|
O Teatro Municipal de Tui acolle funcións de teatro, cinema e monicreques para o alumnado
Teatro clásico, cinema, e monicreques centran as actividades que estes días se desenvolven no Teatro Municipal no edificio Francisco Sánchez dirixidas ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria.
O Concello de Tui, da man da Concellería de Ensino, Mocidade e Cultura ven de realizar diferentes actividades para os escolares dende este pasado martes día 20 até o próximo martes día 27.
Así este martes, 20 de febreiro, en colaboración coa Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos. O teatro tudense foi, por terceiro ano, unha das sedes do Festival Grecolatino acollendo a representación de "Antígona" de Sófocles e "Mostelaria" de Plauto polo grupo Corzos Reunidos ás que asistiron máis de mil estudantes de Secundaria non só de centros educativos de Tui senón tamén doutros puntos de Galicia.
Onte xoves a cita formou parte do programa conmemorativo do Día de Rosalía co que se busca "achegar á sociedade tudense e a mocidade á muller , á poeta, á galeguista, á defensora das inxusticias e á que nos abriu camiño a todas e todos os galegos" como explicaba a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente. En concretou tratouse da proxección da curtametraxe "A rosa incandescente" dirixida a alumnado dos IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón, Seminario Menor e Colexio Maristas no que se contou coa presenza da súa guionista e produtora Anxos G.Fonte.
O próximo martes, 27 de febreiro, o Teatro Municipal acollerá, en colaboración cos centros educativos, a representación do espectáculo "Titiricircus" da man de Tanxarina. Novamente completarase o aforo deste espazo, nas dúas funcións previstas ás 10 e ás 12 h, co alumnado do CRA Mestra Clara Torres, os CEIP's Nº1, Nº2, Caldelas, Guillarei, Rebordáns e Randufe.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca coma ao longo destes días son preto de 2000 escolares os participan no Teatro Municipal nas actividades programadas.
O tudense Víctor Aparicio Abundancia deseña o cartel das Festas de San Telmo 2024
O Concello de Tui aposta por un cambio na elaboración do cartel anunciador das festas de San Telmo, que dende este ano será encargado a creadores e creadoras tudenses. Deste xeito búscase reforzar este formato tendo en conta a importancia que o mesmo ten coma elemento comunicador e de atracción destas festas declaradas de Interese Turístico Galego.
Así o cartel anunciador das festas de San Telmo 2024, que se van celebrar do 30 de marzo ao 8 de abril, foi encargado polo Concello de Tui ao tudense Víctor Aparicio Abundancia, deseñador gráfico, debuxante, pintor e músico de recoñecido prestixio.
Proximamente será dado a coñecer o deseño elaborado por Víctor Aparicio para anunciar os festexos patronais de Tui deste ano.
O Concello de Tui traslada á Deputación o proxecto de construción dunha rotonda en Ribadelouro
O obxectivo é evitar o tránsito de camións polo centro do núcleo da Magdalena
O Concello de Tui vén de trasladar á Deputación de Pontevedra o proxecto de construción dunha rotonda en Ribadelouro coa que evitar o tránsito de camións polo centro do núcleo da Magdalena.
Na parroquia de Ribadelouro o PXOM de Tui que foi aprobado definitivamente o 26/01/2011 (publicado no DOG 28/01/2011 e BOP 18/04/2011) recolle a localización dunha importante área de solo empresarial, constituída por catro sectores de solo urbanizable, que acada unha superficie total aproximada de 600.000 m², emprazados en torno a estrada provincial EP-2502, entre a saída da A-55 no Cerquido e o núcleo rural da Magdalena en Ribadelouro, que conecta estes sectores coa autovía A-55.
Recentemente, por medio dunha modificación puntual do PXOM, impulsada directamente dende o concello de Tui para posibilitar o desenvolvemento de dous dos devanditos sectores, aprobouse o respectivo plan parcial dos mesmos e na actualidade se están a tramitar os seus correspondentes proxectos de equidistribución. Nomeadamente, trátase dos sectores SU-2A e SU-2B do PXOM.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que "toda vez que se trata dunha importante e estratéxica área de solo empresarial para Tui, e que a mesma se localiza e conecta coas vías que estruturan o territorio da contorna", o Concello de Tui trasladou o pasado 2 de febreiro a información da citada rotonda a Deputación de Pontevedra, "aos efectos da súa toma de coñecemento e de trasladar a vontade municipal de proceder a súa execución, para o cal solicita a colaboración provincial a tal fin, no ánimo de mellorar a seguridade viaria na zona e favorecer a inminente posta en carga dos devanditos sectores empresariais evitando dese modo o tránsito de vehículos pesados polo solo de núcleo rural de A Magdalena".
O Club de Lectura "Tempo de Mulleres" retoma a súa actividade o 1 de marzo
As persoas interesadas poden inscribirse correo electrónico biblioteca@tui.gal ou no teléfono 617 498 103
O Club de Lectura Feminista "Tempo de Mulleres" retoma a súa actividade o próximo venres 1 de marzo, ás 19 h, no edificio Francisco Sánchez. Impulsado pola concellería de Igualdade conta coa colaboración da Asociación de Mulleres Feministas Berra e da Biblioteca Municipal. Reunirase mensualmente para compartir a lectura e análise de obras escritas por mulleres dende unha perspectiva de xénero. A data da reunión acordarase entre todas as mulleres participantes.
O Club, esta nova temporada, será dinamizado por Cristina Fernández Ameal, feminista, mestra e bibliotecaria xubilada, e lectora insaciable Ofértanse quince prazas. As persoas interesadas deben inscribirse no correo electrónico biblioteca@tui.gal ou no teléfono 617 498 103.
O Club de Lectura "Tempo de Mulleres" será un espazo onde explorar, analizar, e mergullarse nas obras de diversas autoras tanto clásicas coma contemporáneas. Cada mes proporase a lectura dunha obra literaria para logo compartir reflexións, analizar as personaxes femininas, desenvolver un pensamento crítico e compartir a paixón pola lectura.
As Xornadas Rosendo Salvado continúan a difusión e posta en valor da vida e obra deste tudense universal
Albino Prada, Hector Cajaraville e Francisco Díaz-Fierros participantes nesta edición que se celebrará do 28 de febreiro ao 1 de marzo
O vindeiro venres, 1 de marzo, cúmprense 210 anos do nacemento, no barrio de Riomuíños da nosa cidade, de Rosendo Salvado Rotea un dos tudenses máis egrexios ao longo do tempo. Da súa polifacética actividade de escritor, músico, naturalista, antropólogo e líder relixioso salientan os seus esforzados traballos canda o mundo aborixe, desenvolvidos na comunidade beneditina de Nova Nursia en Australia Occidental. O Concello de Tui ve realizando nos últimos anos un esforzo pola divulgación da obra deste singular persoeiro pois segue reclamando cumprida atención sobre a súa achega á historia universal da cultura e do pensamento. Con este motivo e logo do interese suscitado polas xornadas celebradas nos anos precedentes, o Concello de Tui aposta pola continuidade destas xornadas programando para a vindeira semana diversas iniciativas arredor da figura poliédrica de Rosendo Salvado.
Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, reivindicar a personalidade de Salvado é unha obriga para os tudenses pois a súa visión plural e integradora resulta de plena actualidade. En palabras da concelleira tudense, Salvado realiza nos seus escritos e na cidade-misión de Nova Nursia unha xenial aportación á Humanidade, anticipando en case un século as ideas e conceptos expresados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Velaí a súa impresionante dimensión e consecuentemente a necesidade de repensar e reposicionar a figura de Rosendo Salvado con estas novas lecturas da súa traxectoria que o colocan como un auténtico xigante, unha personalidade de dimensión mundial. Remarca Sonsoles Vicente que Rosendo Salvado sempre mantivo acesa a súa condición de galego e tudense, destacando a súa estima á lingua galega, á que tantas veces recorría nas súas cartas e charlas.
O programa das Xornadas Rosendo Salvado - 2024 abrangue as seguintes actividades:
Mércores 28 de febreiro - Sala Félix Rodríguez González - 20.00 h.
Mesa redonda "Rosendo Salvado nos libros" contando coa presenza de:
- Albino Prada, profesor da Universidade de Vigo, que dando continuidade a súa intervención do pasado ano presentará a edición dixital e de acceso libre na web da Universidade de Vigo do seu libro "O Pais dos Sen Alma. Rosendo Salvado en Australia"
- Héctor Cajaraville, autor da novela "Nova Nursia" (2018) dedicada ao noso persoeiro, que disertará sobre "Frei Rosendo Salvado, unha rúa de Santiago".
Xoves 29 de febreiro - Sala Félix Rodríguez González - 20.00 h.
Conferencia: "Ciencia, técnica e cultura na obra de Frei Rosendo Salvado" por Francisco Díaz-Fierros, do Consello da Cultura Galega, doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola, foi responsable de diversas exposicións e publicacións sobre Rosendo Salvado.
Venres 1 de marzo (CXX aniversario do nacemento de R. Salvado)
Visita guiada. Inicio na Praza de San Fernando ás 17.30 horas, que inclúe unha visita ao Arquivo da Catedral de Tui, finalizando na casa natal de Rosendo Salvado coa colocación dun ramo de loureiro ás 19.00 h.
Rosendo Salvado Rotea (1814-1900), fillo dunha familia acomodada de Tui, renunciou a unha vida de riqueza e comodidades para seguir a carreira eclesiástica e marchar de misioneiro a Australia, un territorio practicamente inexplorado naquela altura. Frei Rosendo Salvado, como asinou sempre malia ostentar os títulos de padre, abade e bispo, fundou a maior misión católica do continente australiano, Nova Nursia. Pero o obxectivo evanxélico inicial implicou tamén a defensa dos aborixes, marxinados e abocados á extinción por unhas leis que nin sequera lles outorgaban a condición de seres humanos, os seus escritos e accións neste ámbito sitúano como un avanzado na defensa dos dereitos humanos. Salvado legounos unha das biografías máis fascinantes da nosa historia.
Tui celebra o Día de Rosalía con diversas propostas para lembrar a nosa poeta máis universal
Lonas con poemas de Rosalía de Castro, o Caldo de Gloria en varios restaurantes e unha curtametraxe para os escolares forma parte do programa
A Concellería de Cultura do Concello de Tui promove a conmemoración arredor deste venres, 23 de febreiro, do "Día de Rosalía" en que se celebra o 187 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.
O Concello de Tui adoptou un acordo plenario no ano 2013 para a celebración anual deste evento e neste ano dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, téñense preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán na fachada da súa sede así como na Praza da Inmaculada para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética.
Este xoves, 22 de febreiro, o Teatro Municipal acollera a proxección da curtametraxe "A rosa incandescente" presentada pola súa guionista e produtora Anxos G. Fonte. Tal e como explica a propia guionista, o filme quere achegarnos unha Rosalía de Castro cercana e directa que nos conta ela mesma algúns dos aspectos fundamentais da súa obra: a paixón pola literatura oral, o compromiso co seu país, a sensibilidade cos marxinados da sociedade, a análise económica e social do seu tempo e, por suposto, as dificultades que tivo que enfrontar por ser muller e escritora. Rosalía é a mesma rosa incandescente de intelixencia, sensibilidade e paixón polo que fai. Nesta proxección participará o alumnado de Secundaria dos centros educativos tudenses.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que, como en anos anteriores, o Concello de Tui promove a iniciativa, impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro, denominada "Caldo de gloria". Unha proposta que xorde a partir do poema "Miña casiña, meu lar" (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz. "Queremos que Galicia, sinalan dende a Fundación Rosalía de Castro, lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este "caldo de gloria" dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular". No concello de Tui se suman a esta iniciativa de ofrecer este "Caldo de Gloria" arredor do vindeiro xoves 23 de febreiro diversos establecementos de restauración, en concreto: "Restaurante El Molino" e "Restaurante O novo Cabalo Furado", "Ideas Peregrinas", "O Trisco do Miño" e "Santiamén, cocina divina" que ofrecerán este produto aos seus clientes.
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|