|
O Rosal abre as portas ao ciberespazo para a mocidade cun campamento dixital
Concello e Fundación Cibervoluntarios poñen en marcha unha actividade gratuíta para que rapazada de 9 a 17 anos se achegue a internet dun xeito útil, creativo, seguro e responsable
O Rosal aposta polo futuro dixital da súa mocidade coa chegada do Campamento Dixital, unha proposta formativa en informática posta en marcha pola OMIX do Concello do Rosal en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios para achegar á rapazada a internet dun xeito útil, creativo, seguro e responsable. Serán 30 horas de actividades gratuítas que se desenvolverán do 7 de outubro ao 21 de novembro coas que se busca preparar aos máis novos e novas para o futuro dixital.
Como sinala o concelleiro de Novas Tecnoloxías e Xuventude, Alejandro González, "queremos que a nosa mocidade teña as ferramentas necesarias para mergullarse na era dixital dun xeito seguro e controlado. As novas tecnoloxías son unha realidade e debemos poñer ao alcance da nosa rapazada este tipo de formación que lles permita adquirir as competencias dixitais necesarias para o seu desenvolvemento persoal, educativo e incluso profesional".
Con certificado DigComp, este obradoiro impartirase para dous grupos de idades diferenciados, con contidos adaptados a cada franxa. Os luns e mércores estarán reservados para o alumnado de 9 a 13 anos, e os martes e xoves será a quenda dos mozos e mozas de 14 a 17 anos. Todas e todos eles terán a oportunidade de aprender a empregar internet dun xeito responsable e produtivo de 16.00 a 18.00 horas na aula municipal de informática, situada a carón do comedor da Mata.
Haberá prazas limitadas e as persoas interesadas en participar poden inscribirse xa ata o 30 de setembro no Rexistro do Concello, ben de forma presencial ou por teléfono chamando ao 986 62 50 00.
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia, financiado con fondos Next Generation da Unión Europea.
Concello de O Rosal
Os 'Venres rebuldeiros' chegan ao Rosal para facer da lectura unha aventura inesquecible
O Concello organiza tres novas sesións contacontos para a cativada ao abeiro do seu programa de dinamización lectora
O outono converterase no momento perfecto para que a rapazada rosaleira comece a súa aventura coa maxia dos libros. O Concello do Rosal pon en marcha os 'Venres rebuldeiros', un ciclo de contacontos cos que se busca introducir á cativada no apaixonante mundo da lectura e da literatura dun xeito ameno e divertido. Tras o exitoso paso polas Eiras a pasada semana, esta iniciativa trasládase agora á biblioteca municipal, ofrecendo un espazo onde a imaxinación e o saber cobran vida dun xeito lúdico e participativo.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia desta proposta dentro do programa de dinamización lectora do Concello. "Queremos que pequenos e pequenas descubran que a lectura pode ser unha aventura, un xogo... e que cada neno e nena asocie a lectura cunha experiencia emocionante, creativa e inesquecible", resaltou.
A primeira cita terá lugar o vindeiro venres 27 de setembro ás 18.00 horas cunha sesión de contacontos sensorial dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos. Un espazo onde a cativada e as súas familias poderán explorar a lectura a través dos sentidos cunha experiencia inmersiva única. Limitada a 15 prazas, as persoas interesadas en participar deben reservar a súa praza chamando ao teléfono 986 62 50 00.
O ciclo continuará o venres 18 de outubro cunha proposta que promete risas e aprendizaxe a partes iguais con 'A bruxa Marixa non quere ser bruxa'. Un espectáculo para nenos e nenas de 5 a 10 anos no que participarán de forma activa para axudar a Maruxa a deixar de ser bruxa para converterse en contiñeira mentres narra as súas aventuras mesturadas con contos da literatura galega e cancións populares. Entrada libre.
Tamén con entrada libre será a última sesión do ciclo o venres 25 de outubro ás 18.00 horas con 'Dada a trasna', un repertorio de contos cheos de maxia nos que se traballarán valores fundamentais como a igualdade, o respecto polo medio ambiente e o traballo en equipo.
Todas as actividades son de balde e están enmarcadas na iniciativa 'Ler conta moito', un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Concello de O Rosal
O director rosaleiro Gon Caride leva o rural galego ao máis alto con 'Morte e o meu avó'
O Concello felicita ao cineasta polo premio acadado no festival Rurales cunha obra que fusiona documental e ficción rodada en parte nas Eiras
Nun lugar no que o tempo parece deterse, a morte convértese nunha compañeira cotiá, pero tamén nunha oportunidade para reflexionar sobre a vida e a memoria. Así é 'Morte e o meu avó', a curtametraxe do director rosaleiro Gon Caride coa que acaba de gañar o premio á mellor curta de ficción e animación do festival Rurales. O Concello rosaleiro traslada os seus parabéns ao director polo galardón a unha obra rodada en parte nas Eiras.
A curta, que contou coa colaboración do Concello do Rosal, conta con máis dunha ducia de nominacións ás súas costas e foi tamén galardoada como mellor curtametraxe galega no City Blue Film Festival de Vigo. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quixo destacar a importancia para o concello dunha obra "que soubo capturar a esencia do noso territorio. Unha homenaxe ao rural, ás súas xentes e ao inexorable paso do tempo pola que só podemos felicitar a Gon Caride e sentirnos orgullosas e orgullosos de formar parte da historia".
O filme explora entre o documental e a ficción a complexa relación entre a infancia, a vellez e a inevitable presenza da morte no día a día. O xurado do concurso salientou que a curta é unha fermosa e emotiva reflexión sobre as trampas da memoria e a fantasía dunha infancia perpetua, levando ao público a un diálogo íntimo e profundo entre a vellez e a morte.
Este éxito non só coloca a Gon Caride como un dos cineastas galegos máis prometedores, senón que tamén reforza a importancia do cine como ferramenta para preservar e reinterpretar o noso patrimonio rural. "Este premio é unha mostra de que o noso rural ten moito que ofrecer tamén como inspiración para historias que nos conectan coas nosas raíces máis profundas. Moitas grazas Gon por levar a esencia do Rural ao mundo", saliento a rexedora.
Concello de O Rosal
|