Como vén sendo habitual ao inicio de cada período escolar, o Concello de Oia pon en marcha o programa Aula de Acollida para o curso 2024-25. As familias que queiran inscribir aos seus fillos e fillas neste servizo municipal, que busca garantir a conciliación da vida laboral e familiar, poden presentar a súa solicitude na Casa do Concello durante este mes de setembro.
O programa arrancará co comezo do curso, o mércores 11 de setembro, e desenvolverase nunha das aulas do CEIP Mestre Manuel García. O servizo estará dispoñible desde as 7.30 horas ata o inicio das clases e, durante este tempo, os nenos e nenas asistentes desfrutarán de xogos, actividades de lecer, etc.
A folla de matriculación na aula municipal de acollida deberase presentar no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto a ela a seguinte documentación: resgardo de matrícula escolar, copia do libro de familia, copia dos DNI da nai e do pai, título de familia numerosa -de ser o caso-, e fotocopia da cartilla da seguridade social do menor.
O prezo do servizo é de 30 euros ao mes (con almorzo) e de 25 euros ao mes (sen almorzo), agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán. Nestes supostos aplicarase unha bonificación do 20% (no caso de ter dous usuarios do servizo na mesma unidade familiar) ou un 40% (no caso de ter tres usuarios do servizo na mesma unidade familiar).
Ademais das persoas usuarias habituais, o Concello de Oia tamén pon a disposición das familias a posibilidade do uso do servizo por días soltos. Neste caso as tarifas son de 2,50€/día (con almorzo) e 2,00€ (sen almorzo).
O Concello de Oia anima á veciñanza a unirse ao programa de compostaxe doméstica, unha iniciativa clave para mellorar a xestión dos biorresiduos no municipio. Este programa municipal busca fomentar a autoxestión da materia orgánica, contribuíndo así á redución dos residuos sólidos urbanos.
As persoas que posúan un pequeno terreo en Oia poden transformar os seus residuos orgánicos en compost de alta calidade. O Concello ofrece gratuitamente composteiros e aireadores domésticos para facilitar esta tarefa.
Para participar, só hai que inscribirse na web en oia.rsu.gal. As persoas que se incorporen ao programa de compostaxe doméstica recibirán un composteiro, un manual de instrucións e soporte continuo por parte de expertos.
A compostaxe doméstica non só axuda a reducir a pegada de carbono ao diminuír a recollida de residuos, senón que tamén produce compost, un abono natural rico en nutrientes para o solo. Ademais, esta práctica contribúe a reducir os custos de xestión dos residuos a longo prazo.
A colaboración cidadá é fundamental para o éxito deste proxecto. Por iso, o Concello de Oia convida a toda a veciñanza a sumarse a esta iniciativa beneficiosa para todos e todas.