JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño celebra o Scratch Day 2024 cun seminario gratuíto para a rapazada

Neste curso de balde achegaranse ao mundo da programación desenvolvendo videoxogos deportivos. Será o sábado 21 de setembro na Aula CeMIT

A paixón polos videoxogos convértese nunha oportunidade de aprendizaxe en Tomiño. A Aula CeMIT será o epicentro da creatividade tecnolóxica co seminario Scratch Day 2024, unha actividade de balde que permitirá á rapazada tomiñesa mergullarse no mundo da programación a través de Scratch, unha ferramenta especialmente deseñada para facilitar a todo o mundo a iniciación neste mundo dun xeito divertido e accesible.

Dirixido a mocidade de entre 7 e 15 anos acompañados dunha persoas adulta, este curso de balde celebrarase o sábado 21 de setembro de 09.30 a 13.30 horas. Organizado polo Colexio profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia en colaboración coa Xunta, será impartido por Rockbotic.

Durante o seminario, as e os participantes crearán tres videoxogos inspirados en deportes presentes nos Xogos Olímpicos, incrementando a súa complexidade a medida que avanzan e ofrecendo un emocionante reto para todos os niveis.

A alcaldesa, Sandra González, destacou a importancia de ofrecer na Aula CeMIT de Tomiño este tipo de actividades tecnolóxicas á mocidade, xa que é "unha oportunidade única para que a nosa rapazada descubra a programación dun xeito lúdico e ao mesmo tempo desenvolvan habilidades que poden ser esenciais para o seu futuro".

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da páxina web da Aula CeMIT. Poden solicitar máis información e solicitar tamén a súa inscrición na propia aula, situada no Campo da Feira S/N, chamando ao 640 956 714 ou enviando un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal.

Concello Tomiño


A Escola de Teatro de Tomiño sube o pano para o curso 2024/2025

As clases comezarán o vindeiro 1 de outubro. As persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición a través da web do Concello

Escenario preparado para que a Escola de Teatro de Tomiño levanta un ano máis o pano. A escola municipal regresa para o curso 2024/2025 cunha nova formación impartida por Tamara Campos, da compañía Migallas Teatro, para achegar á veciñanza ao mundo da interpretación, estimulando a imaxinación e a creatividade da infancia participante, fomentando o traballo colaborativo e mellorando os recursos expresivos e as súas habilidades comunicativas.

As clases, que comezarán o vindeiro 1 de outubro no auditorio de Goián, mergullarán aos nenos e nenas participantes no mundo teatral. Nas aulas, eminentemente prácticas, estudaranse e traballaranse aspectos básicos da creación escénica, expresión dramática e oral, improvisación, movemento expresivo, ritmo e creación de personaxes. Ao final de curso, o alumnado representará as pezas teatrais nas que irán traballando ao longo de todo o ano.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinala que "o teatro é unha ferramenta moi valiosa para o desenvolvemento persoal da nosa mocidade, xa que lles axuda a gañar confianza en si mesmos, a mellorar a súa comunicación e a traballar en equipo. Para o Concello é moi importante poder ofrecer este tipo de actividades, accesibles e abertas a todo o mundo".

As clases impartiranse todos os martes pola tarde en diferentes horarios dependendo dos grupos de idade. O grupo de 4 a 8 anos, que xa está completo, terá clase de 17.30 a 18.45 horas, mentres que o de rapazas e rapaces de 8 a 12 anos será de 16.00 a 17.15 horas. Os tomiñeses e tomiñesas maiores de 13 anos terán a súa cita co teatro de 19.00 a 20.30 h.

As persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición nos diferentes grupos da Escola de Teatro a través da web do Concello.

Concello Tomiño


Tomiño arranca o curso con todos os seus colexios postos a punto

O Concello investiu máis de 100.000 euros na mellora e mantemento dos centros escolares

Tomiño comeza o curso con todos os seus centros escolares postos a punto. O Concello investiu máis de 100.000 euros na mellora, reforma e mantemento dos centros educativos de infantil e primaria do municipio, unhas obras que, como ven sendo habitual, se realizan na súa maioría ao longo do verán para non interferir na actividade lectiva habitual.

"A educación é unha prioridade para o Goberno municipal, por iso apostamos por ter todos os colexios nas mellores condicións para o comezo do curso, facendo todas as melloras necesarias para ofrecer espazos cada vez máis sostibles enerxeticamente, seguros, modernos e confortables tanto para o alumnado como para o profesorado", explicou a alcaldesa, Sandra González.

Como ven sendo habitual, o Concello procedeu á revisión da instalación de fontanería e electricidade; á limpeza xeral dos centros, incluíndo as fiestras, os patios e os areeiros; así como ao pintado de numerosas aulas e espazos de diferentes colexios, o que supuxo un investimento de máis de 16.000 euros. As tarefas completáronse cos labores de desratización e desinsectación de todas as instalacións. Ademais, nos centros de educación primaria levouse a cabo unha inspección térmica e dos depósitos de calefacción, así como as tarefas de mantemento da calefacción e o mantemento dos ascensores do CEP Pedro Caselles Beltrán, do CEIP de Tebra e do CEIP de Sobrada.

Entre os traballos de maior relevancia realizados este verán está a instalación de paneis solares na Escola Galiña Azul de Goián, que supuxo un investimento de máis de 32.000 euros. Neste mesmo centro destináronse máis de 5.600 euros aos labores de mellora da cuberta e instalouse ademais un novo elemento de xogo no patio, así como xardineiras e estantes. Tamén en Goián, o Concello mellorou a accesibilidade dende a entrada do autobús cunha nova rampla no CEIP Pintor Antonio Fernández.

Por outra banda, e entre outras accións, tamén se instalou un novo valado de madeira no patio infantil do CEIP de Sobrada, así como un novo valado na horta no CEP Pedro Caselles Beltrán.

Con este investimento, o Concello amosa o seu compromiso co ensino e coa mellora continua das infraestruturas dentro das súas competencias, "non só para garantir o benestar dos nenos e nenas, senón tamén para seguir construíndo un Tomiño de futuro".

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño denuncia unha nova subida do 60% no canon de Sogama

A Corporación levou a pleno mocións contra esta medida impulsada pola Xunta que suporá un custe de máis de 170.000 euros para tomiñeses e tomiñesas

Dende o Concello pídese o impulso dun novo modelo de xestión dos residuos

Tomiño plántase contra o taxazo de Sogama. A Corporación municipal levou onte a pleno varias mocións rexeitando de forma firme ao novo incremento do canon de Sogama, unha subida do 60% proposta pola Xunta de Galicia que suporá como mínimo unha suba de máis de 170.000 euros anuais para os vecinos e veciñas de Tomiño.

Despois de notificar en xuño un incremento dun 33,3% no canon, que pasaría dos 66 euros por tonelada ao 88 no ano 2024, a Xunta ven de anunciar unha nova suba prevista para o ano 2025 e que situaría o canon nos 105 euros por tonelada. Aínda sen notificar de forma oficial, este aumento suporía un "sablazo" para os concellos, con efectos alarmantes para Tomiño, consecuencias nos seus orzamentos e impacto directo nos servizos público. E é que se en 2023 o importe pagado a Sogama foi de preto de 267.000 euros, a previsión para este 2024 elévase a máis de 320.000 euros, por riba dos 440.000 para o vindeiro 2025.

Este incremento de costes de Sogama para os concellos, evidencia segundo recolleu onte o pleno o fracaso dun modelo de xestión de residuos baseado en solucións finalistas como a incineración e o depósito en vertedoiro, que sitúa a Galicia na cola no cumprimento das normativas europeas de reciclaxe e non fomenta o tratamento local dos residuos.

Concello Tomiño


As ovellas, novas aliadas en Tomiño para eliminar a flora exótica invasora na Rede Natura 2000

O Concello acadou unha subvención de case 30.000 euros financiada por fondos Feader, estatais e autonómicos para a erradicación de tres especies invasoras en Forcadela

Un rabaño de ovellas será a clave para combater a flora exótica invasora en Tomiño. O Concello xa ten en marcha un proxecto innovador a través do que se empregará o gando como parte dunha solución sostible para eliminar especies que ameazan a biodiversidade na área protexida da Rede Natura 2000 situada en Forcadela.

Con esta iniciativa, o Concello reforza o seu compromiso coa conservación do patrimonio natural con iniciativas "que non só axudan a conservar os espazos naturais de Tomiño, senón que tamén fomenta métodos respectuosos co medio ambiente e sostibles, que son o camiño que debemos seguir se queremos preservar o noso patrimonio natural para as futuras xeracións", como destacou a alcaldesa, Sandra González.

O proxecto busca continuar co traballo iniciado polo Concello de Tomiño nos últimos anos para a protección dos espazos da Rede Natura 2000. Deste xeito, as ovellas participarán no proceso de eliminación dos exemplares de Phyllostachy spp, unha especie de bambú presente nunha superficie de 1.330 m2, e de Arundo donax, cana presente nunha superficie de 1.280 m2.

Deste xeito, tras a retirada da parte aérea da planta de forma mecanizada con tractor de cadeas e manual dependendo das condicións do terreo, introduciranse ás ovellas nas parcelas para que se alimenten dos restos da trituración da parte aérea e do rebrote dos rizomas para debilitar o máximo posible as plantas, impedindo que volvan crecer. Unha vez debilitado os rizomas pasarase un arado para levantalos e extraelos de forma manual ou cun cultivador e volverá a darse paso ao gando para que se alimenten dos posibles rebrotes que aínda poidan quedar nas parcelas.

Como explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, "as ovellas converteranse nas nosas mellores aliadas para manter en equilibrio este espazo tan valioso, contribuíndo á eliminación das especies invasoras sen ter que recorrer a métodos químicos ou agresivos para o medio ambiente".

O traballo incluirá tamén a eliminación manual de Tradescantia fluminensis, coñecida como herba da fortuna ou orella de gato, unha especie con gran capacidade de invasión en zonas como as ribeiras dos ríos e presente nunha parcela de 357 m2. Neste caso, a eliminación levarase a cabo de xeito manual, retirando tanto a parte aérea como os estolóns en toda a superficie e repasando nunha segunda fase os rebrotes.

Este novo proxecto consolida o traballo realizado nos últimos anos polo Concello de Tomiño "no noso firme compromiso coa natureza e a biodiversidade, un camiño no que seguiremos traballando para conservar, recuperar e rehabilitar o noso patrimonio natural, medioambiental, ecolóxico e cultural", recalcou a concelleira.

Para levar a cabo este proxecto, que se desenvolverá durante os anos 2024 e 2025, o Concello acadou unha subvención de case 30.000 euros cofinanciada a cargo do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia con a achegas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), así como da Xunta de Galicia e de fondos estatais.

Concello Tomiño


Tomiño enche as pistas do Mosteiro de tenis e pádel para todas as idades

O Concello abre o prazo de inscrición para participar esta tempada 2024-2025 na Escola de Tenis e Pádel de Tomiño

O deporte volve ser protagonista en Tomiño esta nova tempada. O Concello volve abrir as portas da Escola de Tenis, que este ano como novidade ofrecerá tamén clases de pádel, ampliando deste xeito o programa de propostas con actividades atractivas para todas as idades.

As clases serán impartidas por profesionais experimentados nas pistas municipais do Mosteiro, que guiarán tanto ás persoas que queiran iniciarse nestes dous deportes como a aquelas que desexen perfeccionar as súas habilidades. En caso de choiva as sesións trasladaranse a un espazo cuberto para garantir o bo desenvolvemento da actividade.

Todos aqueles tomiñeses e tomiñesas interesados en practicar estes deportes dous deportes atoparán na Escola de Tenis e Pádel horarios adaptados ás diferentes idades e pensados tamén para poder desfrutar de ambas actividades, sen que as clases se solapen. Deste xeito, as clases de tenis impartiranse para nenos e nenas os martes de 16:00 a 17:00 h e os sábados de 11:00 a 12:00 h, mentres que para persoas adultas serán os martes de 17:00 a 18:00 h e os sábados de 10:00 a 11:00 h. No caso das prácticas de pádel, a cativada poderá participar os venres de 16:00 a 17:00 h e os sábados de 10:00 a 11:00 h, mentres que as persoas adultas terán clase os venres de 17:00 a 18:00 h e os sábados de 11:00 a 12:00 horas.

O prezo das clases será de 20 euros ao mes por persoa por unha sesión semanal e de 35 euros por dúas clases á semana. As persoas interesadas poden xa inscribirse no formulario habilitado na web do Concello para nenos e nenas a partir de 4 anos e para persoas adultas sen límite de idade.

Para máis información pódese contactar co teléfono 680 124 239 ou por correo electrónico no enderezo escolatetenistomino@outlook.es.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais