JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A San Silvestre Solidaria de Tui reunirá este domingo a 1.200 persoas

A segunda edición da proba duplica a participación de 2022. Ao remate haberá chocolate con rosca e tomaranse as uvas ao son das badaladas

A II San Silvestre Solidaria de Tui bate récord de participación e reunirá este domingo a 1.200 persoas nunha proba de carácter festivo e solidario. Duplícase a participación rexistrada o ano pasado na primeira edición nun evento que está chamado a consolidarse no calendario anual de probas tudenses ante a gran acollida que tivo en só dúas edicións.

No Paseo da Corredoira situarase tanto a liña de saída coma a de meta tras completar un percorrido urbano de aproximadamente catro quilómetros, no que haberá variantes en función do grao de dificultade que desexen afrontar os participantes. A opción máis sinxela poderá realizarse incluso con carriños de bebé ou en cadeira de rodas xa que está pensada disfrutar en familia. Así o destaca o concelleiro de Deportes do concello de Tui, Rafael Estévez, quen amosa a súa satisfacción por esta magnífica acollida.

Dende ás 9 h e até ás 10.15 h na praza da Inmaculada poderán recollerse os dorsais da proba. Dende a organización faise un chamamento a acudir con antelación ante a elevada participación que rexistra a proba, para que a saída se poida realizar puntualmente. A proba será solidaria coa Asociación Española Contra o Cancro, para o que na praza da Inmaculada haberá un posto desta asociación no que se poderán deixar os donativos e obter información sobre o seu labor.

Ao remate da proba haberá avituallamento e chocolate con rosca no propio Paseo da Corredoira. Ás doce do mediodía tomaranse as uvas ao son das badaladas do reloxo da praza da Inmaculada, e a festa continuará coa animación musica de Dj Donper.

O Concello de Tui e o Club Atletismo Tui organizadores desta II San Silvestre agradecen a gran acollida da proba coa que se despedirá o ano en Tui con deporte e festa.

Concello Tui


Tui busca o seu escaparate de Nadal máis fermoso

Até o 9 de xaneiro está aberta a participación para votar entre os dez finalistas elixidos polo xurado

Matilde y Rosana S.L. (Abalorios Myr), Cucapuntoes, Floristería La Flor, Naldo Costas, Horta Verde, Ideas, Pinturas Damián Domínguez, Cucadas, Döce Ópticos e Joy Baby son os dez establecementos finalistas do Concurso de Escaparates de Nadal convocado polo Concello de Tui coa colaboración de ACITUI. O xurado formado por Arminda Espiño, deseñadora; Miguel Pereira, técnico de iluminación; Sara Quintana, guía turística; Hilenia Iglesias, escaparatista; Lucía Beatriz Silva, deseñadora; Verónica Gómez, organizadora de eventos e Natalia Lago, educadora ambiental, tras visitar cada un dos establecementos participantes emitiu a súa puntuación elixindo a estes dez finalistas.

Dende onte e até o 9 de xaneiro está aberta a votación para o público en xeral a través da aplicación Easy Promos. Os tres escaparates máis votados recibirán 10, 5 e 2 puntos que se sumarán aos emitidos polo xurado, e do cómputo total sairán os gañadores que serán premiados con 300 €, 200€ e 100€ euros respectivamente.

Entre todas as persoas que participen na votación sortearanse seis vales de compra por importe de 50€ para consumir nos comercios participantes. En menos de 24 horas foron emitidos xa máis de 600 votos a través da aplicación.

Este Concurso de Escaparates de Nadal forma parte da campaña de promoción do comercio local e do mercado que nestas datas realiza o Concello de Tui cos lemas "O que queres para a túa mesa de Nadal está en Tui" e "Os agasallos que queres están en Tui".

Concello Tui


A Biblioteca Municipal agasalla cunha obra de Ánxeles Ferrer aos nenos e nenas que retiren un libro en préstamo este Nadal

Nestas datas de Nadal a Biblioteca Municipal de Tui está a agasallar a todos os nenos e nenas de até 9 anos que retiren un libro en préstamo cun exemplar da obra "Tres princesas namoradas" escrita e ilustrada por Ánxeles Ferrer.

Este agasallo é posible grazas á colaboración da autora que ten doado un amplo número de exemplares desta obra á Biblioteca Municipal tudense coa finalidade de contribuír á difusión da lectura entre os seus usuarios máis novos.

Ánxeles Ferrer posúe unha longa traxectoria como autora e ilustradora de literatura infantil, cunha decena de libros escritos e ilustrados por ela e con máis de vinte obras nas que participa como ilustradora. Na actualidade está centrada na súa actividade como artesá téxtil.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, agradece este xesto da ilustradora Ánxeles Ferrer que contribúe á promoción do libro e a lectura a través da nosa biblioteca municipal.

Concello Tui


A Catedral de Tui ilumínase este Nadal coma un dos monumentos emblemáticos do Camiño de Santiago

Faino dentro do programa "Acende o Camiño" da Xunta

A fachada norte da Catedral de Santa María de Tui ilumínase dende hai uns días coa frecha amarela do Camiño de Santiago. Faino dentro da iniciativa "Acende o Camiño de Santiago" coa que a Xunta ilumina este Nadal medio cento de monumentos emblemáticos da Ruta Xacobea até o domingo 8 de xaneiro.

Este programa da continuidade á iniciativa realizada nos últimos anos como unha proposta para poñer en valor os fitos patrimoniais do Camiño de Santiago en Galicia, neste caso o Camiño Portugués, así como para promover o seu potencial turístico.

O Concello de Tui colabora con "Acende o Camiño de Santiago" facilitando a instalación dos equipos necesarios para esta proxección de luz e imaxe.

A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, agradece esta iniciativa que pon en valor á cidade de Tui e ao seu monumento máis emblemático, a Catedral de Santa María, como lugar referencial ao ser a porta de entrada dos camiños xacobeos portugueses en Galicia e a única catedral existente no Camiño Portugués, ata a súa chegada a Santiago de Compostela.

Concello Tui


A Eurocidade Tui-Valença ultima os preparativos da Cabalgata Internacional de Reis

Sairá o venres 5 de xaneiro ás 17 h dende a Estación do Tren de Valença para rematar no Paseo da Corredoira en Tui

A Eurocidade Tui-Valença ultima os preparativos para a celebración o próximo venres, 5 de xaneiro, ás 17 h da Cabalgata Internacional de Reis. Un ano máis Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán a Eurocidade cargados de ilusión nunha noite máxica.

A unha semana da celebración desta singular cabalgata de Reis, que se celebra entre dous municipios de dous países, as carrozas nas que subirán os Reis Magos están case a punto, a falta de algún pequeno detalle. Amais coordinase toda a seguridade do evento así coma o plan de tráfico que se establecerá ao longo das rúas por onde pasará a comitiva real.

Un ano máis os Reis Magos chegarán en tren até Valença, para subir logo ás súas carrozas reais coidadosamente decoradas e iluminadas, dende as que saudarán á poboación dunha e doutra beira do Miño. A vella Ponte Internacional, rúa común entre Tui e Valença, e porta de entrada a Galicia do Camiño Portugués a Santiago, será un dos puntos destacados do percorrido que rematará no Paseo da Corredoira, onde os cativos e cativas que o desexen poderán saudar persoalmente aos Reis Magos.

O Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença, encargados da organización da Cabalgata Internacional de Reis darán a coñecer o próximo martes os detalles concretos do evento, dende os horarios previstos de pase por distintos puntos, á composición da comitiva real, e outros aspectos dun evento destacado na programación da Eurocidade.

Concello Tui


O Concello de Tui está a elaborar un Plan de Xestión para o Centro Comercial Aberto

Esta actuación, realizada en colaboración con ACITUI, forma parte do proxecto de Reforma e modernización do Mercado Municipal e Dixitalización e Revitalización do Comercio Local de Tui financiado con fondos europeos

O Concello de Tui está a elaborar un Plan de Xestión para o Centro Comercial Aberto do municipio. O estudo está a ser realizado por unha consultora especializada contratada para a realización desta actuación que forma parte do proxecto de "Reforma e modernización do Mercado Municipal e Dixitalización e Revitalización do Comercio Local de Tui" financiado polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con fondos NextGeneration EU.

O obxectivo deste Plan de Xestión é apoiar á Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, na xestión e posta en marcha dun Plan de Actuación para os próximos anos. É por iso que o traballo se está a realizar en colaboración coa xunta directiva de ACITUI. Nas reunións celebradas abordaron xa a xestión profesional da organización, o deseño de estratexias para a mellora e promoción do sector comercial, o financiamento da asociación e a colaboración institucional.

Este documento incluirá os aspectos que inciden na xestión do Centro Comercial Aberto de Tui a través do que se promove o comercio de proximidade coa colaboración público-privada que garanta os recursos, o seguimento e gobernanza do Plan. Así o Plan recollerá o marco de actuación e normativo dos Centros Comerciais Abertos, os antecedentes, situación actual, diagnose e recomendacións de actuacións no caso de Tui. Outros aspectos que contemplará será unha proposta de actuación para a consecución dos obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os ODS. Por último plantexará un sistema de xestión do Plan e un sistema de gobernanza para o Centro Comercial Aberto de Tui.

Unha vez completada a redacción deste Plan en 2024 iniciarase unha segunda liña que terá por obxectivo dar asistencia técnica ao Centro Comercial Aberto e que se traducirá en levar á práctica o contido deste documento apoiando ao comercio da cidade para impulsar a súa actividade comercial.

Concello Tui


Mercado de Nadal, inchables, música e deporte para despedir o ano en Tui

A decoración de Nadal e as exposicións completan a oferta de lecer

Tui afronta a derradeira semana do ano 2023 con variedade de actividades vinculadas ás datas de Nadal.

No Paseo da Corredoira continúa até o próximo 5 de xaneiro o Mercado de Nadal. Onte comezou a terceira quenda de expositores na que participan dezasete postos.

Así Uxia Castro presenta billeteiras, bolsos, mochilas, alpargatas… Las Nubes Detalles bolas de Nadal personalizadas e decoración infantil realizada en madeira; Delicias y Ledicias ofrece creps e viño quente, e Jesús Cesteiro achega cestos e outros produtos artesanais feitos con mimbre. Está tamén presente no Mercado de Nadal Mar Jewelrin con pezas únicas realizadas con resina e flores naturais encapsuladas, recollidas e prensadas a man, e a Asociación El Nor con sobremesas con pastas elaboradas artesanalmente e dátiles, entre outros produtos. O posto de Lulinto ofrece peluches, gorros, monedeiros, produtos para bebé confeccionados con gancho; El Rincón de Juliet produtos realizados con arcilla polimérica feitos a man coma pendentes, colgantes, broches, aneis…e Ilumina con Encanto propostas de iluminación, resinas e cera;

No Mercado de Nadal podemos atopar tamén mel, própolis, hidromel, licores de mel, cosmética apícola, xabóns de cera de abella… no posto de ApiGuez; mentres que produtos elaborados con coiro, hamabeats e madeira están presentes no posto de Galicuero; xoiaría con prata, cobre con esmaltes a lume ou roupa de bebé pintada a man son as creacións que Como pez en el Auga presenta estes días en Tui.

A Asociación Protectora de Animais Aloia continúa no Mercado de Nadal con distintos produtos e artigos de segunda man. Tamén segue o posto do Club de Patinaxe Artístico Ribex con plantas de Pascua, gofres, creps, e doces de Nadal, a foodtruck Ruta 82 con hamburguesas, a Chocolatería Patry con churros e o posto do grupo Scouts Alhoia con refrescos e produtos de Nadal.

O mercado abre hoxe mércores e mañá xoves de 17 a 21h. O venres o seu horario será de 17 a 23 h, o sábado de 12 a 14h e de 17 a 23 h e o domingo 31 de 12 a 14 h. O luns 1 de xaneiro estará pechado. Volverá a abrir o martes 2, mércores 3, xoves 4 e venres 5 de 17 a 21 h.

Amais o sábado o Mercado de Nadal celebrara unha festa de Pre-Fin de Ano coas actuacións do dúo Kedirán ás 19 h, e do grupo La Timba Mullallo ás 21 h.

Amais a carpa da Corredoira acolle cada tarde a partir das 17 h inchables para nenos e nenas, que poderán amais saudar a distintos personaxes de deseños animados.

Cómpre lembrar amais que mañá xoves ás 22 h remata o prazo de inscrición para a II San Silvestre Solidaria que se vai celebrar este domingo, 31 de decembro, ás 10.30 h no Paseo da Corredoira. Este evento deportivo e festivo é solidario coa Asociación Española contra o Cancro. Ao remate da carreira/andaina haberá chocolate con rosca, e ás 12 h ao son do reloxo da praza da Inmaculada comeranse ás doce uvas. A inscrición pode realizarse en https://clubatletismotui.wordpress.com/san-silvestre/.

Estes días en Tui pódese visitar a decoración de Nadal nas distintas rúas e prazas, así coma no edificio Francisco Sánchez as exposicións "Berces da Vida. De paseo polos bosques de España" e "Re-construíndo soños con ladrillos e maquetas de Tui" de Luis Arias da Asociación "Exin Castillos y West". Amais na Sala Municipal de Exposición continúa o Mercado Solidario de Libros no que a cambio dun lote de produtos de Nadal pódese elixir entre o millar de títulos ofertados de diversa temática.

Deste xeito continúa nesta derradeira semana do ano a programación Tui, o Camiño do Nadal.

Concello Tui


Máis de 200 nenos e nenas participan nos Obradoiros de Nadal da Biblioteca

Celebraranse esta semana e a próxima. As prazas están xa completas

Esta mañá comezaron os obradoiros infantís de Nadal que promove a Biblioteca Municipal de Tui e nos que van participar ao longo desta semana e a próxima 210 rapaces e rapazas tudenses. As prazas están xa cubertas para todos os días nesta iniciativa que ofrecen actividades de lecer polas mañás durante as vacacións escolares de Nadal.

Os nenos e nenas do primeiro obradoiro realizado esta mañá co título "Adornando o Nadal" realizaron esta mañá con material decoración para estas festas con distinto material.

Mañá mércores terá lugar o obradoiro "Os elfos fabrican xogos", o xoves "Facendo inocentadas" e o venres "Crea a túa marioneta". A próxima semana o martes 2 terá lugar o obradoiro "Voando coa papirofrexia", o mércores 3 de xaneiro "Xogando xuntos" e o xoves 4 de xaneiro "A maxia do Nadal e Reis.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que a oferta destas actividades de animación para os máis cativos procura una alternativa de ocio e aprendizaxe de habilidades relacionada co lecer e a diversión, ao tempo que ofrece á familias unha alternativa que axude na necesaria conciliación nestas datas do Nadal.

Paralelamente, a Biblioteca Municipal ofrece dúas exposicións: "Berces de vida: de paseo polos bosques de España" promovida pola Afundación, Obra Social de Abanca, que mostra 26 fotografías, de distintos autores, nas que se plasma a biodiversidade das fragas e bosques de España. Tamén ata o 5 de xaneiro está aberta a exposición "Re-construíndo soños con ladrillos" unha mostra de maquetas e construción infantís realizadas por Luis Arias Rodríguez, veciño de Tui e membro da Asociación Exin Castillos y West.

Cómpre lembrar tamén o Mercadiño solidario de libros con preto dun milleiro de libros, escollidos entre os destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aquelas persoas lectoras interesados poidan recoller as obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais