JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A calidade de vida e unha conciencia sostible, puntos fortes para deseñar o Plan de Acción Local da Axenda 2030 do Rosal

O Concello presentou a tecido asociativo e veciñanza a diagnose do municipio, para a que se recadou información de case 400 enquisas e numerosos grupos de traballo

O Rosal continúa avanzando para deseñar un plan estratéxico para a localización, implementación e seguimento da Axenda 2030 adaptada á realidade rosaleira. O Concello celebrou un encontro con case 40 veciños e veciñas e representantes de tecido asociativo, económico e social para presentar a diagnose que servirá de punto de partida para deseñar as medidas do futuro Plan de Acción Local para o municipio.

"A Axenda 2030 pode parecer algo abstracto, pero non deixa de ser unha parte importante dos vimbios cos que tecer e construír o futuro do Rosal, pensando en global pero actuando dende o local", explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o encontro. A rexedora salientou que o Plan de Acción permitirá "vertebrar todos os sectores e modular toda a dinámica social para construír o futuro dende a orixe todas e todos xuntos".

Tras meses de traballo e información recadada a través de case 400 enquisas e encontros con diversos grupos de traballo, a diagnose recolle a fotografía da situación actual do Rosal e dá unha perspectiva de cara a onde se debe ir, un camiño que se traducirá no plan de medidas que se presentará nas vindeiras semanas á veciñanza. Dividida en cinco grandes bloques temáticos (modelo urbano e mobilidade, desenvolvemento económico e innovación, reto demográfico e benestar social, medio ambiente e enerxía e gobernanza e participación cidadá), a diagnose recolle as debilidade, ameazas, fortalezas e oportunidades do concello de cara ao futuro.

A alta percepción da calidade de vida, o propio tecido asociativo ou a elevada conciencia social, que fai que a gran maioría da veciñanza pense nun concello sostible, son algúns dos eixos que vertebran as fortalezas do Rosal. Durante a recollida de datos tamén se destacou a importancia da aposta pola sostibilidade e a participación cidadá, o apoio ao tecido deportivo e cultura e a creación de espazos de convivencia e lecer convértense tamén en eixos moi destacados por todas as persoas participantes. Igualmente, o estudo revela a importancia de empregar potencialidades do concello como ser un referente en materia de igualdade, dispoñer dun gran potencial turístico ou fomentar a riqueza paisaxística, climática, agraria, medioambiental, patrimonial ou etnográfica.

Pola contra, o traballo recolle unha sorte de debilidades ou ameazas a ter en conta para deseñar un plan de acción que remate coas diferentes eivas detectadas, entre as que destacan a falta de conectividade dixital e os problemas de mobilidade nun municipio moi disperso, a falta de relevo xeracional en diferentes aspectos, a inexistencia dun plan director centrado no turismo ou a falta dun polígono industrial como no que xa se está traballando para atraer empresas e reter talento.

Tras a presentación do estudo, o Concello abre un novo período de consulta e validación da diagnose para a presentación de propostas e medidas de cara á elaboración do Plan de Acción Local da Axenda 2030. As persoas interesadas poderán atopar na web municipal o informe completo, un resumo da diagnose e un formulario no que deixar as súas achegas e suxestións.

O obxectivo do Concello do Rosal é deseñar un plan de acción que funcionará como ferramenta de planificación estratéxica coa que establecer actuacións que permitan incorporar os ODS adaptados á realidade do municipio, unha liña na que o Goberno municipal leva anos traballando. Búscase así continuar avanzando na loita contra o cambio climático, camiñar na transición cara a economías baixas en carbono, mellorar a eficiencia enerxéticas, procurar unha economía circular e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

O Concello contou para este proxecto coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.

Concello de O Rosal


O Rosal adía o desfile de Entroido por mor do mal tempo

O Concello informará da nova data de celebración tras consensuala con comparsas e participantes

As malas previsións meteorolóxicas para os vindeiros días, nos que se prevén importantes choivas, obrigan ao Rosal a adiar de novo o desfile de entroido previsto para este domingo 25 de febreiro. O Concello informará da nova data de celebración tras consensuala coas comparas e resto de participantes. Esta edición, preto dunha vintena de comparsas, carrozas, grupos e disfraces individuais xuvenil-adulto están inscritos para participar no tradicional desfile de entroido.

Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o Concello adoptou esta medida "para que todas e todos podamos desfrutar do entroido coa ledicia propia destas datas, cunhas condicións meteorolóxicas que nos permitas gozar das verdadeiras obras de arte que preparan cada ano con mimo as e os participantes".

Concello de O Rosal


O Concello do Rosal pon en marcha un obradoiro para coidar ás coidadoras

15 mulleres de máis de 55 anos do Servizo de Dependencia participan en 'Cultivando coidados'

O Concello do Rosal reafirma o seu compromiso co benestar das persoas coidadoras, recoñecendo o seu labor esencial nunha sociedade cada vez máis avellentada. Con este obxectivo, puxo en marcha o obradoiro 'Cultivando coidados', unha iniciativa dirixida a 15 mulleres maiores de 55 anos coidadoras de persoas dependentes que teñen concedido no programa de atención individualizado de Dependencia a libranza para coidados na contorna familiar.

"Con este obradoiro queremos subliñar a importancia de coidar á coidadora. O coidado das nosas e nosos maiores segue a recaer nas mulleres, mulleres anónimas que dedican o seu tempo e esforzo a atender a persoas dependentes e que merecen todo o noso apoio e recoñecemento. Esta iniciativa é unha mostra do noso compromiso para proporcionarlles as ferramentas necesarias para afrontar os desafíos que este labor implica", resaltou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Durante os vindeiros tres meses, os martes pola tarde as mulleres coidadoras acudirán ao obradoir0 de 17.00 a 19.00 horas, adaptándose así ás súas necesidades e creando un espazo de aprendizaxe e apoio que contribuirá ao seu benestar, así como no daquelas persoas ás que coidan.

Como sinala a alcaldesa, nun contexto no que son moitas mulleres as que seguen exercendo os labores de coidado e acompañamento das persoas dependentes "é esencial recoñecer o seu esforzo. Por iso dende o Concello queremos expresar a nosa profunda gratitude a todas aquelas mulleres invisibles que, día a día, fan posible que as nosas persoas maiores gocen dunha mellor calidade de vida".

Concello de O Rosal


Música e poesía para conmemorar o Día de Rosalía no Rosal

O auditorio municipal acolle este domingo 25 de febreiro unha gala con lectura de poemas da autora e o concerto do cuarteto Son de Corda. Ás 19 h, de balde

O Concello do Rosal conmemora o Día de Rosalía con música e poesía. Este domingo 25 de febreiro, o auditorio municipal acolle a tradicional gala do Día de Rosalía, un acto no que rosaleiros e rosaleiras poderán achegarse á figura e á obra da autora galega máis universal especialmente a través da palabra.

Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, esta gala "busca ser unha pequena homenaxe a unha muller que foi pioneira do pensamento feminista, innovadora e adiantada ao seu tempo, precursora da poesía moderna e a autora que devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta".

Como cada ano, durante a gala varias persoas procederán á lectura de poemas da propia Rosalía de Castro e o público poderá desfrutar tamén do concerto do cuarteto vogal Son de Corda, que combina nas súas actuacións música a capella con acompañamento instrumental.

A gala comezará ás 19.00 horas e estará dirixida a público de todas as idades. O evento será de balde con entrada libre ata completar aforo. A alcaldesa convida a toda a veciñanza a participar e agradece a colaboración e participación de todas as persoas que prestarán a súa voz para conmemorar a figura de Rosalía.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais