|
Tomiño busca un deseño atractivo para conmemorar o Día de Rosalía
O Concello organiza un concurso do deseño dunha bolsa de tea que premiará á creación máis orixinal inspirada na autora galega ou nas súas obras
As propostas poderán presentarse ata o vindeiro 13 de febreiro
O Concello de Tomiño prepárase para celebrar o Día de Rosalía de Castro con enxeño e creatividade. A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño vén de abrir o prazo para participar no concurso de deseño dunha bolsa de tea co que conmemorar o día da autora galega máis universal, figura indispensable na literatura europea do século XIX.
O deseño, que será libre e aberto, deberá estar inspirado en Rosalía de Castro ou relacionado coas súas obras. O xurado valorará a creatividade e a orixinalidade das propostas, que deberán estar pensadas para colocarse unicamente na parte dianteira da bolsa de tea e ter unha soa cor para estampar sobre fondo claro.
A frase, debuxo ou deseño gráfico que resulte gañador será estampado en 50 bolsas de tea que se repartirán o propio 23 de febreiro, Día de Rosalía, no Mercado municipal de Tomiño durante o concerto homenaxe que se celebrará ás 20.00 h e no que Acevedos Delgados musicalizará poemas da autora galega.
A alcaldesa, Sandra González, anima a todos os tomiñeses e tomiñesas a sumarse a este concurso e "achegar o seu gran de area para conmemorar o legado literario e cultural de Rosalía de Castro. É unha oportunidade única de honrar a unha das nosas autoras máis emblemáticas dende a imaxinación e a creatividade".
O premio do concurso consistirá en 100 euros para gastar na libraría tomiñesa escollida pola persoa gañadora. Ademais, dende o Concello darase a máxima difusión á creación vencedora tanto a través das redes sociais como doutros medios de comunicación.
As persoas interesadas en participar poderán enviar as súas propostas por correo electrónico a omix@tomino.gal ata o vindeiro martes 13 de febreiro.
Tomiño sóbese ao autobús do teatro
O Centro Dramático Galego celebra o seu 40 aniversario poñendo un servizo gratuíto de bus o vindeiro mes de abril para ver a súa obra 'Os actos e as profecías'. É necesaria inscrición previa
Poderá verse os días 12, 13, 18 e 19 de abril ás 18.00 h
Tomiño prepara para subirse o vindeiro mes de abril ao autobús do teatro. Coincidindo co seu 40 aniversario, o Centro Dramático Galego (CDG) arranca unha nova edición do seu programa de mobilidade, unha iniciativa destinada a achegar a súa produción cultural e teatral a público de toda Galicia coa posta en marcha dun autobús non regular de balde.
Co obxectivo de continuar incentivando o consumo teatral entre a veciñanza, o Concello de Tomiño forma parte desta iniciativa abrindo o formulario de inscrición para achegarse de forma gratuíta ao Salón Teatro de Santiago de Compostela e desfrutar da representación da última obra do CDG, 'Os actos e as profecías'.
Esta proposta busca reformular a idea clásica dunha xira, achegando ao público a unha localización estratéxica como alternativa a desprazar a produción, superando os límites xeográficos.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a importancia de apoiar iniciativas como esta "para un acceso equitativo á cultura, achegando o teatro a todos os públicos dun xeito doado e asequible. A cultura é un dereito fundamental e a gratuidade do transporte garante que todas e todos teñamos a oportunidade de desfrutar dela, fortalecendo o tecido teatral e cultural".
As persoas inscritas poderán asistir así á produción central do 40 aniversario do CDG, unha das propostas resultantes do proxecto europeo Ph?n? para a posta en valor da diversidade lingüística europea e das linguas minoritarias a través do teatro. A obra emprega o formato dos talent shows como fío condutor, explorando temáticas como a competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio.
O CDG oferta ata 50 prazas nas que se inclúe o desprazamento de ida e volta gratuíto ata Santiago de Compostela e un desconto para asistir ao espectáculo, que contará con entradas a 3 euros. Tomiñeses e tomiñesas poderán escoller entre catro datas dispoñibles, todas elas con representación ás 18.00 horas:
- Venres, 12 de abril
- Sábado, 13 de abril
- Xoves, 18 de abril
- Venres, 19 de abril
O mago tomiñés Samuel Moreno estrea no seu municipio 'Etéreo', un espectáculo de maxia moderna, fresca e xuvenil
O mago tomiñés, semifinalista de Got Talent España 3, estará no auditorio de Goián este sábado 20 ás 20.00 h. Entrada de balde
O Concello de Tomiño abre este sábado 20 de xaneiro as portas do auditorio municipal de Goián para recibir ao mago tomiñés Samuel Moreno, que escolleu a súa terra natal para estrear o seu espectáculo 'Etéreo', unha proposta de maxia moderna, fresca e xuvenil que promete sorprender e facer desfrutar ao público.
O semifinalista de Got Talent España 3 chegará a Tomiño cun innovador espectáculo que recolle todos os sinais de identidade de Moreno: unha proposta interactiva onde a participación do público será clave e no que a fusión de maxia, música, tecnoloxía e humor fará as delicias de nenos, nenas e maiores nun ambiente distendido e divertido. Durante 60 minutos, o público rirá e desfrutará cos trucos deste mago que participou en numerosos festivais de maxia, levando os seus espectáculos por toda España.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradece que Samuel Moreno "escolla o seu concello para a estrea deste espectáculo, que sen dúbida nos levará a todas e todos a valorar máis a maxia". A rexedora anima a toda a veciñanza a participar nesta experiencia única para todos os públicos e gozar dunha tarde en familia cunha proposta que sorprenderá a todas e todos os espectadores.
O espectáculo, con entrada de balde, comezará ás 20.00 horas. O auditorio municipal de Goián abrirá as súas portas ao público ás 19.30 horas.
Protección Civil de Tomiño realizou máis de 1.800 horas de servizo no 2023
Levaron a cabo 236 intervencións entre operativos e participación en actividades de apoio, formación, incidencias ou accidentes
O Concello agradece a voluntarios e voluntarias o seu traballo desinteresado e esforzo cada ano
A Agrupación de Protección Civil de Tomiño pecharon o 2023 cunha xestión exitosa e un esforzo continuo por garantir a seguridade e benestar da veciñanza. Os 25 voluntarios e voluntarias que integran a entidade desenvolveron ao longo do ano pasado unha intensa actividade, realizando máis de 1.800 horas de servizo en 236 intervencións e mobilizados ata en 220 ocasións polo 112.
Durante o 2023, ademais de participar en 58 operativos en Tomiño e realizar case unha decena de intervencións fóra do concello, os voluntarios e voluntarias de Protección Civil colaboraron en incidencias na vía, como inundacións, desprendementos de árbores ou terra ou caídas do tendido eléctrico ou de telefonía; en chamadas por animais ou por niños de velutinas; en inundacións en vivendas; en accidentes laborais ou de tráfico, con e sen feridos; ou na procura de persoas, entre outras actuacións.
Ao longo do ano pasado realizaron ademais 164 horas de formación na Academia Galega de Seguridade Pública en cinco curso relativos a diferentes ámbitos, como normativa en materia de espectáculos e actividades recreativas, a prevención e loita contra incendios urbanos e forestais, a colaboración en dispositivos ante grandes concentracións ou o emprego de Google Earth para dispositivos de emerxencias.
Por outra banda, tamén realizaron unha intensa actividade de promoción do voluntariado cunha exposición de medios de Protección Civil na Praza do Seixo ou na Escola Infantil Primeiro Paso, colaborando na Feira Sedexpo en Silleda, con charlas divulgativas de RCP e primeiros auxilios no Centro de Día ou no Campus de Fútbol Concello de Tomiño, achegando o seu gran de area na xornada mediombiental do IES Antón Alonso Ríos ou dando apoio á ANPA Mosteiro do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán nunhas xornadas de seguridade viaria.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo agradecer en nome do Goberno municipal "o gran labor que realiza cada ano a Agrupación de Protección Civil e todos os seus voluntarios e voluntarias xa que o seu traballo é de vital importancia non só en feitos graves ou en catástrofes como as inundacións sufridas o pasado inverno, senón tamén en cada celebración, cada evento deportivo e en cada acción da vida cotiá do noso municipio".
Tomiño convértese na capital galega da educación durante unha semana
Coa celebración da IX Semana da Educación do 5 ao 8 de febreiro. Aberto o prazo de inscrición na web municipal
O Auditorio de Goián acollerá as charlas de César Bona, Javier Jurado, Rocío Vidal La Gata de Schrödinger e Mamen Jiménez La Psicomami
Tomiño volverá converterse na capital galega da educación durante unha semana o vindeiro mes de febreiro. Será coa celebración da novena edición da Semana da Educación, que cada ano converte a Tomiño nun referente no eido educativo coa participación de catro recoñecidos expertos e expertas que abordarán co público cuestións relevantes como a educación afectivo-sexual, a importancia do pensamento crítico na infancia, a humanización da educación ou a relevancia da música no ensino.
Nesta nova edición, o Auditorio de Goián acollerá do 5 ao 8 de febreiro ás 19.00 horas unhas xornadas que baixo o lema 'Educación ON' están dirixidas tanto a persoal docente e educador como a pais e nais que busquen informarse ou formarse en aspectos relacionados co mundo educativo a diferentes niveis.
"Cada ano poñemos o corazón e a alma na organización destas xornadas porque cremos que a educación é a chave para transformar a nosa sociedade e abrir portas a un futuro máis prometedor para todas e todos. A Semana da Educación é xa un referente por un coidado programa que non só fomenta a aprendizaxe, senón que tamén promove a participación activa de toda a comunidade", salienta a alcaldesa, Sandra González.
A rexedora convida a toda a veciñanza e ás e aos profesionais da educación a asistir a este evento totalmente de balde. As persoas interesadas poden inscribirse xa en todas ou nalgunha das conferencias a través da web municipal.
'Educación ON'
O encargado de inaugurar a IX Semana da Educación de Tomiño será o mestre e escritor César Bona, que formou parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias e recibou os premios Magister de Honra pola Plataforma da Escola Pública, o Crearte do Ministerio de Cultura e a Cruz José de Calasanz, máxima distinción na educación en Aragón. O luns 5 de febreiro Bona falará sobre 'Humanizar a Educación', na que proporá facer as preguntas correctas para avanzar no ensino e na que transmitirá o compromiso social e coa natureza que defende como parte da educación integral do ser humano.
O martes 6 de febreiro tomará o relevo Javier Jurado, docente e investigador, catedrático da Historia da Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo e director do Mestrado en Creación, Interpretación e Investigación Musical. O musicólogo abordará na súa charla a importancia de 'Educar na globalidade: contribución da música á formación integral do alumnado', na que defenderá esta materia como ferramenta de fomento da aprendizaxe e o rendemento, desenvolvendo o pensamento transversal e construíndo persoas máis afectivas, ledas e prudentes.
O mércores 7 de febreiro subirase ao escenario Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, xornalista, publicista e divulgadora científica a través da súa canle de Youtube, na que conta con case 700.000 persoas subscritas. A súa charla versará sobre 'A importancia de educar no pensamento crítico dende a infancia', seguindo a liña do seu traballo de divulgación do pensamento analítico, no que tamén desmonta crenzas con vídeos entretidos, educativos e cun toque de humor. Presentadora de programas de temática científica e colaboradora de diferentes medios de comunicación, Rocío Vidal é autora tamén dos libros 'Que lle dean á ciencia' e 'Eureka'.
A novena edición da Semana da Educación 2024 baixará o pano o xoves 8 de febreiro da man de Mamen Jiménez, La Psicomami, e a súa charla 'E de onde veñen os bebés? A educación afectivo-sexual na casa, sen medos... e ata con risas'. Psicóloga, sexóloga, terapeuta de parella, ilustradora e divulgadora, no 2015 decidiu unir a súa experiencia profesional e maternal nun blog no que con ilustracións cargadas de humor e cotidianeidade fala de esas cousas que lles suceden aos pais e nais. Foi galardoada co Premio Madresfera ao Mellor Blog de Humor 2015 e as súas ilustracións e textos teñen miles de seguidores e seguidoras nas redes sociais.
|