JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A tomiñesa Verónica Fernández gaña o concurso de deseño do Día de Rosalía

A imaxe estampouse en bolsas de tea que se repartirán ata fin de existencias durante o concerto-homenaxe á autora este mesmo 23 de febreiro no Mercado de Tomiño

Un incrible debuxo en branco e negro da propia Rosalía de Castro rodeada de música e enmarcada nunha Galicia perfilada polas súas obras e as súas verbas. Esa é a proposta gañadora do concurso de deseño posto en marcha polo Concello de Tomiño para conmemorar o Día de Rosalía, unha fermosa obra realizada pola tomiñesa Verónica Fernández González inspirada na obra e figura da autora galega máis universal e que obtivo ata 23 puntos do xurado.

Apaixonada da escritora galega e da poesía dende que era pequena, Verónica Fernández inspirouse "no gran cariño que Rosalía lle tiña a Galicia. Na súa obra fala de lugares, das xentes, da cultura e da vida cotiá, por iso tentei representala rodeada das verbas que recollen os seus poemas cun libro nas mans co seu propio nome que representara a obra que nos deixou como legado". Desbotando unha primeira idea de sentar á escritora "sobre un carballo representando as nosas raíces", Verónica colocou tamén arredor de Rosalía de notas que recolleran "a paixón e tradición pola música na nosa terra".

A gañadora, veciña de Taborda, obtivo un vale por valor de 100 euros que xa ten pensado investir en novos libros "de todos os tipos e algún da propia Rosalía que aínda non tiña". Ademais, o deseño foi estampado en bolsas de tea que serán repartidas de balde ata fin de existencias durante o concerto homenaxe que se celebrará este mesmo 23 de febreiro a partir das 19.00 horas no Mercado de Tomiño e que contará coa lectura de poemas musicalizados da man de Saraghallada.

Entre as propostas finalistas, o segundo posto foi para un deseño tan divino como humano de Iria Moure de Santiago coa figura de Rosalía de Castro e o lema 'Nasin cando as prantas nasen', mentres que o terceiro lugar foi por un primeiro plano co bosquexo do retrato da escritora sobre fondo azul e as palabras 'Miña Terra' de Nandi de Santiago.

A alcaldesa, Sandra González, traslada os seus parabéns á gañadora e agradece "a todas esas persoas que participaron coas súas fermosas e máis diversas propostas e que demostran unha vez máis que estamos nunha comarca con grandes creadores e creadoras no que a arte ten un valor importante".

Concello Tomiño


Castelao visto a través da súa obra

Alcaldesa e representantes de Afundación, Abanca e SOS Tomiño participaron na inauguración da exposición 'Castelao grafista'

A mostra acolle tamén a iniciativa CulturaXAlimentos, a través da que se recollerán produtos non perecedoiros

Caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político... Alfonso Daniel Rodríguez Castelao amosou ao longo da súa vida unha creatividade poliédrica, múltiples facetas que agora se recollen na mostra 'Castelao grafista (facsímile)', que este mércores se inaugurou en Tomiño e que procura a divulgación da obra e do pensamento dun dos creadores galegos máis singulares.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acudiu ao acto inaugural, que contou tamén coa participación de Ana Isabel Fernández, concelleira de Cultura; Julio Alonso, director da oficina de ABANCA de Tomiño; María Teresa Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación; e de representantes da entidade SOS Tomiño. Ata o vindeiro 17 de marzo, o Mercado de Tomiño acolle esta mostra "coa que tomiñeses e tomiñesas poderán coñecer de primeira man algunhas das creacións e das inmensas achegas á historia máis recente de Galicia feitas por Castelao, defensor da necesidade de construír unha arte e unha cultura propias da nosa terra", como sinalou a rexedora.

Castelao foi un dos intelectuais galegos máis importantes, un humanista e un referente de loita, amor e traballo por Galicia. A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum 'Cousas da vida' de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA, xunto con obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Ademais, o público poderá desfrutar de 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas, ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.

O Concello de Tomiño colabora con este proxecto expositivo organizado por Afundación Obra Social ABANCA, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Xunta de Galicia. A mostra estará aberta ao público de martes a domingo de 09.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.00 horas.

A mostra trae ademais aparellada a acción social denominada 'CulturaxAlimentos', un programa solidario de Afundación a través do que se busca cambiar a entrada a eventos culturais pola doazón de alimentos. Todos os produtos non perecedoiros recollidos durante as vindeiras semanas irán destinados a SOS Tomiño, que os repartirá entre as familias que a entidade atende no Baixo Miño. No Mercado haberá habilitado un espazo para todas aquelas persoas que queiran achegar o seu gran de area e deixar un quilo de alimentos non perecedoiros. Ás tomiñesas e tomiñeses que queiran colaborar recoméndaselles depositar leite, latas de conserva, produtos de hixiene persoal, arroz, pasta, legumes, aceite ou produtos infantís

Concello Tomiño


A previsión de mal tempo obriga a adiar o Venres de Foliada en Tomiño

O Concello informará cando haxa unha nova data confirmada

A previsión de mal tempo obriga a adiar novamente o Venres de Foliada en Tomiño. O Concello informará cando haxa unha nova data confirmada para o desfile tras estudar as condicións meteorolóxicas das vindeiras semanas e consensuar de novo coas comparsas o posible día para celebrar esta tradicional actividade que cada ano dá o pistoletazo de saída ao Entroido na comarca e que xa tivo que ser suspendida a principios de febreiro por mor da borrasca Karlotta.

Como explica a alcaldesa, Sandra González, "buscaremos unha nova data que permita garantir a participación do maior número de persoas, permitindo que tanto as e os participantes como o público poidan desfrutar do noso tradicional desfile. Agradecemos a comprensión e colaboración de comparsas, treboadas e veciñanza e estamos seguros de que co cambio de día poderemos seguir gozando xuntas e xuntos de momentos de lecer, entretemento e diversión".

Concello Tomiño


Tomiño segue rodeando os seus núcleos de vida

O Concello iniciou unha nova entrega de árbores autóctonas ao abeiro da terceira edición da campaña para repoboar as 900 hectáreas de franxas secundarias

O Concello da un novo paso para facer de Tomiño un municipio máis verde, sostible e eficiente. O Goberno municipal deu este mércores o pistoletazo de saída á terceira edición da campaña para repoboar as 900 hectáreas de franxas secundarias con planta frondosa e autóctona, unha iniciativa coa que se busca rodear de vida o concello e blindalo ante posibles incendios forestais creando cortalumes naturais.

Baixo o lema 'Rodéate de vida', con esta campaña o Concello achega o seu gran de area "para crear un anel verde arredor dos núcleos de poboación tomiñeses que permita non só mitigar os efectos dun posible lume, senón que tamén favoreza a diversificación dos usos do monte e axude a mitigar os efectos que o cambio climático ten nos nosos municipios e nas nosas vidas", como resaltou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, que ademais o plantexa como "un investimento de futuro, para o desfrute e benestar da veciñanza".

O Concello comezou este mércores o reparto de 1.800 árbores, que se sumarán aos máis de 2.600 exemplares entregados nas pasadas edicións. Durante as vindeiras semanas repartiranse plantas como cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras ou bidueiros a todas e todos aqueles propietarios de parcelas situadas nas franxas secundarias de xestión da biomasa, que son aquelas que se atopan dentro dos 50 m dende o límite de solo do núcleo ou ata 50 m dende unha casa illada.

Para adquirir estes exemplares, as persoas titulares dalgunha das 13.200 parcelas de franxa secundaria poden solicitar información e os vales das plantas de forma presencial no Departamento de Medio Ambiente de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, chamando ao teléfono 986 62 20 01 (extensión 6) ou enviando un correo electrónico a tecnica.medioambiente@tomino.gal.

A concelleira de Medio Ambiente anima a todas as persoas propietarias destas parcelas a sumarse á campaña e repoboar os montes tomiñeses de vida autóctona, "que ofrece alternativas e recursos para plantar novas plantas forestais en zonas nas que as e os propietarios tiveron que talar os exemplares que xa tiñan plantados para adaptarse á normativa".

Concello Tomiño


A OMIX de Tomiño prepara un obradoiro de bordado sobre fotografía en tea

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar neste curso de catro horas de duración

O Concello prepara un novo curso para a mocidade no que mesturar creatividade e artesanía. A OMIX de Tomiño celebra o vindeiro 16 de marzo un obradoiro de catro horas de duración de bordado sobre fotografía de tea, un curso no que as persoas participantes aprenderán a transferir imaxes á tea e a coser sobre elas, realizando un collage no que fotografía e bordado tridimensional se mesturarán para xerar creacións únicas e personalizadas.

A través de puntos planos e de relevo as persoas que se inscriban daranlle cor e volume a unha fotografía, seleccionando a paleta de cores perfecta para crear unha peza artesanal única chea de cor, textura e relevo. Para participar non é necesario ter coñecementos previos e todo o material vai engadida na inscrición.

O curso celebrarase na PrazaCultura de Goián en dúas quendas: o grupo 1 recibirá as clases en horario de mañá, de 09.30 a 13.30 horas, e o grupo 2 en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. O obradoiro terá un prezo de 20 euros por persoa participante e xa está aberto o prazo de inscrición a través da web municipal.

Concello Tomiño


Tomiño celebra o Día de Rosalía con música, arte e literatura

O Concello conmemora o nacemento da escritora cunha morea de actividades para todos os públicos

Tomiño prepárase para conmemorar un ano máis por todo o alto o Día de Rosalía. O Concello prepara para o vindeiro 23 de febreiro, data do nacemento da escritora, unha morea de actividades abertas a todos os públicos que busca achegar á veciñanza a vida, a obra e a historia da escritora galega máis universal.

Para conmemorar esta data, o Concello vai difundir nas redes sociais e na web municipal un vídeo realizado polo grupo de voluntariado coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escrito por Carlos Callón. Un vídeo editado por Isaac Tafuca que recollerá o amor de Rosalía pola patria galega e o devir dunha moza de pouco máis de 20 anos que hai século e medio coas súas verbas mudou a historia.

A actividade cultural continuará esa mesma tarde no Mercado Municipal de Tomiño, no que a partir das 19.00 horas o grupo Saraghallada lerá poemas musicalizados de Rosalía de Castro nunha actuación de balde aberta a todos os públicos. Será durante o encontro cando se repartan as bolsas de tea coa imaxe gañadora do concurso de deseño organizado polo Concello para conmemorar o Día de Rosalía. Unha creación inspirada na propia autora ou na súa obra que permitirá ao seu autor ou autora gañar 100 euros para gastar na libraría tomiñesa que escolla.

Un ano máis, o Concello, mecenas da Casa de Rosalía de Castro, repartirá exemplares dos manteis de 'Caldo de Gloria' entre os comedores dos centros educativos. Os bares e restaurantes tomiñeses ou os veciños e veciñas que desexen contar con eles poden solicitalos e recollelos nas Oficinas Xerais da Casa Consistorial. Trátase dunha iniciativa inspirada no poema 'Miña casiña, meu lar' na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que relata a épica diaria da supervivencia.

Por outra banda, durante todo o venres 23 as librerías tomiñesas ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros escritos por Rosalía ou aqueles publicados sobre a autora.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais