JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño peregrinará polo Camiño da Nosa Señora do Norte con Eureka Reto Rural

O concello acolle a décima proba desta iniciativa posta en marcha por EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Será o sábado 20 de xullo ás 20.00 h. Inscricións xa abertas na web

Tomiño peregrinará pola súa historia nunha nova cita con Eureka Reto Rural, un proxecto posto en marcha por EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que permite a todas e todos os participantes achegarse ao territorio dun xeito participativo e divertido a través dun produto turístico orixinal e único. O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago será o escenario da décima proba deste evento aberto a todos os públicos.

O sábado 20 de xullo as persoas participantes terán a oportunidade de descubrir a historia desta variante do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio con Goián como porta de entrada dende Portugal. Co seu centro urbano asentado antigamente á beira do río, o público poderá realizar unha viaxe no tempo descubrindo os segredos do pasado de Goián mentres gozan dunha actividade ao aire libre na mellor compañía.

O escape room partirá ás 20.00 h da praia fluvial de Goián, fronte ao anfiteatro, para desfrutar dunha ruta circular de dificultade fácil. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Sandra González, presidenta de EuRural e alcaldesa de Tomiño, destaca a importancia deste novo desafío de Eureka Reto Rural "para dar a coñecer a veciñanza e visitantes non só o noso concello, senón tamén parte da nosa historia. O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago é unha ruta de medieval de 200 km de gran valor natural, patrimonial e inmaterial na que levamos tempo traballando para poñer en valor de forma conxunta con Portugal, sendo un símbolo máis da cooperación transfronteiriza que nos define. Unha camiñada que sabemos que será longa, pero que nos permitirá acadar o recoñecemento oficial desta variante pola que levan pasando peregrinos e peregrinas ao longo dos séculos".

O equipo que remate no menor tempo o escape room de Tomiño gañará unha visita teatralizada ao Pazo de Mos e un almorzo ou cea degustación de produtos típicos na Tapería Flora de Mos. Ademais, o Concello sorteará un lote de produtos de Tomiño e do Baixo Miño.

As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras Tomiño serán:
- 27 de xullo. Pazos de Borbén. 'A emigración: As casas indianas'.
- 28 de xullo. Fornelos de Montes. 'Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina'.
- 14 de agosto. Soutomaior. 'María Vinyals'.
- 20 de setembro. Redondela. 'A historia da nosa vila'.

Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Eurural


O IES Antón Alonso Ríos, exemplo de saúde e benestar en Tomiño

Foi o único instituto de secundaria de Galicia en recibir o Selo de Vida Saudable do Ministerio de Educación grazas ao seu proxecto 'IES ARR'

O ensino tomiñés é un exemplo a seguir. O IES Antón Alonso Ríos acaba de converterse no único instituto de educación secundaria de Galicia en obter o Selo de Vida Saudable, un distintivo de calidade concedido polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes a aqueles centros que promoven un estilo de vida saudable. Dos 350 centros educativos de toda España que presentaron as súas propostas, o Ministerio concedeu o distintivo a 63.

O instituto tomiñés acadou este recoñecemento polo seu proxecto 'IES AAR. Saudable e activo', unha proposta que se impuxo pola súa calidade e que aborda dun xeito integral a saúde dende distintas perspectivas cunha visión interdisciplinar baseándose nas actividades que o centro leva realizando nos últimos anos.

O proxecto contempla catro ámbitos claros de actuación para promover uns hábitos saudables. Por un lado, a saúde e o deporte, área coa que se fomenta un estilo de vida activo a través de iniciativas que afectan aos recreos e ás actividades complementarias e extraescolares. Outra dos eixos da proposta céntrase na educación en nutrición, no que por medio de traballos e iniciativas se fomenta a investigación e o desenvolvemento dunha nutrición equilibrada e saudable, un tema que ocupa un lugar importante no Congreso Científico que organiza o IES Antón Alonso Ríos, un encontro anual que busca mergullar ao alumnado no traballo e no método científico dun xeito directo, ameno e divertido, xerando experiencias motivadoras que fomenten a investigación.

A iniciativa tamén bota unha ollada á saúde emocional e mental, un ámbito no que destaca un proxecto que integra a toda a comunidade educativa denominado 'Febreiro: mes das emocións'. Ademais, 'IES AAR' céntrase na prevención de condutas nocivas e de risco entre o alumnado, así como nas relacións afectivo-sexuais saudables, contando sempre coa colaboración de entidades e asociacións especializadas na intervención en adolescentes e familias.

Como sinalan dende o IES Antón Alonso Ríos, todas estas actividades "funcionan grazas á entrega dun claustro implicado e unha asociación de familias, a ANPA Solleiro, que colabora e apoia moitos destes proxectos fomentando a participación activa de toda a comunidade educativa. A estreita colaboración co Concello de Tomiño e outros organismos locais favorece a creación dunha contorna educativa enriquecedora e inclusiva".

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, expresou o seu orgullo por este recoñecemento ao IES Antón Alonso Ríos e felicitou ao centro, ao seu equipo docente e directivo, a alumnado e familias pola súa implicación para promover estilos de vida saudables e integradores. "Iniciativas coma esta, exemplo de innovación e compromiso coa saúde, son as que contribúen ao benestar da nosa mocidade e á construción dunha comunidade máis cohesionada. Este distintivo consolida unha vez máis ao IES Antón Alonso Ríos como referente no ámbito educativo", resaltou.

Concello Tomiño


O XXVII Encontro de Bandas de Música de Goián volve encher de son o Espazo Fortaleza

Será o 19 de xullo coa Agrupación Musical de Goián como anfitrioa e coa Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia como convidada

O Espazo Fortaleza de Goián prepárase para ser escenario do XXVII Encontro de Bandas de Música de Goián. Será este venres 19 de xullo ás 21.00 horas, unha xornada na que as persoas asistentes poderán desfrutar do solpor amenizado con música ao aire libre nunha fermosa contorna á beira do río Miño.

O evento, que forma parte do programa Son&Serán do Concello, está deseñado para todos os públicos e será de balde, converténdose nunha oportunidade única para que veciñanza e visitantes poidan gozar da riqueza musical das bandas.

Nesta ocasión, a banda anfitrioa, a Agrupación Musical de Goián, recibirá como convidada á Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia para ofrecer un repertorio variado e emocionante.

Concello Tomiño


NdP_Aventura e deporte na Gladiator Junior da Eurocidade Cerveira-Tomiño

Todo listo para celebrar a primeira Gladiator Race Junior da Eurocidade Cerveira-Tomiño. Un evento deportivo único na comarca dirixido á infancia e mocidade encadrado no Orzamento Participativo Transfronteirizo que este sábado 20 de xullo reunirá a 400 rapaces e rapazas no Espazo Fortaleza de Goián desfrutando da aventura, do deporte e do aire libre.

Durante a presentación do evento, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou que "é un orgullo para o Concello de Tomiño organizar o Gladiator Junior, que non só representa unha excelente oportunidade para que a nosa cativada e mocidade desfrute do deporte, senón que tamén subliña a importancia da colaboración transfronteiriza e da convivencia cos nosos veciños e veciñas portuguesas". Unhas verbas que ratificou o presidente da Cámara Municipal de Cerveira, Rui Teixeira, presente durante o acto.

Concello Tomiño


'Roupa tendida' leva a maxia da narración oral á Praza da Mina co PequeVerán

Xarope Tulú chega a Tomiño co seu espectáculo para a cativada este xoves 18 de xullo ás 19.30 horas

O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta pola cultura e o entretemento infantil nesta época estival coa chegada dun novo espectáculo para nenos e nenas ao abeiro do programa PequeVerán. O vindeiro xoves 18 de xullo a partir das 19.30 horas, a Praza da Mina será o escenario de 'Roupa tendida', unha proposta de Xarope Tulú que afonda na literatura de tradición oral para que a cativada tomiñesa crezan aprendendo ao tempo que se divirten.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a importancia de realizar actividades como as que se están a levar a cabo este verán para o desenvolvemento cultural dos máis pequenos e pequenas. "Traer espectáculos como o de Xarope Tulí ao noso concello promove a cultura e a tradición oral, contando historias ao modo de onte para construír o noso futuro".

'Roupa tendida' é unha obra que explora a narración oral que procura afondar na literatura de tradición oral, revisitando contos tradicionais co obxectivo de reflexionar sobre as crenzas colectivas e observalas coa perspectiva do tempo , contalas desde a visión dos e das pequenas que se fixeron grandes e cuestionaron unha e outra vez o papel das silenciadas, das subversivas, das que non tiveron voz.

Concello Tomiño


Tomiño reforza a súa seguridade con dous novos axentes de Policía Local

Incorporáronse ao servizo hai unhas semanas tras pasar o período de formación regulamentaria

O Concello reforza a seguridade en Tomiño coa incorporación de dous novos axentes de Policía Local. Estes efectivos, que se suman ao equipo actual, consolidan o compromiso do Goberno local para mellorar os recursos do corpo de seguridade municipal, aumentando así a calidade de vida da veciñanza.

A alcaldesa, Sandra González, destacou a importancia desta incorporación sinalando que "este reforzo no cadro de persoal da Policía Local non só asegura un servizo máis eficiente e preventivo, senón que tamén reflicte a nosa determinación por seguir dotando de recursos e servizos ao noso municipio".

Os novos axentes comezaron a súa actividade en Tomiño hai unhas semanas despois de completar o período de formación regulamentaria na Academia Galega de Seguridade, dependente da Xunta de Galicia. Estas dúas novas incorporacións permiten así cubrir as vacantes deixadas por outros dous axentes de policía que solicitaron hai un tempo o seu traslado a Vigo.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais