A campaña "Nadal + Nadal" do Concello de Tomiño impulsa o comercio local
Premiáronse aos establecementos con 1.500 euros e repartíronse vales de compra por un total de 3.000 euros
A Campaña "Nadal + Nadal", organizada polo Concello de Tomiño co obxectivo de fortalecer e impulsar o comercio local, concluíu con éxito unha nova edición neste 2023.
Este ano, foron 34 as persoas que resultaron premiados con vales de compra que oscilan entre os 40 e os 150 euros. Ditos vales poderán ser canxeados nos diversos comercios de Tomiño, buscando así proporcionar un estímulo adicional para realizar compras nos negocios da localidade.
Ademais de incentivar as compras de Nadal, a campaña tamén buscou animar aos propios comerciantes a decorar os seus establecementos para estas datas festivas. Neste contexto, lanzouse o concurso "Ruta Nadal + Nadal", que premiou a diferentes escaparates e comercios por un valor total de 1.500 euros, concedéndoselle 500 euros aos prrmiados no primeiro posto e 250 euros aos que obtiveron o segundo. Na categoría de mellor local, o primeiro premio foi para Reina Caracola e o segundo para Joyería Pazo; pola súa banda, os agraciados na modalidade a mellor escaparate foron Celdis Estipel e Limón y Fresa. Dende o Concello, quere facerse un agradecemento especial para Celdis Estipel, establecemento gañador do primeiro premio que donou o importe do mesmo para seguir sorteando máis vales de compra entre os clientes.
O correspondente sorteo para coñecer a todos os afortunados realizouse o pasado mércores, 27 de decembro, no Salón de Plenos municipal, da man dun xurado composto por dous representantes de Adeto, un representante do Concello e dúas artistas locais. Todos eles destacaron o alto nivel dos participantes e amosaron o seu agradecemento pola adicación e traballo realizados.
A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, tamén quixo expresar a súa satisfacción polo éxito da campaña, destacando a importancia de apoiar ao comercio local e fomentando así un ambiente máis festivo nas rúas de Tomiño. "Esta iniciativa non só fortalece á economía local, senón que da renda solta á creatividade e impulsa os lazos de comunidade entre a veciñanza e os comerciantes. Dende o Concello seguiremos apostando polo comercio local, xa que é unha parte indispensable para o desenvolvemento de Tomiño".
O Concello de Tomiño expresa a súa profunda preocupación pola crítica situación da atención primaria no municipio
Nestes momentos só hai dous médicos para os máis de 14.000 habitantes do municipio
O Concello de Tomiño manifesta a súa seria inquedanza ante a precaria situación que atravesa a atención primaria e o centro de saúde da localidade. Neste momento crítico, hai tan só dous médicos dispoñibles para atender a unha poboación de máis de 14.000 habitantes, cando a plantilla debería ser de oito profesionais.
A escasa dotación de recursos médicos e de persoal está a resultar nunha atención insuficiente e nun colapso evidente do sistema de saúde local. A situación agrávase co peche do consultorio de Goián, sobre o que non hai unha previsión de apertura clara. O local está dispoñible dende abril e o Concello segue asumindo os costes do alquiler -630€/mes- a pesar do seu continuo peche.
A preocupación do Concello tamén se reflicte na incapacidade para xestionar citas médicas, pois nestes momentos as listas permanecen pechadas ata febreiro, o que implica unha demora inaceptable na atención ás necesidades de saúde da veciñanza e un paso máis na precarización da sanidade pública.
A pesar dos continuos esforzos por parte do Concello aínda non se logrou avanzar nunha maior dotación de médicos. O Concello de Tomiño insta á Xunta de Galicia a priorizar e buscar solucións urxentes, asignando os recursos necesarios para garantir un servizo de saúde digno e de calidade. Ademais, o goberno municipal segue reafirmando o seu compromiso en traballar incansablemente a prol da sanidade pública.
Os veciños de Forcadela xa desfrutan da súa nova senda peonil
O proxecto permitiu conectar a Casa dos Mestres co CRA Mestre Manuel Garcés
O Concello de Tomiño ven de estrear a semana pasada unha nova senda peonil ao seu paso pola parroquia de Forcadela. Un proxecto que foi demandado pola veciñanza no Concello Escoita e que resultou da colaboración conxunta entre a institución municipal e a Xunta de Galicia.
Dende o Concello invertiuse un total de 48.000 euros para a creación do novo itinerario, buscando non só responder a unha demanda da veciñanza senón permitindo tamén unha mellora significativa da súa seguridade e mobilidade. A senda, cunha extensión de 1.5 kilómetros, conecta diversos puntos de interese do pobo, dende a Casa dos Mestres ata as escolas do CRA Mestre Manuel Garcés.
Ademais, o convenio asinado coa Xunta de Galicia tamén supón o cambio de titularidade da estrada, que agora pasa a ser de responsabilidade e xestión municipal no devandito tramo da estrada PO.195 -kilómetros 0.020 a 1.530-.
A alcaldesa, Sandra González, acompañada dos concelleiros, Cristina Martínez e Agustín González, visitaron o lugar xunto con algúns representantes da Asociación de Veciños, destacando que "esta nova senda supón unha mellora significativa para Forcadela, creando un entorno máis seguro e accesible para todas e todos. Ademáis, temos que agradecer o apoio e colaboración continua da veciñanza para sacar adiante este proxecto".
Aproveitando as datas festivas, ao encontro tamén se sumou Papa Noel, brindando un toque festivo á visita e achegándose a falar con todos os alí presentes.
Tomiño prepárase para celebrar unha nova edición da súa Gala do Deporte
Ata o 10 de Xaneiro pódense enviar candidaturas ao mail galatomino@gmail.com
A Concellería de Deportes do Concello de Tomiño inicia os preparativos para outra nova edición da súa Gala do Deporte, que se celebrará o vindeiro 3 de febreiro de 2024. Este evento, que busca resaltar os logros e méritos deportivos locais, está destinado a recoñecer o esforzo e adicación dos deportistas do municipio.
Buscando garantir unha maior e diversa representación tanto de deportistas individuais como de clubes, dende o Concello anímase a enviar un correo electrónico á dirección galatomino@gmail.com antes do 10 de xaneiro, incluíndo información detallada sobre os méritos acadados por todas aquelas persoas que consideren poidan ser candidatas aos respectivos galardóns.
É imperativo que os participantes estén empadroados en Tomiño e que os seus méritos deportivos fosen acadados ao longo do último ano, dende a anterior edición da Gala. Aquelas persoas que formen parte dalgún clube, prégaselle que consulten co mesmo antes de enviar a súa nominación, xa que algunhas entidades realizan o proceso de presentación das candidaturas no seu nome de maneira previa.
|