JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño fala de sexo con humor e sen vergoña con Mamen Jiménez

La Psicomami pechará a novena edición da Semana da Educación coa súa charla 'E de onde veñen os bebés?' o xoves 8 de febreiro

Un día estás creando un bebé e, poucos anos despois, é a propia criatura a que está a preguntar polos detalles do proceso. E cando chega ese momento saltan todas as dúbidas: é demasiado pequeno ou pequena para contarlle segundo que cousas? Lle transmitiremos ideas ou máis información da que precisa? A psicóloga, sexóloga, terapeuta de parella e ilustradora Mamen Jiménez, La Psicomami, estará na IX Semana da Educación de Tomiño para contar con claridade e un toque de humor como acompañar aos máis cativos e cativas da casa no seu desenvolvemento afectivo-sexual con naturalidade, sen vergoña e sen medo cando chegan as preguntas.

O vindeiro xoves 8 de febreiro, Jiménez subirase ao escenario do auditorio de Goián para pechar a novena edición dunhas xornadas de balde postas en marcha polo Concello de Tomiño co obxectivo de informar e formar a persoal educador e docente, pais, nais e familias sobre distintos aspectos relacionados coa educación de nenos, nenas e adolescentes.

O público mergullarase nesta temática coa charla 'E de onde veñen os bebés? A educación afectivo-sexual na casa, sen medos... e ata con risas!', na que La Psicomami se dirixirá especialmente a familias con cativada entre 0 e 12 anos para achegalas dun xeito ameno e divertido a un tema que pode ser delicado. Jiménez transmitirá información veraz, científica e dará consellos e ferramentas para abordar na casa o desenvolvemento afectivo-sexual de nenos e nenas sen pasar vergoña, sabendo responder ás súas preguntas para acompañalas e acompañalos do mellor xeito posible.

Para abordar este tema considerado normalmente sensible, a psicóloga recomenda facelo "dende o principio, da mesma forma que os coidamos, queremos e educamos noutras áreas do seu desenvolvemento. E hai que facelo dun modo consciente, a propósito, porque hai que asegurarse de facelo acorde á súa idade e capacidade de entendemento".

Licenciada en Psicoloxía e cun Máster en Sexoloxía e Terapia de parella, Mamen Jiménez ten a súa consulta en Madrid e imparte charlas e obradoiros por toda España. En 2015 decide a súa experiencias profesional e maternal no blog La Psicomami, no que con ilustracións cargadas de humor e cotiandade fala da maternidade, a paternidade e a parella. Grazas a el recibe o Premio Madresfera ao Mellor Blog de Humor e dende entón a súa popularidade e seguidores e seguidoras non pararon de crecer, tanto no blog como nas redes sociais. Colaborou en numerosos medios de comunicación e é autora de varios libros nos que páxina a páxina ofrece solucións prácticas e consellos a través de ilustracións, con humor e de forma amena, como 'Amos con ojeras', 'Gustirrinín', '50 sombras de mami', 'Yo te lo explico' ou 'Contigo'. Colabora ademais de forma habitual en publicacións de crianza e tendencias, escribindo sobre nenos e nenas e sobre as persoas adultas.

Concello Tomiño


Tomiño celebra o seu deporte

O Concello organiza este sábado 3 de febreiro a VII Gala do Deporte, coa que render homenaxe ás e aos deportistas tomiñeses e ao seu ano de éxitos

Por primeira vez contouse coa participación de clubs e veciñanza para propoñer candidaturas

Tomiño reúnese un ano máis para celebrar os éxitos do seu deporte e de todas e todos os deportistas do municipio. O Concello organiza este sábado 3 de febreiro a sétima edición da Gala do Deporte, unha noite de encontro na que homenaxear a todas as persoas deportistas tomiñesas e premiar a aquelas que brillaron especialmente ao longo dos últimos doce meses.

"O 2023 foi un ano repleto de éxitos deportivos para o noso municipio, unha lista de logros que crece ano a ano e que fai aínda máis necesaria esta gala, un evento no que recoñecer o arduo traballo, a dedicación e o esforzo das nosas e nosos deportistas. Os premios son só a punta do iceberg dos innumerables éxitos acadados o ano pasado, por iso convertemos a gala no mellor escenario para festexar o talento deportivo tomiñés", explica o concelleiro de Deportes, Rubén García.

Por primeira vez, o Concello contou coa colaboración tanto dos clubs como da veciñanza para propoñer candidaturas para optar as diferentes categorías, facendo o proceso transparente e participativo. "Cada tempada hai máis deportistas das disciplinas máis variadas que obteñen grandes éxitos tanto en Tomiño como fóra e queremos que todas e todos teñan a oportunidade de ver recoñecido o seu traballo na súa terra. Tras a primeira fase de proposta de candidaturas agora é un xurado o que decide ás e aos gañadores", resalta o edil.

A gala será ás 20.30 horas no auditorio municipal de Goián con entrada aberta a todos os públicos. O Concello convida a colectivos, asociacións, clubs e público xeral a desfrutar deste evento que será presentado polo recoñecido xornalista deportivo Terio Carrea e que contará con diferentes actuacións que amenizará o encontro.

A pasada edición da Gala do Deporte entregou unha ducia de distincións en diferentes categorías, que foron dende os e as mellores deportistas ou promesas ata o premio de afán de superación ou o recoñecemento ás entidades e patrocinadores.

Concello Tomiño


César Bona desembarca en Tomiño para 'Humanizar a educación'

O escritor, considerado como un dos mellores 50 mestres do mundo, dará o pistoletazo de saída á IX Semana da Educación

Será o luns 5 de febreiro ás 19 h no auditorio de Goián

César Bona é un profesor e escritor con gañas de 'Humanizar a educación', ou cando menos intentalo. Considerado un dos 50 mellores mestres do mundo, segundo o Global Teacher Prize, o nobel dos profesores, e membro do xurado durante tres anos dos Premios Princesa de Asturias, para Bona a escoita, a empatía, o respecto ás diferenzas, a participación de infancia e adolescencia na sociedade e a educación para a convivencia son piares fundamentais. E con esa perspectiva da vida subirase ao escenario do auditorio de Goián o vindeiro luns 5 de febreiro ao abeiro da IX Semana da Educación de tomiño para reflexionar dun xeito ameno a transformación profunda que a sociedade debe facer en moitos campos, tamén no ensino.

Tras unha pandemia que fixo cambalear a estrutura das nosas vidas, César Bona animará ao público a cambiar as preguntas en lugar de buscar diferentes respostas ás cuestións de sempre. O novo escenario obriga a unha transformación profunda en moitos campos, tamén na educación "porque con ela comeza todo".

Por iso, "non podemos seguir facéndonos as mesmas preguntas de sempre, é o momento de plantexar outras. Que ferramentas necesitan nenos e nenas? Que carencias atopamos na educación que recibimos?". "Os resultados académicos deben ir asociados á mellora do individuo consigo mesmo, cos demais e co mundo no que vive. Se non, para que educamos? A vida estanos a dar unha oportunidade para humanizar a educación", como afondará o mestre e escritor.

Polos seus múltiples proxectos vinculados á participación infantil, César Bona recibiu conta con numerosos recoñecementos ás súas costas, como o Premio Magister de Honra pola Plataforma da Escola Pública, o Premio Crearte do Ministerio de Cultura en dúas ocasións polo seu estímulo da creatividade, a Cruz José de Calasanz ou o Premio Medio Ambiente Aragón 2013. Ademais, foi mención de honra no International Children Film Festival of India pola película de cine mudo 'The importance of being an Applewhite', que conseguiu unir a dúas familias que non se falaban.

O Concello organiza por noveno ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, xornadas de balde que se celebrarán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio municipal de Goián, con servizo de canguro gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o remate das charlas. As persoas que se inscriban e asistan a estes catro días de charlas recibirán un certificado de participación.

Concello Tomiño


Tomiño oferta un novo curso de monitor de lecer e tempo libre

A OMIX abre o prazo de inscrición para participar neste curso formativo e no obradoiro de francés nivel básico

Tomiño continúa a dar forma a unha programación pensada para formar á mocidade naqueles temas que espertan maior interese entre eles e elas. Por este motivo, o Concello vén de abrir a inscrición para participar en dous novos cursos da OMIX: de monitor ou monitora de lecer e tempo libre de francés básico en liña. "Con este tipo de actividades achegamos á mocidade unha programación actual, na que se tratan temáticas non só moi demandadas por elas e eles mesmos, senón que tamén lles poden brindar oportunidades persoais e profesionais no futuro", salienta a alcaldesa, Sandra González.

Aquelas persoas con 18 anos cumpridos e que teñan como mínimo o graduado escolar, o título da ESO ou equivalente poderán acceder a un novo curso de monitor ou monitora de lecer e tempo libre. Será unha formación de 200 horas de duración nunha primeira fase teórico-práctica e outras 150 horas de prácticas tras as que o alumnado participante acadará o título oficial, expedido pola Xunta de Galicia. O Concello abre a posibilidade de facer as prácticas do curso durante o mes de xullo no campamento urbano que organiza cada verán.

Este curso comezará o vindeiro 2 de marzo e impartirase na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián sábados e domingos de 09.00 a 14.00 e de 15.00 a 20.00 horas ata o 14 de abril. Durante a fin de semana de Semana Santa non haberá clases programadas. A formación terá un custe de 200 euros se se cobren todas as prazas. As persoas interesadas poden xa inscribirse na web municipal.

Por outra banda, a inmersión lingüística é a mellor forma de aprender outra lingua, que axuda a quen a estuda a ampliar as súas habilidades comunicativas e mergullarse noutras culturas. Para facilitar o acceso á formación noutros idiomas, a OMIX xa ten aberta a inscrición para participar no curso básico de francés A1 en liña. Impartido por Sabine, unha profesora nativa licenciada en Filoloxía e con moita experiencia ás súas costas, o curso empregará unha metodoloxía activa e participativa para aprender a falar inglés dun xeito ameno e divertido.

O curso impartirase do 15 de febreiro ao 25 de abril todos os xoves de 20.00 a 22.00 horas de forma remota, non presencial. Terá 20 horas de duración e un custe de 10 euros por persoa participante.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais