JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Máis de 200 alumnos de 4º da ESO asistiron hoxe a unha nova proxección de "O Cine nas aulas"

Un total de 235 alumnos e alumnas de 4º da ESO dos IES San Paio e Indalecio Pérez Tizón, do Colexio Maristas Santa María e do Seminario Menor San Paio asistiron esta mañá no Teatro Municipal de Tui, no edificio Francisco Sánchez, a unha nova proxección de "O Cine nas aulas".

Nesta segunda cita do programa deste curso traballan cunha película onde se fala sobre o fracaso e o éxito, as familias, os logros ou desexos aos que aspiramos, e as drogas. Asistiron así a unha película que presenta unha historia sinxela con personaxes complexos, reais, cribles e entrañables.

En "O cine nas aulas" abórdanse distintos temas a través do visionado da película. Logo traballan na aula co material complementario elaborado polo Servizo de Prevención das Drogodependencias do Concello de Tui. O cine convértese nun recurso de primeira magnitude para abordar de forma transversal distintas temáticas. Dende o Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui, consideran que hai múltiples problemas na sociedade actual cuxo abordaxe debe realizarse mediante a posta en marcha de actividades preventivas, sendo a educación o elemento básico. No caso concreto deste programa emprégase o cine, de gran atractivo para a mocidade, para captar a súa atención, apoiar a súa capacidade de reflexión e favorecer a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta.

Concello Tui


A Red de Juderías promove un novo portal educativo Benjamín de Sefarad

Nun esforzo por promover a comprensión e apreciación da rica historia e cultura xudía en España, a Red de Juderías pon en marcha un novo proxecto educativo: o portal Benjamín de Sefarad.

O portal benjamindesefarad.com conecta a centros educativos en español de todo o mundo, ofrecendo ao profesorado unha variedade de ferramentas educativas para impartir clases que resalten a importancia da herdanza xudía en España. O novo portal convértese deste xeito nunha ponte virtual entre centros educativos, permitindo a profesores e estudantes explorar a historia e a cultura xudía dunha maneira interactiva e enriquecedora.

Como novidade, os centros poden converterse en Centros Asociados co obxectivo principal de xerar unha relación permanente que mellore os resultados e experiencias cada ano, que ofreza acceso a todos e en todo momento aos diferentes programas que iremos incorporando cada ano. Ademais, os profesores dos Centros Asociados terán acceso gratuíto aos cursos de formación ofrecidos pola Rede de Juderías de España, ampliando os seus coñecementos sobre a cultura xudía e o legado sefardí en todas as cidades asociadas.

Benjamín de Sefarad non só é un recurso educativo, senón un testemuño do compromiso da Red de Juderías na preservación e difusión da riqueza cultural de España, converténdose nunha xanela aberta á comprensión intercultural e a diversidade histórica.

O programa non se limita só ao ensino na aula; tamén contribúe ao fomento da lectura e a escritura. Como parte desta iniciativa, lanzouse unha nova edición do Concurso de Microrrelatos , dirixido a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).Este concurso busca estimular a creatividade dos mozos, alentándoos a explorar temas relacionados coa cultura xudía e a importancia de coñecela e preservala. Nunha edición anterior un alumno do Colexio Maristas Santa María de Tui foi galardoado polo seu relato.

Para a concelleira de Turismo, Ana María Núñez, con esta nova oferta a Red de Juderías, da que o Concello de Tui forma parte dende 2019, amplía o seu espazo de traballo a prol da difusión do legado cultural e patrimonial das comunidades xudías no noso territorio tamén ao ámbito educativo con esta ferramenta de recursos para os profesionais da educación e tamén para os propios alumnos.

Concello Tui


800 persoas de 12 comparsas participarán o martes no Desfile-Concurso de Entroido en Tui

Comezará ás 17.30 h no circuíto establecido polas rúas novas

Un total de 800 persoas pertencentes a 12 comparsas van participar o próximo martes, 13 de febreiro, no XXXV Concurso Desfile de Entroido en Tui, enchendo de corido, animación, música,.. as rúas novas da cidade.

O desfile comezará ás 17.30 h para realizar un percorrido polo circuíto establecido nas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. Das 12 comparsas inscritas 4 son de Tui, e as outras chegarán dende Salceda, Gondomar, Nigrán, Porriño, Redondela, Pontecaldelas, Vigo e Tomiño, irán acompañadas dun total de 15 carrozas.

A orde de participación será a seguinte Asociación Cultural Arume de Malvas de Tui con "As fochancas da Panorámica de Tui"; Asociación Diocesana Escutismo Tui-Vigo de Tui con "Case Nunca Máis"; Asociación Cultural de Pontellas do Porriño con "A natureza e a súa maxia"; Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo de Salceda con "Terra dos mil segredos"; Charanga Cantos Somos de Tui con "Cantos somos… o mercado gourmet"; Asociación do Centro Cultural Parada do Miñor de Nigrán con "Os Camaleónicos"; Asociación Comparsa Os Choqueiros de Redondela con "Comparsa Os Choqueiros A Nosa Tribu"; Asociación Os da Casa de Vigo con "Pop Art Andy"; Asociación A Pandilla de Pontecaldelas con "La Pandilla en Las Vegas"; Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar con "Bahaus, fantasía racional"; Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei de Tui con "Forzas militares" e Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño con "Comparsa Luces, fantasía da Flor de Loto".

Establécense catro premios de 900€, 750€, 600€ e 450€ e trofeo na categoría Xeral, na que se valorará a concorrencia, actualidade, vestiario, parodia, e acompañamento musical valorados. En carrozas haberá catro premios de 600€, 500€, 400€, e 300€ e trofeo, e un único premio en fantasía de 500€ e trofeo. Amais as comparsas recibirán unha compensación pola súa participación que será de 700€ se desfilan con carroza, e de 250€ se non levan carroza.

Mentres o xurado delibera actuará o Grupo Unión y Fuerza, que continuará amenizando a xornada festiva tras a entrega de premios.

En caso de choiva o desfile podería aprazarse para o sábado 17 de febreiro, decisión que non se tomará até seis horas antes do inicio. O Entroido despedirase en Tui coa celebración o domingo 18 ás 19.30 h do Enterro do Bacallau.

Concello Tui


Trece eventos deportivos reunirán máis de 7 mil persoas na Eurocidade Tui-Valença este 2024

Trece eventos deportivos que se van desenvolver entre os meses de febreiro e decembro conforman o calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença que foi presentado este mediodía na Cámara Municipal de Valença. Prevese que participen nestas actividades deportivas máis de 7 mil persoas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira, os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, acompañados polos representantes das distintas asociacións deportivas e empresas organizadoras dos eventos deron os pormenores desta consolidada programación deportiva.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que este é "un calendario deportivo transfronteirizo único en Europa" xa que precisaba que "non temos ningún territorio transfronteirizo que compartir un calendario deportivo". Isto é así porque dicía "hai no conxunto da sociedade un incentivo importante para promover actividades deportivas" e por outra parte porque "hai un respaldo institucional" destacando a implicación tanto da Cámara de Valença coma do Concello de Tui. Destacaba amais o fito histórico logrado o ano pasado ao conseguir ao través do proxecto Unicidade, financiar este calendario deportivo, cun orzamento de 60 mil euros, a través de fondos europeos. Avanzaba que están traballando para conseguir financiamento europeo para estas actividades.

O presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, destacou coma este calendario deportivo "reforza a cooperación transfronteiriza entre Tui e Valença". Engadía que "tradicionalmente, historicamente Valença e Tui en termos sociais, económicos, xa cooperan dende hai moitos anos, e dende hai uns anos cooperan de forma organizada a nivel deportivo e cultural, e queremos moito máis". Por iso dicía estamos "a facer o camiño para que de feito este reforzo da cooperación sexa maior e poidamos todos vivir nunha Eurocidade" e indicaba que "estas probas deportivas contribúen moito a reforzar esta unión".

Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui, destacou as trece probas que están asentadas neste calendario deportivo. Amosaba o agradecemento a todas as asociacións, clubs e empresas que organizan as distintas probas ao longo do ano. Mentres o seu homólogo de Valença, Arlindo Sousa, facía balance de 2023 con catorce probas de 12 modalidades deportiva que reuniron a 6.200 participantes e que foron realizadas por 11 asociacións e 2 empresas. Afirmaba que ao longo dos anos se vai incrementando a participación e as probas se teñen consolidado e moitas delas son xa un referente.

O orzamento económico deste Calendario Deportivo ascende a 60 mil euros, ao que se suma o apoio técnico, de infraestruturas e promoción que aportan tanto o Concello de Tui coma a Cámara Municipal de Valença.

O primeiro dos eventos deste calendario deportivo é o Trail do Aloia que se celebra este sábado e domingo no Monte Aloia. Hoxe pecha a inscrición para a proba infantil dirixida a nenos e nenas de 0 a 14 anos, que en función da idade realizan un percorrido de entre 100 e 1.200 metros. Preto de 250 cativos e cativas formalizaron xa a súa inscrición. O domingo serán 600 persoas as que participarán dende ás 10 h no trail realizando un percorrido de 20 quilómetros ou de 10 quilómetros ao longo deste espazo natural protexido. Serafín Rodríguez de Noko 360 organizador da proba agradecía a colaboración do club Atletismo Tui que foi o encargado de trazar o percorrido nun "entorno único" no Parque Natural do Monte Aloia.

Este domingo abre a inscrición para a XI Eurocidade BTT que se celebrará o 17 de marzo organizada pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas.

No mes marzo comeza o Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade que levan a cabo o Club Anda Tui Rego da Pedra e o Club Celtas do Minho con percorridos mensuais. Mentres o Club Tracçao ás 4 é o organizador do TT Eurocidade de Jeeps previsto para o 2 de marzo, e do TT Eurocidades Motas que terá lugar o 6 de abril. Do 23 ao 25 de marzo celebrarase o Torneo Minibasket Eurocidade organizado polo Basquet Club Valença.

No calendario da Eurocidade figura un ano máis o Trofeo de Baile Deportivo que acada a súa décima edición. Desenvolverase o 20 e 21 de abril no pavillón de Valença organizado pola Escola de Baile Pasos. Mentres os afeccionados ao mundo do motor terán a súa cita o 22 e 23 de xuño coa Rampa do Monte Faro que por segundo ano promove o Viana Motor Clube.

Xa no verán a proposta deportiva será coas artes marciais co Torneo de Judo da Eurocidade, 6 de xullo, organizado polo JuValença, e co X Campionato de Kung Fu da Eurocidade o 7 de xullo da man do Club Ximnasia e Auga de Tui.

En setembro celebrarase o Trofeo Eurocidade de Hoquei co Hoquei Club Valença. Amais o Club Tenis Tui organizará a décima edición do Torneo de Tenis da Eurocidade que se disputará nos meses de setembro e outubro. Pecha o calendario deportivo compartido de Tui e Valença a VIII Urban Trail Night Eurocidade o 23 de novembro organizado por Noko 360 e Sra. Emilia.

CALENDARIO DEPORTIVO EUROCIDADE 2024

1.- CIRCUITO DE ANDAINAS SAUDABLES DA EUROCIDADE
" Mensual desde marzo
" Organización: Club AndaTui Rego da Pedra e Club Celtas do Minho

2.- TRAIL DO MONTE ALOIA
" 10 e 11 de febreiro de 2024
" Organización: Noko 360

3.- TT EUROCIDADE JEEPS
" 2 de marzo
" Organización: Club Tracçao As 4

4.- XI EUROCIDADE BTT
" 17 de marzo de 2024
" Organización: Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas

5.- TORNEO MINI BASQUET EUROCIDADE
" 23, 24 e 25 de marzo de 2024
" Organización: Basquet Clube Valença

6.- TT EUROCIDADE MOTAS
" 6 de abril de 2024
" Organización: Club Tracçao As 4

7.- X TROFEO DE BAILE DEPORTIVO EUROCIDADE
" 20 e 21 de abril de 2024
" Organización: Escola de Baile Pasos Galicia
" Pavillón de Valença

8.- RAMPA DO MONTE FARO
" 22 e 23 de xuño de 2024
" Organización: Viana Motor Clube

9.- TORNEO DE JUDO EUROCIDADE
" 6 de xullo de 2024
" Organización: JuValença

10.- X CAMPIONATO DE KUNG FU EUROCIDADE
" 7 de xullo de 2024
" Organización: Club Ximnasia e Auga de Tui

11.- TROFEO EUROCIDADE DE HOQUEI
" Setembro
" Organización: Hoquei Clube Valença

12.- X TORNEO DE TENIS EUROCIDADE
" Setembro - Outubro
" Organización: Club Tenis Tui

13.- VIII URBAN TRAIL NIGHT EUROCIDADE
" 23 de novembro de 2024
" Organización: Noko 360 e Sra. Emilia

Concello Tui


O Plan de Compostaxe Municipal de Tui exemplo de boas prácticas nunhas xornadas técnicas en Asturias

A experiencia de compostaxe que se desenvolve no concello de Tui dentro do Plan de Compostaxe Municipal foi dada a coñecer hai un días en Asturias coma exemplo de boas prácticas.

A mestra composteira de Tui, Sara Luque, representando ao Concello de Tui, presentou a experiencia tudense nas xornadas inaugurais da Campaña de Compostaxe Doméstico e Comunitario de COGERSA, Consorcio para la Gestión de los Residuos Sólidos de Asturias.

A mestra composteira tudense describiu o plan de xestión de Tui como exemplo de éxito na xestión de biorresiduos. Así detallou coma o Plan de Compostaxe Municipal de Tui ten nestes momentos máis de 600 composteiros individuais rexistrados nas distintas parroquias tudenses aos que se suman os seis Centros de Compostaxe Comunitaria situados no lateral e traseira do edificio Francisco Sánchez, a carón da praza de Abastos, e nas rúas Ourense, Mártires de Sobredo e Tenencia; e o Centro de Compostaxe Veciñal situado na Pousa do Bispo. Tamén deu conta do servizo de cesión de uso de biotrituradoras para a cidadanía que ten en marcha o concello de Tui e que permite facer unha xestión axeitada dos restos de poda

Tras a intervención da técnica de Tui as persoas asistentes manifestaron o seu interese no Plan de xestión de biorresiduos de Tui, e formularon diversas consultas para aclarar dúbidas co fin de implantar un programa de compostaxe nos seus municipios.

Nas xornadas participaron a xerente de COGERSA, Paz Orviz explicando os obxectivos desta actividade, así coma o director general de Calidade Ambiental do Principado de Asturias,Pablo Luis Álvarez Cabrero, que expuxo o marco legal e as medidas que ía adoptar o Principado para a aplicación da normativa na xestión de biorresiduos. Outras ponencias correron a cargo de Ricardo Rodríguez Herrero, xestor de COGERSA encargado do programa de compostaxe comunitario do consorcio; ou Helena Fernández, xefa de sostibilidade de COGERSA; que abordaron tanto as accións para facilitar a implantación de áreas de compostaxe comunitaria nas entidades locais, coma o programa de compostaxe doméstico do consorcio que nos últimos 15 anos entregou 17 mil composteiros individuais.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais