|
Pepe O Buraco, curiosidade, sabedoría e 'Memoria Viva' do Rosal
Alcaldesa e veciñanza acompañaron ao protagonista na proxección da nova peza documental deste proxecto que busca preservar o patrimonio inmaterial vivo
Atesourar e conservar as lembranzas que falan a historia do Rosal e que non aparecen nos libros, escoitalas de viva voz de boca "dos nosos avós e avoas que nos transmiten o legado da súa orixe agora no presente pero, sobre todo, para as xeracións futuras". Ese é o obxectivo do proxecto Memoria Viva, que onte presentou nun emotivo acto no auditorio municipal a súa terceira edición cun novo protagonista: José Álvarez Alonso, Pepe O Buraco, "unha persoa curiosa, intelixente, moi avanzado ao seu tempo e moi xenerosa, que no dubida en compartir con todas e todos a súa sabedoría e coñecementos".
Con este proxecto plurianual, o Concello puxo en marcha un sistema de salvagarda das lembranzas das persoas de maior idade do Rosal para recollelas nun vídeo documental e nun libro de pequeno formato como testemuña doutros tempos. E ao son da voz de Pepe O Buraco coñeceremos os segredos dos cabaqueiros, o nacemento do club de balonmán Atlético Novás, a súa vida como camioneiro, na política ou na directiva da Liga de Amigos ou a súa curiosidade innata, que o levaron a aprender sobre a arte rupestre e ser fonte de referencia para novos investigadores ou a recuperar o tradicional xogo dos bolos.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, "falar de Pepe é falar de coñecemento, dun referente no orgullo da humildade e da superación de adversidades. Pero se algo o diferencia e a súa curiosidade, que o levou a preocuparse por aprender todo o que podía e a divulgar con gran xenerosidade todo o coñecemento adquirido. Pepe O Buraco é sinónimo dun valor patrimonial importantísimo, dunha mentalidade avanzada para o seu tempo que ve nas mulleres ás verdadeiras heroínas da vida, sacando adiante familia e traballo con determinación nunha época na que O Rosal quedaba valeira de homes que marchaban moitos meses ao ano a traballar ás cabaqueiras".
Moi emocionado polo recoñecemento recibido, Pepe quixo agradecer a todas as persoas que o acompañaron neste día tan especial pero tamén ao longo de toda a súa vida. "Gústame estudar o pasado e vivir o presente. E o futuro, como dicía a miña nai, xa Deus dirá", lembrou tras a proxección do documental.
Deste xeito, Pepe O Buraco súmase aos vídeos documentais e á serie de libros protagonizados por Nemesio Castro, Marcola González, Carmen Piedra Pérez e Isaac Penela Carbajales. O documental poderá verse na web do proxecto e nas redes sociais municipais. Ademais, o Concello levará 'Memoria Viva' aos barrios coa proxección do documental o sábado 17 de agosto en Martín.
Concello de O Rosal
Máis de 200 persoas superan entre viñas e viñedos do Rosal un novo desafío de Eureka Reto Rural
O equipo 'Tanedo', o máis rápido en rematar o xogo, gañou unha ruta en caiac ata San Simón, con experiencia intermareal, birdwatching e comida no Restaurante Casa Chano en Redondela
A vindeira cita será o sábado 20 de xullo en Tomiño. Inscricións xa abertas na web
Desafío entre viñas e viñedos superado. Máis de 200 persoas aceptaron unha nova proba de 'Eureka Reto Rural' para desfrutar no Rosal dunha experiencia única que combinou diversión e aprendizaxe sobre a tradición vitivinícola rosaleira. Unha actividade interactiva, divertida e orixinal pensada para toda a familia coa que EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúan a desvelar os segredos do territorio e que neste caso e aproveitando a celebración da XXXII Feira do Viño do Rosal levou a todas e todos os participantes a resolver pistas e desafíos relacionados co proceso de produción do viño.
O equipo 'Tanedo' foi o gañador do escape room, polo que poderá desfrutar dunha ruta en caiac ata San Simón, con experiencia intermareal, birdwatching e unha comida no Restaurante Casa Chano de Redondela para seis persoas. Por outra banda, 'Aliens', 'LNeRodri' e 'Lapandi' foron os gañadores dos lotes de produtos locais da tenda Paquín, especializada en produtos típicos galegos e das Rías Baixas, mentres que 'Las Bebedoras' e 'HugoP' gañaron prazas para desfrutar da cata de viños a cargo de Marina Cruces na Feira do Viño do Rosal.
As persoas que non puideron asistir esta fin de semana á cita no Rosal poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
'Eureka Reto Rural' levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será o sábado 20 de xullo ás 20.00 horas en Tomiño co 'Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago' como temática central.
As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.
Eurural
Mulleres que inspiran para promover a empatía e a igualdade nos campamentos rosaleiros
Máis de 100 nenos e nenas participaron nas actividades postas en marcha polo concello para sensibilizar á rapazada sobre as discapacidades
Promover a empatía e a sensibilización sobre as discapacidades entre a rapazada, fomentar a igualdade resaltando os éxitos das mulleres deportistas con discapacidade e destacar a importancia do esforzo e da diversidade no deporte e na vida. Ese é o obxectivo dunha nova edición de 'Mulleres que inspiran', un programa posto en marcha polo Concello do Rosal para continuar revolucionando mentes e camiñar cara a unha sociedade máis solidaria, igualitaria e empática achegando a infancia e mocidade mulleres referente.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia desta nova edición deste programa "non só para visibilizar o talento e a forza das mulleres con discapacidade, senón tamén para fomentar a empatía e o respecto entre a nosa infancia e mocidade. E sempre é un orgullo contar con mulleres que lles sirvan de exemplo de loita, talento e superación".
A través desta iniciativa, os máis de 100 nenos e nenas participantes no campamento municipal e nos do Valinox Novás e da Agrupación Musical do Rosal recibiron a visita de Corina Alfonso Mañá, psicóloga, actriz e deportista galega con cegueira total de nacemento que actualmente traballa como Promotora de Braille ensinando a persoas adultas e empresas. Unha muller empoderada "cunha capacidade de superación incrible", exemplo perfecto de que a discapacidade non é un impedimento para alcanzar metas.
Durante a charla, Corina Alfonso transmitiu unha mensaxe positiva e alentaroda e afondou na súa carreira deportiva, na súa formación académica, no seu traballo e na súa faceta como actriz de teatro e ensinou a nenos e nenas material para achegarlles o braille, como a boneca Braillina, xogos de mesa e a máquina Perkins, coa que se escriben os textos en braille.
Tras a conversa con Corina Alfonso, as actividades continuaron coa dinámica 'Ponte nas súas deportivas'. Ademais de coñecer a dúas mulleres deportistas galegas paralímpicas que estarán nas Paraolimpiadas de París 2024, a atleta Desiree Vila e a triatleta Susana Rodríguez, a rapazada puido experimentar o fútbol e o atletismo para invidentes a través da simulación dunha discapacidade visual, con antifaces ou pelotas sonoras.
O programa Mulleres que inspiran continúa a ser unha iniciativa clave coa que o Concello do Rosal promove a igualdade e a diversidade entre rapazada e mocidade, mostrando exemplos reais de superación e éxito feminino en diferentes ámbitos da sociedade.
Concello de O Rosal
O Rosal estrea con música os seus Tardeos na Praza
Será este xoves 18 de xullo ás 20.30 horas na Praza do Calvario
O Concello do Rosal dá o pistoletazo de saída aos seus Tardeos na Praza, unha nova iniciativa que este verán encherá de vida a Praza do Calvario con catro xornadas de actividades pensadas para públicos moi diversos. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, amosouse entusiasmada con esta nova proposta da axenda cultural que promete converter os seráns nun punto de encontro para a veciñanza.
"A Praza do Calvario transfórmase de novo nun lugar de encontro onde todas e todos podamos gozar de actividades culturais e do lecer ao aire libre. Con estes tardeos, buscamos ofrecer unha programación variada que poida ser desfrutada por persoas de todas as idades", destacou.
A primeira xornada arrancará este xoves 18 de xullo ás 20.30 horas coa actuación de Gold&Colt, unha banda de folk americano composta por músicos veteranos de distintos puntos de Galicia. O seu son auténtico e enérxico promete marcar un inicio espectacular para esta serie de eventos.
Concello de O Rosal
O Rosal mantén a súa memoria máis viva que nunca
O Concello presenta este venres 19 de xullo ás 20.00 h no auditorio municipal a terceira edición de 'Memoria Viva'. Pepe O Buraco, o protagonista
Poucas familias rosaleiras non teñen un pasado ligado aos cabaqueiros. Emigraban cinco ou seis meses ao ano ao longo da xeografía española para gañar o pan e no Rosal quedaban só mulleres, nenas e nenos menores de 13 anos que se encargaban de traballar, cociñar e limpar. Un deses nenos foi Pepe O Buraco, protagonista da terceira edición de Memoria Viva, unha iniciativa posta en marcha polo Concello para protexer e preservar o patrimonio inmaterial do Rosal, así como o coñecemento e a memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.
Este venres 19 de xullo, o Concello presenta ás 20.00 horas no auditorio municipal do Rosal unha nova entrega deste proxecto coa proxección dun vídeo documental e dun libro editado en pequeno formato que permitirá ao público percorrer a historia rosaleira a través das lembranzas e da voz de Pepe, patrimonio inmaterial vivo e testemuña incomparable da forma de vivir doutros tempos.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, sinalou a importancia deste proxecto que xa vai pola súa terceira edición. "Non queremos que caia no esquecemento unha parte tan importante da nosa memoria individual e colectiva. Por iso seguiremos traballando para continuar recompilando e recuperando as vivencias persoais, os momentos históricos, as formas de vida... que gardan na memoria os nosos veciños e veciñas".
Deste xeito, Pepe O Buraco súmase aos vídeos documentais e á serie de libros protagonizados por Nemesio Castro, Marcola González, Carmen Piedra Pérez e Isaac Penela Carbajales.
Dende o Concello quere agradecerse a inestimable colaboración de Pepe, implicado de principio a fin en todo o proceso e convida a toda a veciñanza a participar no acto de presentación, que será con entrada de balde ata completar aforo.
Concello de O Rosal
Contacontos ilustrado no Rosal para mergullarse na historia da escritora Luísa Villalta
Será da man de Polo Correo do Vento este martes 16 de xullo ás 12.3o horas no auditorio municipal de balde
O Rosal prepárase para mergullar aos máis pequenos e pequenas na historia da escritora Luísa Villalta. O Concello acolle este martes 16 de xullo 'Tinta do Mar', un contacontos ilustrado co que festexar as Letras Galegas e divulgar a biografía e traxectoria da autora homenaxeada neste 2024.
Polo Correo do Vento será o encargado de facer desfrutar á cativada cunha proposta na que alternará a narración da vida de Luísa Villalta coa creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, o espectáculo contará coa interpretación de distintas pezas musicais e se pechará cun pequeno coloquio adaptado a idade da rapazada participantes e cun taller no que cada persoa asistente poderá realizar a súa propia caricatura da escritora.
O contacontos será ás 12.30 horas no auditorio municipal do Rosal con entrada de balde. Dende o Concello convídase a toda a rapazada a participar neste encontro co que se busca dar a coñecer a figura de Villalta, escritora, filóloga e violinista á que a Real Academia Galega (RAG) dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Escritora de poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, a RAG destaca dela que foi unha creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeu na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90.
Concello de O Rosal
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|