|
A Praza do Seixo de Tomiño vibrará este sábado 27 con Dakidarría
A actuación está enmarcada dentro do programa "+ Música" da Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Tomiño
O grupo nigranés "Dakidarría",consolidado como unha banda histórica do panorama galego e estatal, chega á Praza do Seixo de Tomiño cun espectáculo cheo de forza e ritmo.
Despois dunha traxectoria de máis de vinte anos e varios discos ás costas, o grupo xa ten experiencia no de subirse a un escenario. É por iso que non quedará sen cantar a pleno pulmón os temas máis recoñecidos da agrupación, e "Terra", "Lume" ou "En Compostela" serán algúns dos moitos que sairán das gorxas do público asistente, nun espectáculo marcado por unha posta en escena sorprendente e pola festa asegurada.
A cita, que dará comezo ás 22.30 h, realízase grazas á colaboración do Concello de Tomiño co programa "+Música" da Deputación de Pontevedra, que ten como obxectivo apoiar a programación artística profesional en galego dos concellos da provincia de Pontevedra.
Polo tanto, o espectáculo será de balde para que todos os veciños e veciñas poidan gozar dunha actuación na que os do Val Miñor mesturarán os sons e ritmos da voz, a guitarra, o teclado, o saxo, a trompeta e a batería, sen deixar indiferente a ninguén.
A Praza do Seixo de Tomiño será o escenario este venres 26 de xullo do Encontro dos Pobos
Esta cita reunirá a grupos locais e internacionais nun encontro que pon en valor a música e a multiculturalidade
Todo listo en Tomiño para acoller o vindeiro venres 26 de xullo a XXIX edición do Encontro dos Pobos, organizado polo Grupo de Baile e Gaitas "Do Lusco ó Fusco", coa colaboración do Concello.
Este festival de balde dará comezo ás 22.00h e encherá a Praza do Seixo de música tradicional nunha cita para todos os públicos, que está encadrada dentro das xornadas na Guarda, O Rosal e Oia, dentro da mesma programación.
A unión e o intercambio cultural que se produce é sen dúbida o elemento diferenciador desta iniciativa, na que participará en nome de Tomiño o grupo local "Virxe do Alivio", que estará acompañado tamén polos organizadores do evento, o grupo "Do Lusco ó Fusco" da Guarda.
Ademais, o toque internacional da noite virá da man de "Ensemble Dido", que chegarán á Praza do Seixo directamente dende Serbia para sorprender aos asistentes e aportar un son único e diferente.
Este evento, ao que será seguido pola cita de Oia (27 de xullo) é unha mostra máis da riqueza cultural e musical da contorna, e unha oportunidade fantástica para todas as persoas que se acheguen de disfrutar dunha actividade moi enriquecedora.
O Certame de Pintura ao Aire Libre
Antonio Fernández encherá de cor as
rúas de Tomiño e Cerveira
O certame, que se celebrará o 18 de agosto, está organizado pola
Eurocidade Cerveira-Tomiño coa colaboración da Fundação Bienal de
Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes de Goián
As rúas de Tomiño e Cerveira volverán encherse de
cabaletes, lenzos e cor co XII Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández.
Organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño coa colaboración da Fundação Bienal
de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes de Goián, o vindeiro 18 de agosto
celebrarase unha nova edición deste concurso que busca de novo achegar ás e aos
amantes da pintura á contorna para que recollan en vivo e en directo as paisaxes ou o
acontecer dos distintos puntos marcados nos percorridos a ambas beiras do Miño.
As persoas interesadas poden inscribirse xa de forma gratuíta ata o 16 de agosto a
través da páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño. A inscrición será por rigorosa
orde de rexistro e unicamente en liña, non se permitirán inscricións presenciais o día
do propio concurso. As persoas participantes deberán presentarse o día do certame
entre as 09.30 e as 11.30 horas (08.30 e 10.30 horas de Portugal) na Aula Museo
Antonio Fernández para que a organización sele e numere o soporte que se
empregará para a elaboración do cadro.
As obras rematadas serán presentadas sen asinar e co título no reverso, xunto co
cabalete, para a súa exposición na Praza Pintor Antonio Fernández ente as 17.00 e
18.00 horas, hora galega, para a súa cualificación por parte do xurado, que emitirá o
seu fallo co nome dos gañadores ás 18.30 h, ás 17.30 h hora portuguesa.
En total repartiranse máis de 2.650 euros en premios nas tres categorías participantes:
infantil, ata 11 anos; xuvenil, de 12 a 17 anos; e persoas adultas. Os premios serán
outorgados polo Concello de Tomiño, a Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira e a
Comunidade de Montes de Goián.
As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade
Cerveira-Tomiño.
|