JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Rosal continúa avanzando na recuperación do espazo público

O Concello capta 50.000 euros da Deputación de Pontevedra para a redacción de catro novos proxectos

O Concello do Rosal mantén o seu firme compromiso coa mellora e recuperación do espazo público para as persoas, "consolidando O Rosal como unha contorna accesible, amable con lugares de encontro, lecer e estancia en cada barrio e parroquia do municipio", como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Neste camiño, o Goberno municipal vén de captar 50.000 euros da Deputación de Pontevedra destinados aos concellos da Rede Ágora para a redacción de catro novos proxectos de recuperación de espazos.

O Concello obtivo máis de 17.500 euros á redacción do proxecto de recuperación da contorna da igrexa de San Bartolomeu, nas Eiras, un lugar de gran valor patrimonial, natural e paisaxístico, xa que se atopa ao carón do monte da Madalena. Con esta iniciativa remodelaranse de forma integral os espazos da contorna da igrexa, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas da zona e consolidando este espazo como lugar de estancia, lecer e convivencia. Este proxecto dá continuidade ás obras de transformación e mellora da accesibilidade da contorna da igrexa realizadas xa o pasado ano, "dando novos pasos para facer do Rosal un municipio acolledor no que a veciñanza poida atoparse, compartir experiencias e desfrutar da contorna".

Destinaranse tamén máis de 18.000 euros para a redacción do proxecto de recuperación do espazo e de mellora urbana e das redes da contorna de Fucheiros - A Lomba, que contou cun proceso participativo inicial celebrado o ano pasado para recoller as suxestións e necesidades detectadas pola veciñanza. O proxecto aborda a recuperación de dous camiños que permitirá estender o centro urbano cara a unha zona densamente poboada e atender a mellora precisa de todas as redes de subministro. A súa proximidade ao centro, a zonas de paseo como a contorna das Baladas ou cara ao CPI Manuel Suárez Marquier converten o lugar en zona de especial interese.

Cun financiamento de 11.000 euros procederase á redacción do proxecto de recuperación do espazo e mellora da calidade urbana na Praza do Calán, en San Xian. A iniciativa, que contou cun proceso participativo inicial para incorporar as ideas e suxestións dos veciños e veciñas da zona, abordará a recuperación do espazo central do núcleo de San Xian. Por outra banda, destinaranse os 8.500 euros da subvención provincial á redacción do proxecto de recuperación da contorna do Xogo en Pancenteo. O Concello tamén realizou un proceso de participación veciñal inicial para esta iniciativa que abordará a mellora de dous camiños interiores e estreitos desta parroquia e o lugar do encontro do Xogo.

"Dende o Goberno municipal seguimos traballando para a transformación integral dos nosos espazos, buscando dar sempre prioridade ás persoas, xerando lugares de calidade máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de lecer e convivencia nas que seguir desfrutando do noso concello e compartindo experiencias vitais", destaca a alcaldesa.

Concello de O Rosal


Os 'Cafés en Igualdade' percorrerán os barrios do Rosal

O Concello prepara cinco novos encontros deste programa que busca crear un espazo de reunión para familias no que abordar temas de interese

A educadora social Angelina Gándara inaugura o ano cunha charla na que desmontará os mitos románticos o xoves 25 no Restaurante As Brasas, en San Xoán de Tabagón

O Concello retoma neste novo ano os seus 'Cafés en Igualdade', que deixarán o núcleo do Calvario para percorrer durante os vindeiros cinco meses os barrios e desfrutar doutros locais de hostalaría rosaleiros. O Goberno municipal trasladará así ás diferentes parroquias este programa que busca converterse nun espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que conversar de xeito cómodo e distendido sobre temas de interese ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal.

"Queremos que todas e todos os rosaleiros poidan desfrutar desta iniciativa que non deixa de sorprendernos pola grande acollida que ten. O éxito de todas as sesións que levamos celebradas ata o de agora é o mellor exemplo do interese que teñen os nosos veciños e veciñas por dispoñer de tempo para o desenvolvemento persoal e de poder falar, compartir experiencias ou resolver dúbidas de moitos temas de actualidade", recalca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A educadora social e responsable de AGA Formación Angelina Gándara será a encargada de inaugurar esta nova etapa dos 'Cafés en Igualdade'. Tras o enorme éxito da súa charla sobre maternidade na edición de 2023, regresa o vindeiro xoves 25 de xaneiro con 'O amor romántico. Desmontando mitos'. Ás 17.30 horas no Restaurante As Brasas, en Paradela (San Xoán de Tabagón), a educadora social abordará dende un punto de vista práctico a desmitificación do amor romántico, con exemplos que axudarán a comprender todo o que se irá falando durante o encontro. Gándara amosará ao público asistente os mitos que rodean o amor romántico, como a media laranxa, a omnipotencia, a exclusividade... para saber de onde veñen e que encorsetamentos supoñen porque, como di a educadora, "só así poderemos desmontalos e ter unha visión máis libre das relacións amorosas".

Todas as sesións dos 'Cafés en Igualdade' serán de balde, os últimos xoves do mes ata maio e de 17.30 a 18.30 horas. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.

Concello de O Rosal


A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública denuncia de novo a precariedade da atención primaria no Rosal

Secunda a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o vindeiro 4 de febreiro en Santiago de Compostela

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública denuncia novamente a precariedade e as deficiencias no servizo de atención primaria do centro de saúde rosaleiro. A pesar de que hai máis dun ano que se creou a cuarta praza para persoal médico reivindicada pola plataforma, na actualidade esta praza segue sen estar cuberta, polo que continúan a ser tres as médicas coas que conta o centro de saúde. Isto provoca que deban atender a entre 40 e 5o pacientes ao día, "o que ademais de ser unha cifra inaceptable non impide que a demora para obter unha cita de atención primaria sexa agora mesmo de sete días".

Mentres, o consultorio de San Miguel permanece pechado, non se cubre a cuarta praza de facultativo/a e seguen sen cubrirse nin as baixas nin as vacacións, polo que é moi frecuente que o centro de saúde conte soamente con dous ou incluso en moitas ocasións cunha soa médica para atender a máis de 6.000 persoas.

Estas non son as únicas deficiencias que presenta o servizo, en constante e progresivo desmantelamento por parte do Sergas. A pediatra leva máis de dous meses de baixa sen que se teña cuberto a súa ausencia, polo que os nenos e nenas do Rosal teñen que ser atendidos por médicos de adultos e, de xeito esporádico, no centro de saúde da Guarda pola tarde. Por outro lado, o Sergas segue sen crear a demandada praza de enfermería de pediatría, o que non fai máis que agravar a deficiencia do servizo de atención primaria.

Por todo isto, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal secunda a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro domingo 4 de febreiro ás 12.00 horas en Santiago de Compostela para denunciar a situación límite que vive a atención primaria en Galicia.

Concello de O Rosal


O Concello axudará a optimizar e mellorar as instalacións das traídas de auga veciñais cunha subvención de 30.000€

Cun incremento do orzamento do 50%, o obxectivo é lograr un avance significativo na mellora planificada e progresiva de toda a rede de auga veciñal

O Concello do Rosal renova un ano máis a súa liña de axudas para as traídas de augas veciñais co obxectivo de mellorar as instalacións dos sistemas de captación de augas, de almacenamento e potabilización e de toda a rede de distribución. A subvención permitiu xa na última edición financiar ata o 80% do orzamento presentado, outorgando un máximo de 5.000 euros por traída.

Durante o período 2022-2023, foron cinco as comunidades de usuarios de augas veciñais as beneficiarias (San Xoán de Tabagón-As Eiras, San Xián, Marzán, Couselo e A Videira), repartíndose un total de 20.000€. As axudas materializáronse de xeito diverso, desenvolvendo diferentes actuacións segundo as necesidades de cada unha das zonas. Así, na Videira procedeuse á instalación dun sistema filtración, consistente nun filtro de cartuchos de autolimpado con nanofibras cun grao de filtración de 5 a 8 micras, polo que a maioría das partículas en suspensión quedan retiradas, mellorando o grao de turbidez da auga. Mentres, en Couselo instalouse unha máquina de cloración que permite a cloración automática da auga de subministro, sendo moito máis precisa e eliminando os inconvenientes do proceso manual.

Pola súa banda, en Marzán cambiouse a tubaxe xunto cos seus respectivos enganches ás vivendas afectadas para dar subministro de auga de consumo a varias vivendas do tramo do Camiño de Marzán, dende o cruce do Camiño da Pateira ata a subida á Praza do Xogo, dende o número 14-35 ata a Estrada de Subida de San Vicente e no tramo da Estrada de Subida a San Vicente e baixada á Praza do Xogo. En San Xián instalouse un grupo de presión co fin de abastecer a algunhas vivendas que non dispoñían de subministro de auga de consumo cunhas condicións de presión axeitas. Ademais, en San Xoán de Tabagón-As Eiras colocouse un depósito de almacenamento de auga potable co propósito de asegurar o abastecemento de auga de consumo á poboación que forma parte desta comunidade de persoas usuarias.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca "a importancia deste investimento para preservar e optimizar a xestión dun recurso tan vital como é o da auga. O noso compromiso dende o Concello é claro e así se reflexa nos orzamentos do vindeiro ano, onde se incrementou nun 50% a subvención para as traídas veciñais ata acadar o 30.000 euros para a acción planificada". Estes orzamentos, que xa se aprobaron en pleno o pasado mes de novembro, recollen un investimento de 138.000 euros para continuar impulsando non só a colaboración ordinaria senón tamén novas melloras en todo o inventariado da rede de abastecemento municipal e veciñal, as analíticas da auga e a subvención para acción planificada.

Deste xeito, a liña de axudas para acción planificada correspondente ao vindeiro 2024 está previsto que se aprobe ao longo do primeiro trimestre do ano.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais