron quilómetros de regos das traídas dende o nacente preto de Pinzás ata as vivendas de Vilachán para que a auga chegara ás casas. Dende a súa humuldade, a Tena sinte que non fixo nada destacado, "só o que fixemos todas as mulleres naquela época: traballar duro e tirar adiante".

E fixeron moito. "As mulleres do rural manteñen fogares, sosteñen familias, fan evolucionar sociedade se pobos. Son esas que aprenderon a aceptar a dureza da terra, pero tamén toda a súa xenerosidade. E que nos deixaron en herdanza algo que debemos recoñecer como fundamental: a curiosidade, a vontade de aprender, de crecer a través do coñecemento", recalcou Sandra González.

No multitudinario encontro, a alcaldesa quixo agradecer tamén o labor das Forzas e Corpos de Seguridade e de Protección Civil de Tomiño polo seu traballo para poder desfrutar das Festas do Alivio; da banda da Agrupación Musical de Goián, que amenizou un ano máis o acto cívico; e, especialmente, da Comisión de Festas, "homes e mulleres que durante todo o ano se esforzan para que poidamos desfrutar das nosas festas grandes. A coordinación e o bo entendemento con eles e elas é fundamental para que todo saia o mellor posible".

Concello Tomiño


Cerveira-Tomiño revalida o seu título das olimpíadas senior por quinta vez

O encontro reuniu en Monção a preto de 400 participantes de equipos de todos os concellos do Alto Miño, Salvaterra de Miño e Fornos de Algodres e da APPACDM de Viana do Castelo

O equipo transfronteirizo Cerveira-Tomiño conquistou por quinto ano consecutivo o trofeo Olympics4All ao abeiro das oitavas olimpíadas senior, que reuniron a pasada semana en Monção a máis de 400 persoas de todos os concellos do Alto Miño, Salvaterra de Miño e Fornos de Algodres e da Associação Portuguesa de Pais e Amigos do Cidadão Deficiente Mental (APPACDM) de Viana do Castelo.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, felicitou a todo o equipo da Eurocidade Cerveira-Tomiño pola súa gran fazaña e pola dedicación e esforzo realizados ao longo de todo o ano, adestrando dúas veces por semana de forma supervisada no Parque de Ocio do Castelinho nun encontro interxeracional e transfronteirizo no que os protagonistas son o deporte, a saúde e a convivencia.

Nesta nova edición das Olimpíadas Senior volveu destacar o reforzo de antigas e novas amizades e as experiencias compartidas, ademais dos innumerables beneficios para a saúde e o benestar, xa que o obxectivo principal é que as persoas maiores continúen practicando actividade física no seu día a día e incentiven a outras persoas a sumarse ao envellecemento activo.

Este evento, marcado sempre por un grande espírito deportivo e de convivencia, será organizado en 2015 polo concello de Valença.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais