|
O Rosal estrea o curso cunha visita da unidade móbil de doazón de sangue
Estará situada o martes 17 de setembro na rúa Ramón Franco, 4, de 16 a 21 h
O Rosal estrea o curso escolar coa visita a vindeira semana dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). O autobús estará no concello o vindeiro martes 17 de setembro á disposición de todas aquelas persoas que queiran deixar a súa pinga de solidariedade.
A unidade móbil estará situada na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, nesta ocasión en horario de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.
Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.
Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.
Concello de O Rosal
Ampliado o prazo de licitación do quiosco dos muíños do Folón e do Picón
Tras a modificación das bases por unha puntualización no horario de apertura, poderán presentarse solicitudes ata o vindeiro 27 de setembro
O Concello do Rosal amplía 15 días o prazo de solicitude para a xestión do quiosco permanente situado na área de recepción dos muíños do Folón e do Picón. Tras a modificación das bases de licitación cunha puntualización relativa ao horario de apertura deste espazo, as persoas interesadas en presentar ofertas poderán entregar as súas propostas ata finais de mes, mentres que as solicitudes presentadas no primeiro prazo non precisan realizar ningún tipo de modificación.
A licitación inclúe a explotación e mantemento do quiosco, así como dos aseos e da pérgola da terraza, un espazo onde se fusiona o valor patrimonial e natural da contorna e co que se busca garantir os servizos tanto a visitantes como a veciñanza.
A concesión terá unha duración inicial de catro anos, con opción de prórroga por outros catro, e un canon de 1.038,39 euros anuais mellorable á alza. As persoas interesadas teñen agora ata as 14.00 horas do 27 de setembro para presentar as súas propostas ben de forma presencial no Rexistro do Concello ou por correo certificado.
O Concello anima a todas as persoas e entidades interesadas a participar nesta oportunidade de negocio e formar parte dun proxecto que combina patrimonio e natureza con emprendemento.
Concello de O Rosal
Mareas de Coñecemento no Rosal para entender os impostos
O Concello acolle un novo seminario deste programa da Universidade de Vigo que busca levar o saber á poboación de máis de 50 anos do rural
O Rosal estrea curso lectivo cunha nova sesión das Mareas de Coñecemento, un proxecto da Universidade de Vigo que busca achegar o saber científico, artístico e tecnolóxico á poboación maior de 50 anos do rural. A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello, permitirá a rosaleiros e rosaleiras formarse en diferentes temas de actualidade e que nesta ocasión afondará sobre cuestións relativas á fiscalidade.
"A educación e o coñecemento non teñen idades nin fronteiras. Esta iniciativa, que sempre ten un grande éxito no Rosal, está a estender a docencia e a divulgación máis alá dos campus universitarios, ofrecendo ferramentas fundamentais para mellorar a calidade de vida da nosa xente maior", destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora subliñou a importancia destas accións que buscan facer fronte aos retos de envellecemento poboacional a través da formación, da actividade e da aprendizaxe continua.
Nesta ocasión, O Rosal acollerá o seminario 'Como entender os impostos', impartido polo profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e de Turismo da Universidade de Vigo Alberto Vaquero. Durante dúas sesións teórico-prácticas e cun total de seis horas de duración, as e os participantes aprenderán a xestionar fiscalmente a renda e o patrimonio, planificar investimentos ou entender a fiscalidade das herdanzas e coñecer os tributos locais, entre outros aspectos. As clases impartiranse os mércores 18 e 25 de setembro ás 16.45 horas no salón de plenos do Concello.
As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou inscribirse chamando ao Concello do Rosal ao teléfono 986 62 50 00 ou visitando a web do Programa de Maiores da Universidade de Vigo.
Concello de O Rosal
A Praza do Calvario convértese nunha pista deportiva co I Torneo de Petanca Concello do Rosal
Organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello, o encontro reunirá este sábado 14 a deportistas de todas as idades
A Praza do Calvario converterase no epicentro dunha xornada chea de deporte e convivencia coa celebración do I Torneo de Petanca Concello do Rosal, un encontro que promete ser inesquecible e que reunirá este sábado 14 de setembro a deportistas de todas as idades nunha xornada deportiva e de lecer aberta a todos os públicos.
Organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello, os diferentes equipos amosarán a súa maña e estratexia para conseguir a vitoria nas partidas que se disputarán pola mañá de 09.30 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 19.00 horas. Unha oportunidade de achegar á veciñanza este deporte tradicional que fomenta o compañeirismo e a participación.
O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, convida a toda a veciñanza a asistir e compartir este día de deporte ao aire libre, bo ambiente e integración e "a desfrutar da petanca, un deporte que une xeracións e fomenta valores como o traballo en equipo e o respecto. Para nós é un pracer colaborar co Club de Petanca O Caldeiro na posta en marcha dun torneo que de seguro terá continuidade no noso municipio".
Fundado na Guarda no 2018, o Club de Petanca O Caldeiro conta na actualidade con máis de 80 integrantes asociados e afeccionados. O seu obxectivo fundacional é permitir a persoas de distintas idades gozar da petanca, fomentando o deporte como factor de calidade de vida, difundindo a práctica desta modalidade, dando pulo ao traballo en equipo e tecendo vínculos entre localidades próximas.
Concello de O Rosal
Lecer activo, creatividade e traballo en equipo nos campamentos de verán do Rosal
Éxito rotundo das actividades estivais para nenos e nenas organizadas por Concello, Agrupación Musical do Rosal, UD Ribera e Valinox Novás
Co verán chegando ao seu fin e o curso escolar a piques de comezar, o Concello fai un balance moi positivo dos campamentos realizados no Rosal durante a época estival, espazos de encontro que brindaron a nenos e nenas unha experiencia enriquecedora no que o lecer activo, a creatividade, o traballo en equipo e a experimentación foron os eixos principais dunha alternativa lúdica e educativa única para a cativada.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que durante os meses de xullo e agosto grazas aos campamentos de Concello, Agrupación Musical do Rosal, UD Ribera e Valinox Novás "a rapazada puido gozar dunha alternativa de lecer lúdica e educativa durante as súas vacacións estivais ao tempo que se favorecía a conciliación familiar e laboral de rosaleiros e rosaleiras, tan importante nestas datas".
O campamento municipal, celebrado no CPI Manuel Suárez Marquier e en espazos variados do concello, contou cunha ampla variedade de dinámicas, xogos e actividades adaptadas as diferentes idades combinada con saídas ao exterior para gozar dos diferentes espazos naturais da contorna e afondar na posta en valor do medio ambiente.
Deste xeito leváronse a cabo actividades físico deportivas que se complementaron con propostas coas que potenciar outras destrezas, como clases de cociña, debuxo, xogos de mesa, a busca do tesouro arqueolóxico, festas temáticas como a da auga, xincanas ou xogos clásicos colaborativos. Ademais de asistir como público á representación de dúas pezas teatrais, durante os campamentos tamén se recibiu a visita de dúas mozas que introduciron a todas e todos os participantes na importancia do Consello da Infancia e Adolescencia.
Nenas e nenos deron tamén unha grande acollida ás saídas realizadas, como a visita ao velódromo das Eiras para xogar cos máis variados xoguetes con rodas, a mañá no Parque de Pías, a xornada de diversión e relax nas Aceñas, un día de baño na Pesqueira ou unha ruta polos muíños do Folón e do Picón para coñecer a contorna e desfrutar deste espazo natural.
"O balance é moi positivo. Conseguimos ofrecer unha ampla gama de experiencias que non só foron divertidas, senón tamén educativas", destaca a rexedora, que quixo tamén "agradecer a colaboración de todas as entidades involucradas nos diferentes campamanentos, que fan posible combinar lecer e educación e que a nosa rapazada goce dunhas vacacións de maneira activa e creativa".
Concello de O Rosal
O Rosal abre unha fiestra ao mundo a través do cinema na rúa
O Concello, Solidariedade Internacional e Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade proxectarán varias curtametraxes relacionadas con proxectos en Guatemala
Será este venres 13 ás 20.00 h na Praza do Calvario de balde
As rúas do Rosal convértense nun escenario aberto á solidariedade e á reflexión a través do audiovisual. O Concello en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade acolle este venres 13 de setembro a actividade 'Cine na Rúa: unha ventá ao mundo', un visionado de da man da ONG Solidariedade Internacional de Galicia de catro curtametraxes vencelladas aos proxectos de cooperación internacional que Galicia está a desenvolver en Guatemala.
Como afirma a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, trátase dunha actividade que busca "que a xente se sinta partícipe e coñeza de primeira man como a cooperación internacional pode cambiar vidas. O cinema é unha ferramenta moi poderosa para espertar conciencias e, ao facelo nun espazo público como a Praza do Calvario, facemos que sexa accesible para todo o mundo".
Estas pezas audiovisuais abordarán temáticas fundamentais como a soberanía alimentaria, a seguridade e hixiene alimentarias, así como o dereito a unha vivenda digna, á auga ou á educación, todas elas relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Ao rematar as proxeccións, abrirase un espazo de coloquio onde as persoas asistentes terán a oportunidade de compartir as súas impresións, formular preguntas e dialogar coas técnicas de Solidariedade Internacional de Galicia e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nunha conversa enriquecedora a través das temáticas tratadas.
A concelleira de Igualdade e Voluntariado, Beatriz Rodríguez, sinalou que con esta actividade "non se trata só de amosar as inxustizas, senón tamén os esforzos que se están a facer por garantir os dereitos fundamentais, xerando ademais un diálogo que se converterá nunha oportunidade única para construír un pensamento crítico colectivo".
O obxectivo destas proxeccións é tamén poñer en valor a cooperación internacional que levan a cabo as entidades galegas grazas ao apoio dos concellos a través do Fondo Galego. Unha cooperación que se fundamento no acompañamento ás organizacións e entidades contraparte dos diferentes países fuxindo de paternalismos e asistencialismos, traballando man a man para entre todos e todas dar resposta ás problemáticas detectadas.
A actividade, que será de balde, terá lugar este venres 13 ás 20.00 horas na Praza do Calvario, diante do Concello do Rosal.
Concello de O Rosal
|