|
Tomiño vive o verán nas rúas
O Concello programa medio cento de actividades de balde ata setembro entre as que destacan programas de grande éxito como Música e Románico, Son&Serán, as Rutas de Artes e Oficios ou o Peque Verán
Este verán o lecer toma as rúas e prazas de Tomiño. O Concello xa ten en marcha unha ampla programación estival con medio cento de propostas de balde cun obxectivo claro: facer desfrutar do municipio a veciñanza e visitantes. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a variedade e calidade das actividades que se celebrarán ata setembro, "unha axenda cultural dinámica e vibrante deseñada para desfrutar dunha oferta adaptada a todas as idades e intereses de xeito que tomiñeses, tomiñesas e visitantes poidan gozar de alternativas de ocio de calidade e de balde durante todo o verán".
Unha morea de propostas entre as que non podían faltar programas culturais de grande éxito en edicións anteriores e que neste 2024 regresan para seguir achegando ao público á cultura, historia e patrimonio tomiñés. Entre eles destacan o Peque Verán, máis dunha ducia de actividades para público infantil e familiar para desfrutar na Praza da Mina, na Praza do Seixo e na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián dos máis variados espectáculos e do cine ao aire libre.
O Concello saca tamén a música ao aire libre e continúa poñendo en valor as prazas como lugar de encontro e lecer, devolvendo dun xeito integral os espazos públicos ás persoas. Será cunha renovada edición do Son&Serán, unha decena de actuacións musicais na Praza do Seixo e no Espazo Fortaleza de Goián co que vivir e experimentar os máis variados estilos e que incluirá o tradicional concerto de verán da Agrupación Musical de Goián o 30 de agosto ás 22.00 horas.
Centrado tamén no campo musical estará a terceira edición de Música&Románico, un ciclo con grande acollida entre o público que busca poñr en valor o importante patrimonio histórico e artístico que representan as igrexas da época románica das parroquias tomiñesas e que levará durante o mes de xullo a importantes grupos ás igrexas de Santa María de Tebra, Santa María de Tomiño, San Vicente de Barrantes e San Salvador de Tebra.
Súmanse ademais as propostas das Rutas de Artes e Oficios, encontros coas que promocionar a riqueza artística, cultural e patrimonial de Tomiño e que este ano achegará ao público participante aos pescadores do río Miño, á panadaría Camiño Novo, ao taller da artista Pilar Alonso e aos viñedos da Bodega Altos de Torona. Ademais o programa completarase cunha noite de observación astronómica e unha xeira polo Monte Tetón. Xa están abertas na web as inscricións para participar en todas estas actividades.
Serán musical na Praza do Seixo co concerto de verán da Coral Polifónica de Tomiño
A actuación será este domingo 7 de xullo ás 20.00 horas con entrada de balde
Voces listas para unha nova actuación da Coral Polifónica de Tomiño. Este domingo 7 de xullo, as e os integrantes da coral subiranse ao escenario na Praza do Seixo para ofrecer o seu tradicional concerto de verán, un espectáculo que promete deleitar a todo o público asistente cun variado repertorio.
O concerto, que comezará ás 20.00 horas, celébrase ao abeiro do Son&Serán, un programa posto en marcha polo Concello de Tomiño para achegar a música á veciñanza, levando as melodías ao aire libre e dotanto de vida e actividade espazos recuperados para as persoas no municipio.
"É un orgullo poder ofrecer este tipo de espectáculos culturais en Tomiño. A Coral Polifónica é un referente musical na nosa vila é estamos seguros e seguras de que este concerto será un verdadeiro pracer para os sentidos", salientou a alcaldesa, Sandra González, que animou a todos os tomiñeses e tomiñesas a asistir ao concerto.
Baixo a dirección de David González, a coral tomiñesa ofrecerá un espectáculo único e variado, con pezas que van dende as cancións populares e clásicas ata composicións contemporáneas. Fundada en 1997, a Coral Polifónica conta actualmente con 30 voces mixtas que se teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo distintivo.
A actuación estará aberta a todos os públicos con entrada de balde.
Tomiño fai resoar a historia cunha nova edición do ciclo Música&Románico
O Concello pon en valor o patrimonio románico con concertos en castro ricos exemplos da arte do século XII nas parroquias tomiñesas
A primeira cita será este venres 5 de xullo ás 20.30 horas na igrexa de Santa María de Tebra co grupo folk Tor
Tomiño fai vibrar o seu pasado con música de todos os tempos. O Concello volve poñer en valor o seu patrimonio románico cunha nova edición de Música&Románico, un ciclo musical que durante o mes de xullo acollerá catro concertos que terán como escenario xoias únicas do século XII: as igrexas románicas de Santa María de Tebra, Santa María de Tomiño, San Vicente de Barrantes e San Salvador de Tebra.
Como sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, este ciclo destaca pola súa importancia a nivel histórico e cultural, xa que "Música&Románico é unha ocasión única para poñer de relevo e gozar do noso patrimonio dun xeito especial. Cada ano este ciclo permite que a música encha de vida os nosos templos románicos, facendo que a historia e a cultura se unan nunha experiencia inesquecible para o público".
A primeira cita con esta nova edición será este xoves 5 de xullo baixo a batuta de Tor, un grupo de folk céltico cun repertorio de temas instrumentais tomados da tradición galega. A agrupación musical ten as súas raíces en 1992 e dende entón non deixou de continuar madurando para conformar un son acústico autenticamente vintage, similar aos clásicos do folk celta e, ao mesmo tempo, acorde cos traballos actuais do folk atlántico europeo.
A gaita, a frauta de madeira, o acordeón diatónico e outros instrumentos máis atípicos como a angloconcertina guían a liña melódica da tradición galega, cuxa parte harmónica se completa co buzuqui e o contrabaixo. O concerto será na Igrexa de Santa María de Tebra ás 20.30 horas con entrada libre ata completar aforo.
Cada venres do mes de xullo ás 20.30 h haberá unha nova cita de Música&Románico, que nos levará o 12 de xullo ata a igrexa de Santa María de Tomiño da man de Simant Dúo, o 19 de xullo á igrexa de San Vicente de Barrantes con Mallou e o 26 de xullo á igrexa de San Salvador de Tebra con Boroa.
Este ciclo musical, que brilla con luz propia e cada ano acada novos éxitos, é unha mostra máis do compromiso do Concello coa rica herdanza cultural e cultural de Tomiño e co desenvolvemento de actividades que acheguen á veciñanza ao seu patrimonio dun xeito orixinal e único.
Tomiño réndese con grande éxito ao seu primeiro Festival de Maxia
Máis de 700 persoas desfrutaron do amplo programa de actividades deste evento que encheu de ilusionismo prazas, rúas e parroquias
Ilusionismo sen trampa nen cartón para conquistar a tomiñeses e tomiñesas. O I Festival de Maxia de Tomiño baixa o pano cun grande éxito de acollida, cinco días no que a arte da prestidixitación percorreu rúas, prazas e parroquias da man de reputados magos de recoñecemento nacional e internacional. Organizado pola Asociación de Maxia do Baixo Miño en colaboración co Concello, o festival reuniu a máis de 700 persoas que desfrutaron ao longo de varios días dunha ampla programación en diferentes puntos do municipio.
Así, máis de 30 nenos e nenas participaron no obradoiro deseñado para que a rapazada creara o seu primeiro maletín de maxia para poder mergullarse no mundo do ilusionismo coas súas propias ferramentas e máis de 200 espectadores e espectadoras achegáronse ao auditorio municipal de Goián para desfrutar dunha gala única e inesquecible.
Grande éxito tamén dos espectáculos nas rúas do concello, que se converteron en escenarios perfectos para reunir a case un cento de persoas para gozar de distintos tipos de maxia, tanto na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián como na Praza do Seixo e na Praza da Mina.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou a importancia de acoller eventos innovadores como o Festival de maxia, especialmente cando son impulsados por tomiñeses e tomiñesas. "Este festival non só ofrece entretemento e diversión, senón que tamén promoveu a cultura e reforzou o orgullo de ver a talentos locais recoñecidos internacionalmente como Samuel Moreno brillar na casa. Para o Concello é un orgullo apoiar iniciativas que enriquecen Tomiño e traer novos espectáculos que enchan de cultura e lecer o noso municipio", recalcou.
Tomiño explora a súa riqueza nunha nova edición das Rutas de Artes e Oficios
Comezarán coa visita aos pescadores do río Miño e a panadaría Camiño Novo en xullo e ao taller da artista Pilar Alonso e Adegas Alto Torona en agosto
As rutas complementaranse cunha xeira ao Monte Tetón e unha noite de observación astronómica
Tomiño é terra de artistas, artesáns, viveiristas... e dunha morea de oficios salientables, algúns innovadores, outros ancestrais. Por este motivo, o Concello abre as portas dunha nova edición das súas Rutas de Artes e Oficios, unha serie de cinco visitas guiadas que permitirán ás persoas asistentes descubrir os segredos e procesos que hai detrás das obras e creacións de destacados artistas e artesáns e artesás tomiñeses.
"A mellor forma de promocionar o nosa riqueza patrimonial e cultural é mergullarse no día a día do traballo dos distintos profesionais que desenvolven a súa actividade cotiá na nosa terra e coñecer dende os talleres nos que se forxa a creatividade ata os fornos onde se cocen os mellores pans e doces ou as adegas onde fermentan os mellores viños", destaca a alcaldesa, Sandra González.
As rutas, totalmente gratuítas, incluirán visitas comentadas polos propios protagonistas, ofrecendo unha visión única e persoal sobre o seu traballo. Dende a pesca tradicional ata a panadaría artesanal, pasando por talleres artísticos ou bodegas, estas actividades permitirán a todas as pesroas participante entender e apreciar mellor a riqueza de Tomiño.
A primeira ruta será o vindeiro 4 de xullo para coñecer os pescadores do río Miño, mentres que o 18 de xullo a cita será na panadaría Camiño Novo. O 8 de agosto as e os participantes visitarán o taller da artista Pilar Alonso e as rutas rematarán cun encontro nas Adegas Alto Torona o 29 de agosto. Todas estas citas serán ás 20.30 horas e complementaranse cunha noite de observación astronómica o 6 de agosto e unha xeira ao Monte Tetón o 9 de agosto, ambas a partir das 21.00 horas
As actividades están abertas a todos os públicos e teñen un límite de 20 prazas por actividade asignadas por estrita orde de inscrición. As persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario habilitado na web municipal. A confirmación de asistencia realizarase a través dun correo electrónico no que tamén se indicará o punto de encontro de cada ruta.
A alcaldesa anima a toda a veciñanza a participar nestas rutas, "unha oportunidade excepcional para conectar coa nosa herdanza cultural e ver de preto o traballo que fai de Tomiño un lugar único e especial".
|