JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tui foi en xuño o primeiro punto de saída de peregrinos do Camiño Portugués

Máis de 4 mil persoas elixiron a cidade para iniciar a súa peregrinación a Compostela o mes pasado.

Tui foi no mes de xuño o primeiro punto de saída de peregrinos do Camiño Portugués a Santiago. En concreto foron 4.083 persoas as que elixiron a cidade tudense para iniciar o Camiño Portugués, fronte ás 3.798 que partiron de Porto ou os 1.964 que o fixeron dende Valença. Amais no mes de xuño Tui foi o terceiro lugar de inicio do Camiño en todas das vías xacobeas, logo de Sarria con 18.834 e St. Jean Pied de Port con 6.067.

O pasado mes foron 11.939 persoas as que completaron o Camiño Portugués, e por tanto saíron ou pasaron por Tui, o que representa un incremento do 17% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, segundo as estatísticas da Oficina do Peregrinos da Catedral de Santiago.

Estes datos positivos súmanse aos da Oficina Municipal de Turismo que no mes de xuño recibiu a 2.400 persoas.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, salienta a "a positiva tendencia" que marcan estes datos estatísticos tanto no que atinxe ao número de peregrinos con case 12 mil persoas realizando o Camiño que ten en Tui a súa porta de entrada en Galicia, coma as máis de 2.400 que visitaron a Oficina de Turismo o mes pasado, dos que 1.493 turistas e 912 peregrinos.

Analizando estes datos queda plasmada por unha banda a procedencia maioritaria de persoas nacionais entre as que se achegan á Oficina de Turismo xa que dos 912 peregrinos atendidos 536 eran españois, chegados principalmente de Madrid, Sevilla, Valencia ou Alacante, e 376 internacionais, procedentes maioritariamente de Alemaña, EEUU, Italia e Francia.

Mentres no que se refire aos peregrinos das 11.939 que completaron o Camiño Portugués en xuño o 70%, é dicir 7.192, eran estranxeiros; e 3.538, o 30%, españois.

Portugal co 17,7%, Estados Unidos co 9,12%, Italia co 5,23% e Alemaña co 4,88% foron os principais países de orixe. Mentres os peregrinos nacionais procederon principalmente de Andalucía, Madrid e Valencia.

A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, subliña que o número de peregrinos é superior aos ofrecidos por estes datos estatísticos da Oficina da Catedral compostelá pois os peregrinos que cada vez en maior número realizan o trazado oficial do Caminho Portugués da Costa, que dende Caminha vai por Vilanova de Cerveira e Valença, non son computados nestes datos do Camiño Portugués senón do Camiño Portugués da Costa como se non pasasen por Tui.

A concelleira salienta tamén como estes datos de afluencia turística sinalan un crecemento paulatino da afluencia de peregrinos e visitantes á nosa cidade e que conforman un dos grandes recursos socioeconómicos do noso municipio baseado nunha oferta sostible dos recursos patrimoniais e culturais que caracterizan Tui.

Engade a responsable de Turismo que "O Camiño de Santiago é unha fonte vital de ingresos e desenvolvemento para a nosa cidade. O importante número de peregrinos que mes a mes inician o camiño en Tui fomenta o crecemento dos sectores de aloxamento, gastronomía, comercio polo miúdo e transporte, ademais de impulsar o desenvolvemento de novos servizos e ofertas". Salienta así que "este movemento turístico non só xera emprego e dinamiza a economía local, senón que tamén contribúe á promoción e revitalización de Tui como un importante destino turístico e cultural".

Concello Tui


Protección Civil de Tui conta dende hoxe cunha tenda de campaña para a atención ás emerxencias

Recibiron o novo material na AGASP a onde acudiron xunto á tenente alcalde Ana Núñez

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui recibiu hoxe na AGASP, a Academia Galega de Seguridade Pública, unha tenda de campaña para a atención ás emerxencias, coa que se mellora o equipo de que dispón a agrupación tudense.

Ao acto de entrega, no que participou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entre outros, acudiron a tenente alcalde, Ana Núñez e membros de Protección Civil de Tui.

A tenda de campaña recibida por Protección Civil de Tui esta mañá conta cun teitos de 4x4 metros, estruturas reforzadas de aluminio e kit de iluminación de baixo consumo, entre outras características.

O equipamento entregado hoxe a 86 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de toda Galicia forma parte das axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa Feder de Galicia.

A tenente alcalde de Tui, Ana Núñez, destacou o compromiso do Concello de Tui coa Agrupación de Voluntarios de Protección de Civil, agradecendo o seu labor ao longo dos 365 días tanto en emerxencias coma colaborando en eventos culturais ou deportivos. Sinalou Ana Núñez amais o apoio que se presta dende a institución municipal para a xestión dos recursos para esta agrupación, axudando amais na tramitación deste tipo de subvencións tan importantes para poder incrementar o material de emerxencias do que dispoñen.

Concello Tui


O GuillaFolk abre esta fin de semana a programación Tui,Verán na rúa

Celebrarase no torreiro de festas de Guillarei co VII Festival Folclórico e o IX Festival de Bandas

Comeza a programación "Tui, Verán na rúa" esta fin de semana coa celebración do GuillaFolk organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei coa colaboración do Concello de Tui.

Venres 5 e o sábado 6, Guillarei converterase no epicentro da música e da cultura tradicional coa celebración do GuillaFolk, co VII Festival Folclórico e o IX Festival de Bandas. O evento terá lugar no Torreiro de Festas de Guillarei e ofrecerá unha ampla variedade de actividades para todos os públicos.

Tanto mañá venres coma o sábado os máis pequenos poderán gozar con inchables e xogos populares a partir das 20 h. Tamén haberá exposición e postos artesanais.

Venres, ás 22 h, comezará o VII Festival Folclórico coa actuación do grupo folclórico Lembranzas da Terra de Guillarei e o Grupo de Baile Erasmo Hernández de Gran Canaria. Ao remate estará en concerto o grupo Algo pasa con Mery.

Mentres o sábado ás 12 h na praza de San Fernando terá lugar a benvida por parte do Concello de Tui ás agrupacións participantes no IX Festival de Bandas. Unha hora despois, ás 13 h, xa no torreiro de festas, actuará en sesión vermú Terapia de Grupo. Nesta xornada haberá tamén unha MasterClass de baile tradicional. Ás 22 h comezará o festival no que participarán a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra, a Banda de Gaitas A Insua de Caldelas e Donicelas. Pechará as actuacións o grupo Storrentos

O GuillaFolk será esta fin de semana unha cita ineludible para os amantes da música e da cultura tradicional.

Concello Tui


Máis de 400 deportistas competirán no X Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade

Celebrarase este domingo dende ás 10.30 h no pavillón Gustavo Rodríguez con entrada gratuíta

Máis de 400 deportistas de España e Portugal van participar este domingo, no pavillón municipal Gustavo Rodríguez, no X Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade. Dende ás 10.30 h serán dúas horas dunha espectacular competición deportiva nas modalidades de Kung Fu Tradicional e Moderno, que reunirá a nenos e nenas dende os 8 anos até deportistas veteranos. No evento participarán varios medallistas nacionais e europeos o que reflicte o alto nivel da competición.

O X Campionato Ibérico de Kung Fu da Eurocidade Tui-Valença está organizado polo Club Ximnasia e Auga de Tui, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e a Federación Galega de Kung Fu. Na presentación do evento realizada esta mañá na casa do concello participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, o presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, o director do comité organizador, Eduardo Jorge Méndez, o director do departamento de Kung Fu Moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco, e o deportista Miguel Santos, que ten no seu haber máis de 20 campionatos de España nas distintas modalidades de Kung Fu.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención a consolidación do evento e o alto nivel de aceptación que ten por parte do público. Reafirmou o compromiso da administración no apoio ao deporte e a esta proba deportiva en particular. Ao tempo o rexedor tudense salientou que máis aló da repercusión no ámbito deportivo e social este evento deportivo é, tamén, un elemento de dinamización económica.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, referiuse aos valores que transmite o Kung Fu, destacando que se trata dun campionato plenamente consolidado. Indicou que as artes marciais serán protagonistas na fin de semana na Eurocidade, xa que o sábado se celebra o VIII Open de Judo da Eurocidade. No mesmo senso pronunciouse o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, indicando que esta é unha modalidade deportiva que transmite valores para a vida. Ao tempo referiu que este campionato é unha proba referente.

O presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, destacou que este Campionato Ibérico, é unha proba xa consolidada no calendario da Federación. Indicou que dos 400 deportistas que participarán o 80% son españois e o 20% portugueses. Por outra parte explicou que o Kung Fu é unha proba espectacular tanto dende o punto de vista deportivo coma organizativo cun sistema de competición totalmente inclusivo. Avanzou que o campionato será transmitido en streaming pola canle de YouTube da Federación.

Mentres o director do departamento de Kung Fu Moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco, salientou o alto nivel competitivo que haberá con medallista galegos, nacionais e mesmo internacionais.

Eduardo Méndez Sanjurjo, presidente do Comité Organizador, explicou que o Kung Fu está entre os deportes máis espectaculares. Serán dúas horas de competición, dende as 10.30 h, moi dinámicas xa que se desenvolverán varias probas ao mesmo tempo en categorías infantil e adultos, e en modalidades técnicas e de combate, nas que afirmou que non hai risco de lesións. Tamén quixo destacar o carácter educativo e formativo deste deporte. No 40 anos que o seu club leva realizando Kung Fu máis de 9 mil persoas teñen practicado este deporte, e levan colleitado máis de 600 campionatos de España e 900 de Galicia.

O deportista Miguel Santos, que ten no seu haber máis de 20 campionatos de España nas distintas modalidades de Kung Fu, salientou a importancia de fomentar a práctica do Kung Fu e de crear referentes para futuras xeracións.

O X Campionato Ibérico de Kung Fu celebrarase este domingo, dende ás 10.30 h, no pavillón Gustavo Rodríguez en Tui. A competición realizarase tanto a nivel individual coma por equipos con combinación de movementos libres, defensa persoal simulada, e Tao no caso do Kung Fu Tradicional, e con Man Baleira e Aparatos no Kung Fu Moderno. A entrada será de balde.

Concello Tui


Seis visitas guiadas por especialistas forman parte do programa "Coñece o noso Patrimonio"

Está organizado polo Instituto de Estudos Tudenses coa colaboración do Concello de Tui. Celebrarase do 15 de xullo ao 20 de agosto

O Instituto de Estudios Tudenses retoma, tras o éxito do ano pasado, o seu programa denominado "Coñece o noso patrimonio" que comprende un total de seis visitas guiadas a elementos patrimoniais tudenses a cargo de especialistas do propio Instituto. Este programa, a desenvolver neste mes de xullo e no de agosto, conta coa colaboración da concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui.

O historiador Rafael Sánchez Bargiela comezará estes roteiros o luns 15 de xullo cun percorrido dende a Glorieta de Vigo ata a ponte internacional. A seguinte cita estará a cargo do arqueólogo Benito Vilas que o martes 23 de xullo realizará unha visita comentada aos gravados rupestres do Alto dos Cubos e Rozacús na parroquia de Randufe.

Continuará este ciclo coa presenza da profesora de Historia da Arte da USC, Marta Cendón, que o mércores 31 de xullo comentará o proceso construtivo da catedral tudense. Na seguinte semana, o xoves 8 de agosto, o arqueólogo tudense Juan José Perles abordará as transformacións da cidade de Tui a través dos seus recintos amurallados.

As dúas últimas visitas comentadas estarán a cargo de Carmen Manso Porto, responsable da Sección de Cartografía e Artes Gráficas da Biblioteca da Real Academia de la Historia, na igrexa conventual de San Domingos o martes 13 de agosto, finalizando este ciclo, o martes 20 de agosto, o historiador Suso Vila cun percorrido para comentar a evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II.

Dende o Instituto de Estudios Tudenses abordan este novo ciclo de visitas guiadas co obxectivo de contribuír ao coñecemento e divulgación do amplo acervo patrimonial que atesoura a nosa cidade e que paralelamente contribuirá a súa mellor conservación.

A concelleira de Turismo e Patrimonio do concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, agradece este programa "Coñece o noso patrimonio" que organiza o Instituto de Estudios Tudenses, confiando en repetir o éxito e acollida que tivo xa o verán pasado.

O aforo para estas visitas é limitado. É preciso inscribirse de forma gratuíta no correo biblioteca@tui.gal indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e visita elixida. Débese enviar unha mensaxe por cada ruta na que se desexe participar.

Programa Coñece o noso Patrimonio

Luns, 15 de xullo, ás 20.30 h
"Da Glorieta á ponte internacional, paseando con outra mirada" por Rafael Sánchez Bargiela, historiador
Inicio Glorieta de Vigo

Martes, 23 de xullo, ás 20.30 h
"Arqueoloxía no Alto do Coello y Rozacús" por Benito Vilas, arqueólogo
Inicio Alto do Coello - Randufe

Mércores, 31 de xullo, ás 20.30 h
"El proceso constructivo de la catedral tudense a través de su exterior" por Marta Cendón Fernández, profesora da USC.
Inicio fachada norte da Catedral (rúa Párroco Manuel Rodríguez Vázquez).

Xoves, 8 de agosto, ás 20.30 h
"Transformacións da cidade de Tui a través dos seus recintos amurallados" por Juan José Perles Fontao, arqueólogo.
Inicio Praza do Concello

Martes, 13 de agosto, ás 20.00 h
"Santo Domingo de Tui, ejemplo de arquitectura mendicante en Galicia " por Carmen Manso Porto, da Real Academia de la Historia
Inicio Igrexa de San Domingos

Martes, 20 de agosto, ás 20.00 h
"Evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II" por Suso Vila, doutor en Historia da Arte pola USC
Inicio Oficina Municipal de Turismo (Paseo da Corredoira).

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais