JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

"A clave para falar de sexualidade cos nosos fillos e fillas é saber que non é como a adulta"

A psicóloga e sexóloga Mamen Jiménez puxo o broche de ouro á IX Semana da Educación cunha charla na que aprender a falar de sexo con nenos e nenas con humor e sen medo

Nin a borrasca Karlotta conseguiu apagar as gañas de seguir aprendendo. A psicóloga, sexóloga, terapeuta de parella e ilustradora Mamen Jímenez puxo este xoves o broche de ouro á IX Semana da Educación cunha charla na que recoller as claves para falar de sexo con nenos e nenas con humor e sen medo, un encontro co público no auditorio de Goián que tivo que celebrarse a través de videoconferencia a causa do mal tempo.

"Falar de sexualidade cos nosos nenos e nenas é fundamental e, non obstante, carecemos de calquera formación regulada. Por iso é tan importante contar con expertas como Mamen Jiménez que nos guíen neste camiño delicado", salientou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora aproveitou para agradecer "ás familias que nos acompañen cada ano e a toda a comunidade educativa o entusiasmo que poñedes na vosa profesión".

Nunha charla amena, divertida e sen tabús a psicóloga ofreceu ao público as ferramentas para abordar cos pequenos e pequenas da casa a sexualidade tendo en conta cuestións claves. "É unha sexualidade non organizada, sen connotacións eróticas, exploratoria e na que todo o corpo é unha festa. Por iso, o primeiro paso á hora de abordar este tema con eles e elas é ter en conta que é unha sexualidade diferente á adulta", resaltou.

A psicóloga fixo especial fincapé na importancia de tratar estas cuestións con naturalidade e dar a nenos e nenas ferramentas para ensinarlles a coñecerse e a respectarse a elas e eles mesmos e ás persoas que as e os rodean, empoderándoos e ensinándolles que o seu corpo é seu, sempre cun diálogo adaptado a súa idade, á súa etapa educativa e ao seu propio coñecemento.

Pero, por que ocuparse destes temas na casa? Para Mamen Jiménez a resposta é clara. Porque é un tema ineludible, "porque teñen curiosidade e necesitan respostas para establecer un marco de confianza que se extrapolará a todos os ámbitos; porque é a nosa responsabilidade, como coidalas e coidalos noutras esferas da súa vida; porque vai chegar a pubertade e se non o falas ti ten un cóctel de influencias ao alcance da man; porque a información é protección e porque así teremos persoas adultas máis saudables e felices coa súa sexualidade".

De xeito directo e didáctico, Jiménez deu resposta ao top 3 das dúbidas máis habituais entre pais e nais, abordou un tema delicado como os abusos sexuais para tentar identificalos e previlos e ensinou pequenos tips para afrontar un tema que debe tratarse con naturalidade. "Temos que chamar ás cosas polo seu nome, animalas e animalos a coñecer o seu corpo con intimidade e a explicarlles que non pasa nada se se toca. Pero sempre dende o respecto e o cariño, sen ridiculizar, culpar ou censurar".

Concello Tomiño


O teatro como ferramenta para dicir non á violencia machista

A mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño participa en 'Namorar en sintonía', un concurso que busca abordar esta temática dun xeito crítico, creativo e interactivo

A mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño participa no concurso de teatro 'Namorar en Sintonía', un certame que busca sensibilizar á mocidade sobre a problemática da violencia machista, manifestada en relacións tóxicas e comportamentos abusivos. Para participar cada grupo creou unha obra de teatro orixinal que será presentada o 23 de febreiro a partir das 21.00 horas no Cineteatro de Cerveira - Marreca Gonçalves.

Un estudo da Comisión para a Cidadanía e Igualdade de Xénero (CIG) revela que o 53,1% das persoas enquisadas sufriron polo menos un acto de violencia durante as súas relacións sentimentais, con especial incidencia entre as mulleres. A violencia psicolóxica desvélase como a máis prevalente, seguida da violencia social e sexual e da violencia física. Os celos considéranse a principal causa de violencia nas relacións sentimentais para a maioría da mocidade.

Deste xeito, en pleno mes do amor e con San Valentín como data sinalada no calendario, a mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño ponse a reflexionar e traballar, a través do teatro, a temática da violencia nas relacións sentimentais dun xeito crítico, creativo e interactivo. As e os interesados participan en grupos de entre 5 e 10 persoas cunha obra de teatro que non pode exceder os 20 minutos, como recollen as bases de participación.

O xurado estará composto por un representante do grupo de teatro amateur 'Outra Cena', un representante do grupo de teatro Agrupamento de Escolas de Vila Nova de Cerveira e un representante de Comédias do Miño. Avaliará a orixinalidade, a creatividade, a calidade da presentación xeral do traballo e a integración no tema, premiando ao final aos tres grupos máis votados.

O concurso 'Namorar en Sintonía' encádrase na operación REDE_GOV MINHO, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través de INTERREG V-A POCTEP.

Concello Tomiño


"O pensamento crítico e a curiosidade son as claves para enfrontarse ás fake news, á intelixencia artificial e ao futuro"

Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, avogou na IX Semana da Educación pola alfabetización científica para axudar a infancia, mocidade e adultos a enfrontarse a unha sociedade dixitalizada

"Para ben ou para mal, coas redes sociais todo o mundo ten un altofalante á súa disposición e iso é o campo de abono perfecto para a proliferación de fake news e para fomentar a escravitude do clic". Así de contundente se amosou Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, durante a terceira xornada da IX Semana da Educación, na que a xornalista e divulgadora debullou ante o público a necesidade dun pensamento crítico para sobrevivir nun mundo de 'infoxicación'. "A ciencia e a curiosidade son as claves para enfrontarse ás fake news, á intelixencia artificial e ao futuro", recalcou.

Con interesantes xogos nos que comprobou o ollo adestrado do público para detectar informacións e imaxes falsas, Rocío Vidal explicou a importancia de achegarse ao mundo dixital dun xeito prudente ante unha realidade "que sen dúbida nos preocupa". E fíxoo con datos concretos. "O 64% das persoas que se radicalizan en Facebook por exemplo é a causa do algoritmo, que cada vez van amosando cada vez contido máis extremo", explicou.

Todo isto, unido á imaxe irreal da vida que se amosan nas redes, a divulgación de pseudoterapias ou ás IA replicando os sesgos humanos "pode acabar xerando moita confusión". "Xa non se pode confiar en nada, nin nos nosos propios sentidos. Por iso é tan importante a alfabetización científica, fomentar o coñecemento e aprender a discriminar o real do irreal. E aí o pensamento crítico e a responsabilidade social e individual son as chaves", recalcou. "Demonizar a situación actual é un craso erro, o que necesitamos son ferramentas excepcionais para afrontar un panorama excepcional", rematou.

Rocío Vidal dedícase á divulgación científica e do pensamento crítico e traballa para desmontar mitos e timos pseudocientíficos sobre temas moi variados a través de vídeos entretidos e educativos. Xornalista cun mestrado en Comunicación Científica pola Universidade de Barcelona fundou a súa canle de YouTube co obxectivo de tentar fomentar a curiosidade do público, difundir a cultura científica e ensinar a combater a desinformación. É autora tamén dos libros 'Que lle dean á ciencia' e 'Eureka', colabora con diferentes medios de comunicación e presentou dous programas de temática científica dirixidos por RTVE como 'Science Truck' e 'What!? Tú cómo lo ves'.

Concello Tomiño


Tomiño adía o seu Venres de Foliada ao 23 de febreiro por cuestións meteorolóxicas

O Concello consensuou coas comparsas participantes a nova data. O desfile manterá o seu horario e percorrido

Tomiño adiará o seu tradicional Venres de Foliada dúas semanas. O Concello trasladará o desfile ao vindeiro venres 23 de febreiro, unha nova data establecida contando co parecer das comparsas e adaptando o agardado encontro a unha data na que non interrompera outras actividades xa axendadas por parte das entidades participantes.

"A borrasca Karlotta non nos permitirá desfilar este venres e dar o pistoletazo de saída ao Entroido en toda a comarca, pero xa traballamos para organizar o Venres de Foliada en dúas semanas. Somos conscientes de que son unhas semanas de moita actividade, por iso dende o Concello decidimos consensuar coas propias comparsas participantes a data que mellor se adaptara a elas", salienta a alcaldesa, Sandra González.

A pesar do cambio de data, o desfile de treboadas e comparsas manterá o seu horario e percorrido habitual. O Venres de Foliada arrancará ás 21.30 horas dende o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán para percorrer a rúa Gondomar e rematar na Pedra. Tras o encontro, a Praza do Seixo acollerá o concerto de balde do grupo Adredde, con parte das súas e os seus integrantes procedentes de Tomiño, para continuar animando a noite.

Concello Tomiño


Javier Jurado: "A música serve para construír persoas"

O docente e investigador desvelou o valor real que se lle debe dar á música na segunda xornada da IX Semana da Educación de Tomiño

A música foi o pano de fondo no segundo día da IX Semana da Educación de Tomiño, unha xornada na que o musicólogo, docente e investigador Javier Jurado fixo un percorrido pola presenza desta materia ao longo de todos os niveis educativos e puxo en valor con teoría e práctica todas as súas bondades.

Como explicou durante a presentación a alcaldesa, Sandra González, "achegámonos a unha ferramenta que é capaz de mellorar a aprendizaxe e a vida das persoas. En Tomiño temos o luxo de contar cunha gran Escola de Músca e a presenza de Javier Jurado aquí ratifica o acertado desa aposta decidida pola música dende o Concello, algo que é vital para contribuír a mellorar a vida da infancia e adolescencia, pero tamén de toda a veciñanza tomiñesa".

Javier Jurado quixo ofrecer ao público o amplo abano de achegas positivas que ten para a sociedade a música, "unha disciplina capaz de activar todo o cerebro, non só como porta de acceso á arte. Permite desenvolver o pensamento transversal e crear nenos, nenas, adolescentes máis empáticos, pacientes e mesmo organizados. A música serve para construír persoas".

O musicólogo salientou as diferenzas con outros países de Europa no que a música ten unha maior presenza dende cedo na vida de nenos e nenas e salientou a importancia de poñer en valor unha materia que acompaña á rapazada durante toda a súa vida escolar, "polo que sen dúbida inflúe no seu desenvolvemento integral".

"A música permite que o cerebro funcione dun xeito global, realizando unha sorte de adestramento que permite que moitas neuronas sobrevivan cando chega a adolescencia, un momento crucial na vida de nenos e nenas", resaltou. Pero para conseguir todas as vantaxes que achega, Jurado resaltou que "a música é unha linguaxe e, como tal, hai que exercitalo".

Catedrático de Historia da Música no Conservatorio Superior de Música, onde desempeña o cargo de director do Mestrado en Creación, Interpretación e Investigación Musical, Javier Jurado ten impartido clases de música en diferentes niveis educativos, dende educación infantil ata universitaria, pasando por primaria, ESO ou bacharelato. Colaborador da Universidade Internacional de Valencia e director de teses na Universidade Politécnica de Valencia, o musicólogo desenvolve liñas de investigación sobre temáticas diversas, como a zarzuela en Galicia e a obra de compositores galegos como José Fernández Vide, Ángel Rodulfo, Bernardo del Río ou Reveriano Soutullo.

Licenciado en Historia e Ciencias da Música e titulado superior en Frauta traveseira, Jurado tamén é doutor en Didácticas Específicas pola Universidade da Coruña e doutor en Humanidades pola da Rioxa. Ademais, compaxina o seu traballo co de director de Dos Acordes, unha empresa dedicada á preparación de oposicións docentes dende hai máis de 30 anos e outros servizos musicais, como o de editorial, discográfica ou produtora cultural.

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño contratará a 20 persoas desempregadas

Cubriranse ata nove postos diferentes a xornada completa e os contratos terán unha duración de entre 6 e 9,5 meses

O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a 20 traballadoras e traballadores contratados a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a activación do emprego. Como sinala a alcaldesa, Sandra González, estas novas incorporacións "supoñen unha oportunidade laboral para os tomiñeses e tomiñesas que están nestes intres na busca de emprego ao tempo que permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal de forma puntual ou nos que se realizan traballos estacionais".

Con estas contratacións cubriranse ata nove postos diferentes con persoal temporal contratado a xornada completa por un tempo de entre 6 e 9,5 meses de duración, dependendo do posto. Así, está prevista a incorporación de:

- 11 peóns de xardinaría (tres durante 9,5 meses e oito con contrato de 7 meses).
- 1 peón da construción (6 meses).
- 2 condutores/as-operadores/as de retroescavadora (un cun contrato de 8 meses de duración e outro de 6 meses).
- 1 instalador/a electricista en xeral (9,5 meses).
- 1 mecánico/a de mantemento e reparación de automoción en xeral (7 meses).
- 1 soldador/a de estruturas metálicas lixeiras (7 meses).
- 1 técnico/a administrativo/a en xeral (9 meses).
- 1 traballador/a social (7,5 meses).
- 1 enxeñeiro/a técnico/a forestal ou biólogo/a (6 meses).

As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Tomiño, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.

O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección das e dos aspirantes. Na selección terán preferencia persoas desempregadas de longa duración; mulleres con baixa cualificación; persoas con máis de 45 anos ou mozas, especialmente con baixa cualificación; persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65% ou persoas con discapacidade que presenten maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, sempre que esta permita a realización das funcións propias do posto; vítimas de violencia de xénero; ou familias monoparentais con fillos a cargo.

Concello Tomiño


"Temos que aproveitar a intelixencia artificial para que faga cousas por nós e así poder dedicarnos a sacar o mellor do ser humano"

O mestre e escritor César Bona deu o pistoletazo de saída á IX Semana da Educación cunha charla amena, divertida e moi participativa

Tomiño volveu converterse no referente en educación. O escritor e docente César Bona deu o pistoletazo de saída á IX Semana da Educación este luns ante un auditorio de Goián ateigado de público entregado e con ganas de aprender deste mestre considerado como un dos 50 mellores do mundo.

"Tomiño xa é un referente grazas a todas e todas vós, que apoiades unha iniciativa na que levamos traballando xa case unha década convencidos e convencidas de que outra educación é posible. E tamén é grazas a persoas como César Bona: é un verdadeiro luxo aprender de todas elas", asegurou durante a inauguración da xornada a alcaldesa, Sandra González.

Durante case dúas horas e de forma amena, divertida e moi participativa, César Bona sinalou ao público o que considera o camiño para humanizar a educación. "Educar é o conxunto de ferramentas que nós lles damos a nenos, nenas e adolescentes para facilitar o seu desenvolvemento integral: físico, mental, social e emocional. Por iso é escoitalos, darlles voz, atender ás cousas importantes que nos queren contar pero que moitas veces non descubrimos porque non lles deixamos expresarse", resaltou.

A través de palabras clave como paradigma, dicotomizar, esencia, ilusión, imaxinación, creatividade ou curiosidade, Bona explicou ao público que "un mestre é alguén que inspira para a vida, alguén que axuda" e que debe sempre "ensinar a dubidar ata do que ensina, fomentando un pensamento crítico, algo que gaña especial relevancia na era das fake news".

Durante o encontro, César Bona fixo tamén referencia ás oportunidades que se están a dar nos últimos anos para pararse a reflexionar e repensar a educación. A pandemia ou mesmo a entrada da intelixencia artificial "son momentos de inflexión que non debemos deixar pasar. Non debemos asustarnos da intelixencia artificial, debemos aproveitala para que faga cousas por nós e así nós poder dedicarnos a sacar o mellor de cada ser humano que pasa polas nosas mans". "O tempo voa, nun abrir e pechar de ollos os nenos e nenas xa non estarán nas nosas aulas e logo igual será moito máis difícil poder acompañalos", resaltou.

Concello Tomiño


Unha ducia de premios para poñer en valor o esforzo do deporte tomiñés

A piragüista Uxía Rodríguez e o canoísta David Mella, mellores deportistas absolutos na VII Gala do Deporte de Tomiño

O Club Motonáutica Baixo Miño recolleu o galardón á inclusión no deporte

Tomiño vestiuse de gala para premiar e poñer en valor o talento deportivo do municipio. O auditorio de Goián converteuse esta fin de semana no escenario da Gala do Deporte de Tomiño, que celebrou a súa sétima edición con moitas gañas de recoñecer a todas aquelas e aqueles deportistas, clubs, asociacións, entidades e empresas que se esforzan día a día para levar ao deporte tomiñés ao máis alto. Un evento participativo no que por primeira vez se contou coa colaboración de clubs e veciñanza para propoñer candidaturas ás diferentes categorías premiadas.

A alcaldesa, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Rubén García, entregaron algúns dos premios da noite, case unha ducia de galardóns que foron dende os e as mellores deportistas absolutas ata o premio Inclusión no Deporte, que se incorpora por primeira vez aos galardóns e que recaeu no Club Motonáutica Baixo Miño polo seu labor para achegar o deporte a todas as persoas.

"Non podemos máis que estar orgullosos e orgullosas do esforzo, dedicación e implicación diaria dos nosos e nosas deportistas, tomiñeses e tomiñesas que traballan duramente para que o deporte de base sexa máis importante cada día e para levar o nome do noso concello por todo o mundo", salientou a rexedora.

A piragüista Uxía Rodríguez e o canoísta David Mella foron recoñecidos durante a gala como mellor deportista feminina e masculino absoluto, respectivamente, polos innumerables éxitos que ambos os dous recolleron durante toda o 2023. Pola súa banda, as irmás Leira e Nerea Álvarez, integrantes do Club Deportivo Miño - Teixugos, compartiron o galardón Mellor Promesa Feminina. O atleta Sergio Silva, da Sociedade Atlética do Trega, fíxose co premio á Mellor Promesa Masculina.

Na categoría Mellor Club de Base, pensada para recoñecer á xente que traballa día a día co deporte de base, recaeu na Sociedade Atlética do Trega. Mentres, o Premio Fomento Deporte Feminino foi parar ao Tomiño Feminino F.C. Este ano, a gala contou co Premio á Entidade que Fomenta o Deporte Tradicional, un recoñecemento especial a aqueles clubs que mesturan o deporte coa integración e reúna os valores que promove a actividade deportiva de solidariedade, compañeirismo e solidariedade. O galardón recaeu no Club de Bolos Celtas Forcadela.

Roberto Millán, do Club Trasno de tiro con arco recolleu o premio ao Mellor Adestrador, e o Spartan Team alzouse co premio ao Mellor Evento Deportivo pola organización e celebración do seu Campionato de Kick Boxing. Como ven sendo habitual en cada edición, entregouse un premio Patrocinador a Informática Jaime por toda unha traxectoria protexendo e axudando a dinamizar o deporte tomiñés.

O concelleiro de Deportes salientou a presenza de colectivos, asociacións, clubs e público xeral na gala para render homenaxe a todas as persoas deportistas de Tomiño e lembrou a vontade do Goberno municipal de "continuar premiando ao deporte tomiñés, poñendo en valor traballo de clubs e deportistas, que cada ano nos sorprenden polos seus grandes éxitos nas disciplinas máis variadas".

Concello Tomiño


O Goberno municipal de Tomiño esixe á Xunta unha reapertura total do consultorio de Goián

Salienta a falta de compromiso do Sergas, xa que o centro abriu cun médico temporal que pasa consulta só tres veces á semana

O Goberno municipal de Tomiño quere expresar a súa profunda disconformidade coa xestión que está a facer a Xunta do consultorio de Goián e esixe a súa reapertura total. Tras case catro anos pechado, o Sergas asegurou no acto inaugural que o consultorio volvería abrir as súas portas ao 100% o pasado 24 de xaneiro, non obstante nestes 15 días xa pasaron dous médicos substitutos e se pásase consulta só tres veces á semana.

Dende o Concello maniféstase a preocupación pola reiterada falta de compromiso e de palabra do Sergas. A demanda é clara: Tomiño quere un consultorio aberto todos os días e con profesionais permanentes que velen pola saúde das e dos pacientes.

O Goberno municipal lamenta que a Xunta empregara o anuncio da reapertura do consultorio de Goián dun xeito electoralista, anunciando en precampaña a apertura dun servizo que non conta nin con médico definitivo. Os veciños e veciñas de Tomiño queren saber se hai xa asignado un médico definitivo ao consultorio de Goián, como afirmou o xerente do Sergas na súa inauguración.

Este uso electoralista do consultorio xa se dera nas pasadas eleccións municipais, o Sergas acusou a Tomiño de non ter dispoñibles as instalacións para o consultorio, cando o Concello puxera xa o 1 de abril a disposición da Xunta o novo inmoble tras investir 18.500 euros en reformas e subministros.

Trátase dunha situación que non só afecta ao consultorio de Goián, senón que tamén atinxe ao centro de saúde de Tomiño, onde a falta de persoal e a non cobertura de vacacións nin baixas médicas provoca que moitos días haxa só un médico ou médica para 14.000 persoas.

Desde o Concello esiximos ao Sergas que cumpra coas súas responsabilidades, que explique a planificación de persoal prevista para o consultorio e cando se vai a incorporar o médico ou médica fixa para atender ás e aos pacientes os cinco días á semana. O Goberno municipal non se conformará co progresivo deterioro dos servizos sanitarios esenciais e demanda actuacións inmediatas para resolver a situación.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais