O Concello de Oia acollerá, o próximo 29 de febreiro, unha charla de presentación sobre o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) da provincia de Pontevedra-Rías Baixas. A actividade desenvolverase en horario de mañá e vai dirixida a empresas e servizos turísticos que operan na zona.
O SICTED é un programa da Secretaría de Estado de Turismo que se xestiona desde o organismo provincial Turismo Rías Baixas e que ten como obxectivos mellorar a competitividade das pemes e a posición das Rías Baixas como destino turístico. A obtención deste certificado de calidade non ten coste ningún para os negocios, xa que está financiado pola Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.
Para dar a coñecer as posibilidades que ofrece este plan de calidade, o vindeiro día 29 desenvolverase unha xornada informativa no Concello de Oia ás 11.00 horas. A asistencia será libre ata completar a capacidade do espazo.
O Concello de Oia acollerá nos meses de marzo e abril unha formación gratuíta sobre competencias dixitais, dirixida a mulleres desempregadas residentes no municipio. Ás alumnas que rematen esta formación sobre o entorno dixital regalaráselles un ordenador portátil.
O curso desenvolveranse do 1 de marzo ao 11 de abril en horario de 9.00 a 14.00 horas na aula de novas tecnoloxías (antiga biblioteca, baixos do Concello) e nas sesións abordaranse contidos como competencias dixitais básicas (40 horas), coñecementos dixitais avanzadas (40 horas) e competencias dixitais para o emprendemento (40 horas). Previamente, o 27 de febreiro haberá unha reunión informativa.
As inscricións están xa abertas na web www.galegasdixitais.es e para contactar tamén está dispoñible un número de teléfono de whatsapp: 604039575. A asistencia á totalidade do curso permitirá acceder a un título oficial acreditativo e, ademais, entregarase como agasallo un ordenador portátil.
Este programa de formación para a dixitalización de mulleres "Galegas Dixitais" está promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e financiado a través dos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. Está organizado por Be Project Consultores e Ara Formación e conta coa colaboración do Concello de Oia e o Xacobeo.